Ozymandias en galego. Unha tradución do poema de Percy Shelley

Traducimos ao galego o Ozymandias, un dos sonetos máis famosos de Percy Shelley. Un poema do século XIX sobre o paso do tempo e a caída dos imperios.

Decidimos engadir a nosa sección de traducións para o galego un poema clásico do século XIX inglés: o Ozymandias de Percy Shelley. Publicado en 1818, é un poema que aparece en moita antoloxías e que lle outorgou sona ao seu autor en vida. Como curiosidade, podemos contar que o Ozymandias de Shelley foi escrito en competición con Horace Smith, que publicou outro soneto co mesmo nome; un pique amigable entre autores co gallo da chegada ao British Museum da parte dunha estatua de Ramsés II. Aínda hai pouco falamos doutro xogo literario, que tanto parece que lles gustaba a estes autores, e do que Mary Shelley (a esposa de Percy) tirou as ideas iniciais para o seu Frankenstein.

Ozymandias é un dos exemplos máis famosos en poesía do tema do inexorable paso do tempo e a caída dos poderosos, do futil das súas pretensións de inmortalidade. A súa repercusión chega ata os nosos días e tivo ecos moi coñecidos na cultura popular, como a do personaxe no comic Watchmen de Alan Moore, ou nun célebre capítulo da serie Breaking Bad.

Na nosa tradución decidimos intentar buscar reproducir o ritmo e as rimas propias do soneto orixinal. Adxuntamos un video onde podedes escoitar recitada a tradución, e despois tanto a versión en inglés como en galego.

 

Ozymandias, de Percy Shelley

Coñecín un camiñante dunha antiga terra,

Que dixo—”Un par de pétreas pernas coma montes

Plántanse no deserto… Ao seu carón, na area,

Xace enterrado un quebrado rostro, cuxa fronte,

E beizo engurrados, e aceno de orde severa,

Contan que o escultor aquelas paixóns desentrañou,

Que perduran, gravadas nestas cousas inmóbeis,

A man que se mofou, e o corazón que alimentou;

E no pedestal, estas palabras así rezan:

O meu nome é Ozymandias, o Rei entre os Reis;

Ante a miña Obra, Poderoso, desespera!

Nada máis queda xa alí. Arredor da ruína

Daqueles colosais Cascallos, núas e extensas,

Solitarias areas marchan na lonxanía.

Ozymandias, by Percy Shelley

I met a traveller from an antique land,

Who said—“Two vast and trunkless legs of stone

Stand in the desert. . . . Near them, on the sand,

Half sunk a shattered visage lies, whose frown,

And wrinkled lip, and sneer of cold command,

Tell that its sculptor well those passions read

Which yet survive, stamped on these lifeless things,

The hand that mocked them, and the heart that fed;

And on the pedestal, these words appear:

My name is Ozymandias, King of Kings;

Look on my Works, ye Mighty, and despair!

Nothing beside remains. Round the decay

Of that colossal Wreck, boundless and bare

The lone and level sands stretch far away.”

 

O collage da portada é de Violeta Pérez

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí