Guillotinas. A última carta de Meghan

A coitela que derruba unha monarquía nunca cae por casualidade. Se a revolución devora aos seus fillos, pode a muller do medio salvarse das guillotinas?

***Os personaxes e feitos retratados neste relato son completamente ficticios. Calquera parecido con persoas verdadeiras, vivas ou mortas, ou con feitos reais é pura coincidencia e froito da túa mente malpensada***.

Guillotinas

A guillotina do meu marido sonou diferente, prométocho. Tivo un ton moito máis grave, seco, triste. Na miña mente (porque non mirei, non fun capaz) era máis unha cortina de peche que unha coitela.

O día estaba nubrado pero luminoso, non sei se sabes ao que me refiro. É unha claridade especial, máis branca e fría, que permite visualizar cada detalle da escena. Pero non, non puiden mirar. Milleiros de persoas fixérono en directo dende pantallas varias, só de imaxinar todos eses pares de ollos ao redor del tiven náuseas.

Ti xa sabes que eu fun criada no medio: dunha nai negra e un pai branco, duns avós serventes e outros terratenentes, de colectivos aos que nunca pertencín por completo. Porque eu son 50/50.

Quero que saibas que desde o principio fun a única candidata para levar a cabo o plan en primeira persoa. Porque son guapa, dicían. Ou porque teño bos modais na mesa. O que queiras, eu sei que era porque vían vir o que sucedería. Eu tamén, mais sempre queda un chisco de esperanza: ese narcisismo que che fai pensar que a ti non che vai pasar porque es máis intelixente e máis rápida.

Calculo que duraría uns tres segundos, a caída do metal ata o colo. O son seco do corte coincidiu con moitos berros afogados na multitude, polo que non puiden apreciar os matices. O garda miroume agardando unha reacción que traguei e que soubo a bile.

Sempre tiven a necesidade de amosar. Eu creo que me vén de estar no medio. Miras para os lados e só hai audiencia. Público que agarda que probes ter valía para poder aceptarte no seu club. E ti partes os cornos por eles pero nunca é dabondo.

O proxecto duraría unha vida enteira, pero a promesa era pasar á historia, cambialo todo. Para min, acadar ese recoñecemento que nunca chegara. A Sociedade acordaba nas asembleas a maioría das decisións da miña vida: unha aparencia refinada, unha carreira mediática, unhas amizades influentes. Cando decidiron quen sería el tampouco foi unha gran molestia, que queres que che diga. Sempre tiven un algo cos roxos. Precisamente por iso foi máis doado: porque en realidade si que me atraía un pouco.

Xúroche que o ceo tivo un resplandor vermello cando a xente berrou. Algúns aplaudiron e todo, foi un momento que se intuía importante. Eu non sabía que sentir, ese estalido de euforia que anticipara durante anos non chegou e quedei simplemente adormecida, anestesiada, cos ollos cravados no ceo para non cruzar miradas co garda.

Na Sociedade dicían que todo tiña que ser segredo absoluto, e iso foi o máis difícil. Non sabes o horrible que me resultou non poder xustificarme ante os meus. Moitas amizades marcharon porque non entendían como podía pasar de ser unha activista en prol da igualdade de clases a pasear por platós de televisión e casar cun príncipe. Primeiro facían comentarios pasivo agresivos para máis adiante deixar de responder ás miñas chamadas e finalmente desaparecer da miña vida. Algúns ata escribiron artigos explicando o monstruosa que era, fomentando o odio nacional cun tufo racista que ninguén estaba disposto a recoñecer.

E outra vez volvín estar no medio. Titulares de todas as tendencias demonizándome. Os antimonárquicos por ser unha deles. Os conservadores por ser unha “rebelde”. Ou por mestiza, para que enganarnos. Eu flotando nun abismo que ningún dos meus seres queridos entendía porque non eu llo podía explicar.

Os gardas tamén aplaudiron, déronse unhas palmadiñas no lombo e abriron un par de latas de Fosters. Aproveitei o son do gas para suspirar sen que se decatasen, non quería darlles ningún motivo a maiores para meterse comigo. Durante uns minutos sentín que estaba dentro dun calidoscopio. Só vía cores aleatorias: o vermello dos uniformes e das súas meixelas, o azul das latas, o branco das paredes e o marco da ventá. Pero as manchas non tiñan ningunha coherencia nese momento, non formaban unha imaxe con sentido.

O meu único alivio durante todos estes anos foi ir deixando migallas coma Garavanciño. Unha mención a Noam Chomsky en Instagram custoume ben cara: fun excluída das asembleas un mes enteiro por “imprudente”. Non imaxinas o desacougo que provoca quedar fóra do lugar onde se está a debater o teu futuro. Tampouco sei por que reaccionaron dunha maneira tan extrema, se os únicos que parecían atar os cabos eran catro conspiranoicos de esquerdas que me chamaban nos seus tweets, medio en broma, “camarada Melanie Merkel”.

Eu confiaba en que a cousa sairía ben o día que a raíña (a avoa de Jarri[1]) dixo que estaba de acordo con que rachásemos coa casa real para ser independentes economicamente. Comecei a pensar que o proceso podía ser algo pacífico e paulatino, pero é o que pasa cando moves unha peza nun sistema tan complexo: os resultados son imprevisibles.

A porta abríndose pilloume por sorpresa. Pensaba que me deixarían máis tempo no balcón principal, para que a xente desfrutase da miña reacción e tamén coma tortura psicolóxica. Pero Marc Holloway irrompeu sen chamar e dixo que marchase xa para a miña cela. Que mañá sería o meu día.

A felicidade durou oito días despois da aparición da raíña. Os medios foron subindo a hostilidade dos titulares, dun lado e doutro. Pero para desgraza miña, os primeiros en pisar a rúa foron os defensores da unidade da casa real. Bloquearon toda saída e o meu marido e mais eu acabamos nun búnker co noso fillo. Pouco durou connosco o meu pequeno Arnold: pasadas doce horas catro homes de traxe abriron o búnker con chave e levaron á miña última esperanza con eles.

O resto da historia non sei moi ben como explicala. Os do outro bando, o meu, saíron de súpeto, en manada, e arramplaron con todo. Dicían que xa abondaba de monarquías e demais elites mentres tanta xente morría de fame e de frío. Moreas de xente nova, infinita fartura dun sistema decrépito e inxusto e todas as ganas do mundo de cambiar as cousas. E, por outra parte, moitas caras familiares ás que eu levaba anos admirando en segredo.

Vinos caer un por un dende a pantalla do noso portátil, na canle online da BBC. Consolei a Jarri unha infinidade de veces contemplando a caída da súa familia, ata que non puido máis e saíu a entregarse. Tiña eses coloretes que se lles poñen aos ingleses cando están rabiosos, pero había unha resignación na súa mirada que partiu a miña alma en mil. Sentín auténtica culpa, por vez primeira en todo o proceso.

Eu, inxenua de min, saín detrás del. Pensaba ter por fin sido aceptada nun dos bandos. Cría ter abandonado o medio.

Pero o medio foi, é e será a miña condena.

Polo menos deixáronme escribir esta carta antes de durmir, mañá é a miña quenda.

 

 

Sinto non ter chamado nos últimos días, nai. Agardo que non estiveses demasiado preocupada. É un alivio que por fin comprendas.

Quérote,

Meghan.

 

 

 

 

[1] Pronunciado iarri, en inglés.

Unha mención a Noam Chomsky

O collage da portada é de Violeta Pérez.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí