Bala: “Aproveitamos estes meses para dixerir todo isto, antes de voltar ao campo de batalla.”

O rock de Bala sae potente desde Galiza para todo mundo. Falamos con Anxela, cantante do dúo, sobre música, influencias e plans de futuro.

Segundo a Real Academia Galega, bala é un “proxectil metálico de diversos tamaños e formas con que se carga as armas de fogo”. Unha boa metáfora do sonido do dúo formado por Anxela (guitarra e voz) e Violeta (batería e voz). Bala é unha das bandas senlleiras e máis internacionais da escena rock galega, todo un exemplo de esforzo e autoxestión. Aproveitamos as horas previas ao seu streaming no Wheeler Fest mexicano para falar con Anxela (sen acento). Unha charla na que repasamos os seus comezos e influencias, as aventuras no estranxeiro e a memoria familiar.

Que tal a volta aos escenarios? Vai unhas semanas tocastes por primeira vez con público en Vitoria.

Foi unha pasada. Chegamos cunha sensación de contención, despois de todo o de este ano… Pensabamos que non ía ser o mesmo tocar para público sentado, pero moi guai. Evidentemente, non é o mesmo que ter á xente pegada e facendo pogo (risas). Pero estivemos cunha sensación de subidón durante todo o bolo.

 

Ademáis vai pouco anunciabades outra boa nova. O ano que ven volvedes ao Sonic Blast (Moledo, Portugal).

Sí, era unha das cousas que tiñamos programadas para este ano, moveuse para o ano que ven. Nos próximos meses haberá máis novas do estilo.

 

Teño que confesalo… nunca vos vin en directo! Pero todo o mundo fala marabillas de vós.

Somos un grupo de directo. É onde máis disfrutamos. Ensaiar e gravar discos é importante, e tamén o desfrutamos, pero en directo temos ese punto de “virse moi arriba” (risas).

 

Unha das cousas que máis sorprende cando escoita Bala por primeira vez é que sonades como unha banda de catro compoñentes. Tivestes sempre ese sonido na cabeza ou experimentastes ata chegar a el?

Foi unha combinación das dúas cousas. Tiñamos moi claro dende o principio que queriamos atronar e suplir o baixo que non levamos. Por iso afino grave, levo cordas gordas e toco con dous amplis, un de baixo e outro de guitarra. De momento non temos pensado ampliar o grupo (risas).

 

Comenzastes baixo o nome de Calixta, facendo versións dos White Stripes. Cañeiro pero por debaixo dos decibelios actuais.

Nós facemos caña, pero escoitamos de todo. Comezamos como todas as bandas, facendo versións, neste caso dos White Stripes. Pero sí, dende os comezos tiñamos na cabeza facer máis moito, motísimo máis ruído, así que foi un proceso natural. Seguimos sendo moi fans dos White Stripe (risas).

Ensaio Bala

Por curiosidade, como empezaches coa guitarra?

Cando era cativa toquei a guitarra española, canción de misa e galegas…. Os meus inicios nos os podo negar, non empecei tocando Metallica e ACDC (risas). Deixeina aparcada uns anos e cando a retomei, empecei cos White Stripes, e tamén con bandas de punk, como Bad Religion ou Green Day.

 

Como foi o paso para voltar á guitarra?

A verdade é que foi algo natural, o resultado de ir a moitos bolos. No meu grupo de colegas hai moitas músicas, e a raíz diso xurdiu ese “Quero retomar a guitarra xa!”. Sempre fun autodidacta. Como podedes comprobar os meus temas non son moi técnicos (risas). Basicamente fixen o que tiña dentro, aprendendo, probando a ver que tal sona algo, baixando máis a afinación e ata hoxe.

 

Como é o voso proceso de compositivo?

É bastante colaborativo. Eu podo levar un riff e despois V. mételle un ritmo. Outras veces ela cantaruxa unha melodía que despois completo eu. Non hai ningún tema que poida dicir que é 100% dunha das dúas. A cousa vai evolucionando ata que quedamos contentas co tema. Temos un feeling moi especial para tocar xuntas, así que as ideas flúen e poñénomos de acordo axiña.

 

Unha das cousas que máis me gustan do son de Bala é que as dúas levades o peso, ningunha ten máis protagonismo ca outra. Sempre me sorprende como os dúos de batería e guitarra, coma vós ou Niña Coyote eta Chica Tornado, conseguides manter a atención dos ouvintes.

Eu sempre fun un pouco antisolos (risas). V. ten moitísimo protagonismo, especialmente no directo, sempre tocamos as dúas aliñadas. Por iso moitas veces cando nos ves a nós ou a Niña Coyote notas como a batería te absorbe. Quizais eu canto un pouco máis, pero temos moi presente que as dúas debemos ter moito protagonismo.

 

Tendes xa dous discos ás costas Human Flesh (2015) e Lume (2017). É Lume onde mellor vos vendes reflexadas?

A día de hoxe non repetiría seguramente o primeiro disco (risas). Tampouco renegamos del, pero si que consideramos que foi un experimento. Non tiñamos claro como queriamos sonar. Fixemos os temas moi rápido e apenas levabamos tempo tocando. Aínda así, hai dous temas que seguimos tocando en directo. Penso que foi un paso necesario para a evolución que viu despois. Pero si, Lume é un disco que representa a Bala moitísimo máis, un reflexo do que somos en directo e dos nosos gustos.

Portada de Lume, o último disco de Bala
Portada de Lume, o último disco de Bala

Falando de gustos, notades algún cambio entre como se recibe a música de Bala aquí a como se recibe fóra?

É distinto, nin mellor nin peor. Si que en algúns sitios é como se nos coñecesen de toda a vida, cando esperabamos o contrario (risas). Por exemplo, quedamos especialmente alucinadas co fenómeno fan en Colombia. Tocamos no Rock al parque, un festival supergrande de varios escenarios, foi incrible. Toda a xente buscaba facerse fotos, pedía que lles firmaramos os discos… E alí estabamos nós.

 

Como é o cambio de pasar de tocar en salas pequenas a un escenario tan grande?

Cada cousa ten un feeling distinto. De feito nós queremos combinar as dúas cousas, non queremos deixar de tocar en salas pequenas. Por exemplo, ao final dos concertos sempre temos un tema no que baixo co público e toleamos. Iso non podes facelo nun festival (risas). Tocar nos festivais grandes é todo un subidón, unha experiencia inesquecible. Pero tamén perdes un pouco a proximidade, ter a xente moi moi preto, que tamén é espectacular.

 

Comezastes a xirar deseguido e fóra, xa co primeiro disco.

Nós fomos as primeiras sorprendidas. O primeiro disco funcionou moi ben, as copias esgotáronse axiña e tocamos en Londres e Bristol. Co segundo xa foi todo unha movida (risas). Empezamos a pechar uno montón de datas na península, e a través do Monkeyweek empezaron a saír un montón de cousas. Precisamente voltamos ao Monkeyweek un ano despois e de alí saíu o tema de Bogotá e outros países que imos visitar.

 

Ata chegar a Australia, onde coñecestes a Brant Bjork (ex-Kyuss) non?

Si. Foi nun festival na rúa ACDC, onde tamén tocaban os Nashville Pussy e Nick Oliveri (ex-Kyuss) con The Dwarves. Para nós foi un soño estar con todas esas bandas que admiramos dende fai mil anos. Nunca sabes cando van xurdir novas conexións. Alí tamén tocaba Brant Bjork e gustoulle a nosa proposta. Cando volveu ao deserto de California falou de nós e xurdiu a oportunidade de tocar no deserto, en Joshua Tree (no festival Stoned and Dust).

 

Durante estes anos coñecestes a un montón de músicas. Quen é a que máis vos sorprendeu no cara a cara?

Coincidimos con moitísimas, pero quedaría coa xente de Joshua Tree. Por exemplo, en Colombia coincidimos con xente que tamén admiramos como Lee Ranaldo (Sonic Youth) ou os Pennywise. E sempre moi ben, aínda que nos festivais grandes tes pouco tempo para interaccionar. No deserto era erguer a cabeza e ver na primeira fila a xente dos Queen of the Stage, Kyuss… músicos que levamos admirando toda a vida, e que ademais no trato son xente incrible. De feito estivemos almorzando como un colega máis na casa de Brant Bjork. Chega un momento que pensas “En que momento chegamos a isto?” (risas).

 

Notades algún cambio na escena nos últimos anos? Parece que cada vez xéneros minoritarios como o stoner, sludge ou post-rock chegan a un maior público.

Si, creo que antes era un rollo máis elitista, só as bandas grandes chegaban ao gran público. Festivais como o Resu e outros máis pequenos, tamén moi importantes, están contribuíndo a que estes estilos cheguen a máis xente. Aínda que teño que facer a “pequena” crítica de que deberían incluír a máis bandas de mulleres.

 

Falando diso, e voltando ao tema das influencias… que referentes femininos tivestes cando comezastes?

Eu pola miña banda cheguei a L7 e a escena das riot girl a través de Kurt Cobain. Nirvana é unhas das miñas bandas de referencia, o meu disco favoritos deles é o Bleach. Pero a verdade é que si, cheguei a elas as través de Cobain, e iso xa é bastante significativo. Despois, a través de bandas como Bad Religion ou NOFX cheguei a Brody Dalle dos Distillers. Con ela algo fíxome click na cabeza. A súa voz e a súa presenza deixáronme flipada. Tamén PJ Harvey, por suposto as Bikini Kill… E no caso de V. estou segura de que as referencias son as mesmas, tamén é ultrafan de Brody. Pero si, é certo que tivemos máis referentes de homes, como penso que todo o mundo.

Xusto estaba pensando nos Nashville Pussy, outra banda que mencionastes antes con dúas crack ao baixo e á guitarra…

Si. De feito, a súa baixista, Bonnie, toca no noso disco. Coñecémolos en Australia, tamén estaban alí na primeira fila da rúa ACDC. Cando tocamos en California, Bonnie viu aos nosos bolos e falamos de facer algo no próximo disco. Ía ser só un tema e terminaron sendo tres (risas). Ademais gravounos con Scott Reeder (ex-Kyuss), así que para nós foi tamén como pechar un círculo.

 

Sondes unha banda nova, pero xa cunha traxectoria moi intensa.

Eu tampouco o acabo de crer. Tiñamos moitísimas cousas programadas para este ano e, de súpeto, todo quedou parado. Así que aproveitamos estes meses para dixerir todo isto, antes de voltar ao campo de batalla. Xa penso que queda menos (risas). Somos moi afortunadas por ter vivido todo isto, pero non é soamente sorte. Detrás de Bala hai moito curro máis aló do creativo, tardes de mails aos que nunca chegan resposta… hai moito que sachar. Pero estamos dispostas a seguir currando duro para que todo sigue en pé. Esperamos poder estrear vídeo e single dentro de pouco, e o álbum o ano que ven.

 

Estás tamén involucrada co selo Matapadre e o colectivo Metavida.

Si. Estiven traballando en Matapadre, levando a comunicación e promo de Bala e doutros grupos, e a través deles publicamos os dous discos. A Metamovida somos un colectivo de bandazas de Galicia. Están os Cró, estiveron os Guerrera… Un boísimo combo de estilos moi diversos (risas).

 

Falando doutras bandas, algún descubrimento que destacar para o 2020?

De aquí de Galicia flípanme Malandrómeda, para min son o top. Ademais, este ano saíron cousas moi interesantes como Moura (Moura), e os Grima publican disco o ano que ven. O álbum estatal que máis escoitei, e sigo escoitando, é o de Califato 3/4 (Puerta de la Cânne), que é un auténtico discazo.

 

Para rematar, quería preguntarche polo teu avó (Ramón, o avó de Anxela, é o protagonista do último libro de Suso de Toro, Un señor elegante).

Pois estamos flipando toda a familia co recibimento do libro. As reseñas están sendo incribles e está chegando a todos os lados, vai pouco ata saíu en Luzes. Eu non o cheguei a coñecer, pero dende moi nova teño esa figura presente. Somos unha familia moi grande, e todo o mundo coincide en que foi un bo home, nunca escoitei nada malo del. Un importante cirurxián si, pero sobre todo un home comprometido coas súas ideas e a súa oposición ao réxime franquista. Hai batallas e anécdotas que ao mellor non eran tan coñecidas e agora saen á luz. O mero feito de que Suso de Toro contacte coa miña familia para escribilo xa é unha honra. Así que moi orgullosa del e do recibimento do libro.

 

Podedes seguir a Anxela  e a Bala en redes sociais. Hai uns días estrearon o seu último streaming para a serie No surrender de SON Estrella Galicia. Os seus sinxelos e álbums están á venda a través da web do selo Matapadre.

 
 

A foto de portada é de @mattias_monsterkid.

4 COMENTARIOS

  1. De todas as revelacións musicais cheirer dos derradeiros anos, esta de Bala é, para min, a máis brutal. Molan. E non hai máis que dicir. Grunge pasado de voltas que che ergue o ánimo.
    Grazas pola entrevista.

    • A base de ir facendo catas xa podemos ir vendo tamén por onde che van os gustos Amador! hahahaha, O estilode Bala non é para todo o mundo,pero se queres ruído verdadeio e grunge sen concesións, son moi auténticas.
      Moitas grazas a ti por andar atento ás músicas que aparecen por aquí.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí