Elliott Smith e o touro Ferdinando. Tatuarse unha figura non tan triste

Por que Elliott Smith tiña tatuado un touro no brazo? Ferdinando só quería ulir as rosas. Reflexións sobre o legado musical dun músico non tan triste.

Na miña casa o tema dos regalos polo Nadal segue aínda moi vixente a día de hoxe. Tal é o caso que a miña nai, máis ou menos a finais de novembro, pídeme que faga unha lista de cousas nas que podería estar interesado, para poder logo ela elixir sen medo a equivocarse. Na de este ano había un apartado concreto formado por nomes de grupos ou músicos dos que me gustaría ter unha camiseta. Entre eses nomes atopábase o de Elliott Smith, un dos meus músicos favoritos. A súa camiseta caeu, e a miña cara de estupefacción ao vela tivo que ser tremenda, pois… non a entendía. Que estás a dicir, como é posible non entender unha camiseta? Pois iso, que non a entendía, só dúas cosas aparecían nela: o nome do artista e enriba… un touro.

Un touro! Que relación podían ter Elliott Smith e os touros? Pensei nas portadas dos seus discos, nada. Cancións? Tampouco! De onde podía xurdir unha relación tan forte entre o músico e o animal como para plasmala nunha camiseta se non era da música? Comezou así unha procura de relacións inesperadas.

Elliott Smith e o touro Ferdinando. Dúas figuras non tan tristes

Non calquera touro. O touro Ferdinando

A primeira pista era a do deseño do touro, que non era un debuxo calquera senón o dun personaxe moi concreto, o touro Ferdinando. O conto de Ferdinando, aparecido no ano 1936, é a obra máis coñecida de Munro Leaf. Trátase dunha historia infantil en que coñecemos un touro algo distinto, cunha personalidade singular. Xa de novo non goza das afeccións habituais dentro da súa especie: en vez de estar a chocar cos outros touros, prefire quedarse sentado debaixo das árbores; mentres os seus compañeiros soñan coas corridas, el prefire quedarse a ulir as flores do campo. A súa nai nun principio preocúpase e trata de convencelo para que xogue cos demais, pero tras ver que é feliz desa maneira, queda tranquila.

O tempo pasa e Ferdinando crece, converténdose no touro máis grande e forte da zona, pero a súa actitude pacífica e contemplativa segue a ser a mesma. Todo continúa igual ata que un día chegan ao campo cinco homes co obxectivo de escoller un touro ao que levar a Madrid para participar nas “pelexas”. Ferdinando, que nese momento está a ulir as flores, séntase accidentalmente nunha abella. A causa da dor, corre como un tolo polo campo, levando por diante todo o que atopa e mostrando accidentalmente as súas auténticas habilidades. Pensando que esa é a súa natureza habitual, os homes danlle o nome de Fernando o feroz e o levan con eles.

O día da corrida de touros chega e a expectación é máxima por ver a “loita” entre o matador do momento e o temido Ferdinando. Mais ao saír á praza, o noso protagonista queda embelesado polas flores que hai no cabelo das mulleres do público e decide deitarse no medio da area para desfrutar delas, ignorando todas as provocacións coas que intentan facerlle partícipe da batalla. Ante a decepción xeral, Ferdinando é enviado de volta ao seu prado, onde continúa, feliz, coa súa vida contemplativa dedicada a ulir as flores.

 

Elliott Smith e Ferdinando

Se un se fixa na portada do disco Either/Or de Elliott e, para ser máis específicos, bota un ollo á parte superior do seu brazo dereito na mesma, atopará un touro tatuado. Exacto, aí está Ferdinando. Tal e como aparece na portada do libro orixinal de Munro Leaf.

Elliott Smith e o touro Ferdinando. Dúas figuras non tan tristes

Sentíase Elliott identificado con este touro solitario e sensible, que o único que quería era sentarse baixo un carballo mentres os seus compañeiros andaban a pelexar entre eles? Pois nada mellor que o propio músico como fonte, xa que o artista falou en varias ocasións acerca do tema en vida, que aparecen ás veces mesmo como contraditorias.

Así, por exemplo, nunha entrevista do ano 1999 con Renaud Monfourny, Elliott comenta o seguinte acerca da súa tatuaxe: “É Ferdinando, o personaxe dunha historia infantil. É o único touro ao que lle gusta ulir as flores, e cando o matador vai ao campo para escoller ás bestas de combate máis violentas, reparan nel. O pobre animal acaba de ser picado por unha abella mentres ulía unha flor e salta en todas as direccións. Así que o escollen para a corrida, porque todo o mundo pensa que é o máis brutal. Pero dende o comezo do combate, os espectadores tiran flores á area e el agáchase para ulilas. Non se decata de que, supostamente, ten que tourear. Decepcionado, o matador devólveo ao campo, onde se vai facendo maior, vivindo feliz, entre as flores. A xente pensa que é tonto, pero logrou escapar dunha morte segura. Considérano un fracasado por negarse a pelexar, pero eu sei que non é certo. Quere vivir fora do sistema. Identifícome moito con Ferdinando”.

Porén, falando con Matt Dornan un ano antes, en 1998, réstalle importancia: “Só quería un touro no meu brazo. Era entre este e o touro do licor de malta Schlitz. Grazas a Deus que teño este”.

Nese mesmo ano ten unha entrevista coa MTV en que é preguntado tamén acerca do tema, ao que responde comezando a contar a historia, “é un touro que non quere ir ás corridas de touros, pero finalmente vai…”, cando ía continuar co relato, vese cortado polo entrevistador. A cara de Elliott é todo un poema e a incomodidade pola que pasa nese momento faise más que obvia. Quizais a entrevista con Dornan (da que non conseguín achar a data específica na que aconteceu) é posterior á da MTV e nela limítase a restarlle importancia á tatuaxe por medo a que a historia non sexa do interese da xente tralo acontecido recentemente?

No ano 2000, Elliott ten unha nova entrevista con Renaud Monfourny e aparece o tema da literatura. Renaud di que Ferdinando é “un dos heroes” das lecturas xuvenís de Elliott, algo que o músico non nega en ningún momento.

Atendendo a estas conversas, parece máis que evidente que Elliott coñecía ben a historia de Ferdinando e había algo nela que o chamaba e co que se sentía o suficientemente identificado como para plasmar ao personaxe na súa pel.

Esta relación parece verse confirmada por persoas próximas ao músico. E.V. Day, que estivo saíndo durante un tempo con Elliott, víao desta maneira: “Ao principio non o entendía, pero finalmente si. É como… tes a este touro, enorme, que non quere pelexar e prefire sentarse a ulir as flores, rexeitando a súa condición de touro grande. Elliott era pequeno, pero xigante na súa arte e na súa música. A súa obra musical é orquestral. Temos a este precioso home pequeno que fixo da súa música una gran visión romántica, e a súa grandeza, penso eu, está no talento que tiña no seu interior, na súa visión interior. Penso que nalgún punto decatouse de que era unha persoa grande en moitos sentidos: a súa moral, os seus ideais, pero tamén esas expectativas, esa morea de cousas que nunca podería chegar a cumprir, e que se atopaban no fondo. Penso que é gracioso pensar nel como nese gran touro.”

O punto de inflexión. Os Oscar e a praza de touros

Abonda saber un pouco acerca da vida de Elliott para imaxinar o motivo polo que se sentía identificado con Ferdinando, ata o punto de chegar a facerse a tatuaxe. A fábula do animal resume á perfección a chegada do músico á fama, en especial a súa participación nos Oscar, que ben poderíamos comparar coa aparición de Ferdinando na praza de touros.

A canción de Elliott na BSO de “Good Will Hunting” era candidata a gañar un Oscar en 1998. Unha serie de presións desde a discográfica obrigárono a tocar o tema na gala dos premios, a pesares das súas reticencias. Xa o feito de pensar en Elliott Smith nunha gala dos Oscar non remata de ter demasiado sentido. Basta ver o vídeo para confirmalo: como se estivese fóra de lugar, as imaxes pártenlle a un a alma. Semella ser nese momento o ser máis solitario do planeta. Para moita xente esta actuación marcou un punto de inflexión na carreira do músico, desde o que comezou a súa caída máis dura.

Acerca desta actuación, tamén falando con Renaud Monfourny, Elliott comentou: “O día da entrega dos Oscar non podía concibir que fora de min de quen estaban a falar en termos tan eloxiosos. Nunca podería pertencer a ese ambiente, foi unha experiencia irreal. Sentíame como o  último monstro de moda. Foi como un estrañísimo viaxe de ácido”.

De atoparse en lugares que non lle parecen corresponder a un vai o asunto.

Elliott sempre desconfiou da industria musical e, ao igual que Ferdinando, rexeitou a fama e a fortuna co único desexo de volver ao campo coas súas flores. Todo parece indicar que se esa imaxe está no seu brazo é pola solidariedade que o músico sentía co touro, considerado un fracasado por non facer o que se espera del. Non deixa de ser unha metáfora terrible acerca dunha industria musical que non deixaba de exixirlle máis, algo ante o que el resistiu todo o que puido ata chegar ao límite.

Para Joanna Bolme, integrante de grupos como Quasi ou Stephen Malkmus & The Jicks e quen tamén mantivo unha relación con Elliott, os auténticos problemas comezaron con XO, o seu primeiro álbum gravado nunha gran discográfica: “Non tivo que volver a facer cousas nunca máis. Xa non tiña que ir á tenda a por lambetadas, ou facer a súa propia comida, nin falar co seu representante; alguén máis podía facer todo iso por el. Elliott atopouse con todo ese tempo libre, só, e coa posibilidade de refuxiarse na súa propia mente, e había moitos puntos escuros alí”.

Unha figura non tan triste

A contradición entre como estaba a medrar a súa fama e a vida tranquila que quería levar “fóra do sistema” non lle pasaría por alto a Elliott. Volvendo á conversa con Renaud Monfourny unha vez máis, este preguntoulle como podía gravar para un xigante como DreamWorks e, ao mesmo tempo, ter “tan pouca ambición”. O músico respondería que “nunca lle mandei un cassette a ningún selo discográfico, e o feito de que as miñas cancións sexan distribuídas agora en todo o mundo non cambia nada para min. Sigo facendo as miñas cancións, que non se preocupan demasiado por quen as vende. A miña única satisfacción é non ter que volver a traballar máis en obras de construción. E ao mesmo tempo sinto un pouco de vergoña, pois sei que non merezo vivir da miña música. Xa tiven o mesmo problema de conciencia cando o meu grupo anterior, Heatmiser, firmou, contra a miña vontade, cun gran selo discográfico.”

Renaud, con todo, comete neste punto un erro, na miña opinión: confunde querer vivir fóra das esixencias da industria con falta de ambición. Isto pasou tamén coa propia figura de Elliott e a súa música, coa xente mesturando o feito de ser unha persoa solitaria e sensible, que non segue o que fan os demais, cunha certa tristeza e melancolía que asociaron de forma permanente tanto a súa figura como a súa obra.

Son moitos os que consideran que as cancións de Elliott Smith son especialmente tristes. E supoño que a forma en que rematou a súa vida non axuda moito a contradicir esa concepción. Mais tanto o propio músico como os seus achegados pensan que non é esta a idea coa que a xente ten que quedar. Nickolas Rossi, director de Heaven Adores You, documental sobre a figura do músico, declarou que “Elliott sentiríase desconsolado se soubese que a xente simplemente o considera un tipo triste, porque esa era unha parte moi pequena de quen era el”.

O propio artista falou deste tema en varias ocasións. Nunha entrevista coa revista Spin comentou: “Non me sinto máis triste que calquera outra persoa. Estou feliz durante un rato, e despois non o estou”. Respondendo ás preguntas dos fans a través da páxina de NME no ano 2000: “Non estou ‘tan triste’. Non definiría a miña música como depresiva, aínda que si hai algo de tristeza nela. Ten que haber certa cantidade de escuridade nas miñas cancións para que os momentos de felicidade collan máis importancia. Polo simple feito de non estar a cantar sobre sexo ou deporte non teño que estar triste”.

Os seus achegados insisten en que, ao seu redor, os momentos bonitos eran habituais. Non caen nesa figura do triste cantautor.

Autumn De Wilde, amiga de Elliott e responsable de moitas das súas fotos máis coñecidas, di que “Elliott non andaba por aí como un chico triste. Foi alguén rudo, cun temperamento forte, que adoitaba escribir cancións devastadoras. Era un loitador. Quero que a xente lembre iso”. Nesa mesma liña de dor e resistencia vai J.J. Gonson, quen foi a representante de Heatmiser: “Conseguía cantarlle como ninguén á dor. E, aínda que soe contraditorio, á esperanza”.

Que Elliott, sendo cativo, atopase un punto de referencia en Ferdinando non é de estrañar. Os dous son figuras solitarias e sensibles, vistas como distintas polos demais, pero sen que isto signifique unha tristeza implícita. Ferdinando vive feliz, a pesares do ca súa nai pensa ao principio; Elliott tamén, e así o vemos tanto nas súas propias declaracións como nas das persoas próximas a el.

Pode haber tempos duros, como os de Ferdinando sendo levado á praza de touros, ou os de Elliott trala publicación de XO, a gala dos Oscar e esa difícil etapa pola que pasou coincidindo co seu período de máis éxito. Pero o que ao final ten que prevalecer é o bo. É con iso co que temos que quedar.

No momento da súa morte, tras pasar por rehabilitación, Elliott estaba por completo libre de drogas, a excepción dos medicamentos legais que tiña prescritos. E todo o mundo parece coincidir en que se atopaba nunha boa época, feliz, volvendo a retomar antigas amizades que quedaran atrás e emocionado cun novo estudo de gravación e proxecto musical. No tema de como aconteceu esa morte non imos a entrar aquí, pois sería máis que suficiente por si mesmo para facer outro texto enteiro.

Quedemos cos bos momentos. O único que Elliott quería, igual que Ferdinando, era sentarse baixo súa árbore, apreciando as cousas fermosas deste mundo, tranquilo coa súa música, libre da submisión a presións externas. Parece que, aínda que durase pouco, no derradeiro tramo do seu paso por este mundo foi así.

Descansa en paz, Elliott.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí