As curiosidades irmás

Comentario sobre Curiosidade e ...as neuronas irmás..., dous poemarios de Estíbaliz Espinosa

Portada de Curiosidade e as neuronas irmás
Amálgama mercurio-ouro coas dúas capas dos poemarios mencionados no artigo.

Gostaría de ser breve, porque xa o universo é infinito. Curiosidade e …as neuronas irmás… son dous poemarios de Estíbaliz Espinosa que están en concordancia. Estes libros demostran que se pode aprender ciencia a través da poesía e proban que a historia non está rifada co humor. Ademais, os textos sosteñen respecto profundo por outras artes e cimentan con labazadas de coñecemento tecnolóxico a importancia da investigación. Todo cabe nestas dúas propostas tan diferentes e, porén, complementarias. «Onde hai diñeiro hai sexo» (Espinosa, 2017: 19). Pois si; sexo feminino, para sermos concretas. Nas dúas obras aparece unha preocupación permanente pola muller en todas as súas facetas, procurando un oco nas disciplinas creadoras, así como nas achegas e descubrimentos. Do mesmo xeito que a muller-poeta pode recitar levando unha compresa para non faltar ao seu traballo, tamén o seu cerebro –e o de todas as mulleres– cómpre estudalo. Se as tetas da muller poden aleitar e os seus brazos funcionaren de almofadas, por que non se lle espreme a mente? Advírtese unha inquietude necesaria de base. O homo sapiens duplo vén de nós, do noso útero; e non da hidroxiapatita do tecido óseo de ningún sexo masculino: «seica un estrago de vida» (Espinosa, 2017: 24).

©Chris Hetlage. M46 arriba á esquerda e M47 abaixo á dereita. «Desastre», do latín dis-astro, unha verba ben fermosa que significa ‘separación de estrelas’.

Sen abandonar o humor, estalan residuos de desastres que hai que comprender desde o verso depurado e desde a tradución da dor. Eu anoto para min un «haiku para chorar» na páxina 55 de …as neuronas irmás…, que case me fai bagoar de verdade o día no que se lle entregou o XV Premio de Poesía Afundación 2017. O acto púidose seguir desde todos os recónditos lugares deste devastado planeta que nos emperramos en iluminar para non ver as estrelas. Acompañada por Isabel Gómez Alonso ao piano, as escollas dos temas para o recitado dos poemas foron alucinantemente impecábeis. A cantidade de información que grazas á música e xunto coas imaxes era disparada para o (tele-) espectador resultou asombrosa. Unha Nuvole bianche que facía tremer os glaciares, que a min me fixo viaxar á elexía para o Ártico porque comezaba ese poema introducindo «mans arriba, estás na Natureza» (Espinosa, 2018: 21) no primeiro verso. Escóitase unha reflexión imprescindíbel por un delito natural: o crime somos todos? Tamén viaxei coa súa voz no Space Oddity á primeira vez que escoitei este tema de Bowie nas pregas vocais mezzosoprano da poeta. Foi nunha noite moi estrelada no Planetario da Coruña nas horas do mediodía, xa hai moitos anos. Choveu. Non sei se o suficiente, pero moito.

Curiosidade constitúe unha edición coidada e exquisita que leva por onde quere ao lector cun xogo estupendo entre verso, prosa (poética) e ilustracións de Celsius Pictor. O problema máis grande que ten este libriño é que as liñas chegan demasiado ao centro, impedindo ler sen dificultade para abrir as páxinas o que se aliña á dereita. Pero non somos cyborgs perfectos e se cadra hai que desafiar máis ao papel sen medo a que a cola do lombo ceda. Uns milímetros máis de marxe permitirían non ter medo de estragar a obra, pero é un problema ben pequeno para conter nel tantos anos agardando que este libro fose papel. Quero pensar que a bágoa de tinta do ollo mouro que informa de que se acabou de imprimir o 9 de novembro do 2017 chora de ledicia. Que bonito deterse nas cousas pequenas que xorden dos órganos que nos permiten ver. Xa desde a capa, avecíñase que nos poemas seleccionados haberá un que me leva anos obsesionando e no que sempre penso cando me atopo cunha mazá nunha man e un coitelo na outra. Lendo, atopei algún tweet que compartín hai anos porque eu tamén son moi cultivada e teño moitas bacterias (Espinosa, 2017: 61). Acheime, en certa maneira, dentro, en moitas referencias, en moitos nomes e en moitas alusións.

Imaxe «complementaria»: palabra composta por con-plere-mento-ario, o que vén significando ‘o xeito de unir o que enche’. Así estes dous libros da autora: dúas partes dun mesmo universo literario.

Pasoume un pouco o mesmo con …as neuronas irmás… A verdade, non sabería delimitar a distinción do poemario anterior e este, se ben é certo que penso que o anterior respecta moito máis a idiosincrasia de Estíbaliz, a súa interartisticidade e a súa estética. Por exemplo, non me sorprendería que Curiosidade se vendese cun CD anexo e un planisferio celeste dobrado en catro. A autora aquí continúa a levar da man ao lector ao seu dispor. Perdes a cabeza dentro da súa articulación da «lingua a monte / pero sobre todo a ceo / a ceo de boca na radiación dos iris» (Espinosa, 2018: 12). Quen podería agardar un desenlace así de algo a monte? Quen podería escribir un poema dunha fisioterapeuta que fai á paciente ver as estrelas, senón ela? Quen podería deixar clariño para que o captes dunha vez que: «Estrelas titilan, planetas non» (Espinosa, 2018: 26)? Así, pum, no teu cerebro para que o entendas por fin. Penso que nas nosas letras só chouta o seu nome no cerebro con este tipo de proposta poética. E, por certo, que lle pasa á autora coa neve e as folerpas? Son outra sinatura da súa escrita estelar-científica? Investigarei sobre isto.

Que ben quedarían as miñas curiosidades entre as túas neuronas (Espinosa, 2017: 13), prezada Estíbaliz. Fago tabula rasa con Arvo Pärt de fondo na miña melodía interior e penso que as propostas da túa caneta negra ou do teu teclado 3.0-e-sempre-suma comparten cadencia e sorpresa a partes iguais. A túa poesía resulta inconfundíbel e diferente; mais, á vez, insospeitábel e asustadiza. Non sei se prefiro ter que buscar un acompañamento musical para os poemas que restan ou unha constelación que se axuste á certeza de que xa somos outros cando acabamos de ler (Espinosa, 2017: 16). Por iso, grazas.

 

se abres unha mazá / se lle partes o corazón no medio / cun corte crocante […] / se o fas / mete a lingua na estrela de cinco puntas que rodea o poema (Espinosa, 2017: 10-11).
ESPINOSA, Estíbaliz (2017), Curiosidade, Aira Editorial, Allariz.

ESPINOSA, Estíbaliz (2018), …as neuronas irmás…, Centro PEN Galicia, Santiago de Compostela.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí