A caverna, Francesca e os cafés para levar

Unha exposición na Vnyl Factory de Londres e unha amiga italiana poden servir para prender luces na caverna. Ideas sobre arte, insumisión e o despertar.

Ei! Son eu outra vez, escribindo acerca da distópica sociedade tardocapitalista.

Mais non é culpa miña que o tema estea presente en todo evento ao que acudo. Ou pode que si.

Persoalmente considero que unha exposición que traduce en arte as túas teimas é sempre un acontecemento digno de compartir. Transformer: A rebirth of wonder fixo todo iso por min e agardo que por moita máis xente. Trátase dunha exposición colectiva organizada en Londres por The Vinyl Factory, compañía discográfica que ten a súa propia galería. O título da exposición está inspirado nun poema homónimo do autor beat Lawrence Ferlinghetti que fala dos problemas da súa América contemporánea de finais dos anos 50 (aínda vixentes e probablemente moito máis despirulados).

Xa na entrada a artista Evan Ifekoya está a nos preparar para asimilar o que agarda dentro da caverna (neste caso un garaxe que fai por veces da versión contemporánea da platónica): o acceso á exposición é unha rampla que leva a unha estancia na que o público escoita unha frecuencia de sons concreta relacionada, segundo a artista, coa reversión da negatividade e a promoción do cambio.

Ifekoya dispón o lenzo sobre o que os demais artistas da exposición pintarán as mensaxes que queren transmitir. Mirada de maneira global, a mostra narra unha historia de efecto dominó que podería ser catastrófica pero ten final alentador.

Martin Cooper fixo a primeira chamada por teléfono móbil. O artista Doug Aitken proxecta, nunha sala poliédrica con espellos, un vídeo en que Cooper aparece desfrutando da natureza dunha maneira impensable se estivese obsesionado con facer fotos para subir a Instagram con ese móbil dende o que chamou. Nun bucle progresivamente máis e máis angustioso, Cooper repite as mesmas palabras: “I made a phone call” (“fixen unha chamada”). Como se quixese desculparse, como se dixese “Perdoade! Eu que sabía o que viría despois…”. Todo acompañado dunhas secuencias caleidoscópicas a un ritmo crecente que potencia o sentimento de agonío e impotencia.

As seguintes instalacións aumentan paulatinamente esa sensación de desasosego tan difícil de definir. O mesmo que sentes despois dun episodio de Black Mirror. Iso que che pasa por dentro cando caes nun bucle de perda de tempo sen sentido en redes sociais/youtube/internet en xeral, deixándote levar polos algoritmos. Un cóctel de culpa, vergoña, tristeza e incomodidade que xorde cando te decatas do pequena que es sen sabelo e do minúscula que te fas cando es consciente.

Estiven polo tanto moi triste levando esa bóla dentro ata que cheguei á segunda instalación de Evan Ifekoya (si, a dos chakras). Nunha sala con paredes tapizadas dun material illante (algo parecido aos colegas do instituto que forraban a parede do garaxe con oveiras para poder aporrear unha guitarra a gusto, pero en versión máis glamurosa) hai unha especie de bambán cuns coxíns. Todo perfectamente disposto para que o espectador se deite nel e escoite sons que propicien a meditación e a transcendencia (Ifekoya cita o proverbio “Toju Ba Farabale”, “Mira alén da bolboreta que tes no teu nariz”).

Vin a todo o mundo pasar de largo ata que a miña amiga Francesca, toda kinki, meteuse alí a ver que pasaba. Cando os demais visitantes viron o contenta que estaba, moitos pararon agardando a súa quenda para probar o bambán.

A caverna, Francesca e os cafés para levar. Transformer: A rebirth of wonder

A partir de aí algo encaixou definitivamente, e en efecto moitas das instalacións que viñeron a continuación transmitiron unha mensaxe de esperanza. Jenn Nkiru proxectaba un vídeo mesturando distintas escenas relacionadas coa cultura do que ela chama “Universalidade negra”, na que narrativas de diferentes comunidades de persoas de raza negra converxen nunha forza imparable, para lograr un renacer necesario que sempre se lles negou. Amplamente escritas no muro paralelo están as palabras implacables “REBIRTH IS NECESSARY”. E ben que o é.

Para máis inri, tan só uns metros máis aló hai outra exposición, tamén da Vinyl (xa podo chamala así, que hai confianza), á que acudimos o mesmo día que visitamos Transformer. Other spaces é unha mostra de instalacións luminosas que serían espectaculares sen as cincuenta pantallas de móbil que invaden o teu campo visual mires onde mires. Unha manda de vagalumes con sede do instapic do día.

A caverna, Francesca e os cafés para levar. Transformer. Other spaces

Chamoume especialmente a atención unha instalación na que sons obtidos da natureza son transformados en sinais visuais, co cal o cambio entre os sons rexistrados con varios anos de diferencia evidencia o devastador efecto da deforestación e o cambio climático. O espectador pasa de ver un mapa frondoso de sons e matices a percibir puntiños illados nun deserto de silencio. Na primeira fila hai unha morea de puffs nos que o artista convida ao público a relaxarse e meditar coa natureza de fondo, a facerse máis consciente do que está a suceder. Ironicamente, antes de que acabe a primeira secuencia de sons, unha segurata encárgase de enfocar cunha lanterna os teus ollos e convídate a moverte porque hai xente que ten que pasar.

O meu primeiro instinto foi ser educada e submisa e deixar as miñas necesidades espirituais nun segundo plano. Mais cando estaba co cu a medio erguer, vin que Francesca non se movía. Os seus ollos brillaban con determinación entre son de macaco e son de macaco. Con toda a súa asertividade italiana dixo as palabras máxicas: “I´m not going anywhere, we´re not even half way”. E eu baixei a cabeza e volvín sentar no puff.

Este momento desencadeou unha avalancha na miña cabeza na que o mito da caverna estaba protagonizado por londinenses traxeadas con olleiras e café para levar, as sombras eran Netflix e cada vez que intentaban dar a volta e saír á superficie escoitaban a voz do Capital dicindo: “Pero onde pensas que vas? Senta, cala e consume”, e elas obedecían, pasmadas; comentando coa compañeira ao seu carón o esgotadas que estaban, explicando que non lles quedaba tempo para relacionarse con máis xente porque estaban moi ocupadas facendo algo. Non tiñan moi claro o que.

Eu vin clarísimo o potencial da envexa coma elemento mobilizador capaz de cambiar hábitos, e o dolce fare niente contemplativo e introspectivo como a revolución definitiva.

Non é sorprendente que unha saia da exposición con ganas de facer algo diferente para non verse arrastrada, xunto con outra morea de persoas, polo bucle traballa-consume.

Tampouco é sorprendente, na miña opinión (hihi), que Jamie Reid, artista e auténtica eminencia da cultura punk, sexa un dos directores artísticos da mostra.

Posiblemente a revolución sexa a pausa, e tamén a comunidade coma punto de apoio para a ánima e gasolina para as ideas.

Probablemente as da caverna non estean sentadas senón correndo en círculos pensando no ocupadas que están. A esperanza, polo que vin o outro día, podería radicar na envexa que lle teñen ás outras, alí apoltronadas ao soliño, e as risas que se poden botar saíndo a falar con elas. Ou as ideas que poden xurdir dese encontro.

Non sei se se nota, pero eu tamén estou a esperar un marabilloso renacer. Coma Ferlinghetti.

 

A imaxe da portada é ‘REBIRTH IS NECESSARY’ de Jenn Nkiru (2017) © da artista.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí