Os oito anos que pasamos sen Beethoven

Unha viaxe a Viena, a VIII sinfonía de Beethoven e nazismo. Reflexións arredor do papel da música e a arte como ferramenta ideolóxica e identitaria.

Nun verán cando estaba na universidade, visitei Viena cun amigo. Os dous somos afeccionados á música clásica, así que seguramente había algo de profecía autocumplida, pero foron uns días de constante marabilla. Concertos de grandes orquestras en prazas ás que chegabas por azar, as casas-museo dos compositores, a arquitectura da capital ilustrada: Viena presumía fachendosa do seu pasado musical e dous incautos turistas caían no seu feitizo. Cara o final da viaxe, arrastrei ao meu acompañante ata unha librería de vello. Buscaba unha partitura, un libreto, algún totem en papel non demasiado caro que me servise para recordar o pequeno Stendhal musical deses días. Non era o primeiro en ter unha idea así, a librería tiña boa oferta de segunda man con este tipo de cousas. Por gusto persoal quería algo de Beethoven, e acabei mercando un libriño da Editorial Filarmónica de Viena coa VIII sinfonía.

É un pouco ridículo falar de obra “menor” con Bethoven, pero non deixa de ser rechamante que un amateur coma min escollese xusto esa sinfonía, no medio entre as xigantes sétima e novena. O culpable desta extravagancia foi un derivado da miña parafilia literaria: a querenza polas notas manuscritas nos libros vellos (decátome agora de que falei hai nada disto ao comentar o último libro de Suso de Toro, unha teima recorrente). Pois ben, o libriño coa partitura da oitava sinfonía pertenceu ao doutor Fritz Hogenauer. O bo doutor tivo o elegante detalle de apuntar a man na contracapa a data de cada ocasión en que empregou a partitura para seguir unha reprodución da sinfonía, xa fose na radio ou en directo. Desde 1930 ata 1955 hai un total de 16 notas. Hogenauer non deixaba pasar moito tempo sen gozar a sinfonía, en vinte cinco anos só hai un baleiro evidente. Desde o 6 de xuño do 39 ata o 26 de marzo do 47, o doutor pasou oito anos sen Beethoven.

Tempo despois busquei a Hogenauer online, e mesmo atopei algún artigo del en antigas coleccións médicas, pero foi o detalle daquel salto entre notas o que me levou a comprar a partitura. Unha minúscula marca vital, un símbolo da guerra e do terror nazi que aparecía nun lugar inesperado, sen ningunha grandilocuencia. Unha pegada silenciosa colocada precisamente ao comezo do que debería ser unha algareira sinfonía. Non llo comentei á libreira, nin tan sequera ao meu colega. Collín aquel libro porque me conmoveu o seu poder metafórico de como a segunda guerra mundial, o réxime de Hitler, tentou rematar coa cultura europea.

Era unha bonita historia, pero chea de inxenuidade xuvenil. Uns anos despois un profesor da facultade, Alberto Sucasas, ensinounos a poesía de Celan, convidounos a ler as reflexións de Steiner, e caeu nas miñas mans o impresionante relato Deutches Requiem de Borges. Visto agora parece evidente, pero no seu momento foi unha revelación comprender que se o III Reich tivese gañado a guerra, non intentaría destruír a cultura europea clásica. Comprender que nese universo paralelo, o 26 de marzo de 1947, quizais o doutor Hogenauer podería escoitar a mesma VIII sinfonía de Beethoven en Viena, coa única diferenza de facer un saúdo diferente aos amigos na entrada do auditorio.

No intento de caracterizar un mal absoluto, negamos ao inimigo a capacidade de gozar das mesmas obras estéticas que nós, non só porque o humaniza, senón porque ese recoñecemento acaba manchando o noso obxecto admirado. Eu quería pensar que os 8 anos sen Beethoven foran un intento maquiavélico de Hitler, do que nos salváramos gañando a guerra e vencendo ao mal. Un mundo de contrastes claros onde era máis sinxelo vivir. Non pretende isto minimizar as terribles consecuencias do nazismo; todo o contrario. Quere ser esta reflexión, hoxe que parece de novo necesario lembrar certas cousas, un recordatorio de que o mal é tan capaz de recoñecer a beleza coma nós. De que non nos podemos agochar detrás da arte e pensar que será o noso gusto selecto o que nos salvará.

Ao fío destas reflexións, penso se non hai un impulso semellante ao que me fixo comprar aquel libro en Viena detrás doutras decisións persoais máis sutís. Son moitas as razóns polas que me interesa a música e a cultura galega e en galego: condicionantes previos, desde o azar do nacemento, afectos familiares, decisións ideolóxicas e persoais. Mais entre elas non hai que desbotar tamén esa ansia de lexitimidade, de colocarnos sempre que poidamos no lado correcto da historia. Se decido escoller como himno xeracional A vitoria dos Ataque Escampe e aprenderme de memoria unha canción de Malandrómeda é, e entre outras moitas razóns, porque creo no fondo que nunca virán os nazis a cantala xunto a min. Se entre todo o punk escollo Terbutalina, se as versións rock que máis me molan son as de Familia Caamagno, é porque me falan a min directamente, pero tamén porque confío en estar poñéndome dalgún xeito xunto ao oprimido e non co opresor. Como se a lingua na que están escritas as fose salvar das garras nas que caeu Beethoven.

De novo, inxenuidade. A música en galego, en tanto que arte, é igual de maleable que calquera outra. Penso nesas películas costumistas durante o franquismo, en castelán, onde se permitían poñer cancións en galego porque, que dano podían facer as tranquilas cancións tradicionais? Non foi a propia poesía de Rosalía descaracterizada e branqueada para poder cadrar en calquera corrente ideolóxica? mesmo as máis agresivas contra a nosa cultura? E iso só nos casos máis estremos, onde se emprega a nosa a lingua por aqueles que no fondo a odian.

Reflexionaba Daniel Asorey nunha entrevista en Praza Pública, sobre como os pobos oprimidos poden pasar a ser opresores ao pouco de saír do xugo que pesa sobre eles. Se antes empregabamos a ucronía para imaxinar unha Viena pacificada baixo os nazis, podemos facer o exercicio de imaxinar unha cultura galega propia e liberada, onde nada impediría a aparición dos nosos propios grupos reaccionarios, que comporían a súa música nun perfecto galego. É imposible aquí non pensar no pobo xudeu, e o contraste da súa historia en Alemaña e en Israel. Nada na música, na lingua, na cultura, hai intrínseco á xustiza.

Dirán algúns que a resposta aquí é sermos claros. Agarrarnos á poesía e á música discursiva e apegada ao presente, de vontade combativa, sexa do signo que sexa, e que fale do noso tempo chamando ás cousas polo nome. Porén, aparte do reducionista que isto resulta, nin sequera neses casos está nada claro. É verdade que é difícil imaxinar a un partido de dereitas empregando en campaña unha canción de Ezetaerre, mentres que Elton John ou Rihanna si tiveron que pedir a Donald Trump que deixase de utilizar as súas nas últimas eleccións estadounidenses. Mais quizais non é máis que unha cuestión de tempo, de que as circunstancias concretas desaparezan e, se a obra sobrevive ao esquecemento, poida funcionar desligada de calquera causa, ou ser convertida nunha nova metáfora. É este o caso da recente visita da Derradeira lección do mestre a Galiza. Nunha obra como a de Castelao, onde literalmente podemos ver a un Alexandre Bóveda asasinado tirado no chan, non houbo ningún pudor desde certos sectores en intentar explicala como símbolo pacifista abstracto, para con total tranquilidade poder admirar un fermoso cadro e inserilo na nosa tradición sen ter que cuestionarse nada. Se algo así acontece nun caso de signo ideolóxico tan evidente, non podemos ser tan arrogantes de pensar que sabemos quen cantará no futuro nin o Ti e eu nin o Deitado fronte ao mar.

Derradeira lección do mestre, en 8 anos sen Beethoven

Un poema de María do Cebreiro, titulado A noite, di:

[…]Non creo na identidade entre o ben e a beleza.

Creo na pel da noite, en que no mundo hai pregos,

dimensións incontables e deformes, e o silencio dos astros

pode ser un estrondo sen harmonía ningunha[…]

Estamos programados (quizais educados?), porén, para crer nesa identidade entre o ben e a beleza. Necesitamos confiar en que os nosos sentimentos máis puros e complexos teñen que ser bos, que polo menos ese lugar é un remanso seguro. Nesa confianza asociamos o noso gusto artístico coa cerna máis auténtica de nós mesmos. Pero é colocar pedras sobre cimentos de area. Por iso xera ríos e ríos de tinta as supostas apropiacións culturais na música, como se te roubasen algo que só debía ser teu. Por iso unha porción da comunidade gamer reacciona tan virulentamente ante críticas culturais aos videoxogos, como se fose atacada unha parte esencial do que consideran a súa identidade. Por iso eu estaba convencido de que os nazis tiñan que odiar a Beethoven. Sempre vai resultar conflitivo asociar valores absolutos á algo como a música e a arte, en constante proceso de resignificación e interpretación.

Uf, chega o final deste artigo e teño medo de que non quede máis que nun alegato cínico, de vello sentado nunha esquina rifando á xente por gostar de cousas. Tamén a ese corredor sen saída chegaron moitos artistas e teóricos despois da segunda guerra mundial, de aí o famoso “escribir poesía despois de Auschwitz é un acto de barbarie” de Adorno. Pero eu non creo niso, non quero crer iso. Gozar da arte que nos apaixona é probablemente unha das mellores cousas de estar vivo; desfrutar sen reservas, libre de prexuízos, o mellor xeito de facelo. Coñecernos a nós mesmos e crear grupos cos demais arredor dese pracer partillado, unha das ferramentas que nos fai humanos.

Pero entón, de que vai todo isto? Non estabamos dicindo todo o contrario? Pois si, confirmamos aquí a ausencia total de conclusións, que tanto a tese cínica como a optimista son certas e no medio desa contradición temos que vivir nós. Sospeitando que non ía chegar a ningures, supoño que quixen escribir isto por medo. Porque como di María do Cebreiro, o que parece segura é a pel da noite, os pregos, as dimensións contables e informes, o estrondo sen harmonía. E quizais xa está vindo. Teño medo de que a arte que tanto amamos poida ser tamén un analxésico; un muro detrás do que nos poñemos, pero que chegado o caso non só non nos protexa, senón que se poida usar contra nós. Medo a que veñan outros oito anos sen Beethoven.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí