Laura Marling sempre vivirá na campiña inglesa

Confesións sobre descubrimento persoal, Laura Marling e o medo a non sermos especiais. Pode conter tamén invitacións inadecuadas para ir á campiña inglesa.

A primeira vez que escoitei falar de Laura Marling foi nun artigo online onde se listaban os 20 artistas novos máis interesantes do ano ou algo así. Non me chamou a atención ningún outro, pero si o vídeo do directo de My Manic and I. Unha rapaza nova, loira, de pelo curto e vestida con camiseta grande e grunge, tocaba no altar dunha igrexa inglesa, moi sobria e quizais ata un pouco perdida. Cantaba unha epopea folk, romántica no mellor senso decimonónico do termo, triste, un chisco naif.

A canción estaba no disco, Alas I Cannot Swim, que saíra no 2008. Eu tiña 21 anos cando descubrín a Laura Marling, no 2012, e nese momento ela xa sacara o seu segundo disco I Speak Because I Can. Non me dá vergoña admitir que me obsesionei moi rápido coa súa música. Nun principio como quen intenta resolver un misterio. As cancións de Laura movíanse (aínda o fan) nun terreo gris entre a poética e a narrativa. As súas letras empregan ferramentas propias do reino da ficción, invoca personaxes e mundos con ambientacións case de prosa. Porén, o xeito de contar esas historias faise a través de imaxes e símbolos, recursos de habitual máis asociados á poesía. Naquela altura os temas de Laura gustábanme do mesmo xeito en que vibraban comigo as novelas de fantasía ou as letras das cancións máis longas de Dylan, pero as súas historias habitan un terreo máis brumoso, nunha liña entre o conto alleo e a vivencia persoal.

Non se pode negar un segundo factor na miña obsesión, que é máis social. Ou asocial, en realidade. Neses primeiros anos 20 eu descubrín moitos grupos que me gustaban, varios galegos, e comecei a ir a máis concertos, a vivir os meus gustos musicais de xeito compartido. Iso estaba xenial. Pero cando o necesitaba sempre podía encerrarme a escoitar a soas a Laura Marling, sabendo que as miñas colegas non a coñecían nin Laura viría nunca xirar por aquí. Como un segredo que me gardaba para min.

Levaba apenas uns meses de idilio cando me dixeron que Laura ía sacar novo disco. Emocioneime bastante. Era como esperar por un agasallo de Nadal. Decidín prepararme e ampliei o meu horario marlinesco. Almorzando cos cereais, de fondo cando lía, mesmo entre clases para desconectar. Era invasivo e aínda así parecía que non facía abondo, que non alcanzaba o estado mental adecuado.

Ata que un venres calquera ocorreu o inesperado. Ía eu no mesmo bus que me subía cada mañá á facultade, medio durmido e con Laura nos cascos. Sonaba Crawled Out Of The Sea cando me decatei de que non estabamos indo pola ruta habitual. O resto da xente baixou antes de tempo en paradas estrañas, como se todo fose un soño. O buseiro parou diante do aeroporto, xa non había ninguén e non parecía arrincar de novo, así que me apeei. Sei que aínda tiña lagañas nos ollos cando comprei un billete de avión cara Londres, sei que vin A Coruña facerse pequena e Londres facerse grande debaixo de nós como se non houbese mar polo medio, sei que aparecín en Heathrow a media mañá coa mochila dos libros que tiña que levar á universidade e unha lixeira sensación de que me estaba volvendo tolo.

Non acababa de entender que estaba facendo ali, pero collín o primeiro bus inglés que me apareceu diante e volvín quedar medio durmido con Laura nas orellas, porque parecía o que había que facer. Espertei de novo na última parada da liña e o condutor díxome que estabamos en Reading, ao oeste de Londres. Era unha cidade ordenada e anódina, coas rúas desertas un martes a media mañá. Decidín seguir camiñando, sen un destino fixo. Pasei por diante dun rent a car, pero naquela altura eu non tiña carnet. O que si podía era andar en bici, así que aluguei unha nunha tenda que atopei. Saín de Reading montado nunha bici prestada, e pensando nos versos de I Speak Because I Can:

Never rode my bike down to the sea

Never quite figured out what I believed

Never got up and said anything worthy

As estradas foron facéndose máis e máis estreitas, os edificios desapareceron e as aldeas aparecían cada vez máis espalladas. Facía frío e comezou a chover, eu desexei que nevase. Funme animando porque a pesares de todo parecía ter idea de cara onde estaba indo. Escollía seguro nos cruces, recoñecía as marcas dos camiños, sabía onde comezaban as carballeiras e as longas eiras da campiña. Ao final sempre estamos esperando a que nos guíen e a miña bicicleta serviume ben. Comezaba a facerse noite cando unha luz prendeu ao lonxe, máis alá das árbores. Cheguei a unha casiña solitaria, branca e de afundido tellado, invadida pola hedra e na fronte unha porta verde, na cal estaban escrito en talla: Blackberry Stone. Como naquela canción de Laura que comeza dicindo:

Well I own this land

And I wrote this sky

And I have no reason to reason with you

Así que chamei. Abriume unha anciá sorrinte, baixiña e un pouco encorvada, que semellaba estar esperando por min. Entrei detrás dela un chisco decepcionado, quizais porque esperaba a Laura, pero tratei de convencerme de que o adecuado era non ter expectativas. A velliña ofreceume primeiro un café, sentamos un diante do outro e quedou fitando en min. Cando chegou a hora fixo a cea e comemos xuntos. Ensinoume onde podía durmir se decidía quedar.

Nesa primeira noite non houbo historias. En cambio, a señora aprendeume a súa fala, as fórmulas de respecto, as palabras esquecidas. Ensinoume a súa música, a súa forma de cociñar, os xeitos nos que se podía facer da casa un espazo infinito, do tempo unha navalla. Limpou o meu pelo con graxa e po e indicoume como trenzar os seus cabelos brancos coas follas do outono e da primavera.

A xornada do sábado foi festiva. A señora espertou antes que o galo asubiando polos corredores, lucindo un vestido longo, vello e florido. A cociña rebordaba de comida e no almorzo chegaron rapaces e rapazas de todas as idades e as feituras, encheuse a casa de balbordo e risas. Pasamos o día sentados no chan do salón escoitando os contos da anciá. Falounos do lugar onde naceu, da súa nai, dos seus amigos e dos seus amantes. Cando chegou a tarde os máis novos foron marchando paseniño, un a un. As historias da muller foron escurecendo co día e cando xa non quedaba na casa ninguén agás eu, faloume da súa vellice, do medo a decaer e morrer, das dúbidas e o desexo de ser recordada. Durmín un sono longo sen soños, farto de doces e das vidas de outros.

O domingo pola mañá a señora deume unhas galletas e despediume, acenándome coa man desde a porta mentres me alonxaba coa bicicleta no camiño de volta cara Coruña. Na casa mentín dicindo que pasara a fin de semana no piso duns amigos de Santiago e non lle contei a ninguén onde estivera. Cando no setembro Laura Marling sacou o seu disco, A creature I don’t know, eu estaba preparado. Comprendín as palabras esquecidas e repetín as fórmulas de respecto, apreciei os espazos e as navallas, limpei e engalanei.

En 2013 Laura sacou Once I was an eagle. Daquela fun ata Inglaterra en coche e na campiña agardaba por min un home barbudo e gordo que non me deixou durmir en toda a fin de semana, ensinándome cada recuncho, animal e regato da comarca, nunha excursión crúa e cruel. En 2015 apareceu Short movie, decidín ir ata alá en barco xusto cando golpeou unha treboada, houbo tronos e relampos durante toda a viaxe e nos días que pasei alí, acompañado dunha rapaza máis nova ca min, que me falou dos libros que lera e que quería ler, de todas as viaxes que fixera e que faría en canto puidese. En 2017 saíu Semper Femina e na casa branca de tellado afundido recibiume un concilio de mulleres, entre as que estaba a vella anciá, e con elas aprendín cousas que nin sospeitaba non saber.

A pesar de todo o tempo que pasei nestes anos con Laura Marling, intento activamente non coñecer moito dela. Sei que naceu no mesmo ano ca min, no 1990, e ese dato aparentemente insignificante aparece ás veces como un zunido molesto cando a escoito. Arrepíntome de ter lido as entrevistas que lle lin, o propio feito de saber que houbo un tempo que viviu en Estados Unidos resúltame incómodo. Non. Laura Marling sempre vivirá nunha casiña da campiña inglesa. Todo o que se engada por riba diso rompe o pacto de ficción. O bardo debe ser unha persoa con mil caras, un lenzo branco onde poder pintar calquera cousa. Sei que a Laura non lle gusta moito falar en público nin que lle saquen fotos, e paréceme ben porque parece estar dacordo comigo. Non sei se me atreverei a vela en directo algunha vez. Matinando nisto lembro un artigo moi bo que escribiu Cibrán, sobre a súa relación con Jonathan Richman.

Dubidei moito de se debía escribir este artigo. Xa comentei que parte do que me gusta de Laura é precisamente que o seu anonimato en Galicia (a pesar de que é unha artista moi recoñecida fóra), converte as súas historias nun pracer reservado. Pero tamén hai detrás diso certa vaidade, superioridade moral e unha visión da música que non me gusta ter. Quizais ata neste mesmo artigo puxen o máis interesante detrás duns primeiros parágrafos un pouco soporíferos e que non lle interesan a ninguén, sobre como descubrín eu a Marling, nun último intento de agocharme. Intento redimirme. Así que xa sabedes, cando saia o seguinte disco reservo prazas no coche. Quen queira pode vir comigo ata a campiña.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí