É urxente que a xente deixe de nacer no nº21 da rúa da Paz de Ourense

Risco e Otero naceron parece con parede na mesma casa na rúa da Paz de Ourense, desde a que podemos albiscar algunhas claves da xeración Nós.

É moi coñecida a cita de Risco “Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: Galicia é un mundo… Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade, é tan grande como queiras, e dende logo máis grande de como ti a ves.” Somos conscientes de que o país garda dentro mil historias, pero non ten tampouco tantas hectáreas de extensión. Danse así algunhas casualidades que, sendo estatisticamente probables, non deixan por iso de ter certo resaibo máxico.

A casa no nº21 da rúa da Paz de Ourense
A casa en cuestión

No número 21 da rúa da Paz de Ourense naceron Vicente Risco e Otero Pedrayo. Literalmente un no primeiro andar e outro no segundo. É un edificio normal, sen nada que o diferencie dos veciños, todo casas dun par de plantas ben pegadas e apiñadas na típica rúa estreitiña de cidade vella, ergueitas coa pedra opalina coa que Ourense parece agromar da terra xunto ao Miño. Se tiveses suficiente audacia para coarte no portal e asomares polas fiestras (o piso de Risco ten uns balcóns diminutos), poderías ver os carteis do Teatro Principal de Ourense, que xa levaba alí posto case 60 anos cando Otero apareceu no mundo. Xa que entraches sen permiso deberías aproveitar a visita, mirar devagar e fixarte nos detalles. Ao fondo, tamén desde a fiestra, enxergarías a torre alta da Catedral de Ourense coa que topas de golpe xusto no remate da rúa. Desde que a levantaron, a catedral tivo que agardar uns cantos séculos máis ata que chegou a xeración Nós.

Apoiados os cóbados no ferro pintado de branco do balcón, se cadra agochado polo manto dunha noite con lúa grande en Ourense, terías nun mesmo encadre case todas as coordenadas da vida destes dous homes. No fondo da imaxe, a ominosa catedral de San Martiño aleitou dous homes conservadores e profundamente relixiosos, que nunca puideron pensar a identidade galega sen a peneira do catolicismo. Non en balde recordamos este ano as peregrinacións que fixeron a xente de Nós a outros templos galegos, ata a catedral compostelana ou á ermida de Santo André de Teixido. Ah, mais no primeiro plano escintilan as bandeiras do teatro. Non podemos entender a Otero e a Risco tampouco sen poñer nun primeiro plano a amor pola arte, unha vida marcada pola palabra, escrita e declamada, unha intención tamén de xunguir o culto e o popular: nada simboliza esta vontade mellor que o teatro. Quero imaxinar día de función e a rúa a rebordar de espectadores nos seráns en que naceron os dous. Quizais na ópera deses días mesturouse o voz potente dos actores cos berros do parto na casa.

Vistas desde a casa no nº21 da rúa da Paz de Ourense

Vaia, foi falarmos de berros e ti escoitaches un ruído raro desde o interior do edificio. Se cadra alguén descubriu a túa intrusión? Non o recomendo, pero quizais neste momento de emerxencia poderías descolgarte polo balcón e cun pequeno salto caer de novo á rúa para escapar sen ser visto. Se colles para a esquerda e subes apenas 10 metros pola rúa de San Miguel, atoparías o bar Barallete, que está posto alí para servir de agocho no teu apuro, e de encantadora metáfora para esta explicación. Non é un bar histórico, non estaba nesa rúa cando Risco e Otero naceron, nin sequera cando instalaron o cine no Teatro Principal en 1915. Pero parece acaído parar un anaco a descansar nun bar recordando a Xeración Nós. A fin de contas eran iso, unha xeración, unha comunidade que tendeu pontes por todo o país para pensarse a si mesma. A tertulia de café, os debates nos viños, articularon todo iso. Ademais, o bar Barallete ten outro encanto no seu nome. O barallete era a lingua secreta dos afiadores de Ourense, a xiria que empregaban entre eles para que non lles entendesen os non iniciados. Un pouco como o galego, verdade? A fala secreta do pobo, coa que non se podía facer alta cultura, unha rareza, nin unha lingua en realidade… ata que Risco, Otero e os compañeiros decidiron que non ía ser máis así.

Toda esta escena está transcrita nun subxuntivo de hipótese delituosa, porque os pisos do número 21 da rúa da Paz de Ourense non están abertos ao público. Non é que non formen un museo, é que nin tan sequera se poden visitar. Houbo na última década certos movementos neste senso por parte dalgúns colectivos, pero que non puideron alcanzar o seu obxectivo, unha mágoa sobre todo pensando que este 2020, aínda que ben raro, era a efeméride perfecta para abrir os balcóns da rúa da Paz.

A praza do ferro desd a casa no nº21 da rúa da Paz de Ourense

Por todo isto é urxente que a xente deixe de nacer no número 21 da rúa da Paz de Ourense. O primeiro e o segundo xa están collidos e aínda podemos soportar a presión, pero se outra escritora ou artista tivese a mala intención de vir a este mundo eu que sei, no faiado, ou se cadra nun probador da zapatería que hoxe ocupa o baixo, probablemente non teríamos máis remedio que converter todo o edificio nun centro cultural e museo destacado onde recordar a xeración Nós e se cadra falar das culturas do mundo desde o centro do Ourense. E ninguén de nós quere iso, verdade?

Que Risco e Otero nacesen no mesmo edificio é unha desas casualidades marabillosas das que en Galicia temos un par. Penso nesa rúa de Celanova onde case parede con parede naceron tamén Curros Enríquez e Celso Emilio Ferreiro. Recórdanme as constelacións. Estrelas no firmamento, xuntas apenas por casualidade, mais que coa nosa mirada imaxinativa de homo sapiens se converteron en animais, personaxes, horóscopos e vai ti saber. Pois nisto un pouco igual. Se te asomas á fiestra da casa na rúa da Paz podes ver toda a constelación do que puido ser Galicia nos anos 20 e ir unindo puntos. Hai que lle botar un pouco de imaxinación, mais as pistas están agardando por ti.

Membros do Seminario de Estudos Galegos nunha foto durante unha excursión de estudos na comarca do Deza en 1930.

 

As fotos de Ourense foron tiradas por Camilo Guede.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

2 COMENTARIOS

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí