Est-ce que les esprits reviennent?

Un conto de pantasmas e espíritos, das antigas artes que tratan con eles e o escuro destino que agarda polos homes. Un relato de terror con sabor clásico.

A columna ten un burato.

¿Non podes ver á Raíña dos Mortos?

George Seferis

 

Extracto do artigo Acaso volven os espíritos?
de Monsieur Pierre Loup para L´Illustration.

Jacques Rondó convocárame por carta para solicitar os meus servizos polo ben da casa e no nome de Rondó, baixo a premisa dun pago moderadamente substancial. Fora hai uns anos, cando aínda non me asentara na capital e só tiña unha muda limpa no armario, que sobrevivía grazas aos tunantes que me contrataban, así que recibín fachendoso a calquera que coñecese o meu nome e, sen ter suficiente para o tren, agardei o mellor que puiden no mercado algún carro que se acercase á zona que se me indicaba no remite do sobre, que gardaba contra o peito cos nervios de quen non tivo oportunidade de ver en persoa as ilustracións dos seus libros.

Terminei empregando todo o día en chegar ata aquela zona perdida dos camiños, á que só me puido acercar un silencioso leñador cando lle pedín pola casa dos Rondó. Despois de recorrer un bosque que ben merecía o nome de lagoa, lixeiramente seca, puiden ver que apoiada contra un pequeno outeiro xacía unha pequena construción con tellado e dúas ventás. Non resaltarei que as miñas ideas dunha antiga familia atormentada cos petos cheos afundiron no barro máis que as miñas botas.

A escena no seu conxunto transmitía unha sensación de derrota que non era capaz de ignorar. A herba gris caia sobre a terra, branda, como se o barro que agarrara as follas secase arredor e non as deixase crecer máis, atrofiándoas nunha especie de xuncos deitados e febles. A casa tampouco invitaba a entrar, con muros finos e, pola impresión que daba dende alí, arrincada sen forza do campo. A porta estaba aberta e dende a escura entrada un home, coa cara enmarcada nunha barba recortada de pelo gris que recordaba a un vello cadeado, acenábame insistente. Na carta pedírame chegar xusto despois do mediodía e xa pasaba das sete.

Cando cheguei a dous pasos del, a luz prendeu nunha das habitacións, e antes de que puidese abrir a boca apareceron dous rapaces laretando polo corredor e o home quedou coa palabra na boca, pero tampouco mirou para eles. Pareceu mirar algún punto indefinido do camiño que eu deixara atrás para despois falar por primeira vez e preguntarlles se xa chegara a nai. Eles sorriron e asentiron. Pareceume daquela escoitarlle suspirar moi profundamente. Apertoume a man que levaba un anaco ofrecéndolle, incómodo. Como se lle falase a outra persoa que alí non se atopaba, dixo que teríamos que facelo despois de cear, que pasase e comese, pero que debería ter chegado moito antes.

Eu recordo como deixei o abrigo mentres lle pedía desculpas, dócil e servil, pois era o primeiro traballo que non me encomendaba o encargado dun carro cheo de leóns e bailarinas. Acomodoume nunha pequena mesa e foi buscar máis cadeiras. Eu quedei calado coma un parvo, sen saber onde meterme, e só o podía observar o ir e vir dos cativos, que ían traendo xoguetes e pratos que lles daba a nai a partes iguais.

Jacques entón chamoume un segundo fóra e faloume apresurado, pero co trato cordial dun pai de familia que deixaba entrever na carta e non coma o mudo campesiño que semellara cando me vira chegar. Explicoume que a casa, incluso a rexión enteira estaban cheas de pantasmas. Xesticulaba exaxeradamente mentres narraba como, ao marcharen os outro pescadores da zona, reuníanse polas noites cerca da cabana e non lle deixaban conciliar o sono dende había meses. Rogábame entón que lle axudase a expulsalos, pois era testemuña por unha das miñas actuacións no circo das habilidades que posuía para tratar co alén.

Pasoume pola cabeza suxerirlle que se trasladasen, pero din pechado a boca a tempo. Se xa pensara eu na escasa hora que levaba alí cantas veces o tería valorado el. Agardei coas mans nos petos a que acontecese algo que el parecía estar a esperar alí fora. Non nos movemos ata que escoitamos o ruído metálico e pequeno dos cubertos arrimándose á mesa dentro da casa. Daquela invitoume a volver a entrar, mentres me asubiaba que os nenos eran moi sensibles a eses contos, así que prefería que non mencionase nada ata ter acabado de cear.

Na mesa só atopei chantados catro pratos dun caldo líquido e incoloro. Case cuspín a primeira culler que botei á boca. Era como intentar tragar un puñado de sal. Disimulei o mellor que puiden e intentei buscar coa mirada ao anfitrión, pero non a levantaba do prato. A muller si que tiña a cabeza erguida, e debatíase entre mirar para el ou a ventá. Os nenos xogaban entre eles. Recuperei toda a educación que deixara en París e ignorei o arder da boca. Como se me escoitase pensar, Jacques ergueuse e tornou cunha grosa botella de viño, da que me serviu unha abundante copa, e tras esa, outra máis, sen brindar e calados. Quixo botar unha terceira que non lle aceptei cando me din conta de que o resto da familia quedara fitando para min coma morcegos, sen mover nin un músculo.

El si que se serviu outra copa e por primeira vez ollou cara a súa muller, da que non oirá saír palabra en toda a noite. Tampouco parecía mover nin un centímetro do corpo sobre a cadeira, e o único sinal de vida pola súa parte viña das gotas que lle esvaraban ás veces dos beizos. Sería o único ruído que se oía na casa de non ser, para o meu ben, polos risos que deixaban saír os fillos entre bromas e xogos. Estes agudos píos facían que o home, mentres despexaba a mesa, botase man á copa, volvéndoa deixar un grolo despois sobre a madeira, baleira.

Tomei a seguinte media hora, que transcorreu sen ningunha pena máis, como unha invitación a comezar o traballo para o que se me contratara ao fin e ao cabo. Así pois, baixo a mirada que xa tiña algúns tons vermellos do pescador, esa mirada que sorprende as mozas recen casadas, e da que non falan as avoas,  comecei a estender debuxos de xiz, panos e velas por toda a estancia. Non se moveron. Só Jacques fixo ademán de axudarme, pero acabei antes de que se decidise a erguer unha man. Non lles podo contar moito sobre o escenario, non había máis que a preparación clásica dun destes casos. Deben saber que para traspasar a fronteira son necesarios certos símbolos que serven de salvocondutos. Calquera de nós pode entrar, e é igual de fácil que eles cheguen aquí, se teñen os motivos para facelo. O que nos diferencia aos místicos é que debemos volver de alí, normalmente cunha mensaxe, así que non vale con entrar por unha fenda rápida e segura. Debemos afundir profundo para atopalos. Non é un traballo seguro, iso dende logo, pero é o deber de certa xente que dende o nacemento ten unha sensación de familiaridade co outro mundo. Unha sensación que provén, ao meu parecer, dunha experiencia previa á vida. Persoalmente penso que todos xa estivemos alí, hai moitísimos anos. Por iso podemos guiarnos coma ninguén por aquel mundo sen lanternas nin camiños. Desta forma podemos ver todo o mortal como unha estación, e non un final sagrado. Nós, que se nos coidamos alí daqueles maliciosos estaremos seguros, debemos mediar nos problemas dos vivos máis alá.

Atendendo a este deber, aquela noite non foi distinta ás outras. Érame descoñecida a sensación de percibir o meu redor uns segundos retardado, seguramente por culpa do viño. Notei de esguello como a muller, da que nin o nome souben algunha vez, miraba para o seu home cos ollos cheos de significado, aínda que non souben precisar este, e, sen delatarme, espiei os cambios na súa face mentres collía os fillos das mans e sentaba á mesa. Este último detalle é sobre o que menos se fala. Non serve para que os demais poidan experimentar a viaxe, ou nos protexan facendo de fieis testemuñas. A súa finalidade é contaxiarnos do seu sangue. Levar un fío familiar que nos guíe ata os que habitan aló, a aqueles máis achegados aos membros do círculo, e dende alí temos que comezar a rebuscar polo seu pedido.

Comecei a concentrarme pechando os ollos. Sentín unha vertixe crecente no nacemento da caluga. Érame una sensación coñecida. A alma que se precipitaba ao coller velocidade, caendo. A día de hoxe non sei se pode coller outro camiño. Sempre me tocou abaixo nos meus traballos, nunca tiven que subir. Dubido que a miña profesión me leve alí, se existe. Os problemas sempre están abaixo. Tiven un ultimo recordo mentres partía do meu corpo, levando comigo o espírito e a memoria. Foi un arrepío na miña man, como se algo xeado ou empapado a tocase. Tratei de recordar en que orde nos sentaramos, pero xa estaba demasiado lonxe de todo aquilo.

Volvín a ser consciente de min mesmo nunha especie de camiño cuberto de madeiras. So podía ver un par de pasos por diante miña, grazas a tenue luz que desprendía o meu corpo. Este é un factor que tamén serve ao profesional de alarma. É común que nos primeiros viaxes o corpo do médium desprenda tanta luz e consiga atoparse tan esperto que non lle custe nada recorrer quilómetros daquela negrura sen final, pero co tempo e se un é descoidado, o corpo vai perdendo os folgos, adormece o brillo e cada vez que remata un traballo non e capaz máis que de recordar fragmentos descontinuos deste. Moitos dos meus compañeiros desvanécense nos rituais e non volven en si porque esgotan toda forza e non son capaces de atopar o camiño de volta. Entón quero pensar que non queda outra cousa que durmir e deixar de ser. Aquela noite eu era novo, e o meu corpo era capaz de arrastrar un resplandor cor platino a máis de dez pasos que me resaltou unha luz ao lonxe, verde e diminuta.

As distancias alí tamén son estrañas. Basta con ver o lugar para poder chegar. No meu caso, antes de ter a oportunidade de imaxinar a orixe daquel sinal esmeralda aparecín a dous pasos del. Vin dous homes fronte unha fogueira, pero as chamas non eran da cor do lume e alí non había vivos que quentar. Unicamente iluminaba unha escena chea de ferramentas e cordeis que semellaban apropiados para a pesca, sobre os que estaban sentados aqueles dous. Choraban sen darse conta da miña presenza, coma nenos. Goteiras espesas corríanlle vergoñentas polas fazulas e o nariz mentres se abrazaban as costas e tremelaban. Non eran os que viña a buscar. Aqueles non se movían nin me escoitaban, como fan todos os que teñen atravesado algunha vez a fenda.

Chamáronme a atención uns pasos ás miña costas. Xa comezaban a chegar os outros que habitaban a zona. Sempre era igual. Algúns non te poden ver, pero os que si, tamén senten a túa calor, pois aínda non arrefriaches como o debe facer todo aló. Non saben como facelo, pero achéganse e camiñan ao teu lado, imaxinando en silencio algunha forma de sacarcho das tripas.

O primeiro en chegar foi un mozo cunha bolsa aos ombreiros. A esta traspasábaa unha substancia que recordaba ao pegañento da brea e tiña a cor da graxa animal. O rapaz camiñaba mirando para os pés. Cada pouco descargaba esa especie de mochila e cun trapo limpaba as manchas da tea. En canto se volvía erguer un podía ver como inmediatamente tiña outra vez lugar o mesmo proceso, encharcando todo ao seu paso. E outra vez afanábase co trapo, frotando a conciencia, con toda a man. Era imposible que ninguén cunha carga así tivese idea de ir a algún lado, inda menos ao dos corpos vivos. Descarteino sen máis voltas e busquei á seguinte aparición.

Ao meu lado aparecera unha vella encapuchada sen que me decatase. Vestía unha tea aberta sobre os peitos, deixando ver innumerables corpos alongados e cheos de escamas. Serpes que se enrolaban sobre ela, descansado todas as súas cabezas nos brazos da muller. Repousaban quedas mentres esta andaba, e baixaban as pequenas cabezas polas mangas da tea, lambéndolle as palmas das mans coas linguas bífidas. Estaba acostumado a que os espíritos escollesen formas perturbadas, pero aquel último detalle fíxome imaxinar cousas que non debía, polo menos non nese momento, e lisquei antes de que me alcanzase, seguindo unha estela que parecía da mesma cor ca miña.

Esta vez foron dous homes, vestidos coa mesma camisa, dun branco desgastado. Un deles levaba na man unha caveira da que non apartaba a mirada, que parecía estar desfacéndose en po, pero, por moito que o soltase das cuncas e entre os dentes non diminuía en tamaño nin se deformaba. O outro camiñaba ao seu lado, mentres cravaba as unllas na cabeza. Notábanselle os dedos inchados sobre os tendóns da forza que facían. Respiraba forte. Era un son que se multiplicaba obsesivamente ata ocupar todo o que podía escoitar, por ser o único que podía oír. Agarraba o coiro do cabelo e tiraba del, e a pel estiraba como unha masa, recordándome a un peto baleiro. Poderían ser eles aos que viñera a buscar? Daquela non o sabía, pero non podía estar máis lonxe de acertar con aquela suposición. Por sorte, antes de ter a oportunidade de falarlles, o que tiña que encontrar atopoume a min.

Est-ce que les esprits reviennent? Relato de terror de Carlos Vega

Foi así que, sen darme eu conta, bateu contra as miñas pernas o espírito dun home deitado, de costas a min, pero coas roupas pesadas propias dun home que traballa nas augas. Tampouco me foi difícil recoñecer naquela figura o pelo cano e barba pechada coma un cadeado do meu anfitrión, a pesar de que se mantiña oculto e só podía ver unha mínima parte da súa cara. Xemía tres nomes cheo de pesadume, coma un can que sente marchar os cabalos da casa.

Daquela xa coñecía, por outros casos, penas tan grandes que esnaquizan a unha persoa, quedando unicamente unha parte da alma aínda viva, co resto dela partindo xa.  De ser este o caso, sería doado actuar en consecuencia; só tería que reunilo de volta co seu corpo. Non me parecía que aquela casa estivese a ser asediada polo mal, en ningunha das súas formas. Foime obvio naquel momento que atopara a solución para a intriga daquela familia, pero volvía a estar equivocado.

Dispoñíame a turralo dos ombreiros cando se me dobrou a cabeza atrás con violencia. Ouvín o ruído dun trono dentro de min e, co corpo a tremer de forma descontrolada, espertei no medio do comedor familiar. Tiña o corpo empapado en suor e a man esquerda conxelada. Todos os recordos recentes volvéronme de súpeto. A man que me xeara o corpo fora a do neno louro, e á miña dereita recordaba ter visto sentar a Jacques. Agora xa non quedaba ninguén na mesa excepto eu.

Estaban todos de pé, sen mirar para min. A muller sostiña de cada man a un dos nenos e Jacques naquel momento axeonllábase no chan, nunha forma que eu xa vira, coma unha boneca esmagada. Cando o meu cerebro reaccionou, paralizou ata a última vea do meu corpo, deixándome chantado, sen outro movemento que pestanexar para asegurarme de que espertara.

Madame Rondó estaba pálida, e non do vermello rosáceo da enfermidade como semellara antes, senón da cor das pedras que se aloxan durante anos debaixo do río e se volven lisas e translúcidas polo efecto da corrente. Os nenos tiñan as caras cheas de chagas de quen bate contra o mar e unha feble mazadura marcáballes o pescozo.  Abafoume de pronto o ambiente, cargado dun aire salitroso que me lembraba aos portos en dias de tormenta. A miña cabeza quentábase mentres comezaba a reconstruír a historia que se me amosaba. A ultima peza deuma Jacques, que aloumiñando a cara dun dos pequenos, cuxos ollos parecían agora os de un peixe de tan inchados e negros que se atopaban, suplicoume que marchasen .

Recordei os signos mais antigos que me ensinara a miña nai e que nunca empregara antes. Atopeime rezando sen sentido mentres debuxaba cos restos de xiz nun pano o círculo e a dobre cruz que expulsan aos que non queren marchar, e marchoume o sentido cando as tres aparicións berraron, abriron a boca, vomitando auga e deus sabe que máis, para estoupar acto seguido, cubríndonos de lama e pedras. O home tamén debeu desfalecer, pois non acordamos ata ben entrada a noite, no medio daquela habitación desfeita.

Nunca lle contei a Jacques que una parte del xa andaba alí abaixo. Obrigueime a calar mentres escoitaba da súa boca o que xa me imaxinara. Como a muller, que nunca amosara síntomas de loucura, intentara afogar aos nenos na bañeira, pero que non dera feito tal, así que aproveitando unha noite sen lúa botárase con eles ao fondo do río, asegurándose de que non volvían saír. Pensou o pescador que non lle quedaría máis cousa que vivir no mundo, e para confirmalo eles tardaron poucas noites en volver. Pálidos e cos corpos desfeitos. Ao principio chorara desesperado. Cando por fin os deixou entrar na casa viu como se lles pechaban as chagas e recuperaban algo de rubor nas meixelas. Limitábanse a cear e marchar. Pensou que o podería aguantar, que podería seguir mellorando ata que todo se recuperase. Non tiña outros parentes e vivían nun burato afastado, así que ninguén faría preguntas.

Ao final, o único que sentía como real era esa horrible sopa que facían, de sal e terra, e que ao pescador lle desfacía os riles. Esa sopa fería como unha espiña a burbulla que Jacques levantara arredor da súa vida Se intentaba poñerlles outra cousa no prato volvíanlles ás feridas e os negróns aparecían nos corpos dos pequenos. Con aquilo si que non puido. Foi alí cando comezou a visitar París, pois coñecía as historias da cidade chea de serpes que se aproveitaban da fe da xente e pensou que entre tanta xente tería que haber alguén que por diñeiro puidese ensinarlle algo con honestidade, nun tema que el nin era capaz de nomear. Pola lei da casualidade chegou ata o espectáculo onde eu actuaba, vendo en min unha ínfima posibilidade de arranxar aquel ciclo interminable.

Por iso me citara antes do anoitecer, querendo evitar outra cea así. Sen embargo, ao ver que chegaba na noitiña, tivo medo e decisión coa mesma forza, e reuniu a coraxe e a covardía para poñer nas miñas mans a fin daquilo, que agora podía ver tal e como era. Unha casa vencida, sen esperanza nin fogar.

Contábame todo isto como un periodista que o vivira a través dunha cámara. As palabras saíanlle pastosas no ceo do padal e recordei que dentro daquel home xa só quedaba medio. Volvín morder a lingua. Por como falaba, o home que tiña adiante tería aguantado dous meses ou tres, depende de canto durase a tempada de pesca. Imaxinaba que se aforcaría en canto tivese un día en que non dese entretido as mans en algo.

Non sentía as forzas necesarias para marchar daló. Axudeille a recoller todo mentres pensaba en volver á París. O peor foi enterrar as roupas que aínda fumegaban no mesmo lugar en que desapareceran os defuntos, cos petos cheos de pedras. Secar as paredes daquela terra húmida e negra levounos ata o amencer. Ofreceume diñeiro por isto tamén. Non llo collín e desfixen o camiño no dobre de tempo, pois ía pensando no que nos leva aos homes a descoidar o noso xardín.

Pasaron anos, e non foi ata estas últimas semanas que decidín visitalo e descubrino morto recente, canso e na súa cama, en palabras do xa ancián leñador que aínda seguía no mesmo bosque. Témome que o que provocou isto fose o meu signo. A dobre cruz non dura para sempre. Ao marchar non lle advertira que co tempo acabarían volvendo, e ben sei como o corpo perde calquera vontade ao atoparse afogado nun ciclo do que non ten que ser outra cousa que espectador. Non quixen comprobalo pero dubido que dentro dese corpo quedase algo quente dende hai anos. Aínda así, agardo que os meus servizos lle axudasen a ver que ás veces é mellor soster a porta e non atravesala, pois a porta é coñecida, e o que agarda fóra non. O medo non depende da persoa, mentres que a decisión languidece igual de rápido que se cansa o peito ou branquea o cabelo e fai ao individuo manexable e diminuto.

Gardo esta historia como quen garda unha armadura aboiada na guerra. Gárdoa como o recordo dun home afortunado. Non teño tras ela motivos para impresionar ou ofrecer argumentos crédulos. Non lles quero convencer. Esta é a historia dunha viaxe de tantas que teño feitas na miña ocupación. Feitos así, que vostedes poden ver como extraordinarios ou motivos de conto, son o meu día a día, e o de tanta outra xente que agarda que estas historias morran con elas, mentres rabuñan os dentes e aguantan a fame.

Recorda: Videte ne quis sciat.

.

.

Este conto é unha versión máis curta do que se publicou no volume nº13 de Contos Estraños, dedicado aos “visitantes de alén da morte”.

A imaxe da portada e que ilustra o conto é de ©Laura Bellas

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí