Literatura confinada

Foron meses de reordenar eses libros que andaban perdidos polos andeis. Neste buscarse a si mesma anda tamén a literatura galega, confinada.

En casa somos moi de aproveitar todo. Reutilizamos máis que reciclamos, e todo serve para algo. Non sei se é unha enfermidade xenética coa que me toca convivir ou unha herdanza xeracional dos nacidos na época das matanzas, mais nesta corentena fixen limpeza mental a través de máis bolsas do lixo das que me gustaría recoñecer. Cuarto, listo. Baño, listo. Cociña, lista. Libros, pendente. Memorias externas con documentos e fotografías dende o 2011… xa non aparecen na lista. Literatura confinada 

Literatura confinada

Comecei a poñer orde na desorde da casa dende o comezo do confinamento, con esa hiperproductividade tan característica dos primeiros días, onde todo era ilusión e bos propósitos para afrontar unha quincena, coma se quixésemos comezar de novo o 2020. Coa filosofía de Marie Kondo apuntada na man, tentei de gardar só o que fose útil ou me aportase felicidade —por iso os libros aínda están pendentes—, e mentres organizaba a vida íanse organizando as miñas prioridades. Non me propuxen ler máis, simplemente merquei un libro. Non me propuxen retomar a escritura, simplemente escribín. Sen pretensións, sen obxectivos, sen prexuízos. Sen límites do río polo que escorregaban as historias, coma a vida mesma. Pasada a primeira quincena deixei de ordenar, pero seguín escribindo. E lendo. Nunha destas, a miña amiga Carmen —que tamén estaba poñendo orde na súa vida— pasoume unha foto.

Era un folio branco cun WordArt ondeante —de cando só tiñamos o Word e o Paint para expresarnos artisticamente— que anunciaba unha obra de teatro independente cun estilo neo-noir e moita Comic Sans: “Asasinato ás dúas”. Como coautora, codirectora e coprotagonista, só me queda pedir perdón por algún chiste —malo— froito do heteropatriarcado, e por ese galego tan pouco normativo. Era 2005 e nós escribiamos despreocupados. Criamos no contido, na forma e nas nosas capacidades artísticas. Criamos en nós e ninguén nos xulgaba. Despois, no instituto, seguín escribindo para certames literarios coa liberdade de estar soamente obrigados a seguir unha frase inicial. Creabamos en galego, así de sinxelo. Deume que pensar.

Vivimos no 2020 —onde o contido que mais se consome son as stories de Instagram—, en Galicia —onde somos os herdeiros da tradición oral de contos e relatos curtos—, e no canto de ser innovadores e atrevernos a contar historias con formatos experimentais, exportamos novela negra ou thriller policíaco como se aquí vivísemos só da fariña e fósemos o centro neurálxico do CNI. Ou peor aínda, sacrificamos a expresión artística pola satisfacción inmediata de que as nosas creacións aparezan nos libros de texto de Lingua e as obriguen a ler nas escolas. Como este libro do que me falou miña irmá.

Ela si comezou hoxe a recoller o seu estante. Intereseime por un en concreto, do que tiña dous exemplares. Pregunteille que tal estaba mentres lía o resumo do envés, xa que non o coñecía, e díxome que “non moi bo”. Eu, que seguía estrañada pola existencia de dous exemplares dun libro “non moi bo”, repetín a súa frase con entoación de pregunta, como confirmando. “Non, non é moi interesante, pero o escritor veu ao instituto e tivemos que lelo”. Obriga de novo, ler sen desfrutar, escribir por escribir. “E por que tes dous?”, preguntei, máis interesada pola orixe desta duplicidade que pola temática do libro. “Un é meu, o outro prestoumo un compañeiro e nunca mo pediu de volta”. Deixei os dous exemplares na caixa de libros para dar e marchei pensando que o peor de escribir un libro non é que te lean poucas persoas, senón que presten o teu libro e non o queiran de volta.

E todo é culpa da obriga. Intentamos con todas as nosas forzas preservar un idioma, no canto de fomentar que se sinta esa lingua como propia, que se elixan os libros polo simple pracer de ler, que se cree cultura como divertimento. Pero se a educación que recibimos determina a imaxe da literatura que pensamos que hai que crear, como imos facelo libremente? Se un mercado editorial tan pequeno como o galego prioriza o renome do autor ou o fin educativo para uso xuvenil, que espazo queda para os novos creadores ou para o sinxelo desfrute de ler? Cando se converteu un pracer nunha obriga?

Tristemente, todos sabemos como remata esta historia: os nenos acaban por se converter en adultos e vanse perdendo na escuridade de pantallas porque o propio sistema literario os empurra cara alí, sen decatarse de que os esforzos por retelos conseguen o efecto contrario. Pode ser por descoñecemento —por iso de falar por non calar—, pero teño a impresión de que a literatura galega anda perdida. Quere ser o que non é, chegar a un público para o que non escribe, falar de cousas que non entende. A imaxe que proxecta non é a dun faro potente, senón a dunha sombra difusa que se confunde con outras e que non é visible pola maioría dos ollos. Debe deixar de fabricar gafas para os lectores e comezar a mellorar a súa definición. Debe crear e defender un espazo propio no canto de autolimitarse por medo. E debe deixar de perderse polas institucións, para poder atoparse cos lectores, que a estamos agardando. Quen diría que o papel tivese fallos de conexión.

No confinamento puxen a miña vida en orde e tamén as miñas prioridades. Meses despois sigo lendo o que me apetece, escribindo como me gusta e ordenando os libros, que seguen pendentes. Agora teño que facer sitio para os novos.

Literatura confinada

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí