Cuestión de sexo: un interés contrastado

Reivindicar o papel da muller na historia require ás veces viaxar ata a fronteira do sexo. Contamos hoxe 3 historias de transgresión medieval.

O papel da muller na historia foi practicamente nulo, ou iso me parecía mentres lía os libros de texto do instituto, bacharelato ou mesmo da carreira. Neles os nomes de sexo feminino aparecían moi poucas veces, e cando o facían era case sempre coa condición de nai de. Pouco máis. Era algo que me resultaba curioso porque cando miraba ao meu redor vía unha clase composta maioritariamente por rapazas (estaba en letras e pasaba frecuentemente). Non parecía lóxico que a proporción de mulleres no pasado fose moi diferente á actual, así que as causas deste feito tiñan que estar noutra parte. Decidín buscar información, cambiar un pouco a perspectiva para encontrarlle sentido ao asunto e foi entón cando atopei a historia de tres mulleres que me resultaron cando menos peculiares e ilustradoras.

Cuestión de sexo: un interés contrastado. Helena de Céspedes

Unha delas é Helena de Céspedes que viviu durante o século XVII e foi a primeira muller cirurxiá en España. Chegou a desempeñar a profesión aos máis altos niveis da época dentro da corte real e do Escorial. A información que temos dela chegounos a través do auto redactado pola inquisición durante o seu axuizamento. O obxecto deste proceso non era outro que determinar o sexo de Helena, que por aquel entón estaba casada cunha muller, vestía coma un home e denominábase a si mesma Heleno.

Segundo ela, tras dar a luz ao seu único fillo xurdiu na súa entreperna un pene. Isto empuxouna a pensar que se trataba dun home e por iso empezou a vivir como tal[1]. A inquisición desestimou este feito tras unha inspección da súa zona xenital. Identificárona como muller e foi condenada a escarnio público e 200 azotes. Posteriormente foi confinada nunha institución médica e negaríaselle todo o rédito dos seus logros.

Non é o único caso de travestismo coñecido da época. O de Catalina de Eráuso chegou a nós mediante a súa propia biografía, e é que a súa vida era ben digna de protagonizar un libro. Fuxida do convento onde a internaran os seus pais, Catalina comezou a usar roupa de home dende a súa adolescencia. Sobreviviu durante anos ao máis puro estilo picaresco até que puido pór rumbo ao novo mundo na procura dunha vida mellor.

Alí traballaría ás ordes de distintos amos (a un dos cales sálvalle a vida no afundimento dun barco) e posteriormente iniciaría unha carreira militar asombrosa que a levaría até o cargo de alférez. Puido chegar a capitana, pero un malentendido co axustizamento dun xefe indio fixo que caese en desgraza[2]. A todo isto hai que sumarlle as súas numerosas conquistas amorosas e un sen fin de pelexas das que saíu vitoriosa ao longo dos anos (nunha delas chegou a matar a un dos seus irmáns debido a unha confusión[3]). A súa lenda sería incluso maior unha vez que confesou a súa condición de muller travestida.

Volvería a España coa axuda dun sacerdote e cunha pensión vitalicia do rei Felipe II polos seus méritos de guerra. E non só iso, visitou ao propio Papa que lle concedeu o tratamento de home para o resto da súa vida e aos ollos da historia.

Cuestión de sexo: un interés contrastado. Catalina de Erauso
Catalina de Erauso

Porén, o caso máis sorprendente é o de Estebanía. A súa figura sobreviviu grazas as Relacións topográficas de Felipe II onde se recollían feitos notables das localidades españolas. Neste volume cóntase que Estebanía era máis forte que os mozos da súa idade, máis rápida e máis habilidosa ca eles en todas as artes reservadas ao xénero masculino, destacando sobre todas elas o manexo da espada.

A súa fama precédea nunha viaxe que realiza a Granada. As autoridades da cidade andaluza non podían crer que as historias que se contaban de Estebanía puidesen ter como protagonista a unha muller. Por iso, nada máis ter constancia da súa presenza na cidade levárona á corte onde foi sometida a unha comprobación do seu sexo. As matronas determinaron que Estebanía era hermafrodita e déronlle a escoller entre seguir como muller ou comezar unha vida como home. Unha decisión fácil naquela época. Pasou a chamarse Esteban e iniciou unha escola de esgrima. Acadaría a condición de lenda ao vencer aos mellores homes de Carlos I nunha exhibición durante unha visita do rei á cidade.

A crónica de Estebanía remata cun apunte curioso de como no seu enterro dúas mulleres se despediron dela de dúas maneiras totalmente diferentes. Por un lado a súa nai que laiaba a perda dunha filla e por outro a súa muller que choraba a morte do seu marido.

Cuestión de sexo: un interés contrastado. Estebanía
Pelexa de mulleres, de José de Ribera. Non representa a Estebanía per se, senón a dúas mulleres loitando a espada.

Nos tres casos falamos dunha necesidade no cambio de identidade. O sexo como limiar entre o que se pode ou non pode facer. Heleno non podería ser cirurxián de continuar coa súa vida como Helena. Eráuso xamais sería aceptada no exército como Catalina e Estebanía nunca podería montar a escola de esgrima e forxar esa lenda como espadachín maxistral. A realidade é que existiron numerosas mulleres con capacidades máis que suficientes para aparecer nos libros de texto. O problema é que se eliminan da historia ou se minimiza a súa contribución de distintas formas como nos casos presentados. A Helena coa condena da inquisición e a Catalina e Estebanía co tratamento masculino na presentación dos seus logros.

As cousas cambian e hoxe observamos estas historias con curiosidade e sobre todo con incredulidade… pero o conto é que tampouco estamos tan lonxe desa normalidade como nos gustaría. O sexo como limiar nos privilexios da xente segue presente nos nosos días e cada vez con formas menos directas e máis complexas.

En España só un 19,4% dos cargos directivos están en mans de mulleres dentro das empresas que compoñen o IBEX35, segundo un estudo da Asociación Española de Ejecutivas y Consejeras (EJE&CON) e Atrevia do ano 2019. Unha situación que empeora a medida que o cargo ten maior relevancia. Un 23,5% nos consellos de administración (110 de 469 persoas) fronte ao 8,8% nas presidencias (3 de 34) ou do 3,7% dos conselleiros delegados (1 de 27). Non é a única diferenza entre homes e mulleres dentro do mundo laboral. Segundo a Fundación de Estudios de Economía Aplicada (FEDEA) a brecha salarial en postos de traballo similares situábase no ano 2018 nun 14,9% na remuneración mensual e aumenta até o 23% (20.051,58 euros fronte a 25.992,76 euros) se observamos as cifras anuais.

Non só o ámbito laboral se ve afectado pola discriminación no sexo. O documental de Netflix Filthy Rich (Aquerosamente Rico) pon de manifesto a realidade do acoso sexual e de como é tratado pola xustiza. Nel podemos contemplar como Jeffrey Epstein articulou un sistema piramidal de pederastia onde as vítimas foron silenciadas durante anos non só polo empresario estadounidense e as súas ameazas, senón tamén polo sistema xudicial que en varias ocasións desestimou as súas demandas ou, simplemente, mirou para outro lado. Non é necesario cruzar o Atlántico para atopar este tipo de condutas. Recordar como a vítima da manada foi difamada constantemente nas redes socias (nas cales mesmo se chegou a publicar a súa información persoal) e investigada por un detective privado para determinar se a súa vida se vira afectada polo suceso e, de non ser así, desacreditala[4]. Casos como o presentado por Miguel González no periódico El País (1 de Agosto de 2019) sobre o exercito español no cal dende 2015 existen 47 denuncias penais por acoso sexual e ningunha delas con resolución algunha distinta da absolución do acusado. Situacións como as acusacións actuais en torno ao 8M e as manifestacións feministas como propagadoras do virus da COVID-19 cando nese mesmo día se celebraron mitins políticos, partidos de fútbol, concertos e demais eventos sociais que congregaron, cando menos, ao mesmo número de xente. E por último o que posiblemente sexan os datos máis alarmantes, as cifras arredor da violencia de xénero.

Só durante o período de estado de alarma en España (14 de marzo a 15 de maio) un total de 18.700 mulleres foron atendidas mediante o número de teléfono especial dispoñible para estes casos ou mediante consultas vía correo electrónico, segundo Noemí López Trujillo para Newtral.es a 20 de Maio de 2020[5]. Anualmente de media son asasinadas máis de 60 mulleres en España dende que en 2003 se comezara a cuantificar o número de vítimas mortais, sendo a cifra superior a de 1000 mulleres que perderon a vida a mans das súas parellas ou exparellas (cifras de Virginia Martínez, Paula Casado para El País, 19 de Xuño de 2019).

Así pois, Helena de Céspedes hoxe pode que non fose internada nunha institución sanitaria, pero si sería normal que a increpasen pola rúa pola súa orientación sexual. Tamén o tería complicado para acadar altos rangos dentro dos equipos de cirurxía onde predomina o xénero masculino. É bastante probable que Catalina de Eráuso encontrase o mesmo problema no exercito xunto coa posibilidade de sufrir acoso sexual sen encontrar protección nas institucións encargadas de proporcionarlla. E no caso de Estebanía o máis seguro e que as súas capacidades fosen motivo de mofa e dúbida como o foron na súa época e, xunto coa totalidade do deporte feminino, relegada a un segundo plano tanto a nivel económico como social.

As cousas cambiaron… pero é necesario que cambien moito máis para acadar unha igualdade real entre mulleres e homes e que no futuro os libros de texto presenten unha historia moi diferente á que contan actualmente.

 

[1]Dentro da literatura da época existen numerosos casos recollidos en relacións como son os de María Pacheco, que trocaría en Manuel tralo xurdimento do pene, ou o de Magdalena Muñoz que incluso foi corroborado por autoridades eclesiásticas. Mercedes Alcalá Galán recolle ambos casos no seu estudio sobre O Andróxino de Francisco de Lugo y Dávila.

[2] Debido á morte do capitán do batallón Catalina asumiu o cargo de forma provisional e liderou aos seus compañeiros até a vitoria. O procedemento habitual era o axustizamento do xefe indio, porén, neste caso concreto, este tiña que ser apresado e interrogado polos altos cargos. Catalina carecía desta información.

[3] A pelexa transcorreu durante unha noite con forte brétema e Catalina só ía para axudar a un compañeiro. Non foi consciente de contra quen se enfrontaba até que era demasiado tarde.

[4] Esta proba retiraríase durante o xuízo como apunta a noticia de redacción do periódico La Vanguardia do 23 de Novembro de 2017.

[5] Cifra moi superior a do ano anterior (11.575) o cal nos mostra o perigo do confinamento en relación con este tipo de condutas.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí