Reflexións sobre educación III: Retumba a historia, treme o ensino

Ideas arredor dos prexuízos do galego e da liberdade de escolla lingüística na Galiza dende unha perspectiva histórica.

Nesta ocasión, quero centrar a miña reflexión educativa nun eido político e nun xerme de prexuízo lingüístico. Guiareime por un artigo de Xaime Subiela (2009) no cal senta bases da política idiomática que nos levou á situación actual, tanto na educación coma noutros ámbitos da fala galega. Intentarei crear un pouso histórico consciente que dea conta das repercusións herdadas que se supoñen sabidas e na práctica non parecen asimiladas. O artigo de Subiela divídese en dúas partes. En primeiro lugar, fala das políticas lingüísticas desenvoltas na Galiza ao longo do tempo. Despois, recolle a información anterior para reflexionar sobre os resultados obtidos unha vez foron implantadas estas medidas con respecto á normalización e á normativización lingüística. Eu construirei un resumo do seu binomio nun só discurso, coa meta de recoñecer de onde veñen as consecuencias que se poden experimentar na actualidade no ensino galego.

Para comprender a realidade do emprego idiomático na Galiza, alén dos fracasos ou dos éxitos das políticas (Gómez Ocampo, 2016: 136-141), ha que se centrar na súa non-expansión xeográfica. Ao contrario que noutras zonas da contorna, o noso país tardou en modernizarse. Na década dos setenta do século XX, comezou a o facer dun xeito rápido. Neste momento, a xente abandona as aldeas e o sector primario para instalarse nas vilas a traballar no sector terciario. O xeito de actuación era copiado do español, polo que a lingua anterior ficaba para a aldea que deshabitaban e para a agricultura e a pesca da que xa non ían comer. A parte boa dos movementos migratorios cara ás cidades vén da man da lingua de prestixio, do progreso e da ascensión na escala social: o castelán. Unha vez alcanzada, no mellor dos casos, a posición socio-económica que se desexa, o galego muda a «estigma de procedencia» (páx. 52) que cómpre negar e do cal afastarse.

historia galega e ensino
© Xaquín Marín

Como nas cidades que serven de exemplo á modernización a lingua é o castelán, a lingua galega é relacionada coa non-modernidade, co tradicional, co rural, co que se abandona –xa falei diso no anterior capítulo sobre educación, no que tamén trataba os prexuízos–. Porén, a xente que permanece no rural continúa tendo presente o galego como lingua vehicular, mesmo cando os medios, as comunicacións co exterior e todas as cuestións burocráticas asociadas ao Estado permanezan en español –a esta xente debémoslle a súa conservación!–. Polo tanto, estas persoas contan con habilidade asegurada, por imposición, nas dúas linguas. E emprego «imposición» porque non abandonaron a súa lingua nai, mais ha información que precisan na vida para a que teñen que comprender, necesariamente, esa outra lingua allea: o español. Isto sucede porque os poderes públicos exercen parcialidade lingüística en prol ou en contra dunha e a favor doutra (páx. 63), polo que se precisa dignidade igualitaria para os falantes de todas as linguas e, por suposto, integración social. E precisamente nesta dirección cómpre traballar.

Cos cambios demográficos e convulsións políticas, iníciase un proceso democrático e de institucionalización que ten como meta promover o idioma galego e asegurar os dereitos das persoas que o empregan, limpando esas manchas de ADN instauradas na sociedade como prexuízos de orixe. Coa transición democrática, fíxose posíbel esta iniciativa, o Estado das Autonomías favoreceu a descentralización dos servizos para unha maior eficiencia nos cidadáns e a instauración da Comunidade Autónoma Galega foi un piar fundamental para o nacemento das políticas lingüísticas. Estas preocupacións centráronse na xestión de linguas, nos medios de comunicación, na linguaxe administrativa e no ensino. Mais, polos intereses que for, non se trataron de xeito urxente e os obxectivos non foron alcanzados. Temeuse o conflito coa outra lingua en contacto, polo que se distendeu moito a axuda e promoción á lingua minorizada, que estaba en perigo. Noutras palabras: non abondou.

Subiela rescata no artigo mencionado acertos na política lingüística da Xunta de Galicia: estandarización do corpus, lei de normalización no ensino, entrada na administración, creación de medios de comunicación en galego, nominalización toponímica autóctona etc. Con todo, por exemplo, os servizos do Estado foron formados en lingua para asegurar unha sanidade en galego (SERvizo GAlego de Saúde: SERGAS), mais que porcentaxe real do persoal sanitario atende hoxe en día (mesmo cando te dirixes en galego ti) nesta lingua? Ou cantas sentenzas son escritas en galego dentro do mundo da administración xudicial? Os resultados aseguran, abofé, que non se abrangueron todas as áreas e presenzas que se procuraban. A realidade fala por si soa. Cómpre levar a memoria á nosa historia para comprender a realidade do noso presente. Vou intentar resumir moito como chegamos até aquí.

 

historia galega e ensino

Galiza ten moito mar accesíbel e moita terra accesíbel. Isto posibilitou que nesta terra houbese diferentes pobos preindoeuropeos que deixaron a súa pegada, tamén lingüística. Despois, claro, os romanos, lingua nai da nosa. Mais non só ficou aí a cousa! Galiza recibiu pobos xermánicos, que tamén deixaron pegadas, suevos etc. O galego-portugués foi lingua de ricos (de monarcas) e de prestixio cultural en tempos nos que case ninguén sabía escribir. É na Idade Media cando se comeza a impor outra lingua, cuxa nai tamén era o latín, mais estaba nun punto evolutivo diferente (como aínda hoxe está): o español. A nobreza autóctona galega viuse derrotada por sucesións dinásticas pertencentes a Castilla. Tapouse un pouco a nosa lingua por unha banda como dominación e pola outra como imposición. Isto apreciouse de novo en momentos máis relevantes e recentes, como os fascistas. Sobre esta preocupación que ligo ao ensino falo na primeira parte das miñas reflexións sobre educación, porque creo que está sendo un tema moi soado ultimamente. Como sempre, ha unha carencia de educación que nos permita discernir as actuacións que nos están voltando outra vez ao pasado que debería ser abandonado (este si, o rural non!).

A pesar disto que aconteceu coa imposición, nese tempiño, houbo pequenos rexurdimentos da lingua de mans de intelectuais coñecedores da historia, mais nunca sobrepasaron a imposición castelá. Con todas as pexas, o galego aínda existiu. E aínda existe. E agora vou ceibar a retranca para falar xa dun feito moi próximo a nós e ás familias de case todos. No século XX, moitos galegos tiveron que emigrar a diferentes países de diferentes falas e tiveron que adaptarse ás falas deses países nos que se refuxiaban. Fixérono porque ocuparon outro lugar, non foron por aí impondo o galego (razón pola cal en Suíza, Alemaña ou Arxentina non se fala galego como idioma nacional, por poñer un exemplo para que se entenda e para facer unha brincadeira sobre o tema). Entón, por que a xente chegada a Galiza non se adaptou ao galego? É o noso idioma só para cerebros extremadamente intelixentes e imposíbel de aprender por outros? Esa xente que marchara, voltou a Galiza (algunha) e o idioma resistía. Tamén resiste hoxe, que recibe falantes de todas partes do mundo. Mesmo a catedral de Santiago, simbólico centro patrimonial dos galegos, recibe falantes de todo o mundo con frecuencia diaria. E non se ve ameazado o chinés, o inglés nin o hitita. Sobre todo este último, dado que a lingua morreu por invasións alleas que reprimiron o seu uso. Así que coido que o castelán non se ía ver ameazado tampouco se se entendese como unha outra lingua foránea máis. Non é así e, polo tanto, as medidas políticas tomadas até o de agora non abondaron en absoluto.

historia galega e ensino

Antes de finalizar, quero pór en destaque o argumento das fronteiras tan usado na sociedade galega actual con respecto ao ensino. Ese de que «co galego non podes ir a ningunha parte e co castelán si». Isto acontece nos institutos de secundaria, onde os libros de texto que teñen que ir en galego son mercados en castelán porque o profesorado vai dar a materia en castelán e este tipo de barbaridades que aínda suceden día tras día. Curiosamente, as persoas que protagonizan estas afirmacións son persoas que: 1) descoñecían a extensión do galego como lingua nas súas variantes –Galiza, mais tamén Portugal, Brasil e os países do PALOP– e 2) non viviron fóra da Galiza na súa vida. Entón, eles como saben que non poden se só comprobaron que poden vivir en Galiza sen galego, mais non saben se poden vivir con el sequera no país? Non vos parece rara esta lóxica? Así como xerme de prexuízo de xeito moi claro?

En conclusión, non existe liberdade de elección se non se garante o coñecemento de opcións, como xa adiantei ao falar do compromiso socio-lingüístico do profesor na Galiza. Se só existe a competencia lingüística nunha lingua (que ademais coincide coa que tes que empregar para comprender publicidade na rúa, televisión, filmes etc.), non ha opcións. Para ter opcións, é imprescindíbel que polo menos existan dúas posibilidades. Entón, poderás optar. Nun territorio bilingüe, a cuestión sería afondar na razón pola cal nos limitamos, no canto de tirar proveito da situación que nos arrodea. Ademais, o coñecemento de máis idiomas permítenos entender mellor o mundo, ampliar os nosos lazos de comunicación internacional e adquirir competencias (cerebrais, mnemotécnicas e memorísticas) alleas ás linguaxes, aínda que relacionadas coa aprendizaxe destas. Mesmo pode reducir o risco de padecer doenzas de deterioro cerebral. Por suposto, a conciencia da nosa historia tamén favorece o recoñecemento da potencialidade idiomática da nosa lingua propia, superando prexuízos e fronteiras políticas. Daquela, por que as actuacións de normalización lingüística non funcionan como se agardaba?

No próximo capítulo de reflexións sobre educación, tratarei as cuestións dos prexuízos sociais e lingüísticos no ensino dende unha perspectiva audiovisual e allea (ou non) ao caso galego.

.

Referencias bibliográficas:

GÓMEZ OCAMPO, Marta (2016), «A imposición do galego: nacemento, auxe e consecuencias da creación dun problema público», en Grial: revista galega de cultura, nº extra 54-210, 136-141.

SUBIELA, Xaime (2009), «Democracia e política lingüística en Galicia», en Henrique monteagudo (coord.), Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 47-73.

 

.

A imaxe de portada é unha viñeta de Raimundo Patiño, da histórica obra da BD galega, O home que falaba Vegliota

2 COMENTARIOS

  1. moitas grazas Clara (e á equipa de ‘A que cheira, papá?’), fai moita falta aínda, e temo que por moito tempo, estas e outras reflexións, ogallá prendan. É moi doloroso asistir á rotura da lingua mai por parte dos pais cos fillxs por razóns que moi ben explicitas aquí. A vergoña é o ingrediente principal e a alma rabéame tanto que son das que xa decidín retirarme por instantes, para non estamparme máis contra estes enfermos. Si, creo que se trata dunha enfermidade, son as miñas conclusións despois de asistir unha e outra vez a razoamentos que en si mesmos son un delirio. Para que sirve o galego fóra de Galiza? é a pregunta que me saltou especialmente ao fígado, dado que desde nena asistin a ela ao tempo que o preguntaban as persoas que o herdaban, vivían con el e desde Galiza, e frente á resposta miña de ‘precisamente para ser galega no mundo ao igual que francés ou chino’. Nunca valía a resposta co español dado que sempre sempre sempre e segue a mesma visión de ‘idioma español prestixio, idioma galego desprestixio’. Logo a enfermidade que me trascende é das que non tenen cura salvo o miragre de amarnos no propio con independencia de se o outro ama ou non. E aí os educadores e ‘roles’ de posición altofalantes en diversos ámbitos públicos e nas casas os pais e mais, avós, avoas, tíos tías primos primas etc, son parte decisiva desde a súa INDIVIDUALIDADE. Si, creo na grande trascendencia do 1+1+1…Bicos

    • Moitas grazas, Anónimo.
      Eu tamén agardo que prenda para que cando se lle esgoten os folgos a unha, fique a semente noutras persoas. Así se permanece. =)

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí