Como o loureiro nas lentellas

Comentario literario sobre O estadio do espello, primeiro poemario de María do Cebreiro

Teño algo da Penélope destripadora. María do Cebreiro deixa claras as intencións desde a primeira páxina: «Non levo té nas palmas pero teño unhas xemas / que poden rebentar en calquera momento» (páx. 7). Do mesmo xeito, estalou co seu propósito a porción do meu cerebro ou do meu corazón propenso a infartar con certos poemas. Eu son así, entrégome ás palabras como quen forza o seu corpo nos últimos metros da carreira. Non pretendo esnaquizar o nivel no que se atopa O estadio do espello, mais quero que máis xente poida experimentar as consecuencias que carrexa a lectura deste primeiro poemario da autora, que para min se converteu en esencial desde a primeira vez que o abrín. Intentarei non ser moi críptica, sen intención de desvelar o que se encerra no libro. Escribirei sobre a miña viaxe na lectura do mellor xeito que poida. Antecedo o perdón se non se entende e remito directa e necesariamente á obra.

A primeira vez que accedín a estes poemas foi grazas a un préstamo da biblioteca. Unha vez rematado, notei unha necesidade tremenda de ter este libro no meu andel persoal para poesía en galego. Acontéceme acotío. Comezou aí un percorrido na procura dun exemplar que pasou por chamadas telefónicas, visitas a numerosas librarías e mesmo contacto persoal coa autora. Tamén puxera anuncios polas redes sociais na busca del ou solicitando a axuda de alguén que puidese atoparmo nalgunha parte, posto que estaba esgotado e non se editaba máis. Isto non me acontece tanto.

Sello da biblioteca no libro de María do Cebreiro

Logo de meses –ou semanas, non o sei–, un amigo mercoumo nunha libraría de vello da Coruña. Conservo o tesouro entre os meus libros de consulta rápida co selo da biblioteca municipal de Bergantiños na páxina 19 (adxunto fotografía testemuñal). Lembro a chamada de Marcos preguntándome se era ese o que andaba a procurar como unha tola e recordo a taquicardia do momento. Como a emoción infantil cun xoguete novo, pero sabendo do traballo lingüístico que estaba tecido detrás do que se convertera no meu lecer. Do que xa era xoia. Tecedora incansábel do fío ou da palabra, tamén eu tiven que agardar 20 anos para que me chegase –algo vello, sobado e desmellorado polo paso do tempo– o que agardaba desde a miña beira salgada; pero tíveno, ao fin. Puiden devolver o da biblioteca ao seu sitio, logo de moitas moitas prórrogas. Será polo longo traxecto que atravesei ata chegar a el que lle teño tanto respecto a este texto que escribo agora, talvez por iso tamén decida que algúns versos do propio poemario falen no canto das miñas verbas, «mesturando na lingua memoria con desexo» (páx. 7). Se cadra, tamén teño algo de medo de que non se entenda completamente o que quero transmitir sobre este título: traballar a nigromancia, desocultar a alquimia, facer realidade os versos. Que ti chegues a el. Que o notes. Non ocuparía o meu tempo nisto se non pagase a pena.

Portada do poemario de María do CebreiroNa portada do meu exemplar, tres notas adhesivas amarelas escritas polas dúas caras e con letra minúscula enchen as cousas importantes que eu atopei neste libro: case non hai versos dos que non garde algo. Ao carón delas, adxunto debuxos explicativos cun sentido concreto para min, exclamacións, risos e liñas subliñadas en rotulador celeste. As páxinas son sagradas e permanecen limpas, pero eu moitas veces necesito atopar certos versos no menor tempo posíbel. Pegar nas follas papeis que non danen a páxina paréceme un xeito de «divulgar o segredo coas lámparas acesas» (páx. 11), cando xa mastiguei todo o contido «e o papel de cebola serve para calcar os versos que nos gustan» (páx. 15). O problema vén cando case sempre acabo por volver a ler todos os poemas, como se o traballo de conservar o esencial para min non servise de nada. Se cadra é unha adición volver a comezar sempre de novo. Ou é que gosto da historia de Penélope e só quería contalo.

Escribir sobre este poemario aproxímase a falar dunha necesidade esencial. Teño máis dedos que libros que me dixeran tanto coma este. «A fame ou o loureiro con lentellas» (páx. 17), a conexión exacta que inicie o funcionamento dunha máquina que non falla nunca, o xogo dos raios do sol no espello que cheguen ata a mirada que ten que saber desde onde se xeran. Supoño que non podería ter namorado completamente dos poemas sen chegar á páxina onde conflúe a miña experiencia persoal coa interpretación que lle dou ao conxunto de poemas: «Hoxe establezo límites que nin as augas borran» (páx. 90). Este verso matoume. Imaxino que porque eu tamén andei algunha vez perdida nos mesmos litorais que xermolaron memoria: «Polos areais de cangas» (páx. 65) e un longo –longo– etcétera. Penso que podería desestruturar todos os poemas collendo un verso desta páxina,un verso desta outra… e sería a miña historia de vida preferida; mais coido que estragar con esta interpretación que rouba os seus versos resulta suficiente para que se entenda que atopei no libro palabras que me faltaban. Por iso, métome en cada poema «e atrévome a caer» (páx. 39), agardando que alguén escoite o mesmo que eu entendo nos versos. Que alguén se atreva.

Para animar á lectura, debería falar do complexo sistema de cadencias inter-artísticas que xa representan unha extraordinaria norma na escrita da autora. Entendo que para ela estes textos resulten vellos, pero para min renacen cada vez que os retomo e celebro que os escribira e editara alá polo 1998. Tamén levo uns meses caendo nas redes das Damas negras ás que María do Cebreiro lles dedicou unha antoloxía. Así mesmo, caín nas estampas esvaradías de O deserto. A soltura coa que danza tanto con outras disciplinas artísticas como coa historia resulta admirábel. Neste libro que me ocupa agora, baila a tradición e marcha á danza exótica no mesmo poema. E o lector buliga tamén e cabalga coas pausas e as palabras exactas, sen decatarse dos cambios de pé, da mudanza do peso. Cando parece que o fío desviou da sustancia, todo volve ao seu lugar. «Sempre as augas devolven os restos do naufraxio» (páx. 91), así que se pode navegar con tranquilidade polas follas. Ademais, é unha delicia. Se aínda non o fixeches, de verdade, le o libro.

«Sempre gardas o aire de tódolos suspiros» (páx. 29), poderíalle recitar ao poema que comeza na páxina 89, se este tiver ouvidos. Personificaría cada unha das catro partes do conxunto e non esquecería o primeiro poema que se sitúa fóra delas: outra esencia máis do que supón o libro. Pouco lle queda a moitos dos versos que aquí se atopan máis que ter a capacidade de conversar comigo, porque xa desde a cuberta se observan unhas mans fiando e fiando un nó que amalloa ao ollo unha e outra vez coa mesma imaxe (ilustración de Xosé Freixanes). Que xa estaba escrita dentro a lazada na que eu caería, anoada: todos os versos, todos os poemas. Consciente ou inconscientemente, xa estaba escrito para que eu chegase nalgún momento, desprevida. Trémenme os significados que non marchan na preamar que borra o que xa estaba escrito. Xa estaba escrito dentro. Porque «o bico é o preludio dunha penetración» (páx. 93) e a observación hipnótica da corda que non se acaba de tecer é unha metáfora vital de Penélope. Amoso a resistencia de agardar ao carón do mar que as palabras resistan. Por iso este libro non me pode faltar e non o acabo nunca.

CEBREIRO (DO), María (1998), O estadio do espello, Xerais, Vigo.

 

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí