De pesadelos e maldicións. 4 microrrelatos de terror

Catro pequenas historias escritas nos meses escuros, con moi escuras intencións. Non fai falla moito tempo para lelas, pero si para esquecelas.

Ilustracións de Laura Bellas

Comezamos a ver o final do inverno. Os días vanse alongando e a xente de A que cheira, papá? sae da cova onde estiveron agochados nestes meses de escuridade. Descubren sorprendidos que todos dedicaron o silencio e a lúgubre comodidade dos seus cubís para o mesmo. Polo visto, escribiron varios microrrelatos de terror. Mostramos a continuación algunhas mostras desta tolemia colectiva, que pregamos sexan consumidas con cautela. Lecturas anteriores fixeron que algún destes contos gañasen mesmo premios, como o da biblioteca González Garcés, ou o organizado pola librería Aira das Letras de Allariz. Non nos responsabilizamos de outros estraños efectos secundarios.

.

A fío

de Diego C. Val

Hoxe non volverá acontecer o desta noite pasada. Non se debeu decatar, na seguridade da súa furtiva espreita, cuberta a súa presenza dun mesto manto de negrura. Eu souben que estivo alí, á beira da miña traveseira.

O que deba ter na cabeza prendeu o seu atrevemento dun xeito desbocado. Fixen ben en non me mover ao percibir a súa fonda e cada vez máis intensa respiración, como de fera doente que vai acumulando a xenreira precisa para asaltar a súa presa. Ese frenesí debe ser o cumio de reiteradas incursións. O bafo que desprendía, mestura de xofre e bile, era un cheiro que zumegaba carraxe e me enchoupaba o espiñazo enteiro. Houbo un lene estalido, que asociei cun visceral apertar de puños á altura da miña cabeza. Descoñezo que lle fixo conterse. Con todo, na miña autoimposta cegueira puiden ver os seus ollos fixos e resentidos, pezoñentos, loucos. Non sei como non me matou.

Hoxe non volverá acontecer o mesmo. A súa confianza halle resultar fatal. Esta tarde, na soidade do piso, armeime cun dos coitelos que mercaramos ao nos mudar. É noite pecha. Coa man baixo as sabas mecanizo os movementos que finalizarán esta tolemia. A cota contra o pulso, o gume contra o pescozo. Apago a luz. Doulle o sinal. Non hai segundos, só veces nas que aseguro a arma. Perdín a conta. É noite pecha. Retumban os latexos. Achégase o intre.

Agarda… alí só estaba un dos coitelos…

Xa sinto o pomo renxer.

4 microrrelatos de terror

Eternidade

de Adrián Pérez Suárez

As augas do tempo non me traen nada novo, para min só queda a escuridade.

Nin sequera a morte é para min consolo.

Polas miñas veas xa non flúe sangue, nas miñas mans xa non queda forza para loitar, sobre os meus ósos xa non queda carne, senón restos de algo que moito tempo atrás foi un home ao que a arrogancia o afogou nas terras do esquecemento.

A música non chega aquí abaixo, a estes muros que dende hai incontables séculos son o meu fogar, onde as ratas son a miña familia, onde o silencio é a melodía que se escoita mentres me desfago, mentres me descompoño; porén, mentres sigo vivo.

Eu buscaba o goce, as doces meles do pracer e da paixón, a harmonía das árbores e os compases do vento, pero todo era engano.

Nun acto de tolemia, de insania, descoñecendo as consecuencias do meu atrevemento, quixen posuílo todo e ser o dono da beleza por sempre, quixen gobernar as ondas das augas máis profundas e someter as nubes que viaxaban polo ceo, pero cando me din conta da burla, do seu humor grotesco, xa me encontraba exiliado no tormento.

O significado do tempo desvaneceuse na podremia destas augas e o fedor da disonancia acabou por corromper o último hálito moribundo, mentres a enfermidade se erixía e reclamaba o que tan só a ela lle pertencía.

Agora a espera é o prezo do meu orgullo e a eternidade o camiño polo que me arrastro.

.

María, Maruxa e Marica

de Guillermo Rodicio

Na noite de Defuntos baixamos ás agachadas ata o río. Quedou a porta aberta, cruzamos as eiras, corremos coa melena ao vento. Tres cativas murmurando na escuridade do río. Tan rideiras, non nos decatamos do crecer da auga, comeunos a corrente, levounos ao fondo sen aire. Morremos as tres irmás. Pero nunha volvemos á casa.

Nós eramos moitas e o corpo cativo, así que colliamos quenda de novembro a novembro. No ano de María, non se falaba, quedabamos mirando o fondo das habitacións. Cando eramos Maruxa, ardían as cousas. Só ao vir Marica gozabamos dos meses falangueiras e divertidas. Tres, e volta comezar.

Pero un de cada tres non abonda. Nestes Defuntos, as cativas discutimos no río. Queremos rir sen parar, queimar sen parar. Tan amuadas, as outras non me senten crecer, comelas, deixalas sen aire. Morren dúas irmás. E eu por fin volvo a casa a soas, María.

4 microrrelatos de terror

Meniñas

de Diego C. Val

Cando a vella cega desapareceu congostra embaixo, os da tenda retiramos a vista da xanela. Os parroquianos semellaban coñecela ben. Preguntei intrigado como a súa condición non a impedía para tales camiñadas. Respondeume a encargada:
– A malpocada perdeu dúas meniñas nun parto. Home e fillos bateron nela e abandonárona. Hai anos comezou a vir nos días previos a Defuntos a por tarriños de mel, para ofrendalos ás ánimas. Eu doullos de balde… Ela segue esperando a que volten as fillas a facerlle compaña… mais só conseguiu queimar os ollos por fitar deseguido o lume.
Continuei a miña ruta de noite, adentrándome nas primeiras horas de Novembro. As revoltas do camiño leváronme a unha recóndita e ruinosa quinta. A través dunha xanela puiden ver como o lume proxectaba as sombras dos tarros dispostos na cambota. A cega ollaba a lareira. Xogaba inqueda con anacos de pan, agardando oír as lapas bailar.

2 COMENTARIOS

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí