Teño 26 anos. Vivín en tres décadas, en dous séculos e en dous milenios diferentes. A xente segue a enfermar cada vez que o ano cambia. Moitas persoas nin sequera saben con certeza por que decembro remata para comezar xaneiro. Sinxelamente, sucede e eles senten esa febre angustiosa; ese nervio excitado. Agora tocará recibir o «feliz aninovo» até febreiro. Coma todos os anos.
O único lugar onde ficar inmóbil emprega a linguaxe inqueda de quen responde que lle dá igual que xa comezase o 2019 e que a saúde debe acompañar sempre. Neste poemario breve, explícase a sospeita que se ten do futuro e a vía que, de xeito irremediábel, conduce cara a el. Con todo, para min, o centro do libro articúlase na imposibilidade de facer algo para que iso pare. O tempo pasa, os anos veñen… e ha persoas que fican inevitábel e irreparabelmente dentro de nós. Cambia il vento, ma noi no.
Estes textos de Arancha Nogueira tratan a panmitoloxía; isto é, os mitos todos do mundo, sen barreiras. Non importa a cultura ou procedencia dos suxeitos se estes continúan a gardar as primaveras coma tesouros estacionais (43). Todas as linguas atinxen os mesmos impedimentos. Que podemos dicir cando faltan palabras? Ás veces, tes que arriscar para comprender o sentido do conxunto. Atreverte. Querer coñecer a verdade da túa presunción «sen escoitar máis riscos que os teus nuncas» (51). Porque case todos os «nunca» que deixan pegadas nunca son nunca. E nestas follas brancas, a tinta negra corrobora que isto é así. Precisamos «arrincarlle as sílabas» (23) a esas palabras que nos queren inmobilizar; deixarnos enchoupar pola choiva, mesmo cando nos cobra «até as coxas» (25). Deternos no que se altera dentro de nós de xeito involuntario cando alguén nos deixa coa quentura enferma, baleira e desesperada.
Se chegamos a ser conscientes, xa estaremos no pleno naufraxio e a realidade estará fervendo líquida dentro de nós, sen posibilidade ningunha de frear o rumbo. Incontrolábel. Habitándonos. Carretamos unha forza que non podemos manexar. Neste punto, comeza a percibirse a ineficacia da comunicación verbal. Posto que moitas veces as palabras non abondan, non podemos traducirnos nin sequera a nós mesmos (35). Como querendo falar nas alucinacións dos 41 graos centígrados. Non podemos explicar que non estamos preparados se ningunha palabra reflicte tanto medo. «Como se alguén puidese aprender a perder» (33).
Imaxina que pasaría se unha parte do teu corpo ficase noutra persoa que deixa en ti baleiros dentro. Se te levase en parte, atrapándote para sempre. Ficarías inmóbil, no abandono, gardando os restos –«por se acaso» (37)– e lembrando «as linguas mornas de dicir xa, sempre / como se sempre for / tamén» (15). Entón, repararías en que a pronuncia do «nunca» fora prematura. As palabras mentiron ao dicir que o «sempre» estaría diante e o transcorrer do tempo deixa só pegadas e ocos, mais non persoas. Por que os anos demostran a antonimia das promesas?
Se só existise un lugar para permanecer, non xermolarían as sospeitas, non habería un naufraxio e non existiría un só lugar onde ficar inmóbil (o libro divídese en tres partes: «a sospeita», «o naufraxio» e «o único lugar onde ficar inmóbil»). Daquela, a pretensión de inmobilizarnos nun corpo é un acto covarde? Como podemos ser afoutos se non podemos impedir que parte de nós quede noutras vidas?
Caemos naufragados no labirinto dos mellores arquitectos da nosa historia. Ascendemos procurando a calor coma Ícaro, gozando das construcións feitas por outros, inconscientes de que imos apagar a fonte que nos dá a vida, o traballo que outros fixeron para transformarnos en persoas novas. Porque todo aquel que deixa pegada nos cambia. No fondo, dá igual se un quere voltar á paz cálida e segura do útero materno ou aos brazos dun vello amor. Agardamos coa conciencia de saber que a salvación que desexamos existe, aínda que non se atreva a aparecer. Agardamos coa esperanza de que chegue outro ano máis, aínda que só sexa para estar esperando o rescate (de alguén… ou dun novo marzo que lúa o ano novo).
NOGUEIRA, Arancha (2018), O único lugar onde ficar inmóbil, Urutau, Bragança Paulista.