Perder a virxinidade de Super Bowl: nocións básicas do fútbol americano (I)

A túa primeira Super Bowl. Un deporte novo, con tantas regras e normas pode resultar agoniante. Saímos ao teu rescate coas nocións básicas que todo cheirer debería saber.

Achégase a Super Bowl un ano máis e no universo cheirer somos conscientes de que non todo o mundo sabe deste deporte un tanto estraño (recordemos que se chama balón pé cando se xoga maiormente coas mans). Aínda así, e a pesar de que non ten a emoción da estornela galega, hoxe tentamos dar unhas nocións básicas para que chegada a noite do 7 de febreiro poidas coller un par de cervexas, algo de comida lixo e algún amigo que outro para ver o espectáculo e gozar un pouco co asunto. Alá imos:

 

CAMPO E TEMPO DE XOGO

Empezamos polo principio. O campo mide 100 iardas de longo (un pouco menos de 92 metros). Cada iarda sinálase cunhas liñas curtas descontinuas nos laterais e na zona centro, salvo a cinco e os seus múltiplos, que se representan cunha liña continua que vai de lado a lado do terreo de xogo. A cada extremo hai dez iardas adicionais que son a zona de anotación (o lugar onde queren chegar os equipos cando están a atacar) e tras elas os postes de gol (tranquilos, aclararemos estas cousas máis adiante).

En cada equipo hai un total de 45 xogares, aínda que só poden estar 11 no campo de cada vez. O número de persoal é tan elevado porque existen aliñacións de ataque e de defensa completamente diferenciadas, é dicir, que non comparten ningún xogador entre elas, ademais dunha terceira categoría, equipos especiais, pero nesta si poden aparecer algúns nomes repetidos.

O partido divídese en catro partes de 15 minutos cada unha. Iso si, debo avisar de que adoitan ser bastante máis longos do que esa hora que xorde da suma das partes. De media duran un total de 192 minutos. Isto e debido a que  o reloxo para sempre que o balón sae fóra do campo, nos cambios de posesión, cando se produce unha anotación, se un equipo pide tempo morto, ao lanzar un pase incompleto, no momento no que os árbitros sinalan unha infracción ou cando se manca algún xogador. E a todo iso hai que sumarlle que o tempo de xogo efectivo é de 11 minutos aproximadamente (por poñer unha referencia, no fútbol europeo é de 54 minutos). Si, vale, non o estou a pintar moi ben para que vos entren as ganas, pero, de verdade, crédeme eses 11 minutos son realmente intensos e paga a pena totalmente.

Como dixen antes, dentro deste deporte podemos sinalar tres aliñacións diferenciadas: ataque, defensa e equipos especias, cada unha delas cunhas funcións concretas e características propias. Por iso imos tratalas por separado. Neste artigo desenvolveremos o ataque, as súas posicións, funcionamento e elementos propios que o definen. Nunha segunda entrega faremos o mesmo coa defensa e os equipos especiais.

 

ATAQUE

Os primeiros xogadores que aparecen no ataque son os 5 que compoñen a liña ofensiva (offensive tackle, offensive guard e center). Distínguense con relativa facilidade debido ao seu tamaño. Estes son os  encargados de protexer ao quarterback e darlle tempo a desenvolver a xogada. Tamén axudan os running backs a base de empurrar os contrarios e abrirlle camiño ao compañeiro que leva o balón.

As funcións do quarterback son moi variadas. Antes de que empece a xogada, ten que observar a defensa e tentar anticipar os seus movementos, así como avisar ao seu equipo do que logra ver. Unha vez feito isto recibe o snap e co balón nas mans ten dúas posibilidades: lanzar un pase aos wide recivers ou deixarlla ao running back para que corra.

Os wide recivers son xogadores que tratan de desmarcarse dos defensores o antes posible. Teñen rutas ensaiadas que o quarterback coñece facilitando a súa localización no medio do barullo. A súa función e recoller o pase antes de que o balón toque o chan ou marche fóra do campo.

O running back é o xogador que desenvolve o xogo de carreira maiormente. O que fai é recoller o balón directamente das mans do quarterback e trata de avanzar atopando os ocos que a liña ofensiva xera na defensa.

Por último estarían os tight ends, que son unha mestura entre os wide recivers e os xogadores de liña.

Así o ataque segue unha dinámica do xeito que segue:

O coordinador ofensivo dille ao quarterback o nome da xogada que van realizar e este preséntalla ao resto dos seus compañeiros no huddle. Sitúanse na liña de scrimmage para realizar o snap e unha vez posto o balón en xogo este pode lanzarse para un pase ou continuar nas mans dun xogador para unha carreira. Calquera das dúas opcións busca o mesmo, acadar o número de iardas necesarias para conseguir un novo set de downs ou, no mellor dos casos, unha anotación.

A liña de scrimmage é unha raia imaxinaria que divide o ataque da defensa. Esta situase no punto no que se rematou a anterior xogada e non se pode traspasar até que o balón se poña en movemento.

Perder a virxinidade de Super Bowl:
Marcada en azul, a liña de scrimmage

A esta última acción, a de comezar a andaina do ovoide, chámaselle snap que consiste en que un xogador lance o balón cara atrás para que o colla un compañeiro.

Os downs son os intentos, con un total de catro, que ten o ataque para percorrer dez iardas. Se o consigue dánselle catro novos downs, ou como se soe dicir un novo set de downs.

O huddle é a xuntanza de todos os xogadores do ataque antes da xogada. Nela o quarterback dille aos seus compañeiros as indicacións que recibiu dende a banda. Estas son elementos como a ruta que deben seguir os wide recivers, a posible carreira do running back e cara onde teñen que empurrar os homes de liña ou a sinal para que se realice o snap.

Perder a virxinidade de Super Bowl
Típica imaxe de huddle

Antes de comezar coas anotacións e o seu funcionamento é necesario aclarar certos elementos do xogo de pase.

No momento no que o quarterback solta o balón cara diante iniciase o pase como tal e mentres o balón estea no aire non pertence a ninguén. Por iso esta é unha acción un tanto arriscada xa que se un xogador do equipo contrario o colle antes de que toque o chan a posesión cambiaría de mans. Porén, é o modo que máis fai avanzar ao ataque e por iso tamén o máis usado. Ao recibir o pase, o xogador pode correr co balón até que o derruben, momento en que se finaliza a xogada. Por outra banda, se o balón cae ao chan antes de que ninguén poida facerse con el, ou marcha fora do campo, considerase pase incompleto, o ataque perde un down e a liña de scrimmage continua no mesmo sitio.

Así mesmo, para que o pase sexa completo non só é necesario que o xogador pertinente colla o balón antes de que toque o chan. Ten que facelo dentro dos límites do campo e pousar os dous pes polo menos unha vez cada un. A isto chámaselle posesión de balón.

 

ANOTACIÓNS DO ATAQUE

A anotación do ataque é posiblemente a máis coñecida: o touchdown. Este consiste en acadar a zona de anotación rival coa posesión do balón. Non é estritamente necesario pousar os pes nesa zona, so que o balón traspase a liña que o delimita e que o xogador teña a posesión asegurada durante o proceso.

O touchdown dá seis puntos ao equipo anotador e a posibilidade dun máis co extra point (verémolo nos equipos especiais) e dous coa conversión de dous puntos que non é outra cousa que unha xogada a maiores para un segundo touchdown consecutivo.

Aquí vemos un atacando conseguindo o touchdown

E ata aquí esta primeira parte de nocións básicas do fútbol americano. Deixamos que os conceptos vaian asentando un pouco para non abafar con coñecemento todo de súpeto, que aínda quedan tempo abondo antes do gran partido. Nos próximos días falaremos de defensa e anotacións especiais, para que sexades xa auténticas expertas a noite do 7, cando comece o espectáculo da Super Bowl.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí