Alexandre submarino, de Álvaro Cunqueiro

Tradución dun texto de Álvaro Cunqueiro, orixinal en castelán, contido en Fábulas y leyendas de la mar (1982)

 

É ben sabido dos meus amigos canto me ten interesado sempre, non a historia verdadeira de Alexandre Magno, senón a fábula do famoso libro do Alexandre medieval, e que eu, non contento co inventado ao macedonio, escribira, na mocidade e en quaderna via, dos prodixios que precederon ao nacemento do heroe, da súa voda coa filla de Darío, e como non a tocou ata que viñeron estreleiros a dicirlle que a ocasión era propicia; e das súas viaxes tanto aéreas como submarinas. Mais foron estes os que mais me atraeron. Eu inventara que, antes de baixar ao fondo do océano, Alexandre pasou corenta días comendo tan só carne, e non pronunciando nin unha soa vez o nome dun pez. Estas eran graves precaucións para apartarse o máis posible da fauna piscícola, e unha vez somerxido non poder ser tido por ninguén como membro dela. Non encontrou inconveniente algún en ser bendito sete veces polo bispo de Babilonia, e un cóengo daquela sé, home de grandes saberes chamado Koetes, ensinoulle, durante sete días en que ambos viaxaron polo deserto, a linguaxe das sereas. Eu explicaba como a linguaxe sereica non se pode aprender por gramática, que hai que estudala comezando polos primeiros gruñidos, gritiños e balbuceos da serea infantil e, pouco a pouco, madurando e dominando a lingua, chegar a lograr a fala da serea: como neno que se solta a falar e vaise liberando a tropezos e termina formulando correcto. O asunto da linguaxe das sereas ten sido estudado máis dunha vez, e houbo quen asegurou que lles facía moita graza un certo tatexo, pero non ao comezo da palabra, senón ao final. A serea non di “sá sá sábado grá grá gráfico”, senón “sábado do do gráfico co co”.

Imaxe do libro de Alexandre

Alexandre vestiuse de vermello e de ouro, e cinguiuse con la empapada en sangue de unicornio e cera virxe, e, antes de se meter no tonel de vidro, os seus secretarios, que eran damascenos, que é o máis parecido que haxa a aqueles biscaíños de boa letra que serviron nas secretarías de Felipe II e sucesores, léronlle ao mar vinte e catro decretos que o reducían a calma durante vinte e catro días. E por fin, nunha barca construída con madeira de sete árbores diferentes, saíu a alta mar, e foi lanzado no seu tonel de cristal ás augas, as cales se apartaron respectuosamente e dixeron: Salam!

Alexandre viu todas as tribus de peces, e escoitou como se queixaban as augas ao pasar por elas as bestas Leviatán e Jasconius, que co seu peso as apertaban contra as rocas do fondo mariño. Viu tamén sereas, unha gorda e morena, que se mantivo a certa distancia, calada, e outra nova e loira, que ao moverse parecía un exemplo de liña sinuosa das xeometrías euclidianas; esta, ao comprobar que o insólito visitante era Alexandre, comezou a cantar cachos precisamente do Libro de Alexandre. Entre as cousas que Alexandre viu foi unha torre que chaman Baltar, que foi unha cidade que os homes construíron cara abaixo, despois de ter construído cara arriba a torre de Babel. No alto desta torre tiña o seu niño a cegoña que invernaba nas fontes do Nilo, do cal, como se sabe, creuse que comunicaba con todos os ríos interiores e exteriores. Os amores que houbo entre don Alexandre e a serea serpentina foron así: a serea enroscouse na cuba de cristal en cuxo interior estaba o macedonio tendido espido, tan esplendidamente sexuado, e a través do cristal pasaban as suores da próxima, e os seus aromas, ao aire interior que respiraba o gran rei, e chegouse a un punto no cal ambos a gozaron a un tempo, e aínda hai eruditos que cren que o seme de Alexandre pasou ao mar resuado polo cristal. Prodixios deses que se chama ósmose, é técnica coa que se cargan, por exemplo, algunhas plumas estilográficas. Se así foi, sen dúbida que haberá descendencia alexandrina baixo as augas. Contáronme unha vez dun preito na Real Chancelería de Valladolid, no que uns dunha liñaxe montañesa querían que fose posto na carta executoria que descendían de Alexandre Macedonio. Ao mellor, netos dos fidalgos das Asturias de Santillana do froito do cruce do heroe coa serea, e curmáns, se vostedes queren, do home-pez de Liérganes.

Eu inventáralles, hai algúns anos, aos gregos, a curiosidade de saber como vivían certas tribus animais, os centauros, por exemplo, e os case humanos ciclopes monóculos, baixo que réxime, se democrático, aristocrático ou tiránico, ou se en monarquía ou en anarquía, e sospeito que algunha preocupación deste tipo puidera ter na súa viaxe submarina o gran Alexandre de Macedonia.

Hai que ter en conta que, moitos anos máis tarde e cando, despois da guerra dos Balcáns, a Macedonia foi repartida entre os gregos, búlgaros e serbios, vista a confusión macedónica, foille chamada “macedonia” a unha confusión de froitas. De sabelo Alexandre, doeríalle a brutal distribución do seu reino, pero quizais moito máis que pasase a dar nome a unha sobremesa; en certo modo, o terror coroado de Macedonia a algo doce que se come con culleriña.

Eu non escribiría estas liñas noutras semanas do ano, pero si nesta, na vella casa, na cidade onde nacín, sentado preto do lume, escoitando a voz do vento vendaval e a choiva, e recordando fábulas antigas. Tráenme novas de como van de ceba os capóns de nadal, e non fai falla que me digan que na casa dun veciño están afumando os chourizos, porque me chega o perfume de loureiro que queiman. Síntome nun nivel que podemos chamar de inocencia, no cal a preocupación maior poden ser os problemas políticos, sociais, amatorios, de Alexandre submarino.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí