Como aprendín a amar Okdiario

Nestes tempos de decadencia xeneralizada na calidade periodística, o discurso moderado de Okdiario é un sopro de aire fresco. Descubrimos como o voceiro dos incomformistas resucitou o xornalismo de combate do século XIX

Para os non iniciados, Okdiario é un xornal dixital fundado en 2015 por Eduardo Inda, ex director de Marca e, se non me equivoco, antigo Ministro de Propaganda baixo o xeneral Aznar. Nestes tempos de decadencia xeneralizada na calidade periodística, este voceiro dos cidadáns inconformistas converteuse no incuestionable decano da prensa española. El País non é máis que un sicofanta oficialista, ABC representa un monarquismo xa caduco, Eldiario.es é pagado por separatistas stalinistas… nesta bacanal de dexeneración, o discurso moderado de Okdiario é un sopro de aire fresco.

Confeso que non sempre vin as cousas tan claras. A xuventude deste país, embebida de certas ideas que tenden a desviarlle a vista cara á utopías quixotescas, a miúdo non atura o órgano de Eduardo Inda. Teño escoitado moitas acusacións lanzadas contra este respectable xornal: din que os seus gorrobellos asalariados terxiversan os feitos para manipularen a poboación, que fomentan o odio e a violencia na sociedade, que propagan tantas noticias falsas, concibidas en cabeciñas enfermizas e ruíns, que chegan a minar os mesmos alicerces da nosa democracia.

Eu entendo que estes argumentos convencen a moitas persoas pois representan precisamente o que as elites globalistas queren que creamos. Todos estamos inmersos na rede de embustes e falsidades que elas tecen a través do seu control sobre a meirande parte dos medios de comunicación. Pero Okdiario é diferente. O seu incalculable valor informativo, cultural, até me atrevo a dicir histórico, xace no feito de que, tras décadas de esquecemento, Okdiario resucitou o célebre periodismo de combate do século XIX. Para comprendermos este xornal de veras, é preciso enmarcalo no seu contexto. E o seu contexto éche un brillante e triunfal retorno á época dourada da prensa en España.

No século dous antes da Covid-19, unha burguesía española cada vez máis segura de si mesma, cada vez máis desexosa de reformas, servíase da prensa como medio de emanación da súa ideoloxía liberal. Fundado en Madrid en 1864, Gil Blas é un bo exemplo deste tipo de periodismo. Marabilládevos ante o seu programa:

Se puidese formalizarse, diría que son liberal até a parede de diante: que combaterei todas as solucións que non se axusten ao criterio liberal, e andarei a paos con quen non pense coma min.

E eu, se puidese formalizarme engadíndolle un pequenísimo ‘neo’ diante de cada ‘liberal’, coido que esbozaría a liña editorial de Okdiario. Máis tarde, cando José Nakens e Juan Vallejo fundaron El Motín en 1881, os redactores empezaron a súa andadura proclamando  “Guerra aos conservadores! Parécenos que este grito equivale a un programa.”

Guerra! Invectivas e diatribas, filípicas e outras palabras exquisitas; para que derrubar os argumentos do teu rival cun razoamento serio e sereno cando podes insultar a súa nai? Dicimos a miúdo que algún escritor antigo escribía ben porque a súa prosa soa moi actual, pero eu creo que a verdadeira proba de que un xornalista bebe da sabedoría do pasado é cando les algo e dis “hostia, pois mira, así escribían no século XIX”.

Por aquel entón, o madrileño Eduardo Sojo Sanz (“Demócrito”), tralo seu paso pola redacción de El Motín, despediuse de Nakens e Vallejo e marchou a Bos Aires. Alí fundou un semanario propio titulado Don Quijote en 1884, no cal escribía invectivas, diatribas, filípicas e outras palabras exquisitas, e debuxaba viñetas verdadeiramente abraiantes. Ademais, Demócrito facía que os seus lectores se sentisen parte dun club especial. Os redactores de Don Quijote empregaban un sen fin de alcumes para denotar os políticos e outras persoas públicas da sociedade arxentina. O presidente Julio Argentino Roca chamábase “César”, por exemplo. Outro eco romano, na capital veciña de Asunción: un imitador de Demócrito chamado Plácido Casaús, iniciado na litografía en Vigo e A Coruña, fundou a revista El Látigo, na cal “Bruto” era o nome dado ao presidente paraguaio Bernardino Caballero.

Okdiario revive esta nobre tradición mediante unha cousa que se chama “sección de comentarios”. Trátase dunha ferramenta novidosa que lles permite aos lectores participaren no diálogo, na elaboración do propio discurso periodístico. Que gusto dá ler os comentarios. Que emprego máis imaxinativo da lingua de Alfonso X, rei de España, no afán de pórlles alcumes aos políticos. Esta creatividade extírpana nas universidades, onde todo é marxismo porque todos deben pensar igual. Velaquí algunhas valiosas contribucións ao debate público:

(Tralo fracaso da moción de censura de Vox contra o réxime de Sánchez, por culpa da covardía amosada polo PP ao aliarse cos social-comunistas)
Usuario 1: FraCasado terminará os seus días mudándolle os cueiros a Pequenique.

Usuario 2: E cobrando en B.

(Tralo fracaso da moción de censura de Vox contra o réxime de Sánchez, por culpa da covardía amosada polo PP ao aliarse cos social-comunistas)
Usuario: Ante esas evidencias, Mari Loli e o seu secuaz Navajas [a Fiscalía Xeral do Estado] non van imputar por xenocidio premeditado ao doutor Bacterio, ao filósofo e aos seus xefes cum fraudes e o can de Galapagar? Ou acabarán todos eles ante o tribunal de DDHH uns por acción e outros por encubrimento? TIC TAC TIC TAC TIC TAC

(Sobre a gran afluencia de inmigrantes a Canarias)
Usuario 1: Quen APOIA o Goberno Xenocida de Fráudez Sanchinflas NON DEBE QUEIXARSE. A desfrutar do votado e aos emigrantes morenos comédelos con patacas, por gilís.

Usuario 2: Todos os mouronegros ao chalet do Col-ETA e a minestra caixeira xaaaaaaaa!

 

Todos son comentarios reais. Os lectores de Okdiario non fai falla inventalos, nin eu tería suficiente imaxinación como para facelo.

O xeneral Juan Prim aprobou a gradual abolición da escravitude coa “Lei de Ventres Libres” (1870); agora os fillos dos escravos terían a súa liberdade. Esta medida solucionou o racismo en España ao longo prazo, como podemos apreciar nos razoamentos deses últimos usuarios. O seu discurso comedido, inda que politicamente incorrecto —a corrección política é o racismo de verdade, mentres que falar francamente é ser patriota—, semella a algúns dos achegamentos ás cuestións étnicas que se produciron na prensa decimonónica.

En 1874, La Ilustración Española y Americana de Madrid advertiu duns disturbios na “sempre fiel illa de Cuba”. A noticia é bastante familiar se ledes os xornais de calidade, onde se plasma a realidade de que as persoas non brancas son factores de delincuencia e a policía é a única garantía da orde social.

Unha pelexa entre mulleres de cor ocorre […] nas rúas de A Habana, e a coraxe das combatentes acrecenta en gran maneira cando unha delas é negra e mulata a outra, polo odio que mutuamente se profesan os individuos daquelas dúas razas. A pelexa termina comunmente coa chegada dos axentes de policía urbana, que poñen paz entre as iracundas mulleres.

Recordemos que daquela, Cuba era España. Cuba era tan española como pode ser Cataluña na actualidade. Este texto encádrase nun discurso literario da época que representa a competencia agresiva entre as mulleres de cor pola suposta envexa que as negras lles tiñan ás mulatas ao estaren estas lixeiramente mellor colocadas na pirámide social. Pero vamos, se eu mudase A Habana por Carabanchel e dixese que a noticia era un copia e pega de Okdiario, estou seguro de que colaría.

É certo que estou afastándome un chisco do que é a prensa de combate propiamente dita, así que vou centrarme no alcume “can de Galapagar” que un usuario tan galantemente lle propina a certo gobernador actual. Volvendo aos 1880, atopamos un bonito paralelismo no periódico de Plácido Casaús. (Por certo, Casaús era medio golpista, tendo acompañado o xeneral Prim durante a sublevación republicana do Cuartel de San Gil en 1866, pero podemos perdoarllo porque xa pasaron uns cantos aniños dende entón).

O caso é que a Casaús encantáballe polemizar con outros periódicos. O presidente Bruto en certo momento contratou un galego chamado Vicente d’Oliveira para dirixir un xornal pro-goberno en Asunción. D’Oliveira aceptou a oferta e fundou La Razón. O paralelismo que mencionei entre este caso e o do can de Galapagar é o seguinte: Casaús chamábao Vicente d’Oliperra. Ademais, legounos unhas litografías tan fermosas como esta do ano 1889:

OKdiario
Baixo as ordes do banqueiro Higinio Uriarte, Ministro de Facenda, Oliperra solta os cans de La Razón para cazar o coello branco da prensa independente.

De feito, tal busca constante de controversias foi un dos segredos do éxito deste xénero xornalístico. A violencia verbal extrema —se pensas dun xeito distinto a min es o meu inimigo— atraía e comprometía os lectores. En Bos Aires, a revista satírica El Mosquito tivo que pechar as súas portas despois de vinte anos de traxectoria porque non podía competir coa rabiosa invectiva do Don Quijote.

Coa mesma estratexia, Casaús foi quen de seguir publicando durante dez anos sen apenas contratar publicidade e a pesar da persecución do goberno paraguaio. Isto logrouno  grazas á súa capacidade para achegarse a moitos lectores e gañar a súa lealdade. Nun momento dado, os ‘látegos’ de Casaús puideron pechar filas contra un inimigo común, Oliperra, o redactor de La Razón. Para reciclar unha deliciosa arenga que eu subín ás redes sociais hai pouco, El Látigo retratouno deste xeito en 1890:

[…] aquel inmundo e miserable galego coñecido polo suposto nome de Oliveira, por máis que el non teña a enteireza suficiente para renegarse das súas criminais obras. Ese malvado galego, que é a impudencia, o escándalo e a inmoralidade en persoa debe desaparecer da nosa sociedade se continúa predicando contra nobres e patriotas cidadáns dun país que lle deu o pan para prolongar a súa inmunda e infame existencia.

 

Subliñando unha e outra vez a orixe rexional do outro xornalista, Casaús ou un dos seus redactores procuraba instrumentalizar os estereotipos sobre os galegos —comunmente vistos no Río da Prata como suxeitos parvos á vez que miserables— para converter D’Oliveira no branco do oprobio xeral. Por certo, D’Oliveira defendérase nas columnas de La Razón unhas semanas antes:

Hoxe non podemos, nin debemos, nin queremos calar, por canto xa non se nos quere denigrar á nosoutros persoalmente, senón que se pretende ferir toda unha colectividade, moi digna de respecto polos seus méritos e virtudes […] Saberán, por ventura, eses rapaciños audaces o que significa, o que quere dicir a palabra GALEGO? Pois galego, quere dicir honradez; galego, quere dicir laboriosidade; galego, quere dicir valor; galego, quere dicir nobreza; galego, quere dicir intelixencia; galego, quere dicir, en fin, todo o grande, o digno, o xeneroso, que forma o corazón do home.

A viñeta do can Oliperra dando caza á prensa independente foi unha resposta a este manifesto galeguista. E Casaús fixo ben porque a pseudo-defensa dese galego inmundo é un dos típicos desvaríos supremacistas dos nacionalistas racistas que odian España. Ademais, Oliperra tivo o morro de publicar o seu discurso de odio no día das Festas Patrias que conmemoran a magna fazaña de Colón e o inicio da época máis gloriosa da Historia do Home, a Hispanidade.

Ás veces, o que ti queres como lector é non ter que razoar. Non queres unha realidade complexa nin longas disertacións teóricas nas que se sopesan todos os argumentos detrás de tal ou cal debate. Ás veces, o que queres é que alguén sinale un chibo expiatorio para todos os males da sociedade, e que ese alguén ‘ande a paus’ coa vítima sinalada. Neste senso, o éxito de Okdiario é grazas á súa resurrección dunha tradición literaria que tivo uns avatares moi fecundos en España e América: o periodismo de combate.

E aqueles comentaristas que citamos son iguais aos españois de 150 anos atrás. Non queren ter que razoar. Ás veces, o que queren é un chibo expiatorio, e se ese chibo expiatorio pode ser negro, inmigrante, homosexual, bisexual, transexual, feminista, anti-fascista, musulmán, pobre, discapacitado, un dos millóns dos españois que falan unha lingua materna non castelá, ou en resumo, calquera que sexa ou pense distinto a eles, pois mellor. Porque hai patriotas e hai inimigos.

 

Bibliografía

Un bo periodista xamais cita as súas fontes, sobre todo se traballa para Okdiario. Citar fontes é unha mostra de inseguridade. Recoñezo que empreguei os traballos de varios historiadores á hora de escribir este artigo, pero pensades que os vou citar? Eu non son unha persoa débil.

OKdiario
Unha portada de Okdiario realizada coas máis avanzadas tecnoloxías litográficas. As “cartas do interior” tamén son comentarios reais de usuarios (agás o dos okupas)

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí