Michigan Acaso Michigan. O lugar máis insospeitado de Antón Reixa

Falamos de "Michigan, acaso Michigan, crónica de 18 dúas en coma", o último libro de Antón Reixa. De surrealismo, visceralidade e lugares insospeitados.

Esta recensión ía ser unha crónica do recital de Antón Reixa nos poetas Di(n)versos que compartira con Bernardo Atxaga. Aquel texto quedara nun caixón, pero por Azar (chamemos Ánxela aquí á deusa do acaso) caeu nas miñas mans Michigan acaso Michigan, crónica de 18 días en coma, cuxa lectura foi a escusa perfecta para rescatar aquel texto e transformalo neste comentario do libro.

Nunca vin a Reixa en vivo. Nin sequera aquel día no Ágora, pois a tal crónica dos poetas Di(n)versos ía ser deslocalizada e dixital, non da experiencia viva da poesía, senón do recordo binario máis cativo, escoitado nun vídeo de Youtube. En Youtube si que teño visto moito a Reixa. Moito. Revisitar os vídeos míticos dos Resentidos de tanto en tanto é un recordatorio necesario de que por moi modernos que nos pensemos ás veces, case todo o que se nos ocorre está xa feito antes, sexa con estética oitenteira. Aínda hai pouco descubriume Cibrán que xa os Resentidos falaron hai anos do asunto das luces de Vigo, e iso que todos os memes do Dinoseto e Abel Caballero parecían a cousa máis posmoderna á que nos podiamos agarrar como xeración. Está todo inventado.

Non sei, ten un aura Antón Reixa, forxada co seu eclecticismo e saber ler os tempos. Nunha historia que escribín o ano pasado, nunha festa hiperbólica e lisérxica un home negro altísimo, atlético e fumador de marihuana, ao final da noite resultaba ser Antón Reixa. Era para o protagonista daquel relato unha especie de gurú e conselleiro, o que supoño que me imaxino eu que é Antón Reixa na cultura galega.

Desculpade todo este circunloquio, conto todo isto porque sinto que Michigan acaso Michigan é un libro estramadamente persoal, onde Reixa se observa a si mesmo e a súa traxectoria, polo que tamén se fai relevante a visión previa que o lector tivese sobre el. Comeza Michigan acaso Michigan cunha breve nota explicativa do complicado accidente de coche que Reixa tivo en 2016 mentres viaxaba a Madrid, e que o tivo 18 días en coma inducido. Na comparecencia escribiu este libro, sobre as reflexións, pensamentos e experiencias que argallou neses días espectrais.

A partir de aí, ábrese a billa e corre a auga. A través das súas cinco partes (Condución, intro-dución, in-dución, re-condución e re-dución) Reixa ceiba unha ininterrompida fervenza de discurso, con imaxes que loitan por alcanzar o foco, de ideas saídas de ningures que golpean rápido e con efectivo punch. Un compás incesante, de parágrafo curto e latexar poético, que quere acelerar pero sempre se mantén comprensible, un ritmo moi natural que ignora a súa propia inconsistencia para animar ao lector a seguir lendo, a tirar cara adiante. Aproveito para escribir isto escoitando de fondo o disco de Alfa Mist, que Diego recomendou hai pouco, porque creo que hai no falar de Reixa unha cadencia torrencial moi propia do jazz.

Michigan acaso Michigan
O Quixote esperta en Conxo, Francisco Leiro.

Michigan, acaso Michigan é un libro irregular, como non podería ser doutro xeito, pero está cheos de achados. Son delirios oníricos que van desde o máis mundano ás reflexións abstractas, onde se fala da morte, pero como sempre que pensamos na morte, acabamos falando da vida. Un libro onde se pontifica con convencemento que “o seme está sobrevalorado” (igual que a imaxinación), non pode deixar indiferente. Como o mellor surrealismo, está convencido de non querer reflectir a realidade, pero acaba facéndoo sen remedio. Hai verdade incrustada na fantasía dos barbeiros que catalogan monstros e prodixios, nas posibilidades biolóxicas de que os birollos foran inventados polos exipcios, na retranca da praza do cabalo (e non de Franco) de Ferrol. Fala Reixa dunhas pakistanís moi feas que o asexan e o perseguen polas rúas de Michigan, e eu lembro aquelas nenas que abafaban o protagonista do Proceso de Kafka. Palabras maiores.

É complicado falar sobre Michigan, acaso Michigan, porque o propio libro fala sobre si mesmo con incisiva agudeza. A parte final vira de súpeto en ensaio, nunha serie de cartas entre Reixa e o xornalista Daniel Salgado onde se abren varios temas arredor da propia natureza do proxecto de Reixa. A pesar de que non é esta a cerna do libro, admito que para min é onde están as partes máis interesantes. Reflexiónase sobre aspectos como a a memoria e a súa relación coa experiencia propia nun caso tan estremo, como se fai para moldeala cara o surrealismo. Fálase sobre a técnica do sampleo, de como Reixa constrúe o discurso recollendo voces, anécdotas, imaxes prestadas, creando un contraste estremo entre a vivencia indiscutiblemente persoal e a ferramenta literaria allea para artellala.

Tamén hai un oco nesa correspondencia para o asunto do xénero de Michigan, acaso Michigan, que me parece interesante. Chegou ás miñas mans este como un libro de poesía, e quizais por forma podería parecelo, mais hai tramos de pulo narrativo evidente. Nunca se decide a ser verso, mesmo nas partes máis oníricas. Onde pode parecer máis relato, nunca o é de todo, polo xeito de contar. Unha indefinición así nace seguramente da propia natureza do material que manexa, máis tamén dunha decisión artística. A relación entre xéneros e a indefinición formal colocan a Michigan, acaso Michigan nunha terra incómoda e intermedia, como ese estado de inconsciencia comatoso. Prodúcese un pequeno curtocircuíto no lector cando intenta clasificar o texto, que Reixa aviva aínda máis metendo na mestura referencias á televisión (Walking Dead), á música (Despacito), nun cocktail de Shakespeare ata Trump, dos Satélites ao Tristan Shandy.

Michigan acaso Michigan no Ágora
Reixa recitando nos Poetas Di(n)versos. © Alberto Pombo.

Esta indefinición que se transforma en avalancha creativa dá tamén froitos na vida real fóra das páxinas do libro. Así Michigan, acaso Michigan pode ser recital de poesía no Ágora, exposición nos círculos de bellas artes coas esculturas de Francisco Leiro, video de Youtube coas imaxes de Antonio Segade, ou directamente pólvora para novos proxectos, pois Reixa volveu do outro lado da morte con bastón e máis ganas de crear que nunca.

É complicado falar de Michigan, acaso Michigan porque supura dor real, sentimento a flor de pel, redención e agarimos dos amigos. O limiar inicial de Chus Pato pode ser incómodo precisamente polo sentido que se le, porque coloca ao lector case como un voyeur nun espazo de intimidade onde non sabe se debería estar. Por iso quizais tamén quixen falar ao principio do que me gustan os Resentidos, ou do negro atlético que imaxinei naquel conto; para engadir o meu propio espazo persoal a esas rúas de Michigan. Ao final, coma naquel conto, escoito os poemas/historias de Reixa coa mesma incredulidade do incauto protagonista que absorbía os consellos do gurú na noite estrelecida. En 18 días de coma, nun conto, nun video de Youtube. Aprendemos no lugar máis insospeitado.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí