Que é a música galega? É música galega Mercedes Peón ou Milladoiro? Supoño que neste caso habería consenso total. E Ses, The Homens e Ataque Escampe? Probabelmente tamén.
E Siniestro Total e Novedades Carminha? A maioría diría que si.
E Luz Casal, Xoel López e Iván Ferreiro? Aquí xa comezarían dúbidas razoables. Lembremos que até que fixo o tema de Fariña, Iván Ferreiro tiña as mesmas cancións en galego que Pimpinela. De feito, gañaría Pimpinela por un retrouso de distancia: “Cada día máis linda, máis linda, cada día mellor e mellor…
É “Un canto a Galicia” de Julio Iglesias música galega? Poderiamos ir máis alá: Habería alguén disposto a considerar a Marta Sánchez música galega? Where is the limit?
Que é máis significativo á hora de considerar música galega? É máis enxebre alguén que fai música de temáticas intranscendentes en galego, ou alguén que fala de temáticas galegas cantando noutra lingua?
Como non teño todas as respostas -e non quero ferir sensibilidades- decidín facer un exercicio inverso, e mirar de fóra cara dentro: Existe música en galego fóra da Galiza? Está claro que se consideramos o galego internacional, é evidente que si (e poderiamos facer unha lista infinita), así que tiven que poñer o marco nalgún sitio. Despois dun apaixonante mergullo polas marxes de música, atopei uns cantos temas, que vos presento a continuación.
1. Andee Silver – Teño saudade (Inglaterra) (1970)
Comezamos a lista coa cantante británica Andee Silver, que no ano 1970 convertíase na primeira artista pop estranxeira que empregaba o galego. Coma ben sabedes, o tema foi popularizado polo gran Andrés do Barro. Aínda que neste caso, a idea desta versión é de… Juan Pardo! Porque aínda que semelle incríbel, houbo unha época na que Juan Pardo non era ese señor rancio era un artista innovador que mesmo se atrevía a cantar en galego en plena ditadura. Se vos interesa a intrahistoria de como xurdiu esta canción, poderédela atopar neste interesante artigo.
2. Mike Oldfield – The song of the sun (Inglaterra) (1996)
-Pero se Mike Oldfield non cantaba! -Esa canción non é del, que é de Luar na Lubre! -Buuuu. Fraude.
Antes de crucificarme, deixádeme explicar dúas cousas. Primeira, Mike Oldfield non canta, nin en galego nin en inglés nin en Papiamento; el é máis de bourarlle ás campás tubulares. Segunda, tedes razón, o tema é orixinal de Luar na Lubre e chámase “O son do ar”. Cando o músico inglés escoitou este tema, quedou namorado del, e pediu colaborar co grupo galego para facer esta versión, que abría o seu disco Voyager, e que acadou sona internacional.
3. La Pegatina – Lacón con grelos (Cataluña) (2011)
A banda catalá, que moitas coñeceredes polos festivais de verán, canta habitualmente en catalán e castelán. Ten un vocalista que se declara “fillo de galego e sevillana” na canción “O camareiro”. A temática das súas cancións en galego fálanos dalgúns dos tópicos que teñen os fillos dos galegos emigrados, que coñecen o país sobre todo polas paparotas e polas visitas ás aldeas do verán. O grupo, que segue a súa exitosa traxectoria, non se esquece da nosa lingua, senón que incluso se atreve a innovar facendo un “Tremendo Combo” con Ezetaerre.
4. Rodrigo Cuevas – Heina de mandar dourare (Asturies) (2013)
Que dicir sobre o grande Rodrigo Cuevas? Multiinstrumentista, diva do rural, actualizador da tradición musical asturiana, carismático, agroqueer… Todos os cualificativos se quedan curtos. Rodrigo deléitanos con este vídeo onde reinterpreta esta canción tradicional, e a máis aproveita para subir uns cantos graos a temperatura do Cantábrico. Se somos de buscar semellanzas, poderiamos atopalas no vídeo do tema máis sexi d’O Leo: Rural love.
5. Kussondolola – Tá-se bem na rádio (Angola) (1996)
Un dos grupos que a maioría coñecemos polo Xabarín. Algúns tiveron as súas primeiras dúbidas respecto á amplitude da nosa lingua cando viron a este grupo angolano cantando en… galego? Polo que aquí temos documentado, o primeiro grupo angolano que cantou en galego. Haberá quen diga que este estilo non agromou na Galiza, máis se os kiwis, -e algunha que outra planta moi querida polos rastas- se adaptaron á nosa terra, por que non o reggae? Alguén se atreve co reggaelego ?
6. Manu Chao – Carreteiro (Francia) (2008)
Se hai alguén que se pode considerar cidadán do mundo, ese é Manu Chao. É esa clase de persoa que collendo un par de cortes da radio, 3 sons ao chou e 4 retrousos pode facer un disco… Ou unha carreira enteira. A verdade é que, bromas aparte, o fillo de Ernesto sempre que pode deixa caer algunhas pingas sonoras de Licor Café nos seus concertos. Esta canción chamada Carreteiro, é unha versión deste clásico da música tradicional nese “estilo Manu Chao” inconfundíbel.
7. Despe e Siga – Astro da bóla (Portugal) (1996)
Quen é o que nunca soñou en ser o astro da bóla? Pois para as que andamos inmersas na trintena, este tema fíxonos soñar en ser os novos Bebeto, Fran, Gudelj ou Nacho. Afortunadamente para o mundo do fútbol, nunca pasamos de xogar nas categorías inferiores do Sporting Lampón. E claro, como a maioría de nós eramos uns mantas, como moito tivémonos que conformar con poder cantar este tema mentres estabamos na bancada.
8. Sergio Dalma – O tren (Cataluña) (2005)
Seguindo a estela doutros cantantes empalagosos que envellecen mal románticos coma Eros Ramazzotti ou Tiziano Ferro, o señor Josep Sergi Capdevila i Querol tivo que reinventarse cando se decatou que cantarlle ao desamor de xeito “intensito” estaba máis pasado que os Modern Talking, o traballo estábel ou as graxas trans. Entón, postos a versionar este clásico do pop galego, podíase facer ben, mal, ou ao estilo Sergio Dalma. Pero iso non é mal? Si, pero pasándolle co tren por riba a Andrés do Barro.
9. Kepa Junkera – Galiza (Euskadi) (2013)
Seguro que isto foi así: -Kepa, a que non es quen de facer unha canción en galego?-Como que non? Non fago unha, vou facer dous… DISCOS. Esta homenaxe á música tradicional do noso país, conta coas colaboracións máis senlleiras do folk coma Luar na Lubre, Uxía, Susana Seivane, Cristina Pato ou Son de Seu entre moitas outras. Trátase de 23 temas nos cales o artista euskaldun reinterpreta gran parte do repertorio tradicional da música popular galega. En fin, que dependendo dos vosos gustos, orgasmo sonoro ou empacho inhumano.
10. Ialma – Na iauga (Bélxica) (2011)
Ialma é un grupo Belga formada por descendentes galegas que fan música tradicional, liderado pola cantante Verónica Codesal. Logo dun tempo cantando en galego, semella que Verónica colleulle o gusto a cantar en linguas inventadas, xa que no 2003 co seu outro grupo “Urban Trad” inventaron un idioma propio para cantar a canción “Sanomi”. Tan mal non lle debeu ir, xa que a canción participou no concurso de Eurovisión do ano 2003 representando a Bélxica, cun meritorio segundo posto.
11. Peret – Apaga o candil (Cataluña) (2011)
De seguro que esta a canción máis maltratada “versionada” da nosa historia recente, a causa de Gayoso. Máis, que pasa cando lla pos diante a un creador revolucionario coma Peret? Pois o resultado é unha das versións máis inverosímis deste tema: “Apaga o candir Marica-chuh-chuh, apagha o candir que ten moita luh”. Non sabemos se a idea naceu logo dun “afterparty” tolo do Luar, mais eu gosto de crer que si. Sexa como for, super-a-prol desta creación.
12. Gran Purismo – Pardeconde (Suiza) (2007)
O rapeiro suízo titula este tema co nome da aldea na cal naceron seus pais, e na que pasaba os veráns. Fala dos cans, dos amigos, da taberna, da familia… De todo ese mundo atemporal que, por moito que esteamos fóra, sempre acabamos atopando á volta. Se facemos unha lectura atenta da letra, poderiamos dicir que mestura riquiñismo con atraso. Que digo eu, se o código penal seguise a incluír delitos invent, poderíase incluír “apoloxía do atraso”. En fin, que o tema está bastante ben, quitando o minuto enteiro no que se dedica a nomear un por un a TODA a xente da parroquia.
Bonus Track.- Boney M – Move o cu (Países Baixos) (2009)
Non sei por que, pero sempre ten que haber un bonus track. Sobre a banda de Marcia Barrett, Liz Mitchell, Maizie Williams e Bobby Farrell, flota unha das “lendas rurais”, (que non urbanas) máis sobranceiras da Galiza contemporánea. É certo que o grupo ía tanto ao Luar, que Bobby Farrell tiña unha casa en Touro? Gayoso, canta claro! Ao final nunca o saberemos de certo, xa que Bobby deixounos en 2010 e levou canda el o segredo. O que si podemos saber é que nunha das moitas actuacións, a incombustible banda neerlandesa, deixounos este improvisado e magnífico cover “en galego” de Daddy Cool.
Aínda que son moito de facer bombas de fume, véxome na obriga de non rematar a lista deixándovos á intemperie. Antes de nada, son consciente do desequilibrio de xénero, e recibirei de moi bo grao as críticas construtivas e as outras. É posíbel que quedasen algunhas cousas fóra, pero acho que completamos un menú degustación bastante xeitoso: Tivemos dende o pop máis inofensivo, pasando polo folk de toda a vida, rap, até experimentacións cuxa cualificación deixamos ao voso xuízo. O importante é dar a coñecer que temos unha cultura universal, e como di un colega: “Galego pode selo calquera”.