Nove de novembro. Muros cerrados

Crítica da película Nove de novembro, de Lázaro Louzao, a primeira película LGBT galega, estreada no teatro Colón da Coruña o 7 de abril

Fotograma de Nove de novembro

Anúnciase Nove de novembro, como a primeira película LGBT en galego. Non é un fito menor, tanto para a comunidade en Galicia, como para o propio cinema galego, que consegue achegar por fin unha visión propia sobre unha das loitas sociais máis importantes do século XX e da actualidade. Ademais, en Nove de novembro a temática LGBT non é algo tanxencial ou anecdótico, está na cerna do proxecto, do que é e do que quere ser.

A película relata a relación de Miguel e Roberto, unha parella homosexual nos anos 80. Vemos o seu presente dentro dun piso da Coruña, mentres algunhas escenas en flashback mostran momentos do seu pasado. As paredes brancas e desleixadas dese piso con vistas monótonas marcan o ton. Opresivo. Os planos curtos, curtísimos, durante gran parte da metraxe, as caras das personaxes enchendo un espazo que parece facerse cada vez máis e máis pequeno.

A sensación claustrofóbica, por momentos verdadeiramente incómoda, está moi lograda e consegue que ás veces chegues a necesitar apartar a mirada. Sénteste case un voyeur observando os intres máis íntimos dunhas persoas, como se non debeses estar aí. Os corpos de Miguel e Roberto, a súa pel, enchen toda a pantalla, sen apenas sitio para eles, aínda menos un oco para o espectador (que llo digan á censura de Facebook).

O feito de que toda a película sexa un toma e daca entre Miguel e Roberto converte a súa relación na verdadeira protagonista. O deseño da mesma constitúe o núcleo do guión e os recursos visuais para expoñela, relacionados co ton e o espazo dos que falamos antes, os maiores achados do filme. Hai moita verdade na relación de once anos de Roberto e Miguel. Nas miradas ao baleiro desde a cama asoman as dores da rutina. Os reproches silenciosos nunha maneira moi concreta de tocarse. As loitas de poder cambiantes na voz dun deles falando desde fóra do plano. O sexo e todas as expectativas ao seu redor. Mirando para as conversas entre eses dous homes non podes máis que rematar reflexionando sobre o paradoxo da intimidade con outra persoa. Cando máis somos nós mesmos e ao tempo máis somos prisioneiros do noso ego.

Nove de novembro
Fotograma de Nove de novembro
Homes no seu tempo.

Porén, Nove de novembro non quere só falar sobre unha relación entre dous homes, quere contextualizala, situala nos anos oitenta e falarnos dese tempo. Hai algúns acertos neste respecto. A precariedade laboral, que afoga a uns personaxes que xa teñen moito peso enriba, aparece en pequenos detalles que brillan pola súa delicadeza. Tamén a opresión das paredes do piso coruñés, que funcionan como perfecto símil da sociedade que illa e engaiola ao diferente. Aínda máis cando se engade a esas paredes o muro de Berlín, leitmotiv que percorre toda a metraxe e a súa mellor metáfora visual para enlazar Historia e historia.

Mais neste apartado a película tamén intenta cousas que non rematan de funcionar. Algunhas conversas parecen estritamente colocadas para contextualizar (penso na da Constitución, ou na que se fai referencia á lei de vagos e maleantes), non porque non falen de temas interesantes, senón porque aparecen de forma moi pouco orgánica. Entendo que localizar case toda a película como unha conversa entre dúas persoas nunha habitación fai complicado introducir algunhas ideas. Pero ás veces a película parece máis preocupada por facer un check en todos os elementos importantes da década que intenta reflectir, que por conseguir que eses elementos nos importen, enlazándoos coas personaxes. A limitación formal non xoga aquí ao seu favor, mais se vemos os fíos do mago, rómpese a maxia.

Cartaz promonocional de Nove de novembro
Cartaz promocional da película

A outra aposta arriscada do filme, a súa estrutura, tamén lle xoga malas pasadas. As escenas en flashback, que acontecen en exteriores, serven para dar un respiro ao espectador na claustrofobia, pero provocan problemas de continuidade que a película non consegue resolver. Suponse que Roberto e Miguel no piso na Coruña no 89, coñecen todos os feitos narrados nos flashbacks desde o primeiro segundo, só o espectador debería descubrilos. Porén, a película emprega esas doses de información para artellar os seus arcos argumentais, o que produce a sensación de que as personaxes responden a esas revelacións, como se fosen novas, cando son feitos que lles aconteceron anos atrás. Isto lastra o desenvolvemento das personaxes que ás veces parecen coñecerse a si mesmo ao mesmo tempo que nós os descubrimos en lugar de simplemente denotar as súas personalidades. Compartimenta unha historia que debería fluír de xeito máis cohesivo. É evidente que desde a dirección téntase evitar isto, nalgunhas ocasións se solventa con nota (o tema da SIDA que se introduce de xeito moi sutil iniciando un arco que remata en clímax moitos minutos despois) e, aínda que non son erros de vulto, en ocasións as pezas renxen como se algo estivese fóra de lugar.

Non podo evitar mencionar, dentro dos aspectos negativos, o tema do son. Quizais o feito de ver a película nun teatro empeora isto, pero non creo que o equipo dunha sala de cine logre solucionar completamente os problemas de captación. Hai escenas nas que custa verdadeiramente entender aos personaxes, cando non son frases que resultan directamente inintelixibles. Nun filme tan dependente do diálogo e no que case non hai música, resulta un erro que non se pode obviar.

Con todo, a película é quen de sobrepoñerse aos seus defectos, cabalgando nas súas virtudes. Entre elas destaca a actuación dos dous actores principais Brais Yanek e Ademar Silvoso, que soportan o peso do filme cun traballo excelente. Falaban na presentación na Colón de que tiveron varios meses de ensaio, eles dous xunto ao director para construír a relación. Definitivamente foi tempo ben invertido. Conseguen transmitir unha fisicalidade próxima e confiada, chea de matices, sobre a que a película coloca os seus piares.

O resultado é Nove de novembro, a primeira película LGBT en galego. Unha película valente no fondo e atrevida na forma. Non unha película perfecta, pero que non ten medo de arriscar para buscar a súa propia voz, para contar unha historia que pensa que é importante.

Nove de novembro

Director: Lázaro Louzao

Guion: Lázaro Louzao

Fotografía: Maite Redondo, Iago Vilarinho

Reparto: Ademar Silvoso, Brais Yanek, Sabela Arán, Carlos Roma

Productora: Costura Films

Ano: 2018

 

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí