Como se recolle no Germania de Tácito, os suevos eran distinguidos por unha especie de moño, un peiteado característico que serviu para diferencialos doutros pobos e que tamén foi chamado «trenza sueva» ou «nodus». Cando eu falo dos suevos, sempre gosto de indicar o que me resulta máis próximo do legado que deixaron no meu país: o concepto de parroquia. Non podo referirme a esta civilización sen explicar que en Galiza posuímos unha estrutura territorial que festexa lindes dos que non se fala noutros lugares. Adoro as parroquias.
In Tempore Sueborum deume unha tregua para coñecela. Leva desde decembro e ampliou o seu prazo de exposición para favorecer que eu me achegase. Tíñalle moitas ganas porque lera bastante sobre ela. Agardei impaciente durante as inclemencias do clima e a axenda, pero ao final logrei acudir para ter unha opinión sobre esta visión ourensá do primeiro reino medieval de occidente que Leovixildo deu en rematar no 585, deixando paso á monarquía goda logo de 126 anos de contaminación cultural sueva nas nosas terras.
A exposición sitúase –innecesariamente– en tres edificios. Talvez nunha mala orde, visitei a igrexa de Santa María Nai primeiro, para logo coñecer o Centro Cultural Marcos Valcárcel e rematar no Museo Municipal de Ourense. Non sei por que, agardaba dúas seccións pequenas e unha moi grande, que me ocuparía horas. O certo é que, no conxunto, é unha exposición moito máis pequena do que eu agardaba e do que eu estou acostumada a coñecer. Ademais, é moi iniciática. Explícome: por unha banda, se ben o traballo que hai detrás pódese apreciar polas numerosas pezas traídas desde diferentes puntos da xeografía (Mérida, Hungría, etc.), o conxunto non está pensado para persoas que escoitasen falar algunha vez dos suevos; pola contra, na outra banda ou visión do mesmo problema, isto favorece que calquera (calquera) poida ir a ver a exposición e facerse unha idea completa do que os suevos supuxeron. Quero dicir con isto que, se cadra, peca de contar as cousas dun xeito moi básico, mais recoñezo que isto favorece (e moito) o acceso ao público xeral que, obviamente –e, sobre todo, se vén de fóra–, non ten por que coñecer os suevos nin as súas repercusións na nosa terra e xeografía. Por certo, déronme moitas ganas de volver a Braga e a Porto. As imaxes dos estudos de investigación e escavacións arqueolóxicas son sempre un éxito para os meus ollos escarvadores.
Por último, gostaría falar da ambientación, que tantas veces fai que odiemos ou amemos unha visita cultural. A escuridade da igrexa resultoume enfeitizadora. Como foi o primeiro sitio ao que acudín, reparei moito no acompañamento musical, ao que moitas veces non se lle fai caso (como nesta ocasión), mesmo cando hai unha persoa que se molestou en recrear tres temas diferenciados para os tres espazos. Pregúntome por que aínda ás veces se pensa que a música resulta superflua ou carece de importancia nun conxunto artístico. Neste primeiro edificio eclesiástico, escoitábase un tema que se repetiría (o mesmo!) no Museo Municipal. Pola contra, o terceiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel estaba en silencio. É curioso comprobar como Mónica Rodríguez Lovelle traballou para que isto non fose en absoluto así. É un acerto o feito de que, polo menos, eu poida desde o meu computador escoitar o que debera ter sentido in situ ao longo da exposición. Recordoume este fío musical a ambientes bélicos recreados aos que, na actualidade, están soando en series de guerras moi de moda. Na miña opinión, moi axeitado que se acheguen as guerras dos suevos con esta mesma ligazón musical que se emprega moito mellor no cinema que nos museos e, sobre todo, con moito máis respecto aos compositores. Todas as conquistas teñen vitorias fracasadas, mortes prescindíbeis e herdanzas no sixilo. Que ben que viaxemos nos séculos e funcione aínda, polo menos en ouvidos como os meus.
En conclusión, xa que a exposición vai estar aínda ata o 6 de maio, se tes a oportunidade, achégate e xa me contarás que che parece. Se es historiador ou liches moito sobre suevos, se cadra podes aproximarte co interese e curiosidade de ver as pezas que se recollen desde diferentes países como acontecemento dificilmente repetíbel, pero non agardes saír con moito coñecemento e máis descubertas detrás… Se, pola contra, non sabes nada ou sabes moi pouco e sempre sentiches curiosidade polo asunto, definitivamente esta é a túa oportunidade para coñecer o que pasaba no tempo dos asentamentos suevos na Galiza dos séculos V e VI.