“Deixa esta dor”. Estreamos en exclusiva o novo single de TULIP

Presentamos en exclusiva o terceiro adianto do disco debut dos vigueses Tulip, que se chamará "Estrelas no Chan". Primeiras luces do seu pop lixeiro e melancólico.

Presentamos en exclusiva o novo single de TULIP, a banda viguesa que está deixando cancións como faragullas agochadas no bosque. De perseguirdes estas estrelas no chan, atoparedes o seu pop lírico de reflexión, que se move entre o lixeiro e o melancólico.

Tulip nace da unión de Marta González (Wild Balbina) e Óscar Raña (Dois). En 2018 xa lanzaron un EP, masterizado por Xavier Alarcón, e co que gañaron o concurso nacional de maquetas organizado polo colectivo Autoplacer. Naquel momento formaban parte do proxecto Daniel Nicolás (Fantasmage) e Miguel Bianchi (Mvnich), este último técnico e produtor do que é o seu disco debut que está a piques de saír Estrelas no Chan. Hoxe xunto a Marta e Óscar forman parte de Tulip Brais Otero e Fiz García (Mundo Prestigio).

“Deixa esta dor” é a segunda canción deste primeiro LP Estrelas no Chan. A letra é unha asemblea de impresións cuxo núcleo é a insatisfacción crónica da nosa xeración, moitas veces ligado ás promesas incumpridas do noso presente, ás dificultades de todo tipo que chegan cando se crea un proxecto de vida; o medo a ser feliz … todo a isto co engado dun escenario, a cidade de Vigo (onde levan instalados toda a vida) e o seu estancamento estrutural.

Moito nos presta desde A que cheira, papá? poder ser lugar para a estrea deste novo adianto do disco. Se quedades con ganas de máis, Tulip xa presentou outros dous singles do que ha de vir, con Simpático e Espírito. Andade atentas porque “Estrelas no Chan” está xa moi preto, sairá cos seus dez temas o próximo 7 de abril.

Se queredes, podedes xa tamén facer a compra anticipada do seu disco aquí.

As fotos son de Lorena González.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí