Sangue, azucre, sexo e maxia: auxe dos Red Hot Chili Peppers

Blood Sugar Sex Magik conquistou o gran público e consagrou aos Red Hot Chili Peppers. Damos unha volta pola historia deste disco mítico.

O pasado decembro as redes ardían coa nova. Tras anos de rumores os Red Hot Chili Peppers confirmaban a volta de John Frusciante, guitarrista das épocas douradas da banda. Moitos millenials coñecemos aos californianos a través do Californication (1999) e By the way (2002), xa na segunda etapa de Frusciante no grupo. Aproveitamos a pausa da pandemia para lembrar a xénese do álbum que levou os californianos á fama, Blood Sugar Sex Magik (Warner Music, 1991).

 

Catro chiles moi picantes

Cando firman en 1990 por Warner Records, os Chili Peppers son todavía uns relativos descoñecidos, unha aposta persoal e arriscada do presidente da compañía, Mo Ostin. Si, nesa altura os Peppers destacan como banda de culto do underground estadounidense, grazas á enerxía dos seus directos e á súa proposta musical, mestura do punk dos Black Flag co funk-rock de Parliament-Funkadelic e cos fraseos do emerxente rap. Mais tamén son unha banda pouco fiable e tendente á autosabotaxe, presa de continuos cambios de formación. Apenas dous anos antes, logo dunha exitosa xira por Europa, os Peppers perderan traxicamente ao guitarrista Hillel Slovak, vítima da heroína, e o batería Jack Irons tamén marchou, sobrepasado polo caos e excesos que rodeaban a banda.

Sangue, azucre, sexo e maxia: auxe dos Red Hot Chili Peppers
Formación orixinal dos Red Hot Chilli Peppers

Os restos dos Peppers orixinais, Anthony Kiedis (voz) e Flea (baixo), remontaran o voo reclutando á guitarra a John Frusciante, un imberbe fan da banda sen experiencia profesional, e a Chad Smith, veterano batería da escena local de Los Angeles. Mother’s Milk (1989), o primeiro disco da nova formación, vendera ben impulsado polo sinxelo Higher ground, unha versión en rock duro do clásico de Stevie Wonder, mais a banda non lograra colocar unha composición propia nas listas de éxitos. O primeiro obxectivo de Warner é atopar un produtor capaz de facer agromar o potencial da banda.

 

Un xigante barbado ao rescate

A relación dos Chili Peppers cos seus produtores fora sempre problemática, acumulando fracasos e anécdotas con cada disco. No seu debut con The Red Hot Chili Peppers (1984) acudiran a Andy Gill, guitarrista dos pioneiros do punk-funk Gang of four. O que parecía unha opción lóxica converteuse nun pesadelo polo empeño de Gill en empurralos ao son da new wave. George Clinton, líder de Funkadelic e Parliament, producira o segundo disco The Freaky Styley (1985). Clinton converteuse nun habitual das esmorgas da banda (segundo a lenda, chegou a empeñar parte dos dereitos do disco para pagar a conta das drogas), mais o álbum non lograra capturar a enerxía e espontaneidade da banda. A relación co produtor dos dous últimos discos, Michael Beinhorn, rematara completamente rota polas continuas intromisións para achegar o son do grupo ao hair metal dominante nas radiofórmulas.

Desta volta Warner cumpre un vello desexo da banda e convence a Rick Rubin para tomar os mandos. Rubin, coa súa impoñente figura e frondosa barba, era xa a principios dos noventa un dos produtores máis demandados e toda unha lenda na industria. Durante os oitenta popularizara o hip hop producindo aos Beastie Boy e Run DMC, e fundando as disqueiras Def Jam e American Recordings. Namentres tamén tivera tempo de producir discos seminais do heavy metal para bandas como Slayer ou Danzig. O seu estilo de producción minimalista, pouco intromisivo e enfocado nas cancións, será o complemento perfecto para as dinámicas compositivas dos Red Hot.

 

Catro monxes nunha mansión

Rubin comprende axiña o proceso creativo da banda, espontáneo e baseado na improvisación, e monta un estudo de gravación na mansión Houdini dos Angeles, un ambiente propicio para a experimentación. Flea, Frusciante e Kiedis conviven na mansión durante varias semanas, mentres Smith volve a diario a casa, en parte polo seu carácter distante (“a Suíza do grupo”, en palabras de Kiedis), en parte por medo. Disque a propiedade, que pertencera ao mago Houdini, está habitada pola pantasma dunha muller asasinada nos anos trinta. O documental en branco e negro Funky Monks rexistra o proceso de ensaios e gravación. Nunha das tomas, Frusciante fala extasiado das altas expectativas sobre o álbum: “estamos facendo un disco revolucionario, ambicioso, fermoso”.

Portada do documental Funky Monks

Os ensaios sucédense e nunha desas improvisación nace o primeiro single do disco, Give it away. Kiedis estaba descansando no seu cuarto cando escoitou á banda tocar o retrouso na planta baixa. Animado pola música, baixou correndo para gritar en tempo o xa famoso guiviragüei, unha frase que levaba tempo querendo usar. Nina Hagen, musa do punk, regaláralle tempo atrás unha chaqueta de coiro para explicarlle a importancia na vida de desprenderse (literalmente, give away) das posesións dun.

A canción é un bo exemplo da evolución musical que terían da man de Rubin. Noutro momento do documental Funky Monks, Flea reflexiona sobre o seu estilo abrasivo co baixo dos anteriores discos, un dos elementos distintivos do son Chili Peppers. Fillo adoptivo dun músico de jazz e formado en música clásica e moderna, Flea aplica a agresividade do punk ao slapping de mestres do funk coma Larry Graham ou Bootsy Collins. Na seguinte secuencia Rubin pídelle que “sinta o ritmoe manteña a liña de baixo simple”. Nas novas cancións gañan protagonismo as liñas de baixo melódicas, e os momentos agresivos son contidos, reservados para momentos puntuais e sempre ao servizo da canción.

Á sombra de Hendrix… e Sinnead O’Connor

No caso de Frusciante a evolución musical asusta, tendo en conta que no momento da gravación tiña só 21 anos. Cunha xira ás costas e horas de práctica, a paleta de sons expándase. Lonxe de quedarse na imitación de Slovak, Frusciante consegue crear un estilo propio e recoñecible, influenciado polo post-punk e a new wave e, sobre todo, por Jimi Hendrix. Un traballo artesanal no que conviven guitarras acústicas, acordes psiscodélicos e riffs agresivos, coa maioría de solos gravados nunha ou dúas tomas. Unha aproximación baseada na textura e a melodía, totalmente contraria ao onanismo doutros virtuosos guitarristas da época. Para goce dos máis melómanos, en Youtube circula unha versión do disco coas pistas de guitarra illadas.

Frusciante involúcrase tamén na composición e xunto con Kiedis crea algúns dos mellores cortes do disco, comezando coa balada “Breaking the girl”. Frusciante levaba tempo dándolle voltas á melodía e aos acordes, sobre a que  Kiedis encaixa unha letra sobre o bucle de relacións sentimentais no que vivía, á sombra do seu mullereiro pai (para os curiosos, a biografía de Kiedis é todo un monumento ao apetito sexual do cantante). A canción está dominada por unha guitarra acústica nun atípico 6/8, e a presenza dun mellotron a cargo de Brendan O’Brien, produtor de álbum, conduce ao ouvinte ao mellor folk-rock dos Led Zeppellin. O interludio previo ao último verso é un xogo de improvisación no que o grupo golpea pezas de metal do lixo.

O corte é a primeira balada na súa discografía e unha clara mostra da nova dirección musical e lírica, afastada da testosterona e urxencia dos anteriores álbums. A segunda balada, “I could have lied”, está inspirada na breve relación de Kiedis con Sinnead O’Connor. De novo unha guitarra acústica abre o tema, e a sección rítmica non aparece ata ben pasada a metade do tema. Frusciante fai chorar á súa Stratocaster nun lento e sentido solo no que volve a trasladarnos, con apenas un par de notas, a tempos pretéritos do rock.

 

David Bowie e Marc Bolan debaixo dunha ponte

O cumio do disco chega coa terceira balada e segundo single, “Under the bridge”, unha das poucas cancións escritas antes de entraren na mansión. E neste caso a man (ou más ben vista) de Rubin foi quizáis máis fundamental. Rubin pasara longas tempadas na casa de Kiedis antes de comezar as gravacións. Nunha das visitas atopou unha libreta con poemas, entre os que se a atopaba a letra de “Under the bridge”. Os versos narran unha anécdota real sobre a solitaria loita coas drogas de Kiedis: nunha noite tola rematou debaixo dunha ponte cun ex-convicto traficante, desamparado e a piques de ser atracado. Kiedis mostrase inicialemente remiso a compartir un material tan persoal co resto da banda, mais finalmente unha noite invita a Frusciante á súa casa para traballar no tema. Frusciante acude armado con guitarra e mini-amplificador e dunha sentada compoñen o tema, baseado nos acordes das cancións Andy Warhol de David Bowie e Rip off (literalmente plaxio) dos T – Rex. Como nas anteriores baladas, guitarra e voz levan o peso ata ben entrada a canción, dando protagismo aos versos de Kiedis. A batería acompaña cun ritmo simple e o baixo só entra nos retrousos e na ponte. O clímax son os coros épicos do último refrán, gravados pola nai de Frusciante e as súas compañeiras de coro.

 

Sangue, azucre, sexo e maxia

As sesións continúan ata rexistrar un total de 25 temas, dos que só 17 rematan na versión final. Hai momentos falcatrueiros como Suck my kiss, o hit pegadizo para as radios que demandaban a Warner e Rubin. Tamén hai tempo para homenaxear ao malogrado Slovak (My lovely man). Incluso os momentos baixos, coma Mellowship Slinky in B Major ou Naked in the rain, contan cunha boa execución e produción. Fóra do disco quedan cortes que cos anos gañarían seguimento entre os fans, como a acelerada versión do Search and destroy dos Stooges. Ou Soul to squeeze, outra balada que aparecerá no seu segundo grandes éxitos e convertirase nunha habitual dos seus concertos.

Portada de Blood Sugar Sex Magik

Tamén hai espazo para xoias ocultas. Blood Sugar Sex Magik, canción que dá nome ao álbum, é outra mostra do estado de graza e madurez musical da banda. O verso da canción está construído sobre un hipnótico e monótono riff de baixo e guitarra, sacado do mellor rock ácido dos setenta, sobre o que Kieidis moumea. En contraposición, no retrouso guitarra e baixo acompañan a voz agresiva de Kiedis ao unísono cun duro riff. O xogo segue ata estoupar no último refrán, culminado unha vez máis por un solo melódico, simple pero efectivo.

En Sir Psycho Sexy, os vellos Chili Peppers bromean sobre o seu apetito sexual a ritmo de funk durante a meirande parte do minutaxe. O ouvinte paciente é recompensado cando no minuto 5.28 aparecen os novos Peppers, cun arranxo instrumental que pouco ten que ver coa parte anterior. Durante dous minutos Frusciante desátase cunha bela combinación de acordes de inspiración hendrixiana, acompañado dunha sección rítmica sólida e, de novo, polo mellotron de O’Brien.

 

Impacto e repercusión

Blood Sugar Sex Magik sae á venda o 24 de setembro de 1991, o mesmo día que o Nevermind de Nirvana e apenas un mes máis tarde que o Ten de Pearl Jam. O rock duro dá as últimas boqueadas, con clásicos coma o Black Album de Metallica e os Use your Illusion 1 & 2 dos Guns ‘N’ Roses. Pese á dura competencia, as vendas dispáranse grazas aos dous primeiros singles, Give it away e Under the bridge. Na subseguinte xira por estadios os Peppers invitan ás bandas do novo son grunge coma Nirvana, Smashing Pumpkins e Pearl Jam. No medio, mesmo teñen tempo para axudar ao pallaso Krusty a volver á televisión, tocando no seu show especial.

Sangue, azucre, sexo e maxia: auxe dos Red Hot Chili Peppers
Graffiti nun local do Orzán da Coruña, homenaxe a unha das cancións deste disco dos Red Hot

O son ecléctico dos Chili Peppers virará modelo para boa parte da escena alternativa dos noventa, e colocará o foco de atención sobre outras bandas que mesturan rap e rock, coma Faith no More ou Rage Against The Machine. Ata Fermín Muguruza dos Negu Gorriak gasta unha camiseta co logo da banda no vídeo de “Radio Rahim”. A finais de século a pegada dos Chili Peppers será unha das fontes de inspiración para a escena do nu metal.

Mais co éxito do álbum non todo foron boas novas. As tensións entre Kiedis e Frusciante, agravadas polas adiccións de ambos, fan a convivencia imposible. Frusicante, frustrado e incapaz de dixerir o éxito, abandona a banda en plena xira xaponesa. Nos seguintes anos entrará nunha espiral de drogas e paranoia, estando a piques de repetir os pasos do malogrado Slovak. Namentres, o resto dos Red Hot Chili Peppers intentará sobrevivir unha vez máis á perda dun membro, contratando a Dave Navarro de Jane’s Addiction. Non será ata finais dos noventa cando Frusciante volva para gravar o Californication (1999). Mais iso é unha historia con material dabondo para repasar outro álbum…

 

Deixamos por aquí unha lista con toda a música que fomos mencionando, por se vos interesa.

1 COMENTARIO

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí