10 revelacións musicais cheirer de 2022

O 2022 deixa unha recua ben cargada de música. Revelamos aquí o que máis nos sorprendeu, abraiou, flipou, na música neste ano que remata.

Remata o 2022 e sobre a bucina, pero tan arroutos como sempre, conseguimos traer unha listaxe nova de revelacións musicais, mantendo viva unha das tradicións cheirer máis sagradas. Un ano máis, reunimos unha lista dalgunhas das sorpresas musicais que levou a xente que colabora, participa, conspira e artella este noso amado medio, xa totalmente multiplataforma. A lista deste 2022 (como todos os anos), trae a variedade por bandeira. Viaxamos desde Galiza para rincóns afastados, do hardcore ao pop, da bachata ata o post-punk. Agarrádevos que imos.

 

Jessie Reyez

Yessie (2022)

Revelación de Laura Lamier

Hai tempo xa que non vou por Galicia, cando vou paso pouco tempo, así que boto de menos o país e os meus amigos alá. Guillermo ten o bo corazón de seguir pedíndome que faga cada ano a revelación musical, algo que fago con gusto por sentir que aínda participo de cousas que se fan alá aínda que sexa un chisco.

Tirando desta idea, e xa que este ano non escribín outras cousas, aproveito para repensar un pouco o concepto “revelación”, que sei que aquí ten o sentido de sorpresa, de algo que non esperabamos que nos gustase. Pero tamén revelación pode ser a verdade que aprendemos, que nos é outorgada. Esa sensación de aprendizaxe, de segredo que me contan, téñoa eu escoitando a Jessie Reyez.

>O rap agresivo de Jessie, cando quero algo agresivo, é como unha furia lexítima que me agasallo, que me conta cousas que sospeitaba pero ás que non lle puña palabras. Unha experiencia de revelación pura. Adoita gustarme música máis relaxada, que acho atopa o seu sentido na dor, ou nunha idea introspectiva. Algo diso tamén hai na música de Jessie Reyez, pero sobre todo,o que a min máis me presta é que esa tristura non se queda caladiña ou intenta transmutar en lírica, senón que vira odio, e carraxe, e unha chamada a acción en forma de beleza.

Como pode desexar a morte de alguén que lle fixo moito dano, e que eu sinta que ten toda a razón, cando nunca sentín ese odio cego? Non sei, unha revelación, supoño.

 

Ollo, Lóstrego!

Hábitat (2022)

Revelación de Dario MJ

Os que me coñecen saben que ultimamente teño unha debilidade polo post-rock/hardcore e o midwest emo. Botaba de menos un proxecto en galego actual que trouxese aquí estes estilos. E iso é o que fai Ollo, Lóstrego! neste EP moi coidado. Letras tristes e existencia, coros que se unen con guitarras atmosféricas que non dubidan en dar caña cando é preciso.

A primeira vez que escoitei o EP sorprendeume a gran calidade da gravación, a construción tan boa das atmosferas e o coidado que desprende cada un dos temas. Sen dúbida algunha os vigueses déixannos con gañas de máis.

 

Los Hermanos Cubero

Quique dibuja la tristeza (2018)

Revelación de Rubén Amado

No episodio 32 do Tigre do Futuro, Silvia contounos na sección Cousas de vellas a historia da canción “A virxe de Portovello”, das Tanxugueiras con Rozalén. Todas nos estremecemos ao sentir a Rosa de Moscoso, aristócrata da cantiga, cantar a versión que tomaron por referencia Sabela, Olaia e Aida; e poucas fomos as que puidemos conter as lágrimas ao escoitar a Rosa contar a súa desgraza: “Foi coma un barco que chega ao medio do mar e se atopa sen remos”. Rosa perdeu o seu home no mar, e no canto da Virxe atopaba a pena, mais tamén o consolo no coral. O alivio consciente ou inconsciente de que non somos os máis desgraciados do mundo, de que alguén xa sufriu o mesmo antes ca nós e a canción que fixo ordena hoxe os nosos sentimentos para axudarnos a levalos.

A canción popular ten esta función catártica de diluír na comunidade o sufrimento individual, repartir a pena e acompañar na soidade. Por iso son cancións tan tristes, de dor, de traballo, de amores.

Los Hermanos Cubero son castellanos de raíz. Desde 2010 levan facendo ruído cun proxecto de guitarra e bandurria, mesturando os sons do country estadounidense coa xota castelá, os romances de vello, as cancións de arrieiro… Así contada parece unha mestura rara, mais a nada que escoitas entendes a coherencia da proposta: a xota, os romances, as cancións… son o country castelán. Os temas que tratan son os mesmos que os da canción tradicional. Mellor dito, son os temas que trataría a canción tradicional se hoxe seguise facéndose de maneira natural, non como reprodución museística. Esta foi a miña grande revelación do 2022: unha raíz aínda verde.

O disco que vos recomendo é “Quique dibuja la tristeza”. É un disco escrito por Quique, o cantante de Los Hermanos Cubero, despois de finar a súa muller. É un disco que non ía ver a luz, mais o outro integrante do grupo conseguiu convencer o seu irmán para dar as cancións ao mundo. O disco trata o dó dunha maneira moi persoal, como é natural debido á súa xénese. Quique fala para a súa muller e cóntalle: “Hoy en el colegio dibujaron la tristeza y nuestra hija te ha pintado a ti”. Nós só escoitamos, coma se Quique sentara con nós a contarnos as súas dores, e recreamos a comuñón das veciñas, dos compañeiros de traballo, que tecían comunidade coas súas penas. Comuñón que hoxe que o mundo é outro botamos de menos, e da que naceron moitas das cancións tradicionais.

Polo que a min me consta, igual que a Virxe de Portovello axudou a Rosa a por orde no seu dó, o disco “Quique dibuja la tristeza” tamén axudou a unha persoa que coñezo a transitar unha experiencia parecida á de Quique. A canción cumpriu a súa función.

 

Arredores

Revelación de Silvia Rodríguez

Arredor da poesía atopei a Arredores. Era o 12 de maio e, cun libriño de poemas baixo o brazo, fun ao acto de celebración das Letras Galegas da UDC para recitar e escoitar os versos de Florencio. Os sons do acordeón e a pandeireta puxeron a banda sonora á transición entre os versos aprendidos na nenez en Córgomo e as coplas bergantiñanas que me ensinaron, xa de adulta, na Coruña. Non sabía nin que ía a un concerto e acabei cantando, bailando e aplaudindo como a máis groupie. Ata lle fun dar os parabéns á mai da cantante!

Isto é o que fan os rapaces de Arredores. Icía, Andrés, Brian e Lucas recollen pezas tradicionais dos lugares nos que creceron, nos seus arredores, e adáptanas para o desfrute de todos os públicos. Dende a cativada ás máis veteranas do lugar poden gozar de temas cheos de enerxía, dunha mestura de estilos musicais moi distintos, aos que os Arredores aportan un nexo común: a raíz. De momento, non hai aínda disco e só temos algúns temas dos que desfrutar en Youtube e Spotify. Só un pequeno aperitivo do que se pode escoitar nos seus concertos. Só a punta do iceberg do que, de seguro, nos regalarán no futuro. Arredores son talento, terra e agarimo. E queremos moito máis diso en 2023!

 

Róisín Murphy

Rickie Lee Jones (2021)

Revelación de Philip Webb

Grazas ao Spotify Envolto, sei que eu son a persoa que máis escoitou a The Shamen no 2022. Non é broma. Non hai unha soa persoa en todo o planeta que os escoitase máis ca min. Estamos falando dun grupo que sacou seis ou sete temas que foron top-ten no Reino Unido entre 1991-1995. É dicir, The Shamen son un grupo de verdade, con caché, e agora resulta que eu son a máxima autoridade en cuestións xamánicas. Así pois, a miña revelación musical para este ano é Crooked Machine (2021) de Róisín Murphy.

Edit: Vale, está ben. Elaborei unha liña temporal esquemática para explicar como cheguei a isto:

FEBREIRO 2022. Philip escoita a Crooked Machine. Encétase a súa fase de escoitar exclusivamente a música ambient house.

MARZO 2022. Philip lembra que o rap psicoactivo de Ebeneezer Goode mola mazo, polo cal procede a percorrer a discografía completa de The Shamen un número de Graham de veces.

OUTUBRO 2022. Tras meses de velo aparecer nas recomendacións de YouTube mentres poñía aqueles discos de The Shamen que non están en Spotify, Philip dálle unha oportunidade ao Adventures Beyond the Ultraworld (1991) de The Orb. Este disco tamén gusta. O seu primeiro tema emprega un sampling dunha entrevista gravada coa cantautora Rickie Lee Jones.

DECEMBRO 2022. Philip descarga o disco Rickie Lee Jones (1979). Gústalle. É algo así como Stevie Nicks mesturada cun toque de Stevie Wonder. Philip xamais volverá probar a música ambient house. Ciclo pechado. Para as revelacións musicais de 2023, Guillermo pode copiar e pegar este texto, mudando apenas o seu título: Crooked Machine trocarase por Rickie Lee Jones.

 

Antía Muíño

Carta Aberta (2022)

Revelación de Guillermo Rodicio

Hai unha trampa sutil no talento. Demostrar capacidade eleva as expectativas, pon sobre a mesa razóns para esperar algo excelente, mais tamén alimenta a envexa dos que observan, que morbosamente moitas veces agardan a que a persoa talentosa se esnafre, como unha hybris por ser escollido polos deuses. Que Antía Muíño ten talento resultaba evidente xa cando publicaba os vídeos curtos tocando a guitarra no Instagram, ou os primeiros clips de Youtube onde ela soa cun micro aparecía como quen pide permiso para saír. Xa daquelas demostraba ter un dominio técnico sobrado dos seus dous instrumentos principais, a guitarra e a voz, e na composición e os recursos contaba cunha gran variedade de referentes cos que xogar, de jazz, bossa nova, tradi galego e cantautoras sudamericanas.

Cheirando isto, e na procura de adiantarse aos acontecementos, desde AQCHP falamos con Antía no Twitch xa por maio do 2021. Naquela altura, confiabamos en que o ía petar, mais estaba a sospeita desa trampa sutil do talento. Quizais non era quen de sintetizar os seus coñecementos, quizais acababa cun disco demasiado cerebral, quizais tanto picotear acaba esfarelando o proxecto antes de comezar.

Carta aberta saíu neste 2022 e acabaron todas as dúbidas. O disco ten todo o que prometían os adiantos de Antía, ese comezo co saxo jazzy para unha copla galega tradicional en Canta miña compañeira, ataca de fronte. A voz de Antía percorre polo disco rexistros do grave ao lixeiro, do sutil minimalista ao disonante ata algún tema case de pop. Saca do arsenal estilos e linguas, non se garda nada, non deixa promesa sen cumprir. Sendo como era un dos discos que eu máis esperaba de 2022, parece un pouco raro poñela de revelación. Con todo, nunca é doado corresponder ás expectativas e Carta aberta é deses discos que deslumbra aos incrédulos. Normal que a poñan en Times Square, por se alguén aínda non a coñece.

 

Nick Cave

Así en xeral (carreira de décadas, ídolo)

Revelación de Diego C. Val

Nick Cave era unha desas moitas contas que aínda teño pendentes. Dei por primeira vez con el hai anos nun dos filmes que compoñen a saga do coñecido mago adolescente apapahostiado, mais aí o deixara até que, na serie favorita dos barbeiros old school, xurdiu cal predicador de sentenzas lapidarias ao se arremuiñar a tormenta ás portas do xuízo. Por fortuna este verán puiden acudir a un dos seus sermóns en Lisboa e confeso ser desde aquela un acólito.

A atmosfera a o envolver enriba do escenario, a intensidade no tratamento de temas como o amor, a morte, a fe, a violencia ou o perdón, e o porte, sobre todo o porte, permítenlle facer gala dun directo potentísimo e propagar unha éxtase que se converte nunha verdadeira cidade de refuxio de rock, blues e soul para a audiencia. Despois daquel día non podo deixar de querer estar en primeira fila e telo en fronte para que cante sen me mirar, co seu ollar a percorrer a multitude, mentres a suor da súa fronte me molla os brazos que o sosteñen ao se inclinar cara a diante. Send that stuff down on me.

 

Viva Belgrado

Bellavista (2020)

Revelación de Adrián G.

Non me gustan os artigos musicais que se centran no xornalista, desviando a atención do verdadeiramente importante, o traballo artístico da banda. Pero como a recomendación é miña e non son xornalista, voume dar o gusto de, por unha vez, xogar na equipa contraria cunha crónica sentimental do Bellavista de Viva Belgrado (2021).

Teño que recoñecer que cheguei a eles mal e tarde. Recomendoumos o meu bo amigo O. durante o confinamento. Si, cumpría a condición de ser post-algo e a música estaba moi ben. Pero nas primeiras escoitas non acababa de atraparme a voz de Cándidonin. Mais paseniñamente as letras foron medrando en min. Con cada escoita fun descubrindo as capas da angustia vital e xeracional que transmite o grupo. Para mostra, unha estrofa de Vicios:

“Porque ya nada me interesa, nada me impresiona

Ya no encuentro droga que pueda salvarme

Porque no es lo mismo si no las tomas conmigo

Si supiéramos cuidarnos un poco mejor

Cómo agarrar la poca luz que queda en mí

Si ya nada me interesa y hago daño a quien más necesito

¿No era que había un podio reluciente para el ganador?”

Ao final caín da burra e Bellavista converteuse na banda sonora da desescalada e deste primeiro verán post-pandemia, no que percorrín Galiza e Asturias coas ventás do coche baixadas, cantando Lindavista a pleno pulmón. Como colofón tivemos a sorte de ver o bolazo que deron no Loro Facu de Miño. Teño algunha lagoa daquela noite, pero creo nalgún momento lle peguei unha cotenada a O. e díxenlle: “Joder, neno.  Tiñas razón. Si que me ían gustar”.

 

Turnstile

Glow on (2022)

Revelación de Brais Capelán

Xaneiro de 2022. Miña irmá dime que vai de viaxe a Leeds a un concerto “da mellor banda de hardcore actual”. Dime o nome do grupo, pero non o interiorizo. Vexo as súas ‘stories’ no Insta, pero non asimilo as cancións. Volve, lévame no seu coche e a música que soa de fondo chámame a atención. Son Turnstile, a banda que fora a ver a Inglaterra.

Decembro de 2022. O Spotify avísame de que as miñas cinco cancións máis escoitadas do ano son do mesmo álbum: ‘Glow on’, de Turnstile. Antes, en agosto, puiden velos en directo no Paredes de Coura, coincidindo no ‘pogo’ con outro colaborador desta revista.

Despois desta turra, que podo contarvos de Turnstile? O primeiro, direi que non é unha banda de hardcore. Polo menos non é a típica banda de hardcore desde hai uns anos. ‘Glow on’ amosou que son moito máis. Unha mestura de xéneros na que non se desbota o pop ou a electrónica. Quen sabe cal será o seguinte paso dos de Baltimore, pero o que está claro é Turnstile son historia do hardcore.

 

O xénero do ano para a cheirada:

A bachata

Por Rubén Amado

Un, dos, tres y… Empeza a güira a ts ts ts ts e a tambora a tactac tac tac, tactac tac tac mentiras a guitarra marca o contratempo. O novato conta os pasos un, dous, tres, tacón, un, dous, tres, tacón. O baila vai collendo soltura e os corpos vanse pegando. Un cantante fala dun amor turbio, dunha nostalxia que roza o cursi, dun querer pegañento, mais non é difícil estar feliz aí. A bachata foi a grande revelación do 2022.

Esta filla dominicana do bolero e dos locais que pechan tarde, levada ata Fukuoka por Juan Luís Guerra, viviu no ano que pecha unha segunda xuventude. A finais de 2021, aí por outubro, comezaba a facerse familiar con “Ateo” de C Tangana. “LA FAMA”, a proposta minimalista de Rosalía con The Weeknd confirmaba que íamos ter bachata abonda todo o ano 2022, e así foi. Rosalía repetiu no xénero da man de Romeo Santos, autoproclamado Rey de la Bachata. Este último sacou este ano o Volume 3 do seu disco Fórmula, no que ademais de meter á Motomami, tamén contou con Justin Timberlake. Outro grande da bachata dos 2000, Prince Royce, tamén anda sacando sinxelos e remixes, buscando non perder a vaga. Shakira, Becky G, Camilo… Ninguén quedou sen facer bachata este ano. Manuel Turizo certificou a vaga sacando polo verán o tema chamado, simplemente, “La bachata”, que durante varios meses disputou o posto número 1 do Top 50 España con “Despechá” e a sesión de Quevedo con Bizarrap. Á hora na que escribo este texto, a de Turizo é a única que se mantén no top 3.

O panorama galego tamén estivo aí, aínda que de forma modesta e sen continuidade, da man de Berto, o artista anteriormente coñecido como Verto. Berto e Marinha sacaban alá por febreiro o tema “A alma”, bachata lo-fi cun elegantísimo vídeo da manufactura de Alba Domínguez.

Por que volveu a bachata? Será por nostalxia dos primeiros anos dez, cando o primeiro boom de Royce e Santos? Será que no primeiro verán sen contar casos e índices de contaxio o corpo pedía bailar pegados? Sexa polo que for, paréceme ben.

 

 

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí