Batista, Martha, Cuba e Galicia

A historia da rapaza galega que foi primeira dama de Cuba máis a viaxe do ditador exiliado á nosa terra

Comezarei a miña aportación con dúas afirmacións por todos coñecidas: o pasado emigrante da nosa terra e o peso demográfico dos galegos na illa de Cuba. Se engadimos máis detalles a estas evidencias, mencionaremos tamén os fortes lazos que a comunidade galega emigrada seguiu mantendo co seu lugar de procedencia e o intenso asociacionismo xurdido nos destinos escollidos. Ámbalas dúas son razóns que explican a conexión especial que entre Cuba e Galicia existe.

Moitos eran os galegos en Cuba a comezos do século XX. Pero, a pesares deste feito, o protagonista da nosa historia non era un deles. De feito, aínda non sabemos con certeza onde situar a Fulgencio Batista cando das súas orixes se trata. Estudando esta personaxe para miña tese de doutoramento puiden descubrir como o único que podemos afirmar categoricamente sobre as raíces de Batista é que naceu en Banes, provincia de Oriente (Cuba). Africano, indíxena, chinés, canario… ata aquí (se é que non houbera máis) chegan as especulacións sobre o ADN batistiano. Especialmente curioso é o aproveitamento desta dubidosa orixe por parte, tanto de Batista, como dos seus adversarios. En palabras do seu fillo:“His friends called him el indio, and his enemies called him el negro”[i].

Polo visto, durante a súa vida pública (1933-1958), anos nos que o racismo era unha triste realidade, algúns dos seus inimigos políticos esforzáronse por afianzar a teoría que atribuiría a Batista un pasado familiar de raza negra. Pola súa parte, os achegados a Batista falaban dunha orixe “india” e, ao tempo, de antepasados españois procedentes das Illas Canarias. A explicación de outorgarlle unha liñaxe “india” é relacionar a Batista co pasado máis remoto da illa, ligando a Batista coa figura case mitolóxica do caudillo indíxena. Unha asociación que lle atribuiría recoñecemento como líder, reforzando o carácter mesiánico da súa misión como El Hombre Fuerte de Cuba. O suposto pasado español tería máis que ver cunha necesidade de pertenza a unha clase alta (vémonos na obriga de sinalar que Batista procede dunha familia pobre, cun pai cortador de caña). José Suárez Núñez, íntimo colaborador na última etapa inmediata ao triunfo da Revolución, relata como nos últimos días antes de abandonar Cuba, Batista falaba de viaxar a España e reencontrarse cunhas supostas orixes nobiliarias:

Llegó a tener en su biblioteca de Kuquine [ii], un escudo nobiliario español y dijo a un íntimo amigo que algún día se trasladaría a España para saludar a sus familiares y auscultar sobre sus antepasados. Cuando oí esto me defraudé: quería tener sangre azul [iii].

Gústame especialmente esta última reflexión polo irónico do seu contido. Aínda que a afluencia de emigrantes galegos e españois en Cuba foi intensa, parece que algúns relacionaban ser español coa pertenza a un status superior: a nobreza (con latifundios, castelos e pazos, cabalos, vasalos, cantigas de amigo, e toda a ferramenta).

Nun primeiro momento pensei en chamar a esta colaboración “Batista e Galicia: unha historia de amor”, porque a relación real entre Batista e Galicia xorde en 1945, no momento no que casa en segundas nupcias coa súa muller Martha Fernández Miranda.

Martha, antes de ser primeira Dama de Cuba era unha rapaza (Batista practicamente dobráballe a idade), filla dun mecánico de Chantada e nai ribadense. Dende o momento no que casaron, a influencia de Martha sobre o seu marido fíxose patente, tamén en cuestións relativas ao goberno de Cuba. Cun marido presidente e os seus tres irmáns vinculados ao gabinete de goberno (Roberto, ministro de Deportes; Cecilia casada con Rafael Saladrigas, fillo do que fora primeiro ministro con Batista entre 1940-1942; e Lilia, casada con Carlos Salas-Humara, ministro de sanidade dende 1954), a presenza de Martha, e a da súa familia, estaba máis que garantida en tódolos frontes.

Martha chegou a ser unha peza importante na etapa final do universo batistiano, á altura do propio Batista. A súa palabra era tida en conta polo presidente e o valor da súa imaxe, máis simbólico e propagandístico, puido sentirse nos anos cincuenta, cando na metade dun conflito armado e coa popularidade do seu marido en decadencia, o goberno esforzábase por amosar a cara máis amable do réxime. Quitándolle importancia ao peso da actividade revolucionaria deses anos (Fidel who?, pensarían eles), Martha, no seu papel de Primeira Dama, atopábase neses intres embarcada nunha frenética tarefa humanitaria e caritativa: visitas a hospitais, donativos a orfos, viúvas… facendo funcionar o aparello de propaganda do réxime a toda máquina, converténdose no seu maior baluarte. Martha chegou a ser rebautizada como Martha del Pueblo (ao máis puro estilo Evita Perón), pola súa dedicación a estes sectores pouco favorecidos. Fálase de que nunca saía á rúa sen sobres con cartos no bolso que repartir.

Martha e os nenos
Os labores de Martha, outubro de 1952. O aparello propagandístico en marcha practicamente dende o 10 de marzo, día do Golpe de Estado. Biblioteca Nacional José Martí, Cuba. Col. Presidente Batista, Album 33.

A boa fama de Martha neses anos traspasou fronteiras e chegou aos oídos dos veciños de Ribadeo, a vila da súa nai. O 30 de outubro de 1957 a corporación aprobaba nas súas actas facer a Martha filla adoptiva do concello:

Teniendo en cuenta que la Excma. Sra. Dª Martha Fernández de Miranda de Batista, esposa del Excmo. Sr. Mayor General y Presidente de la República de Cuba (…) cuya Señora madre es natural de este antiguo Condado, donde nacieron y residieron todos sus antepasados; teniendo en cuenta sus atenciones y caridades con los hijos de esta Comarca residentes en Cuba y su probado amor a esta tierra de sus ilustres mayores, tengo el honor de proponer a la Corporación de mi Presidencia que se nombre Hija adoptiva de esta Villa de Ribadeo y su antiguo Condado…[iv]

Non obstante, tal recoñecemento non puido chegar nun momento máis crítico. As cousas poñíanse cada vez máis complicadas para Batista e o réxime instaurado o 10 de marzo de 1952. Un réxime que resultou ser a derradeira etapa da vida política de Batista, iniciada  en 1933 (tamén cun Golpe, pero contra os oficiais do exército), cando este aínda era un sarxento. Despois, nos anos corenta, Batista proba sorte cunhas eleccións e unha lexislatura de catro anos (1940-1944) dentro dos canons democraticamente esixibles, nos cales a Constitución de 1940 foi promulgada. Pero esta boa imaxe labrada na anterior década de pouco serviría, as cousas son ben distintas nos cincuenta, pouco máis dun ano despois de que a vila de Ribadeo concedese dito honor a Martha, a Revolución xa era un feito, e tanto Batista como a súa familia atopábanse xa no exilio, lonxe de Cuba.

Cidade Trujillo daquela, Santo Domingo hoxe, foi a primeira opción (e case a única) para Batista no momento de fuxir de Cuba na Noitevella de 1958. Batista asegurárase de que tanto Martha como os seus fillos marcharan nos días previos aos Estados Unidos. Despois duns meses moi críticos para Batista, que non gozaba das simpatías do Generalísimo Trujillo, puido en agosto de 1959 voar á illa de Madeira e reencontrarse coa súa familia, para instalarse en Portugal coa aprobación de Salazar.

Batista e Martha en Madeira
‘Marthista is real’. Batista e a súa muller, Martha Fernández Miranda, no exilio. Septembro, 1959. Archive Photos/Getty Images.

Nos anos seguintes, Madeira, que nun primeiro momento podería parecer un enclave algo afastado, foi cambiado por Estoril (ciudad de vacaciones para exiliados, en xeral). Efectivamente, parece que esta vila próxima a Lisboa, durante as décadas centrais do pasado século, tiña un encanto especial para toda clase de familias reais sen terra: Borbóns, Saboia, Orleans… entre as que agora Batista facíase un oco (ao final aquilo da nobreza ía ser verdade e todo).

Vivindo xa no Portugal continental, Batista e señora preparan a súa primeira viaxe a España en outubro de 1962, na compañía de Lilia e Carlos Salas-Humara (cuñados), o corresponsal do ABC en México e demais séquito. A primeira parada, como todos agardabamos, foi Galicia. Na súa visita a Santiago de Compostela, o día 13 de outubro, non faltou a peregrinaxe á Catedral e as peticións ao Apóstolo, no que sería o inicio dun tour bordeando a costa peninsular. O principal obxecto da viaxe, á marxe do puramente turístico, foi o de visitar os principais templos marianos para pedir pola paz en Cuba. As datas desta viaxe coinciden, moi oportunamente, coa chamada Crise dos Mísiles, cousa que, para nosa sorte, provocou que dita viaxe e as súas paradas estean moi ben documentadas nos xornais da época. O día 23 de outubro, Batista declaraba á prensa en San Sebastián: “Cuba ha resultado ser un merengue envenenado en vez de un merengue de azúcar”. A noticia engadía unhas declaracións nas que Batista afirmaba “que desde el momento en que salió de Cuba, los acontecimientos habían comenzado a darle la razón” [v]. Polo visto, estas afirmacións eran froito da insistencia da prensa, moi interesada en coñecer as súas impresións sobre os últimos acontecementos da illa. Poucos días antes, en Oviedo, Batista afirmaba “estar cansado de la política” [vi]. Ao longo de toda a viaxe, Batista afanouse en contestar aos xornalistas que a súa opinión sería expresada mediante una serie de libros nos que estaba a traballar, sendo as declaracións de San Sebastián as únicas que constan, no que ben poderíamos considerar un teaser do que sería a súa produción escrita.

Batista en Santiago
Matrimonio Batista-Fernández en Santiago, outubro de 1962. La Voz de Galicia, 14-X-1962 (portada).

Pero antes de chegar a Euskadi e Asturias, houbo tempo para visitar máis lugares da xeografía galega. Dende Santiago viaxaron a Coruña, para despois visitar Mondoñedo. A parada en Mondoñedo parece feita con especial intención. Mondoñedo, capital do partido xudicial ao que pertence Ribadeo, foi a parada lucense desta viaxe, a modo de testemuña das orixes de Martha.

A viaxe continuará ata o 12 de novembro, momento no que volverán a Portugal ao cruzar a fronteira con Huelva despois de bordear toda a costa española. Nos seguintes anos, o matrimonio asentará a súa residencia entre Estoril e Marbella, pasando tempadas entre ambas cidades. Dúas cidades cun clima bastante agradable, máis parecido ao de Cuba que ao de Mondoñedo.

Lonxe quedaban os axitados días nos que a Revolución rompera o longo idilio entre El Hombre Fuerte e Cuba. Nos anos sesenta coñeceremos outro Batista. Refinado e afastado da prototípica imaxe ruda acostumada. Os seus novos intereses: arte, teatro, música clásica… afeccións desenroladas cando a súa recén estreada faceta de escritor o permitía. Efectivamente, os seus libros terán una forte carga ideolóxica e reivindicativa (como lle comentara aos xornalistas no 1962), buscando limpar a propia imaxe e a dos seus gobernos.

Estes libros van ser o máis preto que Batista volverá estar de Cuba. Manterá correspondencia con exiliados e conspiradores, pero sen involucrarse de novo. Os anos no exilio pasarán máis ou menos ociosos ata que, en agosto de 1973, morre en Marbella dun ataque ao corazón, sendo soterrado no cemiterio de San Isidro en Madrid. Moitos anos despois, en 2006, morrerá Martha en Miami, sendo trasladada a San Isidro para ser inhumada xunto co seu marido. A relación coa parte galega da familia, habitual nos tempos de Estoril, vai ser mantida por algúns dos seus fillos.

**********

[i] Entrevista con Fulgencio Rubén Batista Godínez, gravación, Coral Gables, Florida, 30 de abril, 1998 citado en ARGOTE- FREYRE, Frank; Fulgencio Batista: From Revolutionary to Strongman. New Brunswick, New Jersey and London. Rutgers University Press.  p. 4.

 

[ii] Kuquine é o nome da finca de Batista.

 

[iii] SUÁREZ NÚÑEZ, José; El gran culpable. ¿Cómo 12 guerrilleros aniquilaron a 45.000 soldados?, Caracas, 1963. p. 102.

 

[iv] Libros de Actas de Sesións do Pleno (1948-1958).

 

[v] Diario El Progreso, 24 de outubro de 1962, p. 4.

 

[vi] Diario El Progreso, 21 de outubro de 1962 (portada).

 

Imaxe de portada: © El Diario de la Marina.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí