O Son do Camiño de Brais
Ir a un festival odiándoo de antemán nunca pode acabar ben. Foi o meu caso de O Son do Camiño, o macrofestival galego que pagamos entre todas. Levaba tempo sen ir a un evento con estilos musicais tan dispares, así que decidín madrugar e coller as entradas o mesmo día que saían. Un erro na web privoume de facelo e abocoume a ter que mercar as entradas de día. Mal empezamos.
Chegou o venres (non tiñamos entrada para o xoves, pero tampouco nos importou). A primeira toma de contacto co recinto foi regular. Cola para coller a pulseira, cola para entrar e Tuents by Tuenti para pagar. Nin a nova moeda dos festivais levantou algo de nostalxia no meu interior. Tampouco o fixo un recinto no que vin un soberbio concerto de Muse hai un Xacobeo e un deplorable directo de Red Hot Chili Peppers hai dous. O motivo da nosa urxencia era ver o final de Malandrómeda no escenario principal.
Sen dúbida outro dos puntos negativos foron os horarios. Malandrómeda, no seu formato con saxo e batería, ás cinco da tarde é un sacrilexio que evitou o que sería un conciertazo para pechar a noite, nun Monte do Gozo ateigado de xente co estado alterado despois de moitas horas pagando sete euros polo litro de calimocho. Pero non puido ser, porque o que importa é que máis da metade do público era de fóra. Así que é mellor pechar con La M.O.D.A., que se lles entende ben cando falan (conste que tamén me gustaron).
O gran concerto do primeiro día foi o de Jamiroquai. Tiña ganas de velo en directo, pois sabía que sería un directo para bailar. Así foi e todos os que dicían que era o máis frouxo dos cabezas de cartel acabaron dándome a razón. Sen moitos adornos salvo polo que levaba na cabeza, o británico meteuse no peto ás 30.000 persoas que ateigaron o Monte do Gozo cos seus grandes éxitos.
Mención tamén a Residente, ex Calle 13. Moitas cancións da antiga banda para delicia dos que gostamos moito dela mentres os últimos raios de sol caían sobre Compostela. A noite rematou con Don Diablo no escenario principal. Mentiría se dixese que recordo unha soa das cancións que pinchou. Rematei a noite cun kebab que sabía a gloria bendita.
O sábado, a forte treboada e o vermú na rúa de San Pedro impediunos chegar a tempo para Terbutalina. Outra banda galega que quedou relegada á primeira hora da tarde. A molladura combatémola con licor café. Así foi que non entramos no recinto ata Novedades Carminha. Concerto habitual dos santiagueses, de menos a máis, rematando con Jódete y baila e Dame veneno. A esas horas da tardiña podíase observar en detalle a principal especie do Monte do Gozo: o Inditexin Posturetis (perdón pola denominación). “Chego a ter un inhibidor e o 90 % do público págame por subir historias a Instagram”, díxenlle ao meu acompañante mentres a xente sacábase fotos por riba das súas posibilidades, vestidos cos mesmos pantalóns, as mesmas saias, as mesmas camisas e as mesmas chaquetas. Hai menos postureo un sábado noite en Palexco.
Unha mágoa non ter podido ver en condicións a León Benavente, pero había que coller sitio para o último cabeza de cartel do día: Lenny Kravitz. O americano sacouna (figuradamente esta vez) no escenario e ofreceu un concerto de puro rock and roll da vella escola. Non faltaron cancións alargadas ata o infinito e os seus temas máis recoñecidos. Lenny amosou todo o seu carisma sobre o escenario e deixou a moitos extasiados (véxase a Diego).
Despois chegou C. Tangana, que saíu con dúas bailarinas ao escenario e unhas letras vermellas que poñían “Ídolo”. Non se pode ser máis flipado, dixen eu ao tempo que cantaba algunha das cancións que coñecía. E rematamos cun gran abarrote en Martin Garrix. As barras cheas para esgotar os últimos Tuents e xente pedindo augas fixéronnos crer que unha retirada a tempo era a mellor opción. Non sen antes dicir un par de veces: “Cona, que esta canción era de Garrix”.
Pese a todo, o balance final de O Son do Camiño é positivo. Faltoume un pouco máis de noxo festivaleiro e sobroume o mercantilismo propio dun festival subvencionado. Haberá que ver como evoluciona este monstro ata o próximo Xacobeo.
Mellor concerto: Jamiroquai
La Revelasió: Malandrómeda en formato banda
La Decepsió: Os horarios
O Son do Camiño de Diego
Antes de nada quero indicar que a miña crónica do festival é parcial debido á imposibilidade de ter acudido a todos os concertos que tiña en mente, imaxino que como a maioría de festivaleiras. Causa disto foron motivos tales como conxugar a sede imprevista coa escaseza de tuents, longas marchas peores que a de Mao até as zonas de acampada e de comida, ou inclemencias meteorolóxicas que convidaban a estar baixo abrigo (oxalá ser Darío para poguear con tanta sensualidade entre o barro. Nin Savo Milosevic no Sadar).
O compoñente nostálxico estaba presente, aínda que foi por méritos propios polos que bailei co guitarreo sempiterno e ben madurado de Franz Ferdinand. Bo xeito de empezar o meu Son do Caminou. Algo que non se repetiu ao terceiro día con Mando Diao: “U-lo Gustaf Norén?”, preguntei; “U-la God knows coa que tantos bos momentos pasei xogando ao FIFA 06?”, inquerín. Nin rastro deles, estou a ver a este grupo polo retrovisor. Ademais, Dance with somebody quédame fóra de lugar se non é pechando o Playa.
Malandrómeda, xogando como local no escenario Estrella Galicia, repetiu a aliñación coa que se presentou en maio na Coruña e de novo non defraudou con ese micro e ese saxo tenor. De novo dor de gorxa após a Festa Malandrómica. Ídolo (“creo no Hevi todopoderoso, creo no Hevi todopoderoso”). Do outro lado, o ambiente acolledor do escenario Galicia permitiu que brillasen de xeito fulgurante grupos como Rufus T. Firefly, La M.O.D.A. ou especialmente Morgan e León Benavente. Pasan a ser grupos nos que rillarei ben até os ósos durante o verán. Verán no que me acompañarán tamén como banda sonora o verbeneo que reparten forte os Novedades Carminha, a mestura reivindicativa e pachangueira de Residente e os ritmos eclécticos de Lost Frequencies.
Capítulo aparte merecen Jamiroquai e Lenny Kravitz. No caso do primeiro, por poder cumprir o soño de velo antes de que estoure e tamén por aproveitar o seu convite para case tronzar as pernas debido a tanto baile que levaba preparado de casa (confésoo: foron moitas horas investidas en clases de baile funk para defensa persoal). En canto ao segundo, non ía eu moi convencido á súa actuación porque me tiña pinta de ser un cabeza de cartel de capa caída posto para encher. Craso erro. A pesar de apenas coñecerlle cancións e de el pasarse polo seu apertado e protuberante forro a duración estipulada, chegando a tocar case media hora máis, ben podía continuar que alí ía seguir eu flipándoo co seu magnetismo e coa impresionante banda que o acompañou. Admito que me puxen cachondo cando foi dicindo un por un os nomes dos integrantes. Iso si que foi un directo, el si que é un ídolo.
Un xenial debut con moi boa variedade de estilos musicais para un festival do que agardo que haxa máis edicións. Bos postos de pizza con Skrillex, bos bocadillos que se materializan ante ti antes de sacar a panoja e bos tacos a rebentar que nin Jamiroquai ou os kebabs de Burela. A modo de suxestión, non sería mala idea que a organización considerase a posibilidade de permitir devolver os vasos polo medio tuent que custan. Así aforraríase o mar de plástico que cada día acababa por cubrir a zona de concertos. Unicamente fico coa dúbida de saber quen era o afamado Antonio por quen tanto berraban aquí e acolá na zona de acampada, mais é un outro elemento dun festival do que gosto tanto como C. Tangana gosta de si mesmo.
Mellores concertos: Jamiroquai, Novedades Carminha e Lenny Kravitz apertados (moito) na cima.
La Revelasió: Morgan.
La Desepsió: The Killers. Moita luz ̶M̶u̶c̶h̶ ̶a̶d̶o̶ about nothing. Eslamiados.
Bonus: Vasito de agua para os temiñas do Claudio e para a xente do megáfono coa melodía do Titanic.
O Son do Camiño de Darío
Darío tiña intención de facer un haiku do seu paso polo Son do Camiño. Finalmente, sintetizou a tal nivel a súa experiencia que pensa que esta foto resume todo o conxunto.
Mellor concerto: Lenny Kravitz (mención honorífica á posta en escea de The Killers).
La Revelasió: Novedades Carminha. Xogaban en casa.
La Desepsió: Mando Diao. Marcharon antes de tempo.
Pola foto de portada © Natalia Mera. Instagram: @natismera