Seguindo os camiños misteriosos do algoritmo de youtube, atopeime un día vendo un vídeo dunha sesión dun grupo galego que non coñecía. Tocaban no que parecía a praia dun embalse, o tema era moi ambiental e o son estaba recollido perfecto, e iso que era unha gravación ao aire libre. Puxéramo de fondo pero acabei véndomo enteiro e ben atento. Pero que grupo é este, como non o coñecía? Anda, esa é a batera de Bala? Eran Moloch, e esa era a súa sesión de Excultura.
Ese primeiro descubrimento levoume directo para a canle de Excultura e paseeime todos os vídeos, nesa altura abraiado sobre todo porque aínda que coñecía a algún grupo (Lamprea Explosiva, Kaixo), a grande maioría eran para min descoñecidos. Non acontece todos os días que descobres todo un lado novo da escena galega. Dese mergullo polas sesións de Excultura saíron algúns dos que foron para min revelacións musicais do ano pasado, como Néboa ou Babykatze. Había moi bo ollo detrás desa selección, quería saber máis.
Foi así como me atopei nunha conversa de Skype con Inma, Breo, Gago e Xan, boa parte da asociación que compón Excultura. Falando sobre o proxecto comentáronme que Excultura como asociación levaba xa existindo catro anos, mais foi a mediados do do 2020 cando colleu a dirección actual, coa chegada de varias persoas novas. Non é casualidade tampouco que xusto Excultura mudase no tempo de pandemia. Comentaba Xan que “xa tiñamos en mente lanzar isto, pero foi unha época en que case todos quedamos sen traballo, tiñamos máis tempo libre e iso favoreceu que puidésemos comezar a traballar desta maneira.”
Mais calquera que vexa os vídeos da súa canle decatarase de que non son unha cousa amateur feito ás presas entre colegas. Arredor de Excultura uníronse profesionais, novos, pero que contaban xa con experiencia profesional importante, todos con formación e relacionados co mundo do audiovisual. Nos seus traballos como colectivo hai unha votade clara tamén de dar un acabado ben pulido, de ser, nas súas palabras, “tamén nós industria”. Unha arela que resulta fresca tamén nun entorno cultural como o galego, onde en moitos casos hai certo temor a mostrarse claramente con ese perfil profesional.
De feito falando con eles chamoume moito a atención este punto, a autocrítica e as ganas de mellorar. Cando eu lle recomendo a xente os vídeos de Excultura destaco que me parecen moi ben feitos. Porén, durante a conversa, eles non dubidaban en comentar os erros, os fallos, cousas que foron cambiando a base de ir aprendendo. Se ben todas as sesións teñen unha linguaxe visual clara, nótase a preparación, produción e montaxe, eles queren máis. Valoran, tamén como proxecto novo, o propio proceso, as lóxicas de ir rodando “un proceso bastante intuitivo”.
Vale, eses son os vimbios, pero que pretende Excultura, cal e o valor engadido desas sesións? A priori o evidente é facer un pouco de escaparate, colocar os grupos nun escenario compartido e abrir unha fiestra nova cara o mundo. Incluso desde unha perspectiva comercial, pode servir como ferramenta para que as salas vexan o directo do grupo, como se comporta nun entorno menos encorsetado do que unha gravación, pensando en programar. Mais en realidade, segundo avanza a conversa con Inma, Breo, Gago e Xan, a que se asenta é a idea de que Excultura sexa como unha biblioteca, unha foto fixa de como é a escena galega agora mesmo, onde están fervendo as cousas máis novidosas, que movementos ocorren por debaixo do radar dos grandes medios.
Este é outro dos piares do proxecto, a idea de retratar a escena poñendo no foco as “músicas emerxentes”. Comentaba antes que eu non coñecía a maior parte dos grupos das sesións de Excultura, e iso é algo moi valioso. Unha escena tan, hai que xa dicilo, vizosa e variada como a galega, precisa de olladas que miren non só ao que xa está triunfando, senón ao que se vai vir, ou ao que por algunha razón se mantén na sombra. Porque o underground non é só un concepto temporal (Lamprea leva xa desde o 2014), nin tan sequera puramente de repercusión (Kaixo é un nome xa consagrado), senón unha vontade de pertencer a escena, de tecer esa comunidade. Claro, que como din eles “que alguén como Kaixo nos apoie é gratificante”, máis ao final sobre todo ten espazo dentro de Excultura porque eles non van facer outra criba que a de mostrar ao seu público o que hai.
Son, no fondo, os cronistas da escena musical galega máis efervescente. Buscan os grupos máis polo boca a boca, polas conexións, un contacto inesperado, un grupo que leva a outro. Comentábanme por exemplo que na sesión do Portugués este apareceu con Wave B e o que ía ser a sesión so del virou nun dúo. Falar coa xente de Excultura denota tamén que xa non hai volta atrás na viraxe da escena, que se hibridiza e se observa a si mesma sen ningún tipo de prexuízo. “Os xéneros están un pouco mortos en realidade”; non tiña sentido facer unha canle só dun xénero, nin sequera de música nunha soa lingua. “É o que hai”, di Breo, e ten todo o sentido que en Excultura haxa grupos cantando en portugués, en galego, en castelán. Esa é a realidade da escena, e o cronista non xulga, mostra.
Pregunteilles pola praia de Vilarello en Catoira, que tan linda sae nos seus vídeos, e tirando dese fío remataron contándome as seguinte tempada de sesións. Seguirá sendo ao aire libre, mais teñen idea de movela a distintas localizacións, que o entorno converse dalgún xeito coa música e igual que pode descubrir novos grupos, tamén sirva para coñecer novos lugares. Tamén teñen idea de que a súa biblioteca musical chegue a un novo nivel estético, mellorando na planificación e produción, e tamén acurtalas.
De feito cara o final da conversa Iria lanzou o que para min foi unha sorpresa “estamos de feito traballando en novos formatos, a nosa idea é que Excultura sexa unha canle de cultura en termos máis xerais.” Neste tempo intermedio entre tempadas están explorando ese camiño. Colaboraron co festival Solaina, organizaron o concerto de Grande Amore e hai apenas uns días saíu a luz a colección de moda de Marey, onde eles traballaron no apartado de gráfico dos vídeos que acompañan o proxecto. Por que se ían poñer barreiras. Por que non ser unha plataforma onde poidan ter un oco os proxectos interesantes da cultura galega, xa sexa moda, música, cine.
Se cadra a capacidade buscar sinerxias e unir cousas que parecían separadas sexa o máis significativo da nova xeración cultural da Galiza dos nosos días. Non é casualidade que tamén a xente de Excultura me dixera literalmente: A cultura non é competición, é colaboración”.