Sesións Destelo. Da bicicleta de Phoebe e pedras que cantan en galego

Falamos das Sesións Destelo, un proxecto de música en galego no Youtube. Tamén dun episodio de Friends fóra de contexto, e pedras de lugares antigos.

Lembrades aquel capítulo de Friends en que Ross agasalla unha bici a Phoebe? O bonito detalle convértese en drama cando descubrimos que ela non sabe montala, así que Ross, para convencela de que ten que aprender, invéntase que a bici está triste, que necesita sentirse útil, que se non a emprega pode chegar a morrer. Sei que é a referencia máis edulcorada e hortera posible, mais penso que o momento representa un pouco o que son as Sesións Destelo. Prometo que isto vai cara algures, a ver se son quen de aclaralo.

Supoño que primeiro hai que explicar en que consisten as Sesións Destelo. Ben, basicamente son unha serie de vídeos en Youtube onde artistas do país tocan unha canción propia en galego, sempre en formato acústico, sempre nunha localización inesperada. Un exemplo:

O maior logro das Sesións Destelo é transformar as limitacións autoimpostas en estilo propio. A linguaxe visual de cámara en man, con plano curto e movemento lento arredor dos músicos, convirte as sesións nalgo íntimo, como de encontro entre vellos amigos. Tamén o son acústico contribúe a esta atmosfera de instrumentos que se collen no momento, sen nada planeado, para murmurar unha confidencia. Máis que escollas, seguramente son circunstancias de produción pequeniña, impostas polas necesidades materiais e económicas. Pero manexadas con xeito e coherencia conseguen ese ambiente reservado e auténtico, de revelación, de castaña que sae do ourizo. É a esencia, non do grupo que estea tocando nese vídeo en concreto, senón das propias Sesións.

Xa pode ser o rock de Ruxe-ruxe, o punk de Contenedor de mierda ou o soul de Voodo, todos pasan por esa peneira do Destelo aínda que proveñan de lugares moi diferentes. Esta marca e linguaxe propia xustifican a consideración das sesións como unha especie de show independente (se ata os vídeos se organizan por tempadas, cada clip un capítulo e xa van pola terceira). Tamén esa personalidade é o que dá ás sesións un valor engadido que nunca podería ter unha simple lista de reprodución.

Todo isto é interesante porque hoxe en día non só consumimos música a través das plataformas dixitais, senón que tamén a descubrimos por esta vía: ese vídeo que che recomenda Youtube, esa canción nova nunha lista dun colega en Spotify. O formato que emprega Sesións Destelo serve para desfrutar da música, pero penso que sobre todo é xenial para atopar novos grupos. A medio camiño entre videoclip e concerto en vivo, coa versión en acústico a modo de entrada máis suave e cómoda, é un entorno perfecto para afrontar o descoñecido. É un formato que che invita a escoitar os artistas que presenta aínda que non os coñezas, confiando na selección das Sesións e na linguaxe coa que xa estás familiarizado de vídeos anteriores. Non te sorprendas se quedas cunha canción dando voltas na cabeza e logo levas unha sorpresa cando a escoitas en versión de estudio, con arranxos que non esperabas. Pero xa estás dentro. Seguro que lle dás unha oportunidade a ese grupo que tanto che gustou no vídeo de Youtube.

É unha idea moi boa, con moitos exemplos a nivel internacional. Falando sobre referentes con Miguel Grandío, o creador das Sesións Destelo, cita proxectos como Balcony TV, o francés Take-Away Show, ou a Videoteca Bodyspace (con moita música en portugués). Eu de feito cando descubrín as Sesións pensei nos Tiny Desk da NPR americana, que persoalmente me teñen dado moitas alegrías en forma de novas músicas.

Fronte a estes exemplos, as Sesións Destelo enfocan a súa ollada colocando como requisito que toda a súa música estea en galego. Dá igual o xénero ou estilo, grupo ou solista, pero ten que estar na nosa lingua. Con isto as Sesións convértense tamén dalgún xeito en radiografía do que se está  a mover agora no país a nivel musical, sobre todo dos grupos máis novos. Unha outra forma de rexistro, xa que os vídeos aí quedan para quen os queira consultar (sobre formas de rexistro da música, recomendo este artigo moi interesante publicado en VINTE). Creo que as Sesións Destelo merecen louvanza porque traen unha ferramenta moderna, fresca e diferente ao noso sistema cultural, que devece por novos xeitos de comunicarse e abrirse camiño. Vaia, eu cría coñecer moito da música que se fai hoxe en galego e dos 16 grupos que xa pasaron polas Sesións non coñecía a máis da metade. Algo estará facendo ben.

Si, xa, xa, o da bicicleta de Phoebe, non me esquezo. A cuestión é que as Sesións Destelo, ademais de todo o que acabamos de contar, fanse sempre fóra de estudio, en lugares do máis inesperado. Pasaron xa polas catro provincias e fachendean dun mapa que non para de crecer. Hai moita variedade onde escoller, pero as miñas Sesións favoritas son aquelas que acontecen en sitios abandonados ou esquecidos. Unha fábrica semiderruída e chea de graffitis no medio do bosque, onde os Bakarrá cantan o seu Neorrural. Lugares que recobran as súas forzas porque de súpeto alguén os emprega, alguén os sinala. Medomedá sentados diante da porta da capela do Monte Carmelo, pechada durante todo o ano, degoirando por abrir ese día único do verán en que se fai a romería. Lugares que reviven tempos pasados en que foron outra cousa, en que vibraron doutro xeito. As Vodoo tocando ese soul lento, soas no casino de Mondoñedo, como querendo invocar cun feitizo de baixo e teclado unha festa con moita clase dos anos 20.

O exemplo disto que máis me gusta é a Sesión Destelo de Gancho Sanches. Primeiro porque me parece incrible a versión acústica que se marcan. Segundo porque non coñecía ao grupo, así que a sesión serviu tamén como descubrimento. Pero sobre todo pola súa localización. Tres rapaces con guitarras e caixón sentados no adro dun muíño do río Asma, en Chantada. Cantan parece que arden/ as árbores/ e as aves, mentres as pedras antigas observan. O edificio ten nome, “O muíño do esquelete”, e parece que o rehabilitaron pero nestes días xa non funciona realmente como muíño. Baixo un ceo gris, di a canción. Pero as pedras antigas lembran, e coñecen a música, dos séculos de río a cantar debaixo delas, do renxer do rodicio ao xirar ao seu compás. Quen puidera voar/ e acompañar/ ese lume a onde/ ese lume a onde/ queira ir continúa a letra. E o muíño do esquelete dalgún xeito volve á vida, volve a cantar e a moer, a significar, a servir. Porque todos estes lugares son como aquela bicicleta de Phoebe, necesitados de sentirse útiles, esmorecendo porque ninguén os emprega. Mais quizais a música, o Destelo, os poida salvar da morte e o esquecemento.

Mapa das Sesións Destelo
Mapa das Sesións Destelo
Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí