Nación, de Margarita Ledo. Cantas películas caben nunha película?

Crítica de Nación, de Margarita Ledo. Un filme que, como a verdadeira memoria, garda máis historias das que se albiscan nun primeiro ollar.

Quizais a memoria sexa o tema máis recorrente na arte do século XXI. Non o pasado, que sempre é un celeiro onde procurar historias, senón a memoria, a maneira en que nos relacionamos con ese pasado, que destacamos e que esquecemos, como traemos o que foi para construír o que somos. Trátase dunha tendencia global que, creo, trae as súas causas na aceleración da historia e o desenvolvemento tecnolóxico, nesa sensación de que mudanzas radicais no xeito en que vivimos sucédense cada poucos anos. Cando todo é líquido, sentimos a necesidade de reforzar a memoria, e o arte entra aí como unha poderosa ferramenta.

No caso galego, esta tendencia está acentuada polo feito de vivirmos unha desruralización serodia, polo que os cambios foron aínda máis bruscos, nunha especie de trauma colectivo que a arte intenta exorcizar. Penso aquí na poesía de Lupe Gómez e Olga Novo, ou en O que arde de Óliver Laxe. De feito no cinema, e máis en concreto no documental galego, este tema tense mesturado con distintos formatos para dar algunhas das pezas máis interesantes dos últimos anos: Trinta lumes, de Diana Toucedo, unindo documental e fantasía para falar de pasado e presente no Courel; Esquece Monelos, de Angeles Huerta, introducindo o discurso poético nun documental sobre un río devorado pola expansión urbana da Coruña; e o filme do que hoxe falamos, Nación, de Margarita Ledo.

Nación, de Margarita Ledo. Cantas películas caben nunha película?

Quixen facer esta pequena introdución, porque penso que unha aproximación interesante a Nación é a que coloca o filme neste contexto, como quizais a proposta máis ambiciosa desta tendencia. Partamos da premisa: Nación relata a historia das mulleres da Pontesa, unha fábrica de louza que permitiu a moitas mulleres acceder a un primeiro traballo asalariado industrial. Contar a historia da Pontesa supón falar tamén da súa decadencia nos anos 80, momento en que o grupo empresarial ao que pertencía comezou con despedimentos e peches, nun ronsel xudicial que chega ata o presente. Vaia, xa con este adro hai moitas escollas feitas. Ledo trata (aquí, mais tamén en case toda a súa filmografía) da memoria do país, mais Nación en particular en vez de focar o pasado rural escolle retratar un momento de ínterin, de desenvolvemento industrial, o xeito en que a sociedade cambia pola nova maneira de organizar o traballo. Tamén a escolla temporal é denotativa: non se recolle unha memoria arcaica dun pasado estático, senón a dos anos posteriores á transición democrática, a década en que cristalizaron a maior parte dos consensos sociais e políticos cos que vivimos ata hoxe.

Mais isto é so a metade da historia claro. Porque a cerna de Nación está en que recolle a memoria feminista do país e súa loita como colectivo convértese en metonimia das arelas de todo o país. As mulleres da Pontesa contan da independencia que sentiron ao percibir o seu primeiro salario, da liberdade que representaba á fabrica fronte aos traballos familiares codificados. Tamén das envexas e presións non só cos xefes, mais dos seus propios compañeiros masculinos.

Industria, anos 80 e loita sindical feminista. Tres eixos cos que Ledo podería xa artellar un filme potente de crónica dun movemento social da Galiza nos primeiros anos de democracia, na liña de documentais histórico-social que fan autores como Breixo Llano coa historia da Mariña luguesa. Nación en parte é esa película, e emprega os recursos que un esperaría nela: os documentos gráficos da TVG das loitas sindicais contra a policía, as conversas en plano curto coas mulleres afoutas que dan testemuña, imaxes enfrontadas do pasado e presente en lugares fulcrais (a escena das mulleres paseando pola fábrica e as taquillas é potentísima).

É quizais atrevido aventurar cal é o proceso creativo dunha artista, mais eu creo que Margarita Ledo achegouse ao tema de Nación na pescuda dunha historia que lle interesaba, ao envolverse nela foi atopando liñas tanxenciais que lle interesaban e o seu pulso de directora tivo a audacia de non renunciar a nada. Así o que comento no anterior parágrafo é só unha das películas, o documental social, é só unha das películas que hai dentro de Nación, para nada a única.

Por exemplo, das conversas en primeira persoa coas mulleres da Pontesa agroma cunha forza narrativa incrible Nieves Pérez Lusquiños, e dentro do que é o personaxe colectivo das mulleres traballadoras, a súa voz adquire un peso propio e a película decide seguila e retratala de xeito particular, fascinada pola súa personalidade e historia. Unha nova peza do collage precisa de novas ferramentas de forma, e aí entran Mónica de Nut e Mónica Caamaño, dúas actrices profesionais que conversan coas mulleres e funcionan a un tempo como personaxes, narradoras e entrevistadoras. Con elas, a película adquire unha nova dimensión, máis ficcional, que se vai mesturando sinuosa co substrato documental.

Chegados a este punto Nación está traballando xa a tres niveles distintos e da propia estrutura complexa xorde a idea de que o filme contén unha alegoría, que a historia das mulleres da Pontesa é un símbolo dunha loita moito máis grande. Certo que esta función “exemplificadora” podería darse tamén de facer un documental máis clásico, mais cos vimbios que foi artellando, Ledo atrévese a facelo evidente e introducir novos niveis na película. Hai escenas en que personaxes reais e ficticios  parecen deslocar o tempo. Vemos a Mónica de Nut traballando o millo cun grupo de mulleres labregas, que son tamén as mulleres da Pontesa. As actrices que falan con Nieves no presente, de súpeto visitan tamén unha tenda de roupa dos 70.

Os elementos ficcionais fan evidente que Nación fala dunha fábrica pero quere conter todas as loitas feministas que se viviron na Galiza. Decidida, Ledo emprega todos os recursos dos que pode dispor para mesturarlos coa historia da Pontesa. Así ao documentos de filme antigo da fábrica de louza xúntanse gravacións de fábricas moito máis antigas de comezos de século XX. Aparecen as fotografías de Xosé Castro da loita das Encrobas, as mulleres berrando nas procesións do Corpiño, o personaxe de Mónica Caamaño ten unha escena en que nun monólogo de emoción potentísima narra unha historia de violencia.

Neste collage está a maior fortaleza da película e o que a fai destacar dentro dese conxunto do que falaba ao principio. Outros filmes probaban a mesturar dous xéneros e facelos bailar co documental. Ledo mestura eu que sei, como cinco, ata o punto de que as liñas son totalmente difusas. Nación é a obra dunha directora experimentada e con pulso que non se inhibe e decide que vai meter todo o material que quere na película, e esa paixón creadora tamén se transmite no filme. Non é unha decisión sen custes, claro. Por momentos a película quere ser tan grande que tropeza e os elementos non acaban de callar. A min por exemplo o momento en que aparecen as fotos das Encrobas pareceume fóra de lugar, entendo que como unha reacción visceral, porque criticamente entendo a decisión de incluílas, mais creo que para todo espectador hai un límite na fusión. Tamén a maneira en que se constrúe a idea de nación (aquí como termo político) é conflitiva, entendida en termos un tanto decimonónicos, como un conflito que só de tensión e non tanto como proxecto de estabilidade. En fin, son os riscos do collage, de non deixar nada fóra, de facer unha película a un tempo reivindicativa no material e profundamente emocional.

Porque se algo é Nación é emocionante. Dispara constantemente, de maneiras moi distintas e é imposible que algunha non golpee. Transmite con mestría a efervescencia política dos 80, as arelas e os fracasos nacidos dese tempo. Consegue emocionar na parte documental, na parte puramente ficcional e nos puntos intermedios. Vai da épica á nostalxia, da raiba a ata a a tenrura (como non sentir tenrura nesa escena de Nieves e Mónica de Nut debullando millo xunto á pequena filla de Mónica).

Nación, de Margarita Ledo. Cantas películas caben nunha película?

Nunha reviravolta maxistral, todo Nación está encadrada na poesía. Eva Veiga, a esfinxe, abre e pecha o filme cun discurso lanzado directamente cara a audiencia. Outro nivel, outro máis, que dialoga co conxunto, e que pola súa colocación é toda unha declaración de intencións. Pódese entender Nación porque non é unha película críptica, pero non se pode apreixar porque esconde enormes terreos dentro do seu labirinto. Pagará a pena agardar e revisionar Nación, volver visitar o labirinto de tanto en tanto, porque non é so unha película, senón moitas. Un collage, cando está ben feito, é ao tempo partes e a miraxe do conxunto. Así igual Nación, como a verdadeira memoria, garda máis historias das que se poden albiscar nun primeiro ollar.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí