Roque é editor da plataforma de historia Mazarelos
A emigración galega deixou pegada nos lugares que recibiron a quen buscaba gañarse a vida, mais tamén nas nosas vilas e cidades. Non podemos esquecer as testemuñas da emigración galega que seguen en pé na Galiza.
É o caso do cine Adriano de Fene, un exemplo de arquitectura de indianos abandonado á súa sorte dende hai décadas. Nesta curtametraxe escrita e dirixida por Pitusa Arias, xúntanse patrimonio e memoria. A testemuña é María Rey López, nai da directora e avoa de quen escribe, que viviu nunha das vivendas habilitadas no propio cine.
A labor do historiador de investigar o que pasou e como se viviu no pasado facilítase grazas ao entusiasmo por contar de quen foi testemuña directa. Acostumados ás respostas prefabricadas e estandarizadas que ofrecen as entrevistas de hoxe en día, é un luxo escoitar a quen quere contar. As testemuñas orais levan toda a vida pensando a resposta para unha pregunta que ninguén lle fai. Eventos como a emigración galega de comezos de século contan aínda con moitas testemuñas vivas que poden apoiar investigacións existentes ou abrir novas liñas.
Evidentemente as fontes orais contan con limitacións para o mundo académico, pois a memoria non ten por que ser precisa e os relatos poden ser modelados. Porén, a Historia debe cumprir coa súa función social e aí se atopa o valor engadido da fonte oral. Nesta curtametraxe mestúrase a historia persoal dunha muller, o patrimonio e a emigración. Ela non emigrou pero si viviu dende o balcón da súa casa o entusiasmo dunha vila polos filmes que se proxectaban no Adriano. Durante 25 anos mantívose aceso ese proxector mercado co diñeiro obtido na emigración ata que as súas portas pecharon para non abrir ate hai ben pouco.
Grazas á iniciativa do colectivo Patio de Butacas, o Adriano está volvendo a ter actividade. Un esforzo desinteresado por manter en condicións e vivo un edificio icónico da bisbarra.
A Historia debe servir para salientar a importancia que teñen elementos materiais e inmateriais. O Cine Adriano é un ben material relevante tanto a nivel local como dentro da rede de arquitectura de indianos espallada por toda Galiza. O impacto da emigración toma en Fene forma de cine mais tamén segue presente na memoria individual.
Dende a Historia deberíamos intentar que o patrimonio material non se perda, fomentando a súa posta en valor e explicando a súa relevancia. Pero sobre todo, está nas nosas mans non deixar escapar o patrimonio inmaterial que se atopa nas vivencias das persoas. Esta curtametraxe é unha chamada para que aqueles que queren falar non caian no esquecemento e para que se abran as portas que nunca deberon pechar.