Unha Superbowl en cheireland

Poderíamos facer crónica da Superbowl deste ano entre Kansas e San Francisco. Mais en realidade do que falamos é do deporte como vía de escape, necesario.

Levaba uns meses a traballar de camareiro na vila que me vira nacer e crecer. Estudar unha carreira non che asegura nada nesta vida e menos cando a profesión a que te queres dedicar é a de escritor. Que llo pregunten ao grande Larry Brown. Eu polo menos non me xogo a vida no medio das lapas… a non ser que sexan metafóricas. Pero iso é outra cousa. Seguro a media xornada, un soldo merdento, un ambiente de traballo cando menos incendiario e un só día de descanso, esas eran as miñas condicións. O gordo da lotería, vamos. Por iso decidín deixar aquel choio. Por iso e outras cousas persoais, pero non vos quero espantar no primeiro parágrafo. Todo isto foi a escasas semanas de que se celebrara a gran final da NFL. Eu non o tiña previsto dese modo, simplemente aconteceu e pensei “algo é algo” e planifiquei vela (comprar algo de porcallada alimenticia máis que nada).

Comezara xa hai tempo a ver a NFL cun Seattle Denver na SuperBowl XLVIII onde desfrutara da confusión de non ter nin idea do que está a acontecer. Unha sensación habitual a todo aquel que se acerque a este deporte. O ano pasado púxenme de forma sería a seguir a liga. Escollín dous equipos aos que lles tiña simpatía, Kansas City e Seattle (parece que sempre hai que escoller bando ou algo) e comecei a descifrar un pouco o caos que se producía no terreo de xogo.

superbowl en cheireland
A legion of boom, a defensa de Seatlle cando gañaron o anel contra os Denver de Payton Manning

O fútbol americano é un deporte que engana moito a simple vista. Cando un ve por primeira vez un partido só logra entender que hai un balón con forma estraña e que todos se golpean por collelo. Xente polo chan constantemente despois de ser atropelada, cascos que saen voando e berros indescifrables que semellan non porvir de seres humanos. Porén, unha visión máis profunda mostra un deporte moi complexo. O fútbol americano consiste na constante procura do engano. Todas as xogadas parten do balón parado. Son xogadas ensaiadas mil e unha veces, desde a colocación de cada xogador até o número de pasos que vai dar o receptor antes de que lle chegue o balón as mans. Todo é unha especie de truco constante, unha manobra de despiste de ambos conxuntos (tanto do ataque como da defensa). Un nunca sabe o que vai acontecer nin moito menos cando e iso é o realmente interesante (aínda que ás veces os golpes tamén teñen o seu aquel, non vos vou enganar).

Por iso, en pouco tempo converteuse na miña válvula de escape, un modo de esquecer as frustracións que me estaban a acompañar. Puña o móbil lonxe, en modo silencio, e o mundo desaparecía ao meu redor salvo polo partido que estaba a ver. Tentaba imaxinar o que podía ocorrer en cada xogada. Quen lanzaría e quen recibiría? Como ía a defensa situarse no campo para paralos? Non é fácil. Son 22 homes a moverse constantemente, 22 homes que dedicaron meses a adestrar cada un dos detalles que poñen en práctica en cada xogada, só co cometido de que ninguén poida entender nada do que pasa até que xa é demasiado tarde, porque a velocidade a que se produce todo e tremenda.

Kansas City e Seattle foron os equipos que máis me gustaron na forma de xogar. Ambos son moi diferentes, pero teñen algo atractivo no modo de producir enganos no rival e darlle emoción ao asunto. Tentei sempre ver os seus partidos, polo menos eses dous e iso implicaba evitar o móbil durante unhas horas. As redes sociais son a parca de todo o misterio que lle queiras dar a vida. Se non podía gozar dun encontro en directo tentaba manter o resultado e as xogadas destacadas na incógnita. Poucas veces o conseguía, por non dicir ningunha… son débil no aburrimento. Pasou así coa SuperBowl do ano pasado (non xogaba nin Seattle nin Kansas City, pero sempre é unha data especial) e acabei por nin vela ao coñecer de sobra o resultado.

Por iso, ao deixar o traballo sentinme aliviado. Tamén perdido. Un non ten claro onde vai acabar, que será aquilo que determine o seguinte paso. No meu caso, polo menos estaba a Superbowl. Como dixen, non foi algo premeditado, pero era máis que nada, digamos, e sobre todo cando un dos meus equipos estaba nela.

Estiven esperto toda esa noite. O partido comezou a iso das doce e media e acabaría ao redor das cinco da maña. Foi un partido intenso, sobre todo na segunda parte. A primeira paseima sentado a espera de que Patrick Mahomes (o quarterbak de Kansas City) se puxese a ton e sacara o seu prodixioso brazo a pasear. Non aconteceu e chegamos ao descanso cun empate no marcador a base dalgunha que outra xogada. Non estaba mal.

Na segunda comezou perdendo Kansas City. Polo visto San Francisco, tiña algo máis que un quarterback guapo (o que eu chamo o síndrome de David Beckham, un tío que case pensas que vale máis para modelo que para o deporte que exerce), e puxéronse por diante do marcador. Entón abandonei as comodidades do sofá e as delicias da comida lixo. Sorpréndeme a min mesmo como me implico neste deporte. Pasei a seguinte hora mirando a pantalla de esguello, dun lado a outro do salón da casa.

superbowl en cheireland
Os cascos dos participantes co trofeo Lombardi, que leva o gañador da Superbowl

Tivemos que esperar até que só faltasen nove minutos para fin da superbowl para ver a Mahomes en acción. Un pase de corenta iardas que nin sequera parecía existir e unha remontada que facía refregar os ollos para crer. Minutos intensos nos que o quarterback dos Kansas City incitaba a crer nun futuro mellor, nunha vida soñada… o nada é imposible dalgunha marca que non creo que me denuncie (espero). Eu continuaba de lado a lado da sala celebrando en silencio (a xente toda durmía) cada pase, carreira ou, directamente, anotación. O partido rematou cun 20-31 no marcador que forxaba o segundo campionato para os Chiefs. Cincuenta anos de diferencia entre ambos títulos. Eu non tiven que esperar tanto. Dun ano para outro o equipo deume alegrías, non me podo queixar nese aspecto.

Sen dubida, a miña situación segue a ser a que é. Nin máis nin menos boa. Que o teu equipo gañe un título non che saca as castañas do lume. Iso é unha realidade inamovíbel e o máis seguro e que eu acabe volvendo a traballar detrás da barra (algunha cervexa gratis caerá). Pero polo menos tivemos unha alegría… supoño que así é como nos manteñen no sistema… dá que pensar.

PD: Supoño que vos dariades conta de que non falei do descanso da superbowl e o seu espectáculo. O motivo é que apaguei a TV nese momento, nin máis nin menos.

2 COMENTARIOS

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí