O derradeiro Bowie. A vida retirada de David Robert Jones

Os últimos anos da súa vida, Bowie decidiu apartarse do foco. Que fixo durante ese tempo? Que nos di esa época sobre o Bowie humano?

Uns anos atrás lin unha anécdota sobre Bowie. Contaba que tralo seu infarto e desaparición da vida pública, nos seus paseos por Manhattan o artista levaba sempre consigo unha pequena libreta con anotacións feitas en grego. Se alguén o recoñecía pola rúa e lle preguntaba se era el, o músico dicía que non, ao tempo que ensinaba o caderno, asegurando que só era un turista de visita na cidade.

Durante moito tempo a idea quedoume rebotando na cabeza. Fíxome graza, pareceume como un xesto moi propio de Bowie. Pero no asunto había algo máis. Se a historia resultaba poderosa é porque no fondo non era só un famoso cunha artimaña para tratar de pasar desapercibido; dalgún xeito, representaba un conxunto de actos executados por parte do británico para desaparecer absolutamente do ollo público, para recuperar por completo na súa vida privada a identidade de David Robert Jones.

Os anos de “desaparición” de Bowie fascínanme. Que estaría a facer unha mente tan creativa e activa como a súa con semellante cantidade de tempo libre por diante. Sen xiras, nin entrevistas ou actos de promoción. Sen a necesidade de producir novo material para seguir ingresando diñeiro, pero coa posibilidade de facelo se realmente lle apetecía…

Durante ese anos a prensa tratou de significar a súa ausencia no morbo, falando de Bowie como alguén que vivía practicamente recluído, unha especie de Howard Hughes do século XXI. Rumores sobre o estado de saúde, “noticias” que directamente o daban por morto, publicacións que aproveitaban os escasos momentos en que alguén lle sacaba unha foto pola rúa para falar do desmellorado que estaba e de que xa non vestía “co estilo que o caracterizaba”. O absurdo máis absoluto. Por que tanto catastrofismo? Non era moito mellor imaxinar a un Bowie feliz, levando unha vida familiar e tranquila?

A realidade é que David sempre estivo aí. Que como persoa xa non quixese seguir formando parte do mundo público non significa que non se mantivese sempre facendo cousas, fiel ao seu estilo, independentemente de que logo estivesen destinadas ao consumo do público ou ao seu propio.

Trala publicación de Reality (2003), Bowie comezou a xira promocional do mesmo, chamada A Reality Tour, con datas en Europa, Estados Unidos, Nova Zelandia, Australia e Xapón. Todo parecía ir ben, mais o 23 de xuño de 2004, durante un concerto en Praga, séntese sen aire, leva as mans aos ombros e ao peito e abandona o escenario en medio da canción Reality coa axuda dun membro de seguridade. O músico consegue xuntar as forzas necesarias como para regresar ao escenario e interpretar catro cancións máis. As asistencias médicas, xa rematado o concerto, dinlle que se trata dun nervio comprimido no ombro e danlle relaxantes musculares. Dous días despois, durante o festival Hurricane celebrado en Alemania, David comeza a sentir dor no peito. É quen de aguantar ata rematar o concerto, que pecha con Ziggy Stardust. Tras abandonar o escenario, cae ao chan. O que en realidade ten Bowie é unha arteria obstruída que require dunha anxioplastia de emerxencia que se leva a cabo en Hamburgo, o que lle deixa cun triple bypass no corazón. As 14 datas que restaban da xira quedaron automaticamente canceladas (incluíndo unha en Santiago de Compostela, dentro dos Concertos do Fin do Milenio do ano Xacobeo 2004, por certo).

O derradeiro Bowie. A vida retirada de David Robert Jones.
Bowie durante a xira A Relity Tour.

É nese momento que comezou una nova etapa, da que estamos a falar. E xa podemos adiantar que, se un mira ben, nin tan sequera é certo que despois do incidente cardíaco a vida produtiva do músico se deteña por completo. De feito, o primeiro que dixo tras saír do hospital, foi “espero recuperarme cedo por completo para poder volver ao traballo”. E vaia se volvería, aínda que fose de forma máis reducida. No ano 2005 toca con Arcade Fire no evento Fashion Rocks e no CMJ Music Marathon; xúntase con Lou Reed para colaborar no disco No Balance Palace, de Kashmir; grava as partes vocais de (She Can) Do That, coescrita con Brian Transeau, para a película Stealth; fai os coros na canción Province, de TV on the Radio e grava un anuncio con Snoop Dogg para XM Satellite Radio.

Non será ata maio de 2006 que Bowie comunique que aparca durante un tempo a súa carreira: “Tomarei un ano sabático. Non sairei de xira nin gravarei discos”. Engadía que dedicaría ese tempo a pasear e a ver cine, pois aseguraba que era capaz de ver ata “tres películas de Woody Allen nun único día”.

Pese a todo, ese mesmo maio, o día 29, aparecerá como invitado sorpresa nun concerto ofrecido por David Gilmour no Royal Albert Hall. Tamén no 2006 prodúcese a que, agora si, será a súa última actuación sobre un escenario, un 9 de novembro nunha festa para recoller fondos. Esa noite tocaron Wild is the wind, Fantastic voyage e Changes, xunto a Alicia Keys, canción que remataría sendo a última que cantaría sobre un escenario.

A cousa e que Bowie xa lle comentara a Mike Garson (o seu teclista), antes do incidente médico, que estaba pensando en apartarse un pouco de todo para estar máis tempo coa súa familia. Foi o problema cardíaco grave? Sen dúbida. É posible que A Reality Tour fose a derradeira xira de Bowie, incluso sen o problema de saúde? Para nada descartable. Un bo exemplo de artista que decidiu seguir producindo música pero sen ir de xira sería Tom Waits, sen ir máis lonxe.

Se xa desde o problema cardíaco Bowie recobrara unha vida máis tranquila nun dúplex do barrio Nolita (North of Little Italy) coa súa muller Iman e a filla común de ambos, agora irá aínda máis. O artista pasa o seu tempo vendo cine clásico de comezos do século XX, lendo de forma incesante ou pintando, actividade coa que pasa tardes enteiras, unha paixón á que xa nos anos 90 dedicara unha cantidade de enerxía considerable. Tamén conta cun pequeno estudo de gravación na súa casa, o que lle permitía facer algo de música cando lle apetecía. Levaba ademais, de forma persoal, todo o referido á explotación do seu catálogo (de feito dende a súa morte son numerosos os lanzamentos discográficos do artista, todos eles parte dun proxecto organizado polo propio Bowie, que deixou instrucións precisas aos seus colaboradores máis próximos sobre como tiñan que ser estes lanzamentos, divididos por etapas creativas, de acordo a unha fonte do News Week).

Disque pasaba moito tempo en Woodstock, onde comprou un terreo de 25 hectáreas para construír unha casa. No ano 2003 dixera: “encántanme as montañas. Son Capricornio. Nacín para estar nalgunha cima. Nunca fun moi de Woodstock, para nada. Pero cando estiven alí quedei alucinado co fermoso que é. Ese terreo duro ten un carácter despoxado e firme que me atrae”.

Sobre Manhattan, Bowie dixo nunha ocasión que o que máis lle gustaba da cidade era que practicamente ninguén o recoñecía, pasaba case por completo desapercibido. Nesta nova vida tamén dará paseos diarios dunha hora pola cidade, levará a súa filla á escola ou irá ao ximnasio. De vez en cando tamén se pasa pola oficina de Bill Zysblat, encargado de levar os seus negocios dende hai anos. Iman, a súa muller, dirá ao respecto: “encántanos ir ao parque e sentarnos nos cafés. Somos xente común. A nosa vida é doméstica”. Unha existencia do máis normal, case que como outra calquera.

Durante eses anos apareceron moitas declaracións de Bowie que nos chegan como murmurios, suposición non confirmadas de todo. Un periodista asegura que se achegou a el durante unha festa e tras un anaco conversando, o músico díxolle que xa estaba “farto” da industria da música, engadindo que “saio a camiñar todas as mañás, e vexo miles de películas”. Nese mesmo senso, outro asegura que David lle comentou con respecto a súa nova vida que “encántame ir ao teatro, ver a bandas novas, ir a exposicións de arte… de todo. Vou a todos lados, estou moi tranquilo”.

Mais nin con esas o Bowie figura pública desaparecerá nunca de todo. Nese mesmo ano 2006 participa na rodaxe de O truco final, de Christopher Nolan, onde fai de Tesla. Aparece tamén nun capítulo da serie Extras, de Ricky Gervais. No ano 2007 dálle voz a un personaxe chamado “Señor Alteza Real” nun capítulo especial de Bob Esponja, unha das serie de debuxos animados favoritas da súa filla, e participa no disco de versións que Scarlett Johansson fai de Tom Waits (Anywhere I lay my head). No ano 2008 aparece na película independente August. E no 2009 acompaña ao seu fillo Duncan ao estreo de Moon, o seu debut como director, ademais de participar na súa última película, School Rock Band, facendo de si mesmo. En 2012 rexeitará participar na apertura dos Xogos Olímpicos de Londres por diferencias co director artístico da cerimonia, Danny Boyle.

Bowie e o seu fillo, Duncan Jones, na estrea de Moon.

No ano 2013 chega a gran sorpresa: aparece o disco The Next Day, primeiro dende 2003 (Reality), que ten moito de nostálxico e de mirada cara o pasado, ata o punto de que a portada é unha reinterpretación da do disco Heroes. É un momento de creatividade desbordante por parte do artista. Para o álbum compón ao redor de 30 cancións. A Floria Sigismondi, directora de dous dos vídeos do disco, escríbelle un email dicindo “estame a saír a chorros, estou creando, creando e creando”. Para este disco estivo traballando durante dous anos no máis absoluto dos silencios.

E coa aparición deste novo traballo discográfico xurdiu de novo a clásica pregunta: Volvería Bowie a saír de xira? Respondeu Tony Visconti, o seu produtor e home de confianza durante anos. Segundo The Times, David prometeu non volver a conceder entrevistas nunca máis, Tony asegurou que el era agora “a voz de Bowie na terra”, e confirmou que o artista “non ten intención de volver a saír de xira. O único que quere é seguir facendo discos”. Confirmábase definitivamente que abandonaba os escenarios, pero non a música.

Pouco despois, o museo V&A de Londres saca unha exposición coa súa roupa e recordos (David Bowie Is, con ata 300 obxectos do artista), que o propio Bowie visitaría con Iman e a súa filla. Aínda que ao principio parecía que o propio músico fora o encargado de comisionar a exposición, dende o entorno de Bowie isto é negado. Nese mesmo ano tamén colabora no disco Reflektor, na canción do mesmo nome, de Arcade Fire. Xa un ano despois, no 2014, aparece Nothing Has Changed, antoloxía para celebrar os seus cincuenta anos de carreira.

O seu último disco será Blackstar, gravado nos estudos Magic Shop, moi próximos á súa casa. Vai acompañado dunha banda de Jazz. Bowie fora diagnosticado de cáncer 6 meses antes, e unha das cousas que se lle pediu a todos os implicados na gravación foi confidencialidade absoluta sobre o proxecto e sobre o propio David. O disco fica rematado en marzo de 2015, e non verá a luz ata xaneiro de 2016, só dous días antes da morte do músico. O sombrío está presente na música, nas letras e no aspecto visual, que é sobresaínte, incluíndo portada e vídeos que acompañan ás cancións.

O segredo sobre o estado do músico foi tal que o director do vídeo de Lazarus, considerado a día de hoxe por moitos como a despedida de Bowie, pensou que todo o asunto era unha alegoría bíblica, sen chegar a imaxinar que o músico puidera estar a falar de algo moito máis próximo e persoal.

E, xa incluso antes de que puidera xurdir a mesma pregunta que na época de The Next Day, a súa oficina anunciou que “o señor Bowie non dará concertos”.

Durante esta época traballa tamén noutro dos seus últimos proxectos, o musical Lazarus, no que recuperaba o personaxe que el mesmo encarnou en O home que veu das estrelas, película de 1976. Será precisamente na estrea teatral do mesmo, o 7 de decembro de 2015, onde faga a súa derradeira aparición pública. É só un mes antes de morrer, e alí dille a Van Hove, director da obra, que teñen que comezar a traballar nun segundo musical.

Nesas últimas semanas consegue gravar demos para outras cinco cancións máis. Fala con Visconti e dille que quere facer outro disco máis, unha continuación de Blackstar.

Bowie soubo que o cáncer era terminal só tres semanas antes de morrer. Os máis próximos aseguran que nesta última época nunca o escoitaron queixarse. Que estaba cheo de ideas, cunha creatividade desbordante, e que o único que quería facer era seguir traballando. O propio Visconti dixo que “foi moi valente e tivo moitísimo coraxe. Para ser un home con cáncer, a súa enerxía era incrible. Nunca deu ningunha sinal de ter medo. Estaba decidido a facer o disco”.

Bowie deixounos un 10 de xaneiro, dous días despois so seu aniversario, aos 69 anos. “En paz, rodeado da súa familia, despois dunha valente batalla”, dicía o comunicado publicado nas súas contas oficiais. Facíao tras pasar uns últimos anos de grandísima creatividade, cunha vida algo máis apartada, a meirande parte do tempo en Nova York, pero cunha existencia moi rica e chea ata o final, sen que nin moito menos estivese encerrado ou recluído no seu apartamento. Alguén que lle deu tanto ao mundo e que finalmente atopaba o seu merecido descanso, a súa buscada tranquilidade. Nun tempo en que todo se sabe ao momento a través de Internet e as redes sociais, Bowie preferiu o silencio. Foi a súa derradeira xogada mestra. Xa non quería focos, fama ou publicidade. Simplemente, ser un turista máis na inmensidade que Nova York ten que ser. Un turista grego, por poñer un exemplo.

O derradeiro Bowie. A vida retirada de David Robert Jones

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí