Ides botarme de menos: a redención de Roky Erickson

Roky Erickson, pai da psicodelia e do horror rock, é unhas das figuras máis enigmáticas da historia do rock. Repasamos a súa vida, digna de filme.

Botas de menos a Roky Erickson? Probablemente non. O noso protagonista tivo a mala sorte de non morrer a tempo e non formar parte do clube de cadáveres bonitos. Pai da psicodelia e precursor do horror rock, Roky Erickson foi durante anos unha incógnita, unha nota ao pé nos libros da historia do rock. Formou parte doutra saga ilustre, a dos Peter Green ou Syd Barret, xenios olvidados cunha vida marcada por unha mala viaxe ácida. O cariño dos seus achegados salvouno da indixencia, da súa enfermidade e de si mesmo, nunha historia digna do mellor guión de Hollywood. Mais o camiño á redención estivo cheo de penitencias e tribulacións: drogas, terapias de electroshock, vampiros e aliens, Mr. Potato e longas batallas xudiciais… Benvidos a unha viaxe cósmica hacia a conciencia psicodélica de Roky Erickson.

 

Os ascensores da planta 13

Roger Kynard “Roky” Erickson nace en 1947 en Dallas, mais medra na cidade de Austin, enganchado á radio e á música doutro afamado texano, Buddy Holly. O maior de cinco irmáns, a súa infancia está marcada dunha banda por un pai ausente e alcohólico e doutra por Evelyn, a súa nai profundamente relixiosa e inclinada ás artes. O Texas dos sesenta non é o mellor lugar para ser un hippie e Roky atopa axiña problemas coa autoridade. Un par de días antes de graduarse é expulsado do instituto por non cortar as súas luxuriosas melenas. Evelyn regálalle unha guitarra e un adolescente Roky consegue certa sona coa banda local The Spades. O seu camiño á fama comeza cando coñece a Tommy Hall, poeta e filósofo, e ao resto dos membros do que se converterá nos 13th Floor Elevators. Xuntos comezan a experimentar con todo o arsenal de drogas que chega aos EAU: mescalina, peyote, marihuana e moito, moitísimo LSD.

O primeiro disco da banda, The psychodelic sound of the 13th floor elevators (1966), publicado apenas un ano antes que o Sgt. Pepper’s dos Beatles, é un dos álbumes fundacionais da psicodelia. Dende a extravagante portada chea de cores, un ollo nunha pirámide advirte ao ouvinte de  que non ten nas mans un disco da Motown. O primeiro corte é “You’re gonna miss me”, todo un clásico do garage rock reciclado do anterior grupo de Roky que nas mans dos Elevators convértese nun asalto decibélico no que a guitarra e os berros agudos de Roky invitan á bailar e desmelenarse. (Quizáis che sone, xa que abre o filme Alta Fidelidade, xusto antes de que a faciana do pánfilo John Cusack estrague o que queda de metraxe).

A REDENCIÓN DE ROKY ERICKSON
Portada do psicodélico debut dos 13th Elevator Floors

O álbum oscila entre unha psicodelia ambiental e melódica (“Splash1”) e momentos máis agresivos e movidos (“Roller Coaster”, “Reverberation”, “Fire engine”), unha constante na obra de Roky. O son desconcertante que escoitas en todos os temas, semellante a un paxaro, é o jug de Tommy Hall, unha botella empregada na música folk e country. O segundo disco, Easter everywhere (1967) é outra obra seminal do rock psicodélico. Dende a onírica “Slip inside this house”, pasando polo garage de “(I’ve got) Levitation” ata a ácida versión do “It’s All over Now, Baby Blue” de Bob Dylan, os Elevators demostran unha vez máis que están na vangarda sonora da súa época.

Mais o abuso das sustancias pasa factura, e tras varios cambios de formación a banda sepárase en 1968. Ese mesmo ano, no medio dun concerto Roky entra en transo, posuído polo bíblico don de linguas. Tras visitar varios hospitais, chega a diagnose: esquizofrenia paranoide agravada polo consumo desmedido de estupefacientes. Logo da disolución publicarase o pouco inspirado Bulls on woods (1969), e anos despois verán a luz directos da época, que testemuñan canto de radical radical e avanzado hai no son dos Elevators. Como mellor mostra, a salvaxe versión doutro clásico do garage rock, o “Gloria” dos Them de Van Morrison.

 

Un alieníxena no sanatorio

Ruidosos, molestos e de vida desordenada, a policía acosa os membros dos Elevators para dar exemplo á xuventude texana, campaña que acaba con Roky detido en 1969 por posesión de marihuana. Nunha artimaña para evitar o cárcere, declárase legalmente incapaz e é enviado ao Hospital Estatal de Rusk. Os médicos da institución sométeno a terapia de electroshock e recéitanlle Thorazine, un potente fármaco contra a esquizofrenia. Durante a estancia, Roky refuxiase na música e coa axuda dunha guitarra e unha gravadora enviadas pola súa familia, compón máis de 100 temas. Tamén forma unha banda, The missing links, na que violadores e asasinos completan a formación.

Roky é declarado legalmente san en e sae do hospital en 1972, se ben a estancia no sanatorio deixará nel unha profunda pegada. Tras una reunión frustrada dos Elevators en 1973, Rocky monta unha nova banda, Blieb Alien, cos que grava unha serie de sinxelos nos que abraza o novo son do rock duro dos setenta. Thurston Moore, fan do ínclito e guitarra de Sonic Youth, conta que Roky foi un dos poucos músicos que fixo esta transición de xeito natural.

Roky cumprindo a máxima de que os ollos son o espello da alma

O primeiro sinxelo desta nova etapa, “Two headed dog”, abre cun brutal riff de guitarra, unha pegada no estómago do ouvinte, sobre o que Roky canta acerca da súa relación laboral cun can de dúas cabezas e o Kremlin. Na cara B, o espírito de Buddy Holly toma posesión de Roky coa doce balada Starry Eyes. Séguenlle o EP “Spounge” e o sinxelo “Bermuda” (1977). A enerxía, a sinxeleza e agresividade das composicións danlle fama no Reino Unido, converténdose nun dos artistas favoritos do incipiente punk.

O primeiro álbum de Roky en solitario, “The Evil One” (1980) é, en opinión dun servidor, o mellor da súa obra. Unha obra catalogada a miúdo como rock duro pero que alterna momentos melódicos e agresivos. En “I walked with a zombie”, un tema que abre co bombo do “Be my baby” das Ronnetttes, Roky canta a ritmo de doo woop sobre un paseo con zombies, unha metáfora dos seus compañeiros no sanatorio mental. En “Mine mine mine” Roky imita de novo ao seu idolatrado Buddy Holly, mentres que en “Don’t shake me Lucifer” espanta ao diaño a ritmo de rockabilly. O Roky máis salvaxe desvélase en temas dignos dos mellores Kiss, como “It’s a cold night for alligators”, “Bloody Hammer” e “Sputnik”. Mención aparte merece “Night of the vampire”, unha obra mestra no uso da dinámica para crear ambiente e tensión, e unha boa mostra do poderío vocal de Roky.

Portada de The Evil One, toda unha metáfora sobre maxín de Roky

As letras, habitadas por gremlins, aliens a vampiros, fan do álbum un pioneiro no xénero do horror rock. Se en bandas coetáneas coma Blüe Oÿster Cult e os Misfits a temática ten un fin recreativo, no caso de Roky é difícil saber canto obedece á súa obsesión cos filmes de serie B, e canto ao seu feble maxín. Tamén hai momentos para o  lirismo, como en “If you have ghosts”, onde Roky agasállanos cun breve pero fermoso verso: “Na noite, eu son real”. No mundo terreal, Roky deixa a medicación e volve a consumir drogas. O seu deterioro mental de agravase ata o punto de deixar escrito ante notario que non é un membro da raza humana senón un alieníxena.

Declaración xurada do alien Roky Erickson
Declaración xurada do alien Roky Erickson

En 1986 ve a luz Don’t Slander me, onde Roky volve ás súas orixes, con temas garage como “Don’t Slander me” ou o blues de “Crazy Crazy mama”. O mesmo ano tamén sae Gremlins have no pictures, no que recompila gravacións de temas anteriores, coma unha nova e arrepiante versión do “The night of the vampire”. Con todo, onde Roky brilla é nas baladas acústicas, como “I have always been here before”, unha preciosa peza de voz e guitarra na que Roky semella avisarnos de que, pese ao seu estado mental, hai unha parte del que aínda vive entre nós. Nada máis lonxe da realidade. En 1986, nunha gala de premios musicais, Roky entra nun bucle de bises infinito, cortado só pola súa banda, que o rodea e afasta do micro. En 1989 as autoridades volven detelo, desta volta por roubar o correo dos seu veciños na procura de mensaxes ocultas. Envíano de volta ao cárcere e acaba pasando por varias institución mentais.

 

Onde a pirámide cruza co ollo

Nos noventa son varias as persoas que intentan botar unha man a Roky. Henry Rollins, excantante de Black Flag, publica na súa editorial as súas letras completas. Bill Bentley, fan e produtor de Warner Records, organiza a gravación dun disco tributo con versións de material dos Elevators e da carreira de Roky en solitario, titulado Where the pyramid meets de eye (1990). Os temas cobran unha nova vida nas mans de bandas tan diversas coma ZZ Top, Primal Scream, REM ou Sisters of Mercy, poñendo en valor a grandeza de Rocky como compositor. Grazas o disco unha nova xeración de músicos descubre o xenio detrás desa personaxe misteriosa. En 1995, os seu amigos anímano a tocar de novo na gala anual da música de Austin. Un Roky ausente canta de brazos cruzados e dá as costas ao público no medio das cancións. Nese ano, Roky publica un novo álbum, All that may do my rhyme, no que abundar nas pezas melódicas e intimistas, temas coma “You don’t love me yet” ou “For you”.

Portada do disco tributo publicado por Warner Records

Pese a estes esforzos, Roky vive na pobreza dun piso de protección social, rodeado de televisores e radios acendidas permanentemente co fin de apagar as voces da súa cabeza, para tormento dos seus veciños e visitantes. Nesta época o seu irmán menor, Sumner Erickson, emprende unha batalla legal con Evelyn para conseguir a custodia de Roky, narrada no documental You’re Gonna Miss Me (2005), todo un estudo freudiano da familia Erickson. Nel podemos ver a Evelyn coleccionando recortes de prensa sobre Roky, rexeitando o uso de medicación e defendendo o uso de terapias alternativas para tratar o seu fillo. Tamén a un infantil e vulnerable Roky preguntando se pode empregar como peto un boneco de Mr. Potato. En 2001, un xulgado de Texas falla a favor de Sumner, pechando un escuro período da vida de Roky.

 

Redención e recoñecemento

Baixo a tutela de Sumner, tamén músico profesional, Roky comeza unha nova vida, respectando a medicación e estreando unha nova dentadura. Nesta época son frecuentes os tributos e as entrevistas cos medios, nas que un anárquico Roky fala das súas películas de terror favoritas, o seu gusto polos xeados ou presume de ter carné e coche. Roky volve aos escenarios con The Explosives, a súa banda soporte dos oitenta. No 2008 colabora nun tema dos escoceses Mogwai e en 2010 publica True Love Cast Out All Evil, coa colaboración da banda indie Okkervil River. En 2015 volve tocar cos Elevators polo cincuenta aniversario da banda.

IDES BOTARME DE MENOS: A REDENCIÓN DE ROKY ERICKSON
Un recuperado na gala de premios musicais de Austin (2008)

En Youtube podedes ver varios destes concertos. Hai algo tenro nun Roky que xa non chega aos tons agudos e salvaxes, pero que desfruta enriba do escenario. Tamén hai algo vindicativo nunhas actuacións nas que, cincuenta anos despois, os temas seguen soando frescos. Un público entregado corea os retrousos ao finalizar os concertos e Roky sorrí, se ben é difícil saber que opinan as voces interiores. O 31 de maio do 2019, Sumner anuncia o pasamento dun redimido Roky á idade de 71 anos. O mundo da música reacciona á nova con obituarios en maiúsculas, celebrando a carreira e contribución de Roky. Con todo, tratándose de Roky, un agarda aínda un sinal doutro planeta ou dimensión. E se todo foi unha broma infinda, un plan mestre só posible no maxín dun ser doutro planeta? Como cantaba en “I have always been here before”, quizais Roky non nos abandonou e sigue aquí, porque sempre estivo entre nós.

Para que comecedes a botar de menos a Roky, deixámosvos unha lista cos orixinais e as mellores versións:

1 COMENTARIO

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí