O lugar que sempre foi. A Emma Pedreira máis multifacética brilla en “Para saír deste lugar”

Comentario literario sobre Para saír deste lugar / Para salir de este lugar, un poemario de Emma Pedreira que nace en galego, traducido ao español e acompañado de collages.

Volveu. En realidade, nunca marchara. Emma Pedreira responde perfectamente á regra da materia: nin se crea nin se destrúe, só se transforma. De aí a capacidade de evoluír pola literatura, do mesmo xeito que pola vida. Cumpre anos, muda, evoluciona e encaixa en novas formas e métodos. Estancarse non é unha opción cando non se quere permanecer no mesmo sitio. Hai que fuxir do lugar coñecido. Por iso, Pedreira escribe de todo e está en todo. Nos últimos anos, algunhas obras narrativas colapsaron os medios e a atención da crítica, eclipsaron o resto da súa produción e dos seus intereses. Con todo, ela seguiu e non parou. Se revisamos as súas obras, comprobaremos como foi a poesía a que sempre estivo aí e a que suma máis títulos publicados a respecto do resto dos xéneros. Mais non se conformou con ser poeta, neste poemario novo publicado con Urutau fíxose tamén poeta e artista plástica. Hai dúas barreiras e requisitos que non destrúen a súa alma poética e que si participan na súa vontade de transformarse. As sorpresas veñen a dúas mans, xa que ela traballa moi ben os partos múltiples. O libro está traducido (por ela mesma) ao español, unha vontade de Pedreira de abranguer a público español, máis do que até o momento era habitual para a editora e a propia autora. Alén disto, a actividade creativa da autora bifurcouse nos últimos anos, centrándose non só na propia literatura, senón en representacións plásticas en que a palabra sempre é a cerna. Desta maneira, gozamos por vez primeira dun poemario que xa nace en galego, traducido ao español e ademais adobiado con collages. Todo isto, xerado pola man da autora, só pode encaixala nun alcume que eu persoalmente lle chamo acotío: todoterreo.

Como presentación do libro xa abafa. Agora, o importante volve a ser a palabra poética, esas «presadas de sol e vento limpo» (páx. 72) que levabamos tempo agardando. O primeiro poema entra a xogar co lector: «Pídeme / que me perda» (páx. 8). Na lectura, entro nun labirinto que me recorda de cando en vez á natureza escura da autora, propia da súa voz, mais que porén vai deixando trazos frescos e renovados: «Tes as ferramentas da tortura» (páx. 10). As súas escollas son tanto predecíbeis como sorprendentes. Sábese quen escribe, mais tamén altera a selección. Este sentimento é o habitual nas obras desta autora. Os seus versos asinan coa rúbrica do cerebro que os pensou. Iso é o que sucede cando tes unha voz propia na literatura. Son anos de maduración, de obras premiadas, de consellos bos e malos, de fracasos e de moitos éxitos. Alén da propia expresión, hai imaxes duras, que doen, que tamén aveciñan a autoría e que lle son propias: «Mastigo as pétalas da miña violeta conxelada» (páx. 28). Esta liña recorda que hai que pedir cita para o dentista, por esa sensibilidade que entra polo canino arriba cando a les. A dureza e sorpresa tamén existe a nivel físico. A capa e contracapa do libro é axeitadamente negra. Sobre esta cor, crávase un collage dunha muller múltiple, plural, que se reinventa e que se retransforma unha e outra vez, igual que o libro, igual que a autora, igual que a voz poética. O mesmo dá unha muller que unha cadela se o que recibes é un ladrido.

Odio o vento. Vólvome da tribo

dos cans.

(páx. 18)

A reflexión poética dos textos de Pedreira medra a cada páxina. Os poemas son redondos, teñen vida e aprecian cos seus sentidos. Non é de estrañar o feito de que a autora goce cos xogos de cor e texturas, porque tamén esta intencionalidade aparece nos textos. Acompáñanse de ambientación sensorial, falando da humidade, da forma en que caen os obxectos ou do propio eu. Todo isto, por exemplo, aparece nun mesmo poema, que recolle a profunda reflexión da inacción até do feito de que non nos poidamos identificar (páx. 24). Como imos pronunciarnos ou dicir que pensamos se non somos capaces de proxectar unha sombra? Se non sabemos expresar o que sentimos ou diferenciar se somos esa «gata da [nosa] propia casa [ou] a [propia] casa» (páx. 66). Nosce te ipsum. As cousas sinxelas aparecen neste poemario simplificadas. Non se pode parar o curso das cousas, polo que o único posíbel é pararse a describilas. O eu poético expresa: «O meu nome fala do cansa que estou» (páx. 28). Se non podemos ser a auga que viaxa dende o xeo da montaña até o mar, podemos ser a forza que espera unha instantánea na fervenza onde brota. Mais a afouteza sempre ten fisuras e cómpre «pechar as comportas do cárcere para / que non haxa fugas» (páx. 32), que é algo que nos saca da ficción e que nos introduce na realidade do que se conta. Se ben a literatura é fantasía, tamén pode inspirar realidades. Nunca podemos saber canto de verdade hai para un lector nun libro. Moitas veces, é a nós mesmos a quen buscamos a contraluz nas páxinas porque xa non nos abonda sospeitarnos. Esa maxia escápase da creación autorial. Está ben ser fortes, invencíbeis é imposíbel; a crueza axuda a comprender o natural que se disfraza. Moitas veces, as peores experiencias son as que nos fan quen somos e só pensamos en «que doa esa sutura para sentir que existo» (páx. 42) ou en buscar un refuxio no noso particular Angkor Wat. Tamén para iso sostemos a literatura.

[…]

E quero ver como encaixa o teu dano

na miña ferida.

(páx. 36)

Hai un poema especial que supón un exercicio útil e formativo. Merécese polo menos un parágrafo. O esforzo atopámolo coma un agasallo nas páxinas 58 e 59, despois de ler os poemas das dúas anteriores. Trátase dun recurso que eu, sen dúbida, empregarei se me contratan para impartir obradoiros poéticos. Neste xogo, a autora dános palabras que despois nos deixa encher. Dispono separadamente para que nos sexa máis doado fotocopiar e entregar para traballar coas palabras e coa imaxinación. Ou iso quero pensar eu. Sen dúbida, un regalo que recordar para calquera ocasión que se nos presente!

A nivel formal, o libro non escolle léxico rebuscado, mais axúdase da sinxeleza para xerar un vocabulario propio que se retorce e crea un universo plurisignificativo. Hai unha clara evolución dende os seus primeiros libros, que si tiñan un léxico máis adobiado. Cada vez máis, Pedreira despóxase e inclúe preguntas que interpelan ao lector («Sabes como doe isto?», páx. 14) ou mesmo toques de atención («Mira, escoita», páx. 8), así como linguaxe fresca máis propia do coloquial e que lle dá un toque característico sempre á súa obra ou frases sen acabar («Non sabes ti o que eu daría por», páx. 38). En canto á extensión, son arredor de 30 poemas de diferente lonxitude, algúns en verso e outros en prosa poética. Vanse facendo máis longos, narrativos e concretos segundo avanza o libro, agás o último poema (que cerra este artigo), que volve ser máis breve e lírico. Cómpre salientar a especificidade que aparece nos poemas da segunda parte do libro; encontramos partes concretas do corpo, nomeadas, salientadas, repetidas. Cada poema é unha historia en que o ti poético é interpelado e participa: «Ven, dáme a man. / Dígoche como e onde» (páx. 52). Algúns elementos tamén forman parte indispensable de moitos dos textos, como a auga, recorrente e vertebradora. Hai un xogo entre verso curto e longo e apréciase sen dúbida un progreso dende o inicio até o final, de xeito que a lectura desordenada probabelmente aportaría unha comprensión diferente. Polo tanto, estamos ante un libro que propiamente se transforma e cambia dentro de si mesmo.

Algo que articula marabillosamente o libro son os collages, que aparecen mesturados cos textos de cando en vez. Supoño que a colocación non é á toa, senón intencional e decidida pola autora. Neles, hai unha carga humorística patente. Por exemplo, no da páxina 12, o típico «marcho que teño que marchar» galego. Esta retranca tamén é característica da autora, que traballa sempre a cabalo do lúgubre e da risada. Nesta ocasión, os collages que se escollen conteñen información relacionada coa saúde. Son caixas de medicinas, pílulas, peticións de auxilio (páx. 13), disparos a unha mesma (páx. 23), o cárcere dos fármacos (páx. 41) e moito moito moito Lorazepam. Sen dúbida, cada construción plástica sostén unha forte crítica a un problema invisibilizado na actualidade e que resulta tan común entre a poboación. Esta faceta crítica non é tampouco unha novidade na autora. Acostuma a reservar espazos nas súas obras para manifestar a súa posición e compromiso a respecto de moitas causas.

Outra escada importante deste volume é a tradución ao español. A respecto desta, cómpre salientar certas críticas construtivas que poidan resultar interesantes para o futuro. Nelas abonda a comprensión dos erros. Nunha lectura detida, son consciente de que faltou traballo de edición e corrección, talvez houbo présas de máis e naturalmente foi a autora do texto orixinal en galego quen asumiu ese traballo extra de tradutora cando, ao mellor, non lle correspondía. Para min, hai traducións que achegan mellores matices que as palabras na lingua galega e iso dóeme un pouco. Por exemplo, na páxina 19, lemos «Me vuelve de la tribu / de las perras», que me gusta bastante máis que «dos cans» (páx. 18) e que, ademais, coido que lle pega máis a quen o escribe, porque empatiza máis coas súas posturas tomadas noutras obras, facendo grandes e positivas aldraxes mencionadas en feminino, como cadela. Esta apreciación vai na liña do xénero neutro que si aparece neste libro e que me parece máis representativo do seu DNI autorial: «que entendamos ambxs» (páx. 42). Por outra parte, a nivel editorial creo que non foi un acerto non reservar as páxinas pares sempre para o galego e as impares sempre para o español. Nos poemas de máis dunha páxina, resulta imposíbel comparar a lingua traducida coa orixinal sen pasar a páxina, o que resulta innecesariamente incómodo para unha persoa que descoñeza algunha das dúas linguas. Alén disto, hai moitos erros na tradución que superan a cuestión de cambio de lingua (que tamén existen e deberon filtrarse na revisión editorial) e que deberían ser editados e coidados dende a editorial para futuras impresións. Urutau, por certo, xa conta con artigos ben diferentes nesta revista e súmase agora con este novo título, aínda que non con Emma, quen xa aparecía nas orellas dun libro recensionado. A nivel textual, o libro podería estar moito máis corrixido e boto as culpas de que non sexa así ás présas por ter unha nova obra poética de Emma Pedreira fóra do prelo. Mais nos recordos físicos dos andeis dá mágoa ese tempiño de máis que necesitaba unha obra antes de ser publicada. Cando hai textos tan depurados e tan ben acompañados de imaxes, que falle o proceso final desmerece innecesariamente á obra. Ao final, a todoterreo que temos aquí ten que ser tratada nesta ocasión como poeta.

En conclusión, este libro é de quen o escribiu. Por todas partes, a obra indica iso. Un todo diverxente que abrangue e solta, que intenta e dá, que transforma e crea. Precisamente a creación é o todo das partes que completan esta obra. Demostra Emma Pedreira que pode con calquera cousa. Mais, iso si, desta vez xa tocaba publicar poesía! Este é o lugar que sempre foi. Grazas, Emma, por non marchares nunca.

E agora

onde dixen reino digo medo.

Onde amor, cicatriz.

Onde amor, hipnose.

Onde amor, curiosidade.

Onde dixen desexo e puxen o teu nome prendeu a compulsión.

Neurose, hipérbole, palabra non dita.

Ansiedade sinónimo da pena.

Mal de altura, estas bocas.

Onde nós, dano.

Onde eu, nada.

(páx. 82)

PEDREIRA, Emma (2022), Para saír deste lugar – Para salir de este lugar, Urutau, Portugal-Brasil.

 

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí