9 revelacións musicais cheirer do 2018

Unha lista dos descubrimentos que cada unha de nós tivemos este ano. Nada obxectivo, algo persoal, máis noso: as 9 revelacións musicais cheirer do 2018.

Chega o fin de ano, e como todo o mundo está a facer tops, rankings e cousas así do mellor que nos trouxo o 2018, nós non quixemos ser menos. Discutimos na redacción, veña vai, escribimos un de música? Como sempre, facemos as cousas ao noso xeito cheirer, un pouco fóra do normal, así que saíu un híbrido raro. Traemos desta volta os descubrimentos que cada unha de nós, no máis estritamente persoal, tivemos este ano. Ese disco que parece saído de ningures e acaba pasando contigo meses e meses, aquel que ten esa canción que acabarás asociando a un momento moi concreto deste ano.

Quedou unha lista moi completiña: música en 6 idiomas diferentes, con estilos desde a electrónica ao pop, do folk ao jazz, do country ao cumbiatón. Non pretendemos sentar cátedra sobre cales foron os mellores discos do 2018, vaia, de feito algúns non son nin deste ano. É algo aínda máis noso: as 9 revelacións musicais cheirer do 2018.

.

.

1. Every Valley

Public Service Broadcasting, 2017

Revelación de Violeta Pérez

Foi o modo aleatorio de Spotify. Gustaríame que o meu descubrimento do ano tivese máis glamour e implicase unha historia con misteriosos romances e aventura sen fin, pero non.

Public Service Broadcasting son do sur de Londres e teñen unha pinta de frikazos incrible. Probablemente o sexan.

Fan unha música instrumental difícil de definir (post-rock? electrónica? krautrock?) que inclúe arquivos sonoros de emisións de radio, anuncios ou documentais para tratar temas históricos moitas veces relacionados con diferentes movementos sociais. Nos seus concertos inclúen imaxes de arquivo que axudan a transportar ao público á época da que están a falar. E aí estás ti, créndote un mineiro do carbón envolto nas protestas de Gales nos anos 30 (pero en realidade segues sendo un maldito millenial).

O seu obxectivo, segundo eles mesmos, é “ensinar as leccións do pasado a través da música do futuro”, e eu creo que o conseguen. Non sei vós, pero eu xa son groupie.

.

2. Kebrada

Elida Almeida, 2018

Revelación de Philip Duncan Webb

O segundo álbum de Elida Almeida, que leva o nome da aldea onde se criou, confirmou o seu lugar como un dos talentos máis prometedores de Cabo Verde. Hai moita beleza nas súas cancións. Algunhas sacoden o corpo con inmensas ondas de “bailabilidade”, e as súas letras tamén impresionan unha vez nos habituamos un pouco ao crioulo caboverdiano, unha fala irmá do galego. Almeida trata os seus temas cunha madurez e sensibilidade envexables. Canta, por exemplo, sobre as ilusións e decepcións do emigrante en Djam odja (Ollei), do alcolismo e a violencia de xénero en Grogu kaba (Acábase o ron), das saudades da súa infancia en Sapatinha, ou, nunha composición de extraordinaria tenrura, do amor e os sacrificios dunha nai en Nha rainha (A miña raíña).

Esperemos que Elida veña a Galicia algún día. E pode que si; Almeida estase a converter nunha auténtica apóstola da música do seu país. Tocou en Estados Unidos. Tocou en París. Tocou en Łódź. Łódź! Os mesmos polacos non van alí. Se tocou en Łódź ben pode tocar aquí.

.

3. Grelos Western

Os Forasteiros, 2018

Revelación de Darío M.J

O seu nome evoca ao seu estilo de música. Apta para escoitar nun saloon mentres estás a tomar unha zarzaparrilla, ou mentres descansas de pegarlle 20 tiros ao criminal máis buscado vivo ou morto para cobrar a recompensa. Country galego? Por suposto. O seu EP deste mesmo ano, Grelos Western, soa a todo iso, unha auténtica obra de arte do Country en galego. Como eles mesmos o definen, o Grelos Western é “Unha fusión explosiva entre country, bluegrass, cajun, folk e algo rock’n roll, en galego e feito en Galicia por ‘forasteiros’. Un spaghetti-western á galega.”

Un dos descrubimentos do ano, que demostra que na Galiza tamén podemos ser o Far West, con ranchos, saloons con tipos de pinta ameazadora, e procuradores de tesouros. E quen sabe? Igual tamén podemos ser o novo Nashville.

.

4. 45 cerebros y un corazón

Maria Arnal I Marcel Bagés, 2017

Revelación de Laura Lamier da Sousa

La gent no s’adona del poder que te”, repite sen parar Maria Arnal nunha das cancións, e eu sempre dubido se ela se decatará do poder que ten ao berrar obsesiva esa frase, xogando coa súa voz, co fondo roto de guitarra eléctrica de Marcel acompañando.

45 cerebros y un corazón naceu como un proxectiño entre dous artistas que querían explorar fondos e hemerotecas sonoras, reflexionar sobre a memoria e a nosa relación co pasado a través dun funil novo de modernidade. Nalgunhas entrevistas, ou nos propios concertos, tanto Maria como Marcel parecen ata un chisco sorprendidos do éxito dunha idea que parecía destinada a un público cativo. Pero é que o poder de 45 cerebros y un corazón é incontestable. Entre as letras tradicionais aparecen temas xa completamente propios, letras de poetas modernos, arranxos musicais arriscados. O proxecto inicial desbordado pola creatividade imposible de conter, co material histórico como primeira chispa dun incendio moito máis grande. Hai desgarro, tristura e rabia, pero tamén luz, seducción, mesmo retranca. É un disco fascinante, ao que volver unha e outra vez.

Tendo en conta a cantidade de veces que teño escoitado 45 cerebros y un corazón este ano, non podería en conciencia recomendar ningún outro. Dádelle unha oportunidade.

.

5. Collapse EP

Aphex Twin, 2018

Revelación de Pablo Pesado

Este que marcha ven de ser, con certeza, o ano que menos música escoitei dende que comecei a escoitar música cunha certa obstinación. Isto, na realidade, por motivos tan accidentais que máis que vitais habería que chamar, se cadra, organizativos: fóichevos así. Collapse EP, de Aphex Twin, foi para min unha especie de ruptura con este clima. Non é un disco lendario, nin un clásico automático; tan só unha peza moi sólida. Algo que non podía agardar de quen, como Aphex Twin, xa non parecía ter demasiado interese na redondez e no puído como marca estética. Trátase dun EP que mesmo agora, xa decorridos algúns meses, só podo escoitar do principio á fin, como unidade: achei nel, pois, a capacidade de me levar a ese punto exacto de escoita atenta e neglixente asemade que este ano me abandonara. E tamén, por certo, serviume para me reconciliar co propio Richard D. James, do que había tempo que me atopaba distante. Estas dúas cousas soas xa xustifican, penso, que lle dea o meu lugar de honra; pero é que para alén todo hai que dicilo, é un disco verdadeiramente caralludo.

.

6. Solpor

Baiuca, 2018

Revelación de Guillermo Rodicio

Chegou tarde no ano (cheguei eu tarde máis ben, que o disco é da primavera), pero chegou forte e golpeou duro. Levo dous meses que non paro de escoitar a Baiuca e non creo que isto se me vaia pasar cedo. Conste que a priori era escéptico. Noutros lugares do mundo xa se conseguira unir electrónica e folk, pero coa música tradicional galega ninguén acadara unha fusión que a min me resultase atractiva, parecía sempre un Frankenstein un pouco estraño. Baiuca logra precisamente o que é esencial nun proxecto como este. Rebordar as referencias e conseguir un son propio. En Solpor é sinxelo entender de onde bebe cada tema, pero a renovación é sempre sorprendente: o ritmo de muiñeira con percusión africana, salta a gaita, ou a eléctrica desenfreada, ás veces voces novas, ás veces unha anciá canta disfrazada co autotune.

Encántame de Solpor que cando llo recomendo a alguén, sempre acaba cun tema favorito distinto, como se o disco conversase de xeito diferente con cada persoa, como se agasalle a cada unha xusto o que máis precisaba da mestura que propón. Eu vou poñer Mozas, porque aínda ma atopo almorzando polas mañas e cantaruxando “unhas zocas de chinela/ unhas zocas de chinela/ fumando un gran cigarro”, coa electrónica no fondo do cerebro.

.

7. Go!azen

Varios artistas, 2018

Revelación de Jon Amil

Num sentido artístico, um álbum musical é uma obra em si mesma. As diferentes músicas que o componhem nom som mais que partes desse tudo, as células que conformam um organismo vivo. Um ser artístico que respira, que ganha nova vida cada vez que é escuitado. Uma obra com várias leituras que ganha complexidade e profundidade com o tempo. Por desgraça para vós, eu de arte nom vos sei nadinha, e o elitismo provoca-me urticária.

Entom, para a minha recomendaçom, vou ir ao mainstream e ao ecleticismo. Go!azen é uma série juvenil musical da ETB, a televisom pública basca. Em cada episódio versionam uma ou duas canções conhecidas em euscara. Depois, a cada temporada, sacam uma coletânea dessas versões em formato CD. De momento levam três: Ongi etorri Basakabira, Berriz uda! e Ondo pasatzera gatoz!. Qualquer deles é um bom ponto de entrada na música basca, um meter a ponta do pé na piscina. A partir daí podes conhecer os grandes grupos do panorama euskaldun dantes e de agora. Gatibu, Hesian, Berri Txarrak, Ken Zazpi, Huntza, Hertzainak e muitos mais que che abrirám um novo mundo musical. Para mim foi uma revelaçom.

.

8. Antiphon

Alfa Mist, 2017

Revelación de Diego C. Val

O segundo traballo do londinense Alfa Mist, Antiphon (2017), é un disco xurdido arredor dunha conversa gravada do músico cos seus irmáns sobre relacións persoais de todo tipo e sobre como respondemos ante elas. Nel atopamos xéneros como o hip hop e o soul, incluso algo que semella spoken word cando son inseridos en varios dos cortes algúns retrincos das reflexións rexistradas, mais en esencia é un disco de jazz. O ton melancólico está presente en todo o álbum, entretecido coa discusión xerminal, e algunhas melodías fanme pensar en instrumentais de Djs como Dilla ou Premier, o que o conecta dalgún xeito cos inicios de Alfa no hip hop e o grime.

Antiphon é un disco desfrutable (atreveríame a dicir que mesmo se o jazz che é completamente alleo), sentimental e híbrido. Como calquera relación persoal.

.

9. La banda sonora de tu día a día

Esteban&Manuel, 2018

Revelación de Brais Capelán

Utilizarei as seguintes liñas para facer un chamamento ao goberno galego, á Consellería de Cultura e a todos os Concellos do territorio para que, de cara á temporada de verbenas do 2019, subvencionen unha actuación por festa patronal de Esteban & Manuel, o meu gran descubrimento musical do 2018. Concretamente, deberán tocar despois da misa do domingo, na sesión vermú.

Imaxinádevos un domingo de xulio, espertando e almorzando co sabor a licor café da noite anterior aínda presente. As bombas de palenque e as gaitas soando de fondo mentres a xente dá voltas á igrexa cun tronco de madeira con forma de muller. Os nenos berrando mentres baixan pola lingua dun Bob Esponja xa desgastado e con falta de aire. Na barra xa só hai botellas de Martini e, se tal, algunha de Larios. Os señores coas camisas de cadros abertas ata o terceiro botón, lucindo o moreno de moitas xornadas nas escaleiras de San Amaro. As señoras con pamela e vestido de gala batendo os xeos dos seus vermús para que a mestura entre roxo e branco sexa a óptima.

Pasada a unha e media, e co cheirume a comida de domingo de festa saíndo das casas, soben ao escenario un par de rapaces con vestimenta non máis extravagante que algún dos vestidos estilo Pantoja das señoras da vila. Ela namoroume, La Paya Papaya ou Hombres del siglo XXI. Frenesí de electrocumbia e etílico descontrol entre as xentes que enchen o campo da festa. Chegar enchido a casa pasadas as catro. Disimular mentres analizas a carne asada e botar unha sesta de catro horas. Creo que todos os galegos merecemos ter esas sensacións no 2019.

.

.

revelacións cheirer
©Chumlee10

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí