O disco que escoita a nai que me pariu

Este subtítulo é moi informativo e dáche toda a información que precisas sobre este artigo

Sería gracioso que algunha persoa coa memoria especialmente precoz conservase a lembranza do seu propio nacemento, para poder contarnos como foi. Pasámolo mal no parto? Ou o tomamos os bebés con filosofía? Está claro que eu pouco lle envexaría tal lembranza a tal persoa, aínda que si se lle darían moi ben as oposicións (ai, que conveniente, agora podo mencionar entregas anteriores de AQCP que tratan a memoria e as oposicións. Xa non teño máis que dicir sobre este asunto.)

Peeeero falando de partos, a miña nai conta que escoitaba música mentres agardaba o nacemento do seu primoxénito, alá no Hospital Xeral de Milton Keynes. Escoitábaa no mesmo Walkman que eu usaría dezaseis anos despois, todas as mañás no autobús, durante aquel período en que me negaba a escoitar ese xénero musical tan peculiar que consiste en todo o que non sexa Prince. Pero á miña nai sempre lle irritou o falsete de Prince; é un gusto que herdei do meu tío. Esa noite de 1992, esperando a que eu nacese, ela escoitaba un disco do grupo manchesteriano James. Gold Mother (“nai dourada”, 1990, segunda configuración 1991): un disco e un título significativos para tan fausta pero dolorosa ‒segundo ela‒ ocasión.

James é un grupo que merece ser máis coñecido do que é. Parécese a Fleetwood Mac no sentido de poder gustar a moitos diferentes tipos de persoas. As súas letras son pegadizas, si, pero o vocalista Tim Booth ten unha aura mística e de certa loucura que pode captar a atención de hippies, poetas e porreiros, un pouco como Stevie Nicks. Os arranxos musicais, sen deixaren de ser accesibles, asemade son suficientemente complexos e variados como para esixir e premiar a atención do oínte. Estas cousas seinas agora, pero durante moito tempo non as sabía.

Concluída a fase máis obsesiva da febre de Prince, eu estaba disposto a ampliar os meus horizontes musicais. Decidín levar o CD de Gold Mother comigo á universidade porque sabía que o álbum era moi importante para a miña nai e, deste xeito, pensaba coñecela mellor. Desafortunadamente, non funcionou. Non quero dicir que o disco me desgustase, pero aínda non estaba preparado para facer incursións en territorios tan afastados de Minneapolis (onde naceu Prince). Non, naquela etapa temperá, recollinme dentro da miña zona de confort e limiteime a probar con artistas que tiveran unha influencia directa sobre Prince (Joni Mitchell, Sly & The Family Stone), que amosaban unha clara influencia del (Janelle Monáe, Fine Young Cannibals) ou, no caso de Darwin Deez, simplemente porque o cantante tiña un peiteado algo parecido . Considero que o terceiro destes criterios é o máis lóxico.

Prince e Darwin Deez. O disco que escoita a nai que me pariu
Nin sequera son tan parecidos, o Prince e o Deez.

Volvendo a James, achegueime de novo a Gold Mother recentemente, xa cunha maior madurez e distintos gustos, e esta vez a aventura foi moito máis proveitosa. Agora podo declararme fan de James sen ambaxes. O que non teño tan claro é se agora coñezo mellor a miña nai. Se efectivamente logrei entendela de maneira máis profunda, como nai e como ser humano en xeral, acho que debe ser un coñecemento máis ou menos intanxible que tal vez saiba expresar ou apreciar algún día, pero hoxe non. Non obstante, vouvos ofrecer unhas das miñas meditacións acerca deste disco, porque ningún tema é demasiado banal para Philip D. Webb.

A primeira meditación está relacionada coa canción God Only Knows.

Trátase dun gran berro de xenreira contra os tele-evanxelistas e líderes de seitas que se arrogan o papel de árbitro moral para xulgar, condenar e dominar os seus discípulos, mentres que, nas sombras ou en grandes escándalos públicos, tales apóstolos da probidade menten, foden e rouban como calquera ministro do PP valenciano/PSOE andaluz (escollede segundo vos praza). Velaí parte da súa letra:

I damn you all to hell.
I speak in the name of God.
I know him intimately.
I speak in the name of that white-haired old man in the clouds,
always a man,
dispensing lightning justice from his fingertips,
as self-righteous and vengeful as those who created him,
a cruel desert god with no sense of humour.
How do you feel old man?
How do you feel?
With these self-righteous fanatics speaking for you…
Is heaven full, oh Lord, of these babbling preachers and god-fearing bigots?
Well I know where I’d rather be,
away from this cacophony.

 

Condénovos a todos ao inferno.
Falo en nome de Deus.
Coñézoo intimamente.
Falo en nome dese home vello e cano
nas nubes,
sempre un home,
cuxos dedos relampan xustiza,
tan soberbio e vingativo como aqueles que
o crearon,
un cruel deus desértico sen sentido de humor.
Como te sentes, vello?
Como te sentes?
Con estes fanáticos soberbios que falan por
ti…
O ceo está cheo, o Señor, destes predicadores
larapeteiros e devotos intolerantes?
Pois eu sei onde preferiría estar,
lonxe desta cacofonía.

En principio, esta canción tiña que gustarme no 2010. Pouco antes de terminar o instituto, eu renunciara a miña fe anglicana de toda a vida, lera The God Delusion de Richard Dawkins e, tal como moitos novos infieis, estaba convencido de que a relixión era a causa de todos os males que aflixían a humanidade. Pero pasaba algo curioso. God Only Knows resultábame demasiado pouco sutil. Quizais fosen os primeiros indicios de rexeitamento cara ás persoas Ateas con maiúscula, ou sexa as que deixan que o Ateísmo absorba toda a súa identidade, que enturbe a súa percepción da realidade (“a relixión provoca todas as guerras” é un clásico) e que lles cree un sentimento inmerecido de superioridade intelectual. Non creo que estes Ateos con maiúscula pululen por aí, e aí onde existan, coido que lles será unha fase como a que atravesei eu, pero hai que recoñecer que a imaxe deste tipo de persoa está ben establecida no estereotipo interneteiro do neckbeard (pescozo-barbado): unha especie de homúnculo antipático que intenta compensar os seus defectos enclaustrándose nunha armazón de ateísmo ‘ilustrado’ e frikismo esotérico. E normalmente leva fedora, por algún motivo.

O que pasa é que God Only Knows precisaba de certa contextualización. Primeiro, unha crítica tan feroz contra o poder institucional das relixións, sen ser revolucionaria, si era un pouco máis orixinal no 1990 do que sería hoxe en día. Segundo, e máis importante, está o feito de que Tim Booth fora vítima dos enganos dunha seita nos anos oitenta, e a canción conta o fraude dende a súa perspectiva persoal.

Hostia! Acabo de darme conta de algo. Como estaba falando de frikis e tal… Mirade, en abril de 2018 publicamos un artigo de David Neira sobre o videoxogo Doki Doki Literature Club¡, cuxo protagonista é algo friki ‒ expresa que prefire xogar a videoxogos e ver animes en lugar de ter amigos. Pois resulta que, do mesmo modo que a peli The Wizard of Oz e o disco The Dark Side of the Moon de Pink Floyd poden reproducirse xuntos en perfecta sincronización, Doki Doki Literature Club¡ modélase seguindo a estrutura e contidos de Sit Down, a primeira canción na segunda configuración de Gold Mother en 1991.

Non vos preocupedes, que volveremos a God Only Knows, pero antes penso que é necesario explorar máis este descubrimento glosando a letra de Sit Down e indicando de que maneira esta influía na urda narrativa de Doki Doki Literature Club¡. Adiante:

I’ll sing myself to sleep
a song from the darkest hour.
Secrets I can’t keep
inside of the day.
Swing from high to deep, extremes of sweet and sour.
Hope that God exists,
I hope, I pray.
Drawn by the undertow,
my life is out of control.
I believe this wave will bear my weight,
so let it flow.

Chorus: Oh sit down,
sit down next to me.
Sit down, down, down, down, down
in sympathy.

Now I’m relieved to hear
that you’ve been to some far out places.
It’s hard to carry on
when you feel all alone.
Now I’ve swung back down again
it’s worse than it was before.
If I hadn’t seen such riches,
I could live with being poor.

 

 

Arrólome cantando
unha canción da hora
máis escura.
Segredos que non podo gardar dentro do día.
Balancear entre alturas e profundidades,
extremos agridoces.
Esperar que Deus exista,
eu espero, eu rezo.
Arrincada pola resaca,
a miña está fóra de control.
Creo que esta onda sosterá
o meu peso,
así que deixa que flúa.

Refrán: O senta,
senta ao meu carón.
Senta, senta, senta,
senta, senta
con compaixón.

Agora me alivia escoitar
que foses a
lugares estrambóticos.
É difícil seguir
cando te sentes só.
Agora descendín
outra vez
e todo está peor que antes.
De non ter visto tal riqueza,non me doería ser pobre.

Revelacións musicais de Philip

O segredo é que Doki Doki Literature Club¡ non é un xogo de simulación de citas, senón de terror psicolóxico.

O balancear emocional reflíctese na depresión de Sayori, personaxe aparentemente alegre até que se suicida ao final do primeiro acto. Ese é o momento en que o xogador se decata de que non inflúe nos acontecementos. O xogo está fóra do seu control.

Pensando no refrán, hai varias secuencias nas que o protagonista senta no chan con Yuri para flirtear. Os libros de Yuri e o manga de Natsuki permítelles escapar a súa realidade (referencias a lugares estrambóticos). Ao mesmo tempo, Monika, a única que sabe que ela está nun videoxogo, séntese soa. Ese é o motivo polo cal conspira para matar as outras rapazas e ligar co xogador.

Volvendo atrás, despois do suicidio de Sayori, o xogo comeza de novo sen ela. Comeza o segundo acto e o terror. Todo está peor que antes.

Esa glosa contén spoilers de Doki Doki Literature Club¡. Se querías evitar spoilers, era mellor que non a leses. Pero, en fin, este é un caso bastante chulo de como un creador artístico pode influír na obra doutro, incluso anos despois, en distintos medios culturais e plataformas. Menos mal que me decatei, se non o significado real do xogo quedaría oculto para sempre, supoñamos.

Agora ben, de que estaba falando? Ah, si, os neckbeards. A ver, outra faceta do pescozo-barbado estereotípico é que xamais poderá botar moza porque se trata dun suxeito fundamentalmente desagradable. Porén, na súa concepción do mundo, o problema é que el é demasiado agradable (demasiado nice), polo cal as mulleres malvadas o meten na temida ‘zona da amizade’ (friendzone) e buscan sexo con tíos malos tipo James Dean ou Arthur Fonzarelli. A min sempre me fai ilusión ver algún texto vello que garde relevancia respecto de tales conceptos, polo común acompañados por anglicismos moi sexys, que se nos antollan modernos pero que non o son. Por exemplo, o discurso da pastora Marcela en Don Quixote, na ocasión do enterro de Gristóstomo, morto porque ela non o amaba, consiste nunha impugnación moi elocuente da lóxica misóxina sobre a que se erixe aquel concepto de friendzone:

Hízome el cielo, según vosotros decís, hermosa, y de tal manera, que, sin ser poderosos a otra cosa, a que me améis os mueve mi hermosura, y por el amor que me mostráis decís y aun queréis que esté yo obligada a amaros. Yo conozco, con el natural entendimiento que Dios me ha dado, que todo lo hermoso es amable; mas no alcanzo que, por razón de ser amado, esté obligado lo que es amado por hermoso a amar a quien le ama.

Eu tamén son moi partidario do escritor e diplomático paraguaio Silvano Mosqueira, pero a pesar das miñas simpatías por el, teño que conceder que amosaba certos comportamentos propios do neckbeardismo, malia que, que eu saiba, sempre foi lampo. Falando do amor frustrado que sentira por unha rapaza bonaerense a principios do século XX, Silvano escribe que “la amistad, la santa amistad, en boca de un hombre, es un tesoro: en boca de mujer joven y atrayente, ¡es poco menos que un insulto!”. Friendzoned. Ao mellor pensades que estou sendo malo; se me gusta como autor, por que me meto con Silvano? Nada, para min é o feito de que pasei moitas horas lendo os seus textos, compartindo as súas ideas e sentimentos, aprendendo e desfrutando deles. É como un vello amigo, e como se fose un amigo de verdade, non pasa nada se fago algunha brincadeira a custa del.

Pero espera, non era que eu estaba falando de God Only Knows? Si, andabamos na primeira meditación cando nos desviamos un pelín polo Doki Doki ese. Resumindo, non sei se coñezo mellor a miña nai coñecendo God Only Knows. A estratexia dos meus pais no que concernía á relixión era non dicirnos nada sobre as súas crenzas para que nós puidésemos decidir, pero ao mesmo tempo mandáronnos a un colexio relixioso, dada a súa boa reputación académica. Só descubrín que os meus pais son ateos sen maiúsculas hai uns anos. A canción mola.

Segunda meditación. Tamén hai que analizar a canción epónima do disco: Gold Mother. Posto que é un tema que versa sobre o parto e a maternidade, debe figurar entre as máis significativas para a miña nai. Aí vai un fragmento:

I can see the head now.
Between her legs now.
Purple-headed alien.
Water-logged old man.
In the blood silence.
In the blood silence.
Silence.
Silence.
Silence.
Shut up.
In the bright lights, and harsh sounds, there’s a man
in green ceremonial robes and a mask, dipping a straw through your nose.
Mouthwash of meconium. Lungs full of meconium.
Heart full of meconium.
Meconium.
Meconium.
Chinese dolls. Box in boxes.
Chinese dolls. Box in boxes.
I’ll go out the same way I came in.
Chinese dolls. Box in boxes.

 

Vexo a cabeza xa.
Entre as súas pernas xa.
Extraterrestre morado.
Ancián empapado.
No sangue silencio.
No sangue silencio.
Silencio.
Silencio.
Silencio.
Cala.
Nas brillantes luces, e barullo, hai un
home
con traxe verde e máscara de cerimonias,
meténdoche unha palla polo nariz.
Enxaugue bucal de meconio. Pulmóns cheos de
meconio.
Corazón cheo de meconio.
Meconio.
Meconio.
Monecos chinos. Encaixa en caixas.
Monecos chinos. Encaixa en caixas.
Sairei por onde entrei.
Monecos chinos. Encaixa en caixas.

Uf.

Que perturpador.

Pero mamá, que movidas estabas escoitando? Non me está gustando nada a xeografía sónica que estou cruzando. Lugares estrambóticos. Aborto. Abandono o experimento. Sairei por onde entrei.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí