Da histeria ao satisfayer. Unha historia médica sobre a liberación

A histeria é a síntese médica da opresión feminina no século XIX. As respostas contra ela, mesmo as fallidas, poden traer ideas para o presente.

“Toda ciencia particular produce, en cada momento da historia, a súas propias normas de verdade”  Gaston Bachelard

Se algo nos deixou claro o pasado confinamento polo coronavirus foi que a casa aburre e acaba desquiciando. Non é algo novo. Realmente se miramos ao longo da historia atopamos momentos similares en que xente puido constatar esta aseveración. Incluso que deron lugar a historias dentro da literatura como é A peste de Albert Camus. Encerrados na cidade de Oran, Alxeria, as personaxes de Camus vense atrapados entre un pasado que os tortura coa nostalxia de non o ter vivido dunha forma máis plena, e un futuro de ensoñacións irreais, completamente inseguro e frustrante pola súa imposibilidade. E nese coctel os sentimentos afloran de un modo estraño, en explosións de rabia, sentimentalismo, medo, desprezo… un vaivén arbitrario de emocións difícil de controlar.

Por sorte, o confinamento no libro de Camus remata e as xentes volven á súa vida, á normalidade (como nos está a pasar a nós co coronavirus). Pero na historia tamén existen exemplos peculiares en que esa volta á normalidade, á vida fóra desas catro paredes que conforman unha casa nunca acontece. Este é o caso da histeria durante o século XIX.

A histeria é unha patoloxía da que temos constancia dende os antigos gregos, que a crían provocada polo movemento do útero (hysteris en grego) dentro do corpo da muller. Este alcanzaba o peito e producía os síntomas que aumentaban de intensidade progresivamente. A causa, segundo eles, era a falta de fillos. Se a muller non tiña un debía enxendrar canto antes para remitir os problemas de saúde. Si xa tiña algún… pois, simplemente, ter máis.

Hoxe resúltanos obvio o inxenuo desta análise e diagnóstico, propio máis dunha mitoloxía que dunha ciencia médica. Mais a histeria foi vista deste modo até practicamente o século XIX e non sería tratada de forma adecuada até a irrupción da psicoloxía como unha disciplina propiamente dita e non unha rama secundaria da medicina.

Nese intervalo, entre os inicios do XIX e os estudos psicolóxicos fundamentados, a histeria alcanza cotas de afectadas de até un vinte e cinco por cento dentro das clases altas da poboación feminina inglesa, e cifras similares no resto da Europa occidental. Ademais, o cadro sintomático era dunha complexidade extrema. Laura Briggs relata no seu libro The Race of Hysteria: “Overcivilitation” and the “Savage” o intento un médico desta época de levar a cabo unha recompilación dos síntomas da patoloxía, proxecto que abandonou cando contaba xa con 75 páxinas, deixándoo inconcluso. Nesa listaxe constaban afeccións tan dispares coma o insomnio, estrabismo, dores en articulacións e músculos, tics nerviosos, tartamudeo, sufocos, perda de visión, tendencia a causar problemas, irascibilidade, mareos, náuseas, perda do apetito, anorexia… síntomas que, polo menos de forma aparente, non gardan relación entre eles, pero que se enmarcan dentro da mesma patoloxía. E é que a histeria pasou a ser unha especie de comodín que resolvía eses cadros clínicos que carecían de resposta para os facultativos, que non podían negar un diagnóstico.

Sen dubida, isto dá sentido ás cifras de afectadas pola patoloxía, pero non xustifica a súa totalidade. É certo que algúns dos diagnósticos eran simplemente falsos, unha resposta sinxela a un problema complexo. Porén, a afección chamada histeria si existiu, existe, e si tivo unha extensión tanto xeográfica como demográfica bastante alta durante o século XIX.

Da histeria ao satisfayer. Unha historia médica da liberación

Proba desa incidencia é que un dos psicólogos máis importante da historia, como é Sigmund Freud, escolleu esta patoloxía para unha das súas primeiras publicacións. Editada xunto con Breuer Estudos sobre a histeria presenta o cadro sintomático, diagnóstico e proceso que sigue Freud para tratar mediante a hipnose a 5 mulleres que padecen a enfermidade.

Un deses casos é o da señora Emmy de M., a cal sofre ataques histéricos en presenza de animais. O psicólogo austríaco indaga na súa psique mediante a hipnose e logra encontrar a orixe do terror da paciente á fauna en xeral: un irmán lanzáralle un rato morto á cabeza cando era pequena. Porén, os episodios histéricos de Emmy de M. non se iniciaron até moito despois, sendo xa adulta, e non se limitaban ao contacto con animais. Charcot (precursor dos estudos de Freud e Breuer na histeria) dá unha explicación á aparición tardía dos síntomas da patoloxía. Estes prodúcense en catro fases. A primeira delas denomínaa “fase epilopteidea”, caracterizada por pequenos espasmos ou tics case imperceptibles que as pacientes podían confundir con movementos reflexos da vida cotiá e non darlles importancia algunha. A segunda é a “fase de grandes movementos”, e nela os espasmos son de maior violencia, pero pouco recorrentes. Entre un episodio e outro pode existir un longo período de tempo que impida interrelacionalos. Así, a histeria tería unha incubación moi dilatada onde a enfermidade xa estaría presente, mais a persoa afectada e os que a rodean non se decatarían do que acontece ou non lle darían a importancia necesaria até que a patoloxía está xa moi avanzada.

A pregunta é: a que se debe esa incidencia tan elevada neste período concreto de tempo, alén deses falsos diagnósticos?

Quizais poderiamos atopar repostas nun caso semellante que vivimos nos nosos días. Trátase do déficit de atención nos estudantes da ensinanza obrigatoria en Estados Unidos. As cifras de afección son moi elevadas, aínda que non se consigue concretar nun número preciso. Tamén a súa dispersión xeográfica e social está repartida por todo o país, e concluíndo coas similitudes a simple vista coa histeria, tamén afecta só a un grupo concreto de persoas: os estudantes.

Ken Robinson, un estudoso do sistema educativo, analizou o caso en varias ocasións e sempre chega á mesma conclusión: esta epidemia é ficticia[1]. Eu concordo con el (tampouco son quen para discutirllo) aínda que supoño que está ben matizar a palabra “ficticia”. O TDH (síndrome de déficit de atención e hiperactividade) é unha patoloxía pola cal o paciente é incapaz de concentrarse e prestar atención a aquelo que debería. Unha realidade actual no caso da xente nova que está a realizar os seus estudos obrigatorios e que, até certo punto, se pode comprender con facilidade.

Hoxe estamos rodeados da maior densidade de estímulos de toda a historia. A publicidade, a televisión e sobre todo a aparición dos teléfonos móbiles achegan ás nosas vidas elementos audiovisuais case infinitos e cuxa presencia é constante no noso mundo cotiá. Ante isto preténdese que os nenos e adolescentes atendan na clase, a cousas que en moitas ocasións nin sequera lles interesan, que lles resultan tediosas e aburridas. O fracaso desta pretensión intenta solucionarse mediante a medicación, única e exclusivamente para tranquilizalos e facer que senten o cu no seu pupitre en silencio e a mirar o encerado. A epidemia é ficticia porque gran parte das súas cifras non son producidas pola patoloxía, senón polas condicións socioculturais que rodean aos estudantes.

Ken Robinson propón como solución un cambio completo do modo de entender a ensinanza. Outorga certa credibilidade aos actuais intentos de remediar a situación, mais considera que estes non pasan máis que por paliativos.

No caso da histeria séculos atrás o sistema pecou do mesmo erro, obviar os problemas reais de fondo para simplemente constituír paliativos co invento que nos leva ao título deste texto: o vibrador.

O tratamento para a cura da histeria pasou a ser a masturbación feminina. O caso é que a propia afectada non podía practicalo soa na casa (non lle era permitido xa que se consideraba conducta pecaminosa), debía ir ao médico e que este o levase a cabo. Xa fose por falta de habilidade do corpo facultativo ou pola imposibilidade psicolóxica das pacientes, o tratamento podía durar horas até lograr consumalo. Isto producía nos médicos múltiples lesións e cambras, coas consecuentes perdas económicas ao non poder tratar a máis pacientes. A solución veu da man de Joseph Mortiner Grandville, un facultativo británico que no 1880 deseñou o primeiro vibrador a batería, un dispositivo que reducía os tempos do tratamento e as lesións do persoal médico.

Da histeria ao satisfayer. Unha historia médica da liberación

Pero como anteriormente dixen isto só foi un paliativo que deixaba os problemas reais no tinteiro. A solución real da histeria nesta época estaba moi lonxe do mundo da medicina, incluso da psicoloxía, que si axudaría, pero non lle daría solución definitiva ao problema. Porque para entender a histeria e a súa incidencia nese tempo concreto debemos ver a situación na que vivían as mulleres da época.

Na Europa occidental do século XIX o mundo da muller de clase alta vese reducido por completo a unha monotonía constante que só rompe cun mínimo contacto social coas amigas para tomar o té. O resto do tempo é dedicado á casa, aos fillos e ao home. Ademais, a principios de século, a comunidade científica descubre que o orgasmo feminino non incide nas posibilidades de fecundación, algo sobre o que se albergaban dúbidas anteriormente. Posto que non afecta á procreación, os médicos determinan que é mellor eliminalo do proceso. O pracer da muller no sexo simplemente desaparece por completo da ecuación. Alén diso, a estética sofre cambios constantes e bruscos ao longo deste período. A moda na vestimenta trae o corset, unha prenda que semella máis instrumento de tortura que roupa. Con el apertábanse as costelas e a barriga para dar unha forma máis estilizada ao corpo da muller. Logo está a cuestión do peso, cuxo ideal varía notablemente durante o século. Por momentos considérase que a delgadez é o canón de beleza, noutros pasa a ser algo que se repudia preferindo a muller entrada en carnes. Isto ten consecuencias directas na dieta feminina que vai dende as enchentas a case morrer a fame. E por último, pero non menos importante, ao ser relegada a ama de casa e non ter máis posibilidades, a muller perde por completo a oportunidade de realizarse na vida. Buscar un traballo, gañar a comida que come, ser independente e tomar as súas propias decisión para cumprir os seus desexos, non son unha opción para ela.

Toda esta represión contra o corpo e a mente feminina atopa un único camiño de liberación: a histeria.

Isto cambia, e segue a cambiar a día de hoxe, grazas ao feminismo. A finais do século XIX xorde a primeira onda deste movemento que representa a loita polos dereitos da muller e, dende ese momento, as cifras das afectadas pola histeria caen en picado. Deste xeito, esta patoloxía non só nos agasallou co vibrador (e en consecuencia a súa última actualización, o satisfayer) senón que focalizou un problema grave da sociedade, o completo confinamento das mulleres, e a necesidade imperativa de pórlle fin a situación[2].

Por sorte, o cerramento que sufrimos recentemente co coronavirus non durou tanto tempo como o que padeceron tantas mulleres ao longo deses séculos. Nós xa estamos a volver a certa normalidade trala desescalada por fases. Porén, e só como medida preventiva, recordade que o satisfayer está aí sempre para se mercar (non me pagan pola publi) e ser unha medida paliativa se tivésemos que volver a pecharnos de novo.

No universo dos penes teremos que seguir conformándonos cos clínex…

 

 

 

[1] Aquí unha ligazón a un video en Youtube onde o propio Ken Robinson explica a súa teoría da enseñanza e a incidencia do deficit de atención: https://www.youtube.com/watch?v=WbOtm0zkxLQ&t=22s

[2] Actualmente, a histeria é unha patoloxía enmarcada dentro das neuroses. O número de afectados é infimamente menor e non está focalizado no sexo feminino, aínda que se sigue a asociar con el.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí