Linguaxes Dixitais, de Clara Vidal. A palabra conquistada

Falamos de Linguaxes dixitais, o primeiro poemario de Clara Vidal, publicado por Urutau. Unha poesía que se apodera da palabra.

Sinto que teño que comezar esta recensión cunha excusatio non petita. Clara Vidal é, ademais de membro e colaboradora habitual de A que cheira, papá?, cara amiga. Linguaxes dixitais supón unha alegría para ela pero tamén para os que a queremos ben, sabedores do traballo e esforzo detrás deste primeiro libro. Non son por tanto un lector obxectivo. Nunca crin na suposta neutralidade do crítico, pero sei que neste caso non chego a Linguaxes dixitais só coa miña propia bagaxe. Asumo que serei máis benevolente, ou quizais máis crítico, porque coñezo á autora, o seu estilo e teimas, as súas arelas poéticas. Non penso desculparme por isto, porque sería pedir perdón polas cousas boas que trae a vida. Ogallá poida terlle este cariño a máis libros no futuro. Pois iso. Se pensas que a pesares disto quizais teña algo interesante que dicir, podes seguir lendo.

Comecemos polo título: Linguaxes dixitais. Parece evocar códigos binarios, quizais traxedia da telecomunicación, cando o escoitei imaxinei a posibilidade dun híbrido entre ciencia e poesía como o que fai Estíbaliz Espinosa. Linguaxes dixitais non vai por eses carreiros, mais o seu título é moi acaído. Onde poderiamos pensar en Internet, este “dixital” fala do dedo, do “digitus”. Igual que todas as matemáticas nacen desa primeira intuición do 1 ao 10 nas nosas mans, toda a linguaxe comeza antes de nada como un acto de corpo, uns músculos que se colocan dun xeito moi determinado para comunicar. “Hai un dobre sentido en todo o que me roza os labios” di o primeiro poema. A procura da acumulación de significados, onde as palabras se converten en lexión nunha especie de milagre tridentino, ser unha e moitas a un tempo, é unha obsesión que percorre Linguaxes dixitais xa desde ese título misterioso.

O poemario está dividido en dúas partes: linguaxe corporal e linguaxe musical. Non hai aquí engano filolóxico. A primeira parte afonda na linguaxe e o corpo. Aparecen linguas, peles, lombos, papilas, pernas, pés, veas, vísceras, nun itinerario anatómico exhaustivo. A segunda céntrase na música, e aínda que teñen o seu lugar as orquestras e as cantigas, hai unha predilección especial pola corda, a tecla, nesa busca do díxito que pulsa o son. “Téñote metido/ nas cordas,/nas xemas de fricción” (pax. 31). O corporal e o musical son dúas partes claramente diferenciadas, mais non arredas, pois aparecen unificadas no poemario como dous exercicios, dúas perspectivas, para reflexionar sobre un único concepto superior: a linguaxe.

Todo en Linguaxes dixitais é unha forma de conquista da linguaxe. Unha necesidade de dominio do instrumento, da palabra, para poder empregala como ferramenta poética. A propia lingua galega, desde a perspectiva do neofalante, é unha Ítaca á que se chega, un agasallo que se recibe e co que se poden facer os poemas. “Agardei coas pernas abertas/ a recarga do teu idioma/ no meu cerebro insurrecto” (pax. 11). Na segunda parte, inundan as páxinas os termos tirados da xiria da música clásica, unha outra linguaxe adquirida, especializada coa que poder erguer o poema. “Aprender/ a linguaxe do menuetto,/ e canto máis presto,/ mais hiperventilo” (pax. 40). Non ten Clara ningún medo ao tecnicismo, nin tampouco á palabra patrimonial un pouco en desuso, indo desde o “lepidópteros” (pax.14) ata o “vascúllame (pax. 22).

A exploración non é só horizontal, das linguaxes secretas. Hai tamén unha procura vertical, dentro de cada palabra. Mencionabamos antes o uso da sinonimia como un xeito de cargar o poema de capas de profundidade, pero podemos tamén destacar a dimensión diacrónica, da etimoloxía e historia das palabras para encher de sentidos e matices. Penso nese “scrupulus” (pax. 26), ou nese “recordar” (pax. 22), que eu conecto co sursum corda da liturxia. Ten a autora o detalle nestes casos de colocar pequenas notas ao pé explicativas desta etimoloxía, que iluminan o poema. Quizais o maior expoñente de todo isto é o emprego do concepto do “verbo performativo” (pax. 39), onde se cadra o círculo, conseguindo nun só verso esa unión de abstracto e físico, lingua idea e lingua acto. Un achado especialmente fermoso.

Linguaxes dixitais e un piano

Leo o que escribín ata este punto e decátome de que quizais alguén podería pensar que a poesía de Linguaxes dixitais é só un exercicio de filoloxía, formalista e frío. Nada máis lonxe da realidade. Se é certo que no conxunto do libro existe esa vontade unitaria que pode parecer cerebral, no particular os poemas vibran coa emoción da experiencia propia e visceral. A poesía de Clara está chea de intimidade e erotismo, nunca evidente pero tampouco agochado, nun equilibrio entre a tensión que se consegue coa palabra e o exhibicionismo emocional máis desatado. “Cando volves aparecer/ -como se aínda estiveses-/ moi dentro de min/ propulsando o sangue/ descompasado.” (pax. 42).

O resultado de feito é todo o contrario a un formalismo barroco. Linguaxes dixitais está composto de poemas curtos e de fasquía sinxela, que transmiten unha fraxilidade aparente, moi apoiada nos silencios, que se transforma en fondura en seguintes lecturas. De feito, eu recomendaría ao lector de Linguaxes dixitais unha primeira lectura de impacto, “rápida”, que deixe golpear aos poemas nos lugares onde teñan unha aterraxe máis evidente. E só despois volver a cada un devagar, procurando esa palabra que non se coñecía, ou reflexionando nesa referencia escura. Así o lin eu e foi un bo xeito de gozar dos poemas dúas veces e enxergar as dimensións que se abren baixo a superficie.

Se cadra a crítica que se pode facer de Linguaxes dixitais vén precisamente dos límites das regras que se autoimpón Clara na súa poesía. Esa teima coa elegancia, coa palabra exacta, co ritmo sempre acompasado. Está claro que é a aproximación máis lóxica, non só por estilo propio, senón tamén xusto aquí pola unidade temática do libro. Tamén que cando se consegue nun poema o equilibrio entre forma, fondo e unidade temática de todo o poemario, é incrible. Pero isto ten o contrapeso de notar en certos momentos a forma como unha constrición, unha limitación en lugar de un amplificador da emoción. Supoño que nunca se pode ter todo.

Quixen falar sobre todo nesta recensión sobre a lingua en Linguaxes dixitais porque creo que é a cerna do poemario. Pero hai moito máis que atopar neste libro. A arquitectura, que tanto interesa a autora, aparece aquí e acolá, de xeitos sutís ou evidentes. A natureza e a terra, o agrícola, ten un lugar tamén en Linguaxes dixitais, inesperado e agradecido novo convidado. Sobre todo quedo con ganas de falar sobre a poesía en forma de conversa, o “ti” poético neste libro e na poesía de Clara en xeral. Porén, vexo que me estou pasando e quería ser curto, porque o texto curto quizais anime a máis xente a ler este poemario. Queda entón para a próxima. Porque xa estamos esperando, Clara, a próxima.

portada Linguaxes Dixitais

VIDAL, Clara (2018): Linguaxes dixitais, Urutau Editora, 51 páxinas.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

3 COMENTARIOS

  1. Moitas grazas, Guillermo e equipa, por me facer oco na revista na miña faceta poética coa ollada unicamente creativa e non crítica (que é a que teño amosado xa nestes lares).
    Grazas por unha recensión linda, chea de amor, completa tematicamente e, a pesar da amizade que nos une, distanciada e bastante obxectiva.
    Bo ollo cos versos, ti. Os lectores quedamos á espera de que te lances a comentar poesía máis a miúdo, sen necesidade de que teña que ser sobre o meu próximo poemario que, coma nas túas últimas palabras, tamén agardo! Hahaha.
    Obrigadísima.
    ❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤❤

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí