As contradicións da calma aparente – Só e sen wifi no estranxeiro na época da pandemia global (II)

Pasar os días tranquilamente na casa lendo libros podería parecer un plan apacible. Mais na corentena ata a calma está feita de contradicións.

5.30 da mañá. Como cada día, soa o espertador, érgome e vístome. Boto un ollo fóra da xanela: o ceo está escuro e o barrio aínda dorme. Sorrio, Catro Camiños é un lugar moi lindo onde vivir. Acendo a luz, mírome ao espello… oh, no. Oh, no! Non me digas isto! Volto e exploro a cama devagar. Quito as mantas, as sabas, saco a almofada da funda. Levanto o colchón. Nada. Busco no chan da habitación, nada. Nosa señora. Atácame a ansiedade e sinto o meu estómago comprimirse. Pecho os ollos e respiro. Fico así algúns segundos. Como é posible? Respiro outra vez. “Amodo, Enrico, a axitación non te vai axudar”. Esfórzome en esquecer a cuestión unha media hora: almorzo e logo baixo para botar o lixo. Ao regresar á casa, coa incomodidade aínda no estómago, de súpeto a situación aclárase e o problema resólvese: conseguín… encontrar o meu colgante da cruz de Santiago. Xa, tremenda catástrofe era esta. Hai xente que está a morrer fóra, un virus que se está a difundir cunha rapidez feroz en todo o planeta… e eu preocúpome deste xeito por un colgante (aínda que sexa importante para min). Se lese este relatiño escrito por outra persoa non sei que pensaría que vira o protagonista no espello, mais seguro que algo bastante grave. Porén, isto é o que me pasou esta mañá e a maneira en que o vivín. Creo que é un episodio emblemático das contradicións da situación actual.

Coa excepción dalgúns problemas cos electrodomésticos, que parecen ter ganas de estragarse todos neste período, o confinamento sen wifi non está a ir tan mal. Consigo contactar coa miña familia e os meus amigos sen problemas. Iso si, ao depender da navegación móbil teño que ter coidado coa xestión dos datos e a batería do teléfono. Tamén estou a aprender un pouco a traballar co smartphone porque claro, ao non poderme conectar co computador teño que maximizar o teléfono como recurso alternativo. De feito, como este marzo aforrei moitos datos, hai algúns días decidín descargar Spotify e contratar unha conta premium para poder descargar os discos e escoitar música offline sen problemas. En poucas palabras, ata agora conseguín reorganizar as miñas cousiñas sen enormes impedimentos. De feito estoume a manter bastante activo: teño ideas para o meu blogue e outros magazines e fanzines e, no que  respecta ao traballo, xa era remoto antes.

Só e sen wifi no estranxeiro na época da pandemia global (II) - As contradicións da calma aparente

Con todo, o episodio do colgante paréceme un síntoma de que esta calma superficial esconde tensións. Ao estar pechado na casa e admirar desde a xanela o sol que ilumina e quenta a miña habitación, os paxaros que voan no ceo, as cores das árbores, todo parece tan calmo… pero na verdade non hai nada normal nesta situación: todas as tendas e os bares están pechados, óuvense as sirenas das ambulancias con máis frecuencia do normal, pouca xente anda polas rúas, a miúdo levando máscaras… Abonda con botarlle unha ollada ao sito web de calquera diario para voltar á realidade. Isto permite que algunhas tensións queden en min, na profundidade. Aínda que a maioría do tempo consigo sen problemas decidir onde dirixir a miña atención, o que me permite seguir a traballar e cultivar os meus intereses, hai momentos en que acontecementos moi pequenos, como o do colgante, abondan para xerar un curtocircuíto emotivo, atacando o meu estómago e orixinando estas sensacións de ansiedade, de incomodidade. Falo de tensións de varia natura, case todas relacionadas co contexto actual. Por unha banda, a emerxencia sanitaria en España, que é o que está a pasar inmediatamente arredor de min (e da miña irmá menor, que traballa en Oviedo). Por outra, a mesma emerxencia aínda máis forte en Italia, onde vive o resto da miña familia. Asemade, a miña conexión limitada non permite longas conversacións audiovisuais e o medio escrito faise ás veces insuficiente, máis aínda nunha situación como a actual. Ademais, o feito de estar no estranxeiro engade unha dimensión de relativo illamento burocrático (en particular ao non poder conseguir o NIE); unha preocupación máis, malia non ser a principal.

É como se o confinamento puxese unha fronteira física na miña paisaxe interior, entre o meu presente coruñés e a miña historia xenovesa, así que ás veces paréceme que estou suspendido no aire entre os dous sitios e, ao mesmo tempo, nun limbo persoal lonxe dos dous. Hai moitos conflitos de emocións que arraigan na profundidade da ánima. Parece como se alguén construíse unhas paredes para separar algunhas das distintas facetas da miña identidade e, ao non poderme mover de maneira fluída entre a unha e a outra, fico cunha sensación de confusión. Mentres que racionalmente consigo deixar estas contradicións en segundo plano, elas fican aí e unha faísca abonda para que emerxa o nerviosismo. Para dicírllelo dun xeito quizais un pouco máis expresionista, imaxinen un cranio aberto (non fan falta detalles gore como perdas de sangue etc., pensen neses cranios que se atopan nos laboratorios de ciencias das escolas): pódese ver ben o cerebro. Agora pensen que de súpeto xorden paredes de formigón entre as distintas circunvolucións cerebrais. Logo imaxinen que por encima do cranio pende unha gaiola, colgada por un fío. Dentro de esta gaiola hai un piso onde vive un pequeno home, que pasa a maioría do seu tempo a ler e escribir. Normalmente segue coas súas actividades tranquilo. Porén, de cando en vez un violento refacho de vento empuxa o fío e a gaiola comeza a abanear con violencia e a sobrevoar as distintas zonas divididas polas paredes, axitando así a vida do homiño. Ás veces, síntome así.

Afortunadamente, ser consciente destas contradicións axuda a recoñecer e aceptar estes momentos de crise, vivilos e deixalos pasar, no canto de rexeitalos, intentar combatelos e así empeorar a situación. En lugar de loitar inutilmente contra este sentimento, intento entendelo un pouco máis. A cotío bastan algunhas horas para normalizar a situación, a gaiola volta estar firme e eu podo retomar as miñas actividades (ata a próxima vez, polo menos). Porén, ás veces, ao rematar o proceso quedo bastante esgotado. Ben, colegas, xa escribín demasiado: a ver o que pasa na próxima semana. Ata entón, reciban unha aperta e cóidense moito. 😊

 

A imaxe de portada é o cadro Interiør med læsende ung mand de Vilhelm Hammershøi

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí