16 revelacións musicais cheirer de 2021

Revelacións cheirer do 2021? Dáme 16! O consello cheirer reuniuse a deliberar e trae luz e música para todas un ano máis.

Pasou un ano máis e claro que iamos traer unha listaxe nova de revelacións musicais, honrado as tradicións cheirer máis sagradas. Que mellor que reunir a todas as que durante o ano quixeron acercarse a A que cheira, papá? e entre todas montar unha lista do que máis nos fixo vibrar nos últimos 12 meses? Preparade as orellas porque este ano, (como todos os anos), a recompilación trae a variedade por bandeira: estilos, actitudes, linguas, orixes e cores. O 2021 foi un ano complicado por razóns evidentes pero tamén un ano de renacemento en máis dun sentido. Así son tamén as historias que van ligadas a todas estas músicas.

16 revelacións musicais cheirer de 2021

 

Triángulo de Amor Bizarro

Detrás del Espejo: Variaciones y Ecos (2021)

Revelación de Violeta Pérez

Ai, 2021. O ano do DESTAPE, o ano da decepción. O ano en que aprendemos que non aprendéramos nada. Centos de horas de facer pan caseiro, ler e calcetar para, en canto abriron a veda, acabar mercando sándwiches de plástico no supermercado e camisetas de petróleo no Primark.

[Escravo do século vinte e un]

Eu centrareime na parte do destape. Neses meses en que fomos adolestrintas, voltando a vivir de noite e a respirar o sobaco alleo.

Coñecéndome, probablemente agardabades que falase de Arlo Parks, de KennyHoopla ou mesmo de Baby Queen, mais eu precisaba dun descubrimento musical que reflectise o que foi 2021. Este ano non consistiu en ser unha nova e mellor persoa, senón en volver ser quen eras hai unha década cun corpo dez anos máis vello.

[Benvido aos corenta, deixa de chorar]

Moitas de vós asociaredes a Triángulo de Amor Bizarro con noites de ledicia bailonga e sensación de Que Ben o Pasei Hoxe e Que Novas Somos, e supoño que ese é o sabor de 2021 na miña experiencia. Despois de meses de adultez obrigada, de acougar porque non había elección, voltou ese sentimento de xoves universitario e vida frenética.

[Cuando te vas a los bares y

Te olvidas de que existe algo más]

E agora que comezamos a perder esa liberdade, que volve o medo, que hai que acougar porque non queda outra, pode que nos decatemos de que hai algo no medio dos dous polos que permite soster a vida sen renunciar á ilusión de Que Cousas Deparará a Noite.

Entre Triángulo de Amor Bizarro (2020) e No Eres Tú (2021), está o meu descubrimento Detrás del Espejo: Variaciones y Ecos, que na miña opinión simboliza ese punto medio perfecto entre o frenesí e o aburrimento.

[Nuevos trajes para el nuevo mundo]

Coido que xa vai sendo hora de que teñamos novos traxes para a nova normalidade. Feliz 2022 a todas 😉

 

Maria Peszek

Ave María (2021)

Revelación de Philip Webb

“Ave María, ¿cuándo serás mía?” canta Maria Peszek (Wrocław, 1973) na súa selección de éxitos de David Bisbal adaptados á realidade socio-cultural polaca, “Si fueras Viena, contra las huestes otomanas yo te defendería.” Síntoo, é mentira. Un disco tan guai como ese non podería existir nesta liña temporal. Afortunadamente, o Ave Maria que realmente existe tamén exhibe unhas cotas elevadas de guaísmo. Ou, para citar David Bisbal por motivos xa moi pouco xustificables, “Al mismo cielo yo [o disco Ave Maria (2021) de Maria Peszek] te llevaría”. Claro, aí temos o problema. Ti aínda estás pensando en Bisbal. Eu podería dicirvos que neste álbum Peszek eviscera toda a caste de paletos ultracatólicos asasinos de inmigrantes e encubridores de pedófilos ensotanados que actualmente goberna o seu país, e que iso debe ser unha boa catarse para moita xente porque Ave Maria chegou a encabezar a lista de discos máis vendidos en Polonia, e que merece a pena escoitalo aínda sen entenderes as letras porque así podes facer coma min e presumir de cosmopolita, aínda que hei de dicir que Nic o Polsce é a primeira canción en polaco que entendín máis ou menos sen ter que recorrer ao dicionario, e que estou bastante orgulloso dese logro, pero a verdade é que todo aquilo dá igual porque agora o que tes metido na cabeza é a idea dun disco de éxitos de Bisbal adaptados á realidade socio-cultural polaca, e non vas atopar nada que te satisfaga musicalmente mentres tal disco non exista. Síntoo, síntoo de verdade. De feito: “Quiero pedirte perdón, pedirte perdón, me duele tanto recordar las guerras de Władysław II contra el teutón”.

 

crnds

CERNADAS (2021)

Revelación de Sara García

Se 2020 foi o ano da explosión da música urbana galega, do 2021 poderíamos dicir o mesmo para as renovadoras da nosa música tradicional.

É innegable que a escena musical galega vive un momento de esplendor, no que moitas artistas están a rachar barreiras entre xéneros e mesmo tamén o telón de grelos, xirando por todo o Estado e aparecendo nas grandes listas de éxitos nacionais. Como cantaron os Verto, nos 70 O Tren estaba no Top 1 nacional, e no 2021 atopamos cancións de Ortiga, Baiuca ou Grande Amore entre as mellores do ano para revistas de referencia como Rockdelux. Por non falar do fenómeno Tanxugueiras, batendo récords en plataformas dixitais, superando cancións de recoñecidas artistas internacionais e só por debaixo do mítico All I want for Christmas is you de Mariah Carey.

Mais dentro deste ano dourado para a música galega e en galego, como xa dixeron as compañeiras de VINTE, houbo unha pequena grande revolución que destacou entre todas: a dunha escena musical influenciada polo seu folclore. Proxectos como Moura, Peña, Momboi, MounQup ou mesmo BFlecha, aínda que en diferentes graos, atoparon nos seus últimos lanzamentos un vínculo coa tradición.

Un dos últimos e mellores exemplos desta fornada musical foi crnds, cuxo primeiro disco CERNADAS se converteu nun novo fito dentro da fusión electro-folk ou folktrónica que abandeira desde hai un par de anos Baiuca, pero levándoa a outra dimensión. Unha máis escura e espectral, mestura orgánica de melodías electrónicas que lembran a artistas como Oneohtrix Point Never ou Arca, con cantos de seitura, muiñeiras vellas ou xotas recollidas en Santa Comba.

Se ben é certo que a fusión da música tradicional galega coa electrónica non é unha corrente nova, pois xa foi iniciada décadas atrás por artistas como Mercedes Peón ou Projecto [‘Trepia], o achegamento de crnds supón un certo grao de innovación neste diálogo entre tradición e vangarda. Conectando os alalás dos cantos populares que se manteñen vivos en pandeireteiras como Fransy González e de informantes como Erminda Miramontes, co noso presente musical dixitalizado de samples e auto-tune.

Sen dúbida, este disco debut é unha das grandes revelacións musicais do ano, e mostra da grande calidade da materia prima que pode achegar a nosa música tradicional para a creación musical contemporánea.

 

Viva Suecia

La voz del presidente  (2021)

Revelación de Iria Pedreira

As músicas que marcaron o meu 2021 procederon, como é habitual, de lugares e tempos moi diversos, aínda que sempre dentro desa parcela pop e rock tan frecuentada por quen aquí escribe. Puido ser o ano da enésima resurrección do Human Touch de Bruce Springsteen (ese disco e sobre todo esa canción que xamais aburro), do redescubrimento de Ángel Stanich co marabilloso Polvo de Battiato ou da confirmación de que Adele é unha das divas definitivas do noso tempo grazas a ese 30 sen palla ningunha. Mais houbo outros relatos melódicos máis condensados e proclives á obsesión na que adoito caer cada vez que poño a orella nunha colección de cancións. De aí a escolla para a miña primeira incursión nesta sección cheirer.

De todo o que escoitei pretendida e reiteradamente neste ano que toca ao seu fin, decidín quedar cun traballo breve. Extremadamente breve. Máis incluso ca esa espléndida novela curta que non chega ao cento de páxinas ou esa serie que con só cinco capítulos de vinte minutos de duración consegue tocar algo en ti. Falo dun single que ademais adquirín nunha admirable edición en vinilo de 7’’, formato que as que queren ir de modernas e románticas coma min reservan para as pezas dignas de adoración. Porque, por algún motivo case inefable, La voz del presidente de Viva Suecia pasou a ser un dos meus temas de cabeceira na última metade do ano vinte e un, mentres que a súa cara b, Parar la tierra, conseguiu acabar durante meses co absolutismo do botón de modo aleatorio.

Un laconismo musical aberrante para moitas e un discurso ben cativo, seino. Só dúas cancións que van na liña indie-pop xa ben coñecida neste grupo pero que me interpelaron dun xeito diría que misterioso nesta volta ao sol. Para min, altamente recomendables.

 

Abraham Cupeiro 

Pangea (2020)

Revelación de Adrián Feijoo

Este 2021 fixen bastantes descubrimentos musicais, e todos merecerían unhas liñas neste espazo: dende o shamitsen de Chikuzan Takahashi ao novo disco de Joshua Ray Walker, do Happier Than Ever de Billie Eilish á tolemia encantadora de Axolotes Mexicanos. Pero como todos non caben no título, mellor destaco a proposta que ten o concepto máis interesante detrás (na miña opinión, por suposto).

Evocando os tempos de Panxea, o proxecto de Abraham Cupeiro une ós continentes nun mesmo espazo, nunha comuñón protagonizada polos instrumentos de vento. Aquí mestúranse a Royal Philarmonic Orchestra de Londres con ritmos e melodías de todos os recunchos do globo, para crear toda clase de paisaxes sonoros dun mundo variado, fermoso, enorme e delicado. Un mundo que quizais, máis pronto que tarde, volveremos a recorrer con liberdade.

Ademais disto, recomendo novas propostas que viron a luz neste 2021, como o rock psicodélico dos peruanos Atahualpa Joint Club, o último gran descubrimento do Festival de Monterrey, meca da música alternativa en Latinoamérica. Ou o metal industrial xaponés de Sukiyaki Blood, que recorda moito ós primeiros temas de Rammestein (así de bos!). Outros grupos para buscar no Spotify, avalados polo tío Adri, son: Café Lisboa, Banda Homenaje, Lugdunum, Las Flakkas e Bico de Amorodo. Xa me diredes.

 

Duane Pitre

Omniscient Voices (2021)

Revelación de Pablo Pesado

Neste ano 2021 só escoitei ambient, drone e, en xeral, músicas experimentais. Que é como dicir que neste ano 2021 metín a cabeza dentro dunha lavadora en que había un violín roto. Non o fixen por algún tipo de snobismo musical -seguramente o ambient sexa xa demasiado anticuado como para requintar o gusto de ninguén- senón por pura supervivencia: estou opositando, e o estudo, para min, e incompatíbel con case todos os xéneros musicais humanos. Así que tiven que ouvir xéneros extraterrestres.

Cal foi pois, o meu disco do ano? Éme difícil dicilo, pois máis do que o formato-disco cultivei listas interminábeis de cancións indiferenciábeis que, para alén, nunca teño moi claro onde acaban e onde comezan. Fico, a pesar de todo, co Omniscient Voices de Duane Pitre, un dos poucos albumes cuxa integridade fun respectando case sempre. Non sei se é un disco excepcional. Nin tan sequera teño claro se é bo. Para ser honesto, non teño nin idea de música. O que si podo dicir é o seguinte: funcionar, funciona. E cada día, as oito da mañá, no balbordo inevitábel das bibliotecas, acudo a Duane Pitre buscando algo raro de achar: estar tranquilo un cachiño.

 

Pedro Mafama

Por este rio abaixo (2021)

Revelación de Diego C. Val

Se para manter vivas as tradicións tamén é necesario dialogar con elas e actualizalas, Pedro Mafama refresca a portuguesa no percurso que fai Por este rio abaixo. A súa embarcación é guiada a través das augas doces dos ríos autóctonos e as augas salgadas de alén, dos mares que bañan o norte da África. Ambas deixan marca na proa, unha marca que demostra as confluencias que pode chegar a haber entre estas dúas latitudes.

As trece cancións que compoñen o traballo propoñen unha singradura de contrastes, unha viaxe catártica que comeza no estaleiro e na cidade, onde os anhelos e os imposibles, entre autotune e cantos de pescadores, impulsan a vontade de partir para fuxir da dor. Nesa viaxe incerta, nunha loita [contra as marés]  internas e as tormentas provocadas polos Adamastores, é conxugado o espírito do fado e as cadencias das músicas urbanas coas melodías árabes e ciganas. A fadista Ana Moura, os rapeiros ProfJam e Tristany e o DJ e produtor Branko conforman unha tripulación que dá conta da amálgama que leva este navío no seu porão. Que moitas máis [embarquen] nesta viaxe só de ida.

 

Ataque Escampe 

Violentos anos dez (2011)

Revelación de Rubén Amado

Non, non é unha declaración de guerra á actualidade, vai en serio: eu non coñecín os Ataque Escampe ata o 2021. Sabía da súa existencia, pero tíñanme un non sei que de puretas co que non acababa de conectar. Ata este ano (malas noticias para min, supoño). As que estivestes máis atentas á actualidade musical do país recordaredes aquel debate que saltou polos aires coas polémicas declaracións de Ortiga. É que non se fai en galego música que non sexa reivindicativa? Con esta pregunta cheguei a Ataque Escampe.

O son de Violentos anos dez podería describirse cunha escena costumista: son as sete da mañá nunha vila cabeza de comarca. Coñeciches alguén e parecía que esa noite ías ligar, mais agora estás só na caseta do Pataqueiro comendo unhas patacas con ketchup. Nin ligaches nin sabes onde van os teus amigos, que hai unha hora que che dixeron por whatsapp que ían para aí. Aínda así, pensas “Mañá seguro que me tira direct ao insta”. Hai moito de melancolía en temas como “Esparadrapo”; mais tamén moita vontade de optimismo, como en “A cabana do Tío Tom” ou en “Festa malandrómica”, todo un himno.

Unha década despois da publicación de “Violentos anos dez”, moitas cousas mudaron no mundo. O Celta xa non xoga en Segunda División e o Dépor xa descendeu. Cando a crise do 2008 empezaba a esquecerse, a COVID-19 púxonos a todas na fin do mundo máis unha vez. Por iso, este disco volve ter algo que dicir, igual que as Converse da túa adolescencia que gardabas no armario e agora volven estar de moda. Non hai pra onde ir nos anos 20, igual que naqueles anos 10. A vida é así! E podemos refuxiarnos na nostalxia ou tirar para adiante nunha misión de audaces. Só precisamos un plan e unha canción de Ataque Escampe.

 

Legítimo Polvo & Nüca

WRB Split (2021)

Revelación de Dario MJ

O postpunk é tendencia a nivel mundial e está ben ver que comecen a asomar a cabeza proxectos coma pode ser Legítimo Polvo, ao cal coñecín mergullado no Spotify, coa súa canción en castelán “El Baño”.

Cal foi a miña sorpresa cando pouco despois, en agosto, sacou este EP con Nüca, músico co que forma o dúo “World Rally Boys”, sendo para min unha das sorpresas do ano.

O EP ten 6 cancións, pero vaia 6 cancións! Legítimo Polvo aporta 3 temas: “Matar a Stavros”, “Miseria” e “Cierra el pico” de influencia post-punk e synth pop, con guitarras distorsionadas, punteos pegadizos e voces case intelixibles con deixe macarra, letras en galego e son dos sintetizadores moi presentes, namentres Nüca aporta 3 temas de electrónica: “Ok Gas”, “Plano secuencia” e “Ganó Babilonia” que van dende a escuridade ata a balereitada. A destacar  “OK Gas”, que xa está tardando Bershka en poñela nas súas tendas.

O único problema? Que só sacaron este EP en casettes, que poden mercarse no bandcamp de Ferror Records. En directo tiven ocasión de velos na feira do disco e ata cantaron unha canción nova os dous xuntos que tiña moi boa pinta. Os Sex Pistols dicían “No future”, pero estes rapaces futuro, dende logo, teñen, e moito.

 

Arlo Parks

Collapsed in sunbeams (2021)

Revelación de Silvia Rodríguez

Nun tempo en que a saúde mental ten sido tan importante, a música de Arlo Parks chega como unha especie de terapia. O seu primeiro álbum, Collapsed in Sunbeams, concibido durante o confinamento, fala sen metáforas sobre depresión e ansiedade, sobre desexo e identidade sexual, sobre a necesidade de aceptarse a unha mesma, mandando sempre unha mensaxe positiva. Esta rapaza londiniense de só 21 anos mestura os seus poemas, nos que resoa Sylvia Plath, con ritmos entre o indie pop e o neo-soul, que pendulan entre Radiohead, Joni MItchell ou Janelle Monáe. Din de Arlo Parks que é a voz da Xeración Z. Ela prefire dicir simplemente que é unha persoa con empatía, que conta historias sobre o que viviu e o que viu ao seu redor, para facerlle sentir á xente que “non está soa”, como repite constantemente o seu sinxelo Hope. Din tamén dela que o mellor da súa música é escoitala en directo. Oxalá neste 2022 poidamos facelo.

 

Recycled J

SAD SUMMER (2021)

Revelación de Brais Capelán

Descubrín Recycled J por un amigo. Debe levar anos, sen esaxerar, insistindo en que é do mellor do panorama español. Recordo escoitar hai tempo un tema que pasou sen pena nin gloria pola miña cabeza. Agora é dos meus artistas máis escoitados. Que pasou? Todo é culpa do Dépor, que fichou como adestrador a un tipo de Ávila. Resulta que ese tipo chamado Borja ten un irmán que se fai chamar Selecta e resulta que ese irmán de adestrador é o produtor de Recycled J. Atraído pola graza que me facía esta conexión, dinlle outra oportunidade.

Sen ser eu un amante dos sonidos ‘pop’ no mundo do rap, comecei a consumir as súas cancións, tanto as que ten en solitario como as que sacou xunto a outro dúo consagrado como Natos y Waor. Pouco a pouco foron pegándoseme ata a saciedade as súas cancións, as súas letras os seus ritmos que xa asocio directamente a ese adestrador do Dépor chamado Borja.

Recycled J ten toda esa frescura que fai falta para non aborrecer un estilo de música, unha cultura. Si, sei que xa era un artista consagrado antes deste 2021. Pero esta foi unha revelación persoal. Por iso, quédome co seu EP ‘SAD SUMMER’. Cancións melancólicas que lembran tempos pasados, relacións rematadas e momentos felices. Súmalle ritmos pausados e marcados e tes cinco cancións para escoitar e escoitar sen parar. Polo menos, foi o que pasou no meu caso.

“Como un tattoo, para toda la vida

Yo para ti fui una calcomanía

Detrás tuyo, gritando en Gran Vía

Fui un cobarde por mi chulería

¿Cómo pretendes que no me ría?

Que normalice esas manías

Mira, en mi fondo tengo una avería

Me he puesto gordo de dormir de día”

 

Grande Amore

Grande Amore (2021)

Revelación de Guillermo Rodicio

Veña xente, xa sabiades que este ía estar aquí, non imos enganar a ninguén. Que Grande Amore sacou un dos discos galegos do ano é vox populi e eu decidín sacrificarme polo grupo e asumir o deber de empregar a miña revelación con el para que as demais cheirers puidesen sorprendervos con pop polaco ou música ambient.

De todas formas non me arrepinto, porque o meu percurso con Grande Amore este ano tivo moito de Revelación, no sentido bíblico do termo. Na primeira escoita non me chamou moito a atención e atrevinme mesmo a cuestionar nalgún grupo de whatsapp a que viña tanto rebumbio. Por sorte teño amigos que non se cortan en dicirme que non teño nin idea e por presión social acabei dándolle un par de oportunidades máis. Como se fose eu un San Paulo no camiño de Damasco acabei caendo do cabalo e vendo a luz potente do Nuno. Falo da miña iluminación para advertir a outras que poidan estar na mesma situación. Porque é posible escoitar Grande Amore sen contexto e que todo pareza demasiado punkie, que este tipo non canta ben, que non se corta en repetir a saco. E non é que todo iso non sexa certo, é que por iso mesmo arrasa.

Probablemente no futuro miraremos para este 2021 e pensemos que foi o anno mirabilis de Nuno en que todo o que tocaba viraba ouro: que se os Rastreadores, Nunomanía, Grande Amore… Ou non, ogallá isto sexa un prólogo nada máis. A min para o ano non me importa volver a gardar a revelación para o cantante favorito do teu cantante favorito.

 

Tom Misch

Geography (2018)

Revelación de Laura Lamier

Gosto de recomendar neste artigo anual música en portugués, non tanto por un nacionalismo brasileiro meu mas a xeito de irmandade, e porque quizais polo facto de ser o meu algoritmo algo máis lusófono podo traer por esa vía músicas máis inesperadas a esta recompilación cheirer. Foi un ano interesante de revelacións neste sentido, con Pedro Malfama, Mão morta, ou Mallu Magalhães, todas elas firmes candidatas. Mas estaría mentindo para min mesma de non poñer por riba de todos ao Tom Misch, que foi o que máis me acompañou neste ano.

O Tom Misch fai unha música elegante, de groove funky e actitude jazzera, cunha actitude tan marcada que ás veces case parece un meme. Non lle importa rematar unha canción cun arranxo que pareza de película de Woody Allen, colaborar cun rapeiro que podes imaxinar vestido de traxe e murmuriar xusto antes dun retrouso como se estivese facendo o amor coa harmonía. Levalo ao estremo, asumir o personaxe e abrazar o estilo sen pudor é o que o salva o disco do ridículo para caer do outro lado e ser tan gustoso de escoitar que me estou comendo un bombón escribindo isto para celebralo.

Recomendo o Geography de 2018 aínda que neste 2021 sacou un novo disco as Quarantine Sessions. Non quero recomendar cousas de corentena a verdade, habendo un disco cunha canción como o Running through me para gastar todas as pistas imaxinarias de discotecas dos 70.

 

Maika Makovski

MKMK (2021)

Revelación Philip Jeffries

Hai un podcast de música realmente bo que se chama Bienvenido a los 90. Este programa co paso dos anos foi creando unha comunidade de fieis seguidores que xerminou nun grupo de Telegram do mesmo nome. Nel, o tema principal de conversa é a música, principalmente a da década dos noventa, pero sempre cun ollo posto nas novidades que seguen a xurdir a día de hoxe. E Se un nome comezou a coller forza nesta canle a mediados deste ano 2021, trala publicación do seu último disco (MKMK), sempre en termos positivos, ese foi o de Maika Makovski.

Un par de meses pasaron, e eu aínda non escoitara o LP (nin ningunha canción da artista, en xeral), chegando agosto. Nese mes o Festival de Cine de Cans foi anunciando algunhas das actividades complementarias ás proxeccións cinematográficas coas que a edición deste ano contaría, e unha delas era un concerto de Maika. A esas alturas tiña xa o nome gravado tan a lume na cabeza, que, segundo o vin, decidín ir a cegas e merquei a entrada.

A data do concerto, 3 de setembro, chegou. Que espectáculo. Poucos directos na miña vida, sen coñecer previamente ao grupo, me deixaron tan impresionados. Contundencia absoluta de principio a fin, son perfecto, uns músicos pasándoo en grande sobre o escenario e unhas cancións máis que sobresaíntes.

Ao rematar o concerto estaba tan fascinado que só pensaba en dicirlles a todos os membros da banda o bos que son e o marabilloso concerto que deran, ademais de mercar o vinilo de MKMK, que sen tan sequera escoitalo, era xa un fundamental para min. Pero non se podía pagar con tarxeta e non levaba efectivo comigo. Tiven que contentarme con felicitarlles polo recital que deran e marchar para a casa, cun puntiño de magoa, pero contento ao confirmar que era tan boa como se dicía.

Unhas dúas semanas despois confirmaron que darían outro concerto en Galicia. O 4 de decembro en Pontevedra. Unha nova oportunidade para desfrutar dun directo boísimo e de facerme, agora si, co tan querido disco. O espectáculo volveu ser unha auténtica pasada. E unha vez máis, tamén como non, atopábame de novo sen efectivo por unha serie de cuestións que agora non veñen ao caso derivadas da fusión entre Bankia e Caixabank, polo que volvín a quedar de novo sen vinilo. Cousas da vida, que se lle vai a facer. Polo menos conseguín levarme a setlist do concerto.

Algún día prometo que me farei con algún disco de Maika Makovski. Mentres iso acontece, o que podo ir facendo é recomendar que vaiades a un dos seus concertos.

 

Orquestra Galega de Liberación

OLG (2021)

Revelación de Adrián G.

Dáme mágoa ter que reducir as revelacións a só unha. Máis aínda despois dun ano de pura celebración da música galega. Primeiro, pola paseniña volta aos escenarios tras unha tempada dura para todas as artistas e profesionais do sector. E segundo, pola calidade e variedade dos lanzamentos. Por AQCHP pasaron auténticos “melocotonazos” como os debuts de Grande Amore e Rheia Gorecki, ou pop preciosista de Néboa. Tras horas de desacougo, conversas con amigos imaxinarios e noites de insomnio, elixín o debut homónimo da Orquesta Galega de Liberación (OLG).

O proxecto, liderado por Xacobe Martínez Antelo, reúne a 16 dos mellores músicos do jazz e a música experimental galega. Por nomear algúns, a nómina inclúe a Xosé Miguélez ao saxo, Macarena Montesinos ao chelo ou L.A.R. Legido á batería. O álbum foi gravado ao vivo en setembro do 2020 no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Os primeiros segundos resumen a filosofía do conxunto: “Somente dicirvos que todo o que ides escoitar é improvisado no momento. Desfrutade”.

Unha experiencia difícil de poñer en palabras e que cómpre que cada un filtre polos seus ouvidos. Supoño que será catalogado polos expertos como free jazz. Para min son 59 minutos marabillosos en que escoitaredes a maxia da música improvisada. Un transo en que os ritmos, melodías e harmonías medran organicamente, ao compás da interacción entre o director e os músicos. En que as voces xogan a ser instrumentos. Un disco para escoitar tirado no sofá mirando ao teito cos ollos pechados, ou para desfrutar dunha tarde morriñenta de chuvia. Como aperitivo, deixámosvos a simple e preciosa melodía de “A Liberdade”.

 

O collage da portada é de Violeta Pérez.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí