O Príncipe do Pracer

Prince e Warhammer 40000: unha mestura que non sabías que querías (foto de portada © Reuters/Lucas Jackson)

Lede este texto e rezade comigo. Wake up children. Dance the Dance Electric; there isn’t much time.

Un Mundo Astronave dos Eldars (de: warhammer40k.wikia.com)

Describo a visión, aquela visión tétrica do ano 1988 que persigue aos Eldars nas súas meditacións. (Pero que 1988? Os conceptos de día e ano perden toda a súa forza nos Mundos Astronave, miles de anos luz (perdón) de calquera sol que os dotase de sentido). A visión inspira temor porque é fermosa. Os Eldars adoitan resistir a chamada, pero nosoutros, unha raza frouxa e inxenua, ao atoparnos diante da súa beleza case sempre nos deixamos seducir.

É así: unha flor crece nun campo infindo, branco como a neve e bañado nunha luz benévola, divina. A flor ábrese. Ábrese sensual, case eroticamente, e das súas profundidades nace un ser. Este ser emana encantos como se fosen perfumes, o seu suor é bondade e as súas bágoas felicidade. Cal é o desexo que máis desexas satisfacer? Non importa o ambicioso ou perverso que sexa, a promesa de cumprilo está inscrita nas carnes espidas desta bela aparición. Así é a visión do Gran Inimigo, como o chaman os Eldars. Así é a súa promesa baleira.

O ser humano achégase ao ser que naceu da flor. Non sabe quen é nin o perigo que representa, pero cando este ser lle fala nunha lingua que non coñece…

Welcome 2 the New Power Generation. The reason my voice is so clear is there’s no smack on my brain.

(Benvido á Xeración do Novo Poder. A razón da claridade da miña voz é que non teño heroína metida na cachola.)

…pensa que nunca ouviu algo tan precioso. Quere a amizade deste ser, quere abrazalo, quere mordelo, pero sobre todo, quere servilo. Xa caeu na trampa, tal como temían os Eldars. Con que facilidade o Gran Inimigo consigue novos discípulos – bástalle pouco máis dunha ollada.

O Gran Inimigo chámase Slaanesh, un nome que, traducido da lingua de Caos, quere dicir <<Príncipe do Pracer>>. Asociado co sexo, a luxuria, o hedonismo, a fama e a riqueza, Slaanesh é un dos catro Deuses de Caos.

En 1988, o músico estadounidense Prince (1958-2016) -artista asociado co sexo, a luxuria, o hedonismo, a fama e a riqueza- sacou o seu disco Lovesexy. Consideremos a súa portada. Bastoulle pouco máis dunha ollada… pero aínda sinto horror cando a contemplo.

© Warner Bros Records

Son o profeta dunha nova relixión. Creo firmemente que Prince nin naceu no 1958 nin morreu no 2016. Nin naceu nin vai morrer. Prince e Slaneesh son dous nomes para un mesmo Deus, e cando leades as probas aquí presentadas, sei que comigo rezaredes ante a súa ara.

Prince está muerto. Prince está muerto. Que viva para siempre el poder de la Nueva Generación – Mayte García

Na nova relixión, a cor sagrada é a morada. A escarlata é a cor da xenreira, o verde cheira a putrefacción, pero o morado evoca todos os sentimentos grandiosos da muller e do home: a nobre ambición e os amores cara ao próximo. O palacio de Slaanesh e o seu hinterland (verba da lingua de Caos sen tradución directa) son unha paisaxe marabillosamente morada; velos é namorarse.

Prince sempre privilexiou a cor morada na súa arte, o conxunto da cal é, sen dúbida, un dos máximos logros da música popular de todos os tempos e todas as dimensións. O exemplo máis obvio é a Chuvia Morada de Purple Rain (1984). Nun tema deste disco, Prince xa manifesta a súa propia natureza inefable, unha natureza que doadamente escapa á comprensión dos mortais, pois declara que “nin son home, nin son muller, son algo que nunca vas entender” (orixinal na lingua de Caos: I’m not a woman, I’m not a man, I am something that u’ll never understand). Esta letra tamén alude á natureza andróxina que tanto caracteriza a Slaanesh. Ademais, sabe expresarse en termos mesiánicos ao afirmar que morrería por nós (I would die 4 u), un xesto que nos permitiría aos mortais bañarnos na Chuvia Morada e purificarnos nas augas cristalinas do lago Minnetonka – rituais indispensables.

Os Fillos de Emperador (de: tabletopapocalypse.blogspot.com.es)

Nas brutais guerras do 41˚ milenio, os Chaos Space Marines liderados polo Daemon Prince Fulgrim son os avatares de Slaanesh sobre o campo de batalla. Estes Fillos do Emperador (escravos liberados dun Emperador moribundo e podre) arrasan aos seus adversarios tocando instrumentos estrafalarios, gaitas endemoñadas cuxos tons estoupan os ouvidos e petrifican a alma. A música convertida en arma terrible. Chámase Música Morada. En Purple Music (1982), unha canción inédita -quizais polo perigo que suporía poñela na radio-, Prince presaxia a Música Morada que algún día soará nas orxías de sangue da Porta de Cadia:

Don’t need no reefer, don’t need cocaine, Purple Music does the same 2 my brain…

(Nin porro nin cocaína, a Música Morada xa me machuca a cabeciña…)

Rezade moradamente. Power Fantastic enters your life at last.

Pero negro é o sangue dos Fillos do Emperador. Moitos son os testemuños que, ao veren morrer un discípulo de Slaanesh, se sorprenderon ante a negrura do seu sangue, imbuído como está da esencia de Caos.

E moitos son os oíntes que, ao escoitaren os disco 3121 (2006), se sorprenderon ante a negrura dos fluídos vitais de Prince. “Estou quente” infórmanos, “e dáme igual que o saiban. Teño moito choio aquí. Estou suando, suando un suor negro” (orixinal na lingua de Caos: I’m hot, and I don’t care who knows it. I got a job 2 do. I’m working, working up a black sweat).

Negro é o sangue dos Fillos do Emperador, e negro é o suor do Príncipe do Pracer. As pedras do camiño da Xeración do Novo Poder son a ametista e o acibeche. Rezade moradamente e suade un suor negro. Don’t be shy, this won’t hurt a bit, unless of course u don’t believe in it.

Cando os Fillos do Emperador marchan á guerra, as súas armaduras e bandeiras amosan este símbolo:

(Do usuario SlaneeshG en deviantart.com)

O nome do símbolo é imposible de pronunciar, agás na lingua de Caos. Os mortais temos que limitarnos a dicir <<Slaanesh>>. Por outra banda, entre 1995 e 2001, Prince, a raíz dun conflito que estaba tendo con Warner Bros sobre os seus dereitos de autor, cambiou o seu nome por un símbolo. A ver se hai algo que vos chame a atención.

© AP Photo/Wilfredo Lee

Si, o primeiro é unha versión vilmente corrompida do segundo. Co cambio de nome, a xente non sabía como chamalo, pero Prince dalgunha maneira aclarou o asunto na canción Now (1995). Neste tema, Princa cóntalle á oínte -seguramente unha chavala coa que quere ligar- que “non importa o meu nome, é demasiado longo que lembrare. Podería dicircho, se até setembro quixeses estare” (orixinal na lingua de Caos: don’t worry about my name, it’s 2 long 2 remember. I could tell u now but we’d be here ‘til next September).

Como pode ser que lle custaba tanto dicir o seu propio nome? Pois precisamente porque se trata do mesmo símbolo que levan os servidores de Slaanesh nas súas armaduras e bandeiras, un símbolo que non se pode pronunciar, agás na lingua de Caos. Os mortais tíñamos que limitarnos a dicir <<o artista anteriormente coñecido como Prince>>.

Presentadas estas probas indiscutibles da consubstancialidade de Slaanesh e Prince, rematemos, fieis, cuns rezos do ano 2009.

Feel Better. Feel Good. Feel Wonderful.

Rezade comigo.

Feel Better. Feel Good. Feel Wonderful.

I got a guitar that can part the sea.

Cantade as cancións dos Fillos do Emperador e estoupade tímpanos,

Prince ten unha guitarra que separa as augas do mar.

Feel Better. Feel Good. Feel Wonderful.

I don’t know what u thought when u spit in my face, but this dimension ain’t the time or the place.

Si, si, chamádeo maricón, confundídeo con Michael Jackson. Cuspídelle na cara, se vos cunde.

Todo iso resolverase noutro tempo e noutro lugar.

Feel Better. Feel Good. Feel Wonderful.

Pero pensade.

Se procurades, atopades

a colonized mind.

The one in power makes law, under which the colonized fall.

Without God it’s just the blind leading the blind.

(O falso emperador manda e as cabeciñas colonizadas obedecen.

Sen Slaanesh son cegos conducindo a outros cegos.)

Pensade. Pensade. Pensade.

Do what u want, nobody cares.

Fai o que che dea a gana: drógate, mastúrbate, folla, lacera, mata, come, bebe, engórdate e vomita.

Feel Better. Feel Good. Feel Wonderful.

Pero ti pensa.

Prince
1986 © Warner Bros Records
Warhammer 40k
41986? © Games Workshop

 

 

 

 

 

 

It’s just around the corner.

 

Cancións e álbums citados

Purple Music (canción inédita, 1982)

God (lado B de Purple Rain, 1984)

I Would Die 4 U (Purple Rain, 1984)

Eye Know (Lovesexy, 1988)

Still Would Stand All Time (Graffiti Bridge, 1990)

Power Fantastic (The Hits/B-Sides, 1993)

Endorphinmachine, Now (The Gold Experience, 1995)

Black Sweat (3121, 2006)

Feel Better, Feel Good, Feel Wonderful, Colonized Mind (Lotusflow3r, 2009)

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí