Do caso que lle aconteceu ao Doutor Alveiros en Darkest Dungeon

Crónica das estrañas vivencias que lle aconteceron ao doutor Alveiros, o personaxe de Vicente Risco, dentro do videoxogo Darkest Dungeon.

Darkest Dungeon é un xogo de rol por quendas, un dungeon crawler de formato clásico onde tes que guiar a un grupo de aventureiros a través varios calabozos, intentando sobrevivir aos monstros que asexan na escuridade. En concreto Darkest Dungeon é famoso por unha alta dificultade e unha boa ambientación.

Con estes antecedentes, comecei partida.

Atopeime de súpeto convertido no alcalde da vila de Hamlet (quizais fundada polo incerto señor de Cunqueiro, atrevinme a pensar). Era a poboación máis próxima á mansión gótica da que parecían emanar todos os terrores que asolaban a comarca. Hamlet estaba destinada a ser a nosa pousada e punto de reunión, onde poderiamos descansar, equiparnos e prepararnos para a seguinte viaxe ás masmorras. Din unha volta pola vila que agora manexaba. Estaba todo en bastante mal estado: a igrexa semiderruída, o sanatorio apenas tiña equipo, onde o ferreiro non parecía haber ninguén, ata a taberna era un desastre. <<Terá que valer por agora>>, pensei para min. Ollei os heroes que tiña en nómina. Un cruzado e un pistoleiro que non pintaban moito mellor que o resto de Hamlet. No medio praza da vila había apostada unha dilixencia, onde aventureiros vagabundos se presentaban voluntarios para unirse á nosa causa. Entrei e observei os candidatos. De entre eles chamou a miña atención un home vestido de arriba abaixo cunha longa túnica escura e a cara agochada tras unha enorme máscara de nariz alongado. Un médico da peste. Coñecía aos da súa clase, mestres do veleno e as apócemas, capaces tamén de curar infeccións e enfermidades. Podería ser interesante unir un deses ao grupo, así que me acheguei a el e comezamos a falar. Cruzamos un par de frases, resultou que tamén era galego. Pregunteille o nome e quedei pampo ao saber que quen tiña diante non era un médico calquera. Era o mesmísimo doutor Alveiros!

Alveiros médico da peste

Quizais para vós o doutor Alveiros non sexa ninguén, pero é unha pequena celebridade do esoterismo galego. Eu sabía das súas andanzas polo famoso conto de Vicente Risco, Do caso que lle aconteceu ó doutor Alveiros, onde se contaban as estrañas relacións do médico cun estranxeiro que lle inquiría acerca do mellor método nigromántico para devolver unha momia exipcia á vida. Sen entrar en detalles da trama, o que quedaba claro naquela historia era que o doutor Alveiros era un verdadeiro experto no mundo do ocultismo e a alquimia. Botei un ollo ás súas estadísticas. Nivel 0 de determinación, o que indicaba pouca experiencia en combate. De feito o seu perfil insinuaba que era bastante torpe, así que non debía esperar un gran guerreiro. Para compensalo, aparecía como principal virtude unha gran firmeza de espírito, algo non que non me sorprendeu tendo en conta os seus antecedentes. Era material abondo co que comezar a traballar. Démonos a man e dinlle a benvida á nosa Compañía.

Os primeiros meses en Hamlet foron moi duros. Apenas había ouro nas arcas co que poder mercar equipamento ou mellores armas, pero as masmorras non mostraban ningunha piedade ante o feito de que aínda estabamos moi verdes. Internabámonos nos bosques e nas antigas ruínas nos arrredores de Hamlet buscando botín e algunha pista sobre a orixe da corrupción que o invadía todo, pero non atopabamos máis que terror e morte. Case non nos podiamos permitir nin tan sequera a comida coa que soportar as expedicións máis longas, ou os fachos para alumear os camiños polos que andabamos. O doutor Alveiros a miúdo queixábase amargamente de que se non levabamos antídotos ou vendas non había moito que puidese facer ante unha emerxencia, pero era a miña responsabilidade xestionar os recursos e tiñamos que cubrir as necesidades máis básicas. Varios aventureiros morreron nesas primeiras semanas, algúns pola simple fatalidade do mundo que nos rodeada, outros, admito, como consecuencia da miña cobiza, de querer ir sempre un pouco máis alá, rapinar algo máis, aprender algo máis. Houbo algún momento en que dubidei seriamente de se sería capaz de levar a vila e a Compañía adiante. Parecía que un golpe de especial mala sorte podería acabar cos poucos guerreiros que me quedaban e non tiña xa cartos como para pensar en volver a comezar de novo.

Había demasiadas frontes que atender como para poder arrancar ao Alveiros algo sobre os acontecementos que o levaran ata Hamlet. Proíame a curiosidade pero o doutor gardaba rigoroso silencio ante as miñas preguntas e algún asunto parecía sempre requirir a miña atención noutro lugar cando pensaba en insistir. Non foi ata a noite máis escura, na hora máis desesperada e no máis profundo da foresta cando de xeito inesperado decidiu contarme a súa historia. Recibíramos o encargo de colectar unhas raras herbas medicinais que só florecían no bosque de Hamlet. Escollín a tres compañeiros que me levar, entre eles ao Alveiros precisamente polos seus coñecementos médicos. Ía na primeira liña Malvallet, o home de armas máis resistente co que contabamos, unha mole de carne que debería ser un escudo para os demais. Porén, non levabamos apenas unhas horas no bosque cando pisou unha trampa, activando un aguillón que se lle cravou no pescozo. Aproveitando a confusión fomos emboscados por unha especie de fungos enormes con forma humana, que nos tentaban abrazar contra un peito feito de esporas. Conseguimos acabar con eles, pero Malvallet fora infectado polo aguillón e a enfermidade xunto ás feridas da batalla acabaron con el antes de que o doutor Alveiros puidese comezar un ritual de curación.

Aínda non conseguíramos nin a primeira planta e xa tiñamos un membro menos. O ambiente pedía a berros retirada, notei a ansiedade nos meus compañeiros, ata Alveiros parecía alterado detrás da súa máscara. Pero non podía ser. A recompensa polas herbas era demasiado suculenta e non nos podiamos permitir outra derrota se queriamos sobrevivir como Compañía. Ordenei seguir adiante. Camiñamos polo bosque que non parecía ter fin, atopamos unhas poucas herbas baixo un carballo apestado, pero non eran abondo. Tivemos algunha escaramuza con bandidos e bestas, e a pesar de que non resultaran especialmente complicadas, Dimas, o pistoleiro que agora lideraba o grupo, non o puido soportar e comezou a tolear. Dicía que escoitaba voces, que iamos morrer, que as bruxas da foresta comerían a nosa alma. Decidín facer un alto no camiño, montar campamento para pasar a noite e intentar recuperarnos. O doutor Alveiros levou a Dimas a unha tenda, sedouno e escribiu con cinza sobre a súa fronte dous estraños símbolos. <<Daranlle paz, a lo menos para durmir unhas horas>> díxome.

Arredor da lumieira só quedabamos Alveiros e máis eu, un compañeiro morto, o outro medio tolo e o bosque dos monstros ao noso redor. Sen lle preguntar eu nada, o doutor comezou a falar. Confesou que despois de todo o que lle acontecera coa momia do faraón exipcio intentara volver a Ourense e levar vida normal, pero que se lle fixera imposible. Desveloume que o propio Vicente Risco, cando lle contara todo o estraño caso, fora quen lle recomendara facer unha visita ao Oriente, pois alí podería aumentar os seus coñecementos de ocultismo e meditación, para comprender mellor os fenómenos aos que asistira e obter unha maior paz interior. Risco deulle a referencia dun bráhmana e foi a despedilo cando colleu o tren na estación de San Francisco. Da súa viaxe á India o doutor non me deu ningún detalle, pero descorreu unha manga da súa túnica negra para mostrarme no seu antebrazo a marca dun símbolo hindú, non sei se tatuaxe ou cicatriz. De volta a Europa, Alveiros decidiu continuar a súa formación en Berlín, onde se uniu aos herdeiros de Fausto. Foi alí onde tomou as roupas do médico da peste e ampliou a súa sabedoría na demonoloxía. Vicente Risco aproveitou a súa viaxe por Centroeuropa (relatada con detalle no seu libro Mitteleuropa) para reunirse de novo co seu vello amigo, e desde entón mantiñan unha relación epistolar. Alveiros sentiu que a vida rutineira da cidade se lle volvía facer insoportable e tras dicir adeus á irmandade decidiu botarse ao camiño, resolto a empregar no mundo as súas mestrías. Foi así como chegou a Hamlet, perseguindo a estela de maldade daquel esquecido lugar.

Libro que narra as vivencias do Doutor Fausto, famoso demonólogo
Risco e Alveiros diante do Reichstag en Berlín

A pesares da miña imprudencia, a foresta non nos devorou naquela expedición, Dimas recuperouse e conseguimos as herbas antes de volver. Foi dalgún xeito un punto de inflexión. Os cartos conseguiron activar os cimentos da vila e Hamlet comezou a florecer. O ferreiro forxaba armas mellores, unha tarotista instalou o seu local preto do concello e alí elaboraba talismáns e ídolos protectores, os propios aventureiros da Compañía adquirían experiencia e prestixio, e os nosos éxitos atraían mellores campións á dilixencia. Non me malinterpretedes, os masmorras seguían sendo terribles e aínda tiñamos que enterrar de vez en cando a algún valente, pero parecía que as dificultades, noutro tempo esmagadoras, eran agora só desafiantes.

Porén, a nova xuventude da vila cobrou o seu prezo no doutor Alveiros. Convertido xa na miña man dereita sen discusión, era case sempre un dos compañeiros elixidos para as expedicións, pois ningún outro curandeiro demostrara maior pericia que el. Ademais, era un dos poucos campións que levaba comigo desde o principio, e a súa capacidade e liderado inspiraba aos demais. A presión por estar á altura e a loita constante quebraron a súa resistencia, non me decatei de que o estaba levando ao límite. Nunha misión preto dos cantís, na zona que chamaban a Cala, rompeu na loucura, comezou a rir histérico e intentou matar a unha compañeira cazarrecompensas. Tivemos que reducilo entre varios.

Despois de aquel episodio recomendeille visitar ao párroco na nova igrexa que construiramos en Hamlet, pois noutras ocasións constatara que o rezo axudaba aos guerreiros a superar etapas escuras. Pero a relixión non era resposta para Alveiros, non despois das súas vivencias na India. Sen outra resposta, e antes de acudir ao bordel que lamentablemente existía en Hamlet, decidín levalo comigo ás partidas de cartas que botabamos na taberna, pensando que quizais o alcol e as risas da festa o animarían. Resultou ser peor o remedio que a enfermidade. O bo doutor ourensán botouse á bebida coa mesma escrupulosa perfección coa que facía calquera cousa, pechaba o bar cada noite e non atendía a razóns cando se lle intentaba botar. Caeu no alcolismo tan rápido que en apenas dúas semanas xa aparecía no seu perfil o atributo beodo, o que se traduciu en descenso da precisión en combate, menor capacidade de recuperación e desconfianza xeneralizada nos demais compañeiros cando tiña que realizar algunha intervención médica. Non podía permitirme levalo ás masmorras naquel estado.

Pasaron varias semanas, e cando comezaba a convencerme de que a situación non tiña remedio, viñéronme avisar de que na caravana de voluntarios aparecera outro home galego. Volvín quedar coa boca aberta cando me acheguei e ante min, gafas redondas, traxe fino e pernas cruzadas fumando unha pipa, agardaba non outro que Vicente Risco en carne e óso. Afirmaba ser ocultista (un dos roles admitidos) e estar interesado na nosa Compañía. As súas estadísticas eran baixísimas, moito máis que as de ningún outro aventureiro co que contásemos nese momento, pero sinxelamente non me atrevín a non contratalo.

Ningún dos dous mo chegou a confesar, pero sospeito que foi o propio Alveiros o que lle pediu ao escritor ourensán axuda por carta. Risco alegou que viñera a Hamlet porque escoitara historias terribles dunha maldade inhumana, e certamente pasou longas horas na biblioteca da vila, estudando grimorios e pistas que atoparamos nas expedicións, tomando notas e mesmo escribindo un pequeno ensaio explicativo que resultou esencial para poder entrar na mansión gótica onde moraba a cerna da escuridade. Tampouco resultou ser un mal ocultista nas poucas expedicións ás que o levei. Pero o seu verdadeiro obxecitvo era a outro. As reunións que mantiña en privado co doutor, que en ocasións duraban días enteiros, e o feito de que Alveiros deixara radicalmente o seu alcolismo, falaba por si só. Cando o doutor estivo recuperado, Risco desapareceu unha mañá, sen deixar máis que unha nota pedindo desculpas, pero que asuntos persoais o requirían de novo na Galiza.

Risco asiste ao doutor Alveiros na operación en plena misión dun compañeiro enfermo

Cos novos coñecementos que Risco aportara, e o doutor Alveiros en plena forma de novo, decidín adentrarme cos mellores compañeiros por fin na Darkest Dungeon, no interior da mansión gótica. Do que alí encontramos non darei noticia, porque aínda non comprendo a totalidade do que vivín, nin sei se o podería explicar con palabras. Baste dicir que foi incriblemente duro tanto para o corpo como para a mente, que foi necesaria toda a experiencia e as duras leccións aprendidas ata o momento, e aínda así estivemos a piques de morrer todos en múltiples ocasións e de mil maneiras terribles. Faleceu Danvers, a mellor arbesteira coa que contabamos, pero sobrevivimos os demais.

Só ao volver soubemos que aquela era a primeira de dúas misións que se debían levar a cabo na mansión para derrotar á corrupción. Mirei a aqueles valentes que volveran comigo do inferno e souben que non lles podía pedir de novo adentrarse naquel lugar. Un icono saía agora nos seus perfiles, indicando que pasaran aquela durísima proba. Non, tiña que adestrar a outros, algúns dos de segunda fila. E quen mellor que Alveiros, pensei, convertido agora nun mestre de nivel 6, asasino de homes, parasito da Cala, sempre en garda, para guiar na súa formación aos seguintes grandes heroes de Hamlet.

Escollín algúns dos que quería foguear, ao Alveiros, e marchamos cara a floresta, como tantas outras veces. Despois de cada pelexa quedaba con el a soas e comentabamos cales prometían máis, ou intentabamos prever cales serían as habilidades máis necesarias na batalla final. Despois dun par de días patrullando os bosques, volviamos xa de novo a Hamlet cando unha manda de lobos caeu sobre nós. Atacaron máis rápido do normal, golpearon máis forte, impacto crítico, todos sobre Alveiros. Desgarráronlle o pescozo e morreu cunha hemorraxia sen que puidese facer nada para evitalo. Enterrámolo ao día seguinte no cemiterio de Hamlet.

Non volvín xogar ao Darkest Dungeon desde que Alveiros morreu. Non me vexo capaz. Sei que a vila funciona ben, pero tamén que ata que volva e derrotemos ao que se agocha baixo a mansión, non haberá paz posible. O final agarda por min, pero non sei se poderei facelo sen o bo doutor. Este artigo, que levaba preparando desde que o meu amigo ourensán apareceu na dilixencia, estiven a piques de borralo e esquecelo, porque non me tiña sentido que o final fose unha morte absurda e incomprensible contra uns inimigos anónimos. Non despois de todo o que pasaramos xuntos. Pero alí está a tumba de Alveiros, solitaria no camposanto de Hamlet, coas honras do maior campión que deu a nosa Compañía. Esperando que o vinguemos. Que rematemos a tarefa. Que carallo, polo Alveiros!

Con estes antecedentes, retomei partida.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

2 COMENTARIOS

  1. Sinxelamente é unha das mellores marabilla que lin en moito tempo. Moitísimas grazas polo tal relato, fixo que volvese a xogar ao condenado xogo e dende logo deume un agasallo inesperado para este Samaín.
    Un saúdo¡

    • A verdade é que o xogo ten a capacidade de facer imaxinar e entrar no seu mundo para moldealo, vale moito a pena a pesares do que te maltrata as veces XD.
      Canto me alegro de que che gustase o texto Carlos. Sempre anima saber que a un o le alguén e aínda mais se lle gusta o que le.
      Apertas!

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí