Os deuses deben estar aburridos (I)

Algunha vez quixeches ser Deus? Vive a túa fantasía demente con este relato cheo de reflexións filosóficas e xogadores da NBA

PRÓLOGO (xamais escribín un prólogo pero quero que vexades que son un profesional)

Todos os xogadores da NBA materializáronse nunha plataforma branca sen ningunha maneira de baixar. Un mar de nubes cor-de-rosa arremuiñábase arredor da plataforma. Algúns xogadores deitáronse nas esquinas para intentar esculcar o chan, pero era imposible ver que xacía debaixo da manta de nubes. Nun lado da plataforma, separada dela por uns escasos metros de distancia, erixíase unha parede de infinita altura, construída no mesmo material branco e liso que a plataforma. Os xogadores ollaron con receo a canastra que alguén cravara nesa parede.

—Ola, chámome Sol e son Deus— dixo unha voz que resoaba dende todas partes—. Ou Deusa, mellor dito. Imos xogar a un xogo, como nas pelis de Saw, supoño…

 

PRIMEIRA PARTE. PREÁMBULO AO NBA SLAM DUNK CONTEST 2020

Como Buda ou Cristo, Deusa naceu. Pero Deusa fíxoo noutras circunstancias, nin rodeada de criados e ricos tapices, nin entre asnos e esterco. Ela naceu no 1987. Hai un par de anos o noso Guillermo cando falaba da súa infancia, describiu sen sabelo os primeiros anos que Deusa viviu nesta Terra:

“Cando era pequeno críame inmortal. Quizais non o verbalicei nunca así, pero sospeitaba que as regras non se me aplicaban, atrevíame a pensar que sería unha excepción, o primeiro da especie que duraría para sempre.”

Deusa, chamada Sol ou Marisol polas tías, tamén cría esas cousas. Críaas con máis convicción cando enxergaba o mundo dende o colo da súa mai, fortaleza de carnes invulnerables. Pero tampouco deixou de crer cando, na gardería, un policía de catro anos lle zoscara no nariz con toda a súa forza, ollou horrorizada o gurgullo de sangue que descubriu, e botouse a chorar. Nin a dor propia dos mortais lle quitou a fe, e até cando entraron en primaria Sol seguía sendo amiga do pequeno policía.

Guillermo: “Pero entón chegou unha clase de coñecemento do medio na primaria onde me revelaron que ‘sempre’ tamén remataba. A profesora explicounos que o noso sol non era infinito, senón que semellante a unha bolsa de gasolina, ardía sen parar e, igual que o depósito dun coche, tamén un día se esgotaría.”

Guillermo espertou, aceptou o destino. Eu, que conste, aínda non o aceptei de todo. Sei que vou morrer, pero non o sinto. Sol nin o soubo nin o sentiu. Seica é unha sorte de trastorno mental, pero Sol superou todas as probas vitais que a escola e a adolescencia puxeron no seu camiño sen xamais recoñecer a morte. Sol non pensaba morrer, e dicíallelo aos seus amigos: aos de primaria, do instituto, do club de xadrez; a min, o pequeno policía. Todos queriámola moito. O seu desprezo pola morte non se traducía nunha altiveza cara á xente. Era moi xenerosa, axudábanos sempre que o precisásemos, como se fósemos persoas moi queridas para ela, pero sufridoras dunha enfermidade incurable e debilitante. Para nós, Sol era unha persoa normal en todos os aspectos menos ese. Coñeciamos outras persoas normais que crían en ovnis ou que o home nunca pisara a lúa. Sol era así. Era normal, pero tamén cría que non ía morrer porque, e cito textualmente, “Deus sempre mo di. Vén durante a noite, senta ao pé da miña cama, e lémbrame que no hei de morrer mentres non me apeteza”.

E a cabrona tiña razón.

 

Borrachos, nunha festa:

—Pero por que coño Deus vai elixirte a ti entre todas as persoas que hai no mundo?

—Porque é un irresponsable que fai as cousas ao chou. Buda era un ricachón que se fixo cunha idea romántica da pobreza, logo fíxose perroflauta, fumouse uns porretes debaixo dunha árbore e… pum! era unha deidade. Mahoma era un quinqui que vivía nunha cova. E a Virxe… Queres dicirme ti que méritos tiña a Virxe para ser a mai de Deus? Nótase moitísimo que Deus é un nenazo caprichoso. A el María poñíalle cachondo, sen máis. Pum! Mai de Deus.

—Estás mal da ca…

—Ademais, nótase moito que Deus é omnipotente pero non é omnisciente.

—E iso?

—Porque fai cousas estúpidas. Ou sexa, queres facerme crer que un ser omnisciente vai obrigar o seu fillo a morrer na cruz para redimir os pecados da humanidade, cando é precisamente aquel ser o que ten a puta potestade para perdoárnolos? Non me fodas! Un ser omnisciente non é capaz de tal parvada. E así vou ser eu.

—Como?

—Así, como Deus. Vou ser a deusa de todos vós. Omnipotenta pero non omniscienta. E cando sexa Deusa, vou facer todas as parvadas que me saian dos huueevos.

E a cabrona tiña razón. Toda. A. Razón. Cómpre repetilo porque é difícil de encaixar coa imaxe que temos de persoeiros como Charles Manson ou o papa do Palmar de Sevilla ou como-se-chama: charlatáns, psicópatas. “Manson” literalmente quere dicir “fillo de home”. Deus non é. De feito, eu sempre fun ateo até que Sol chegou ao outro lado, a Deus.

 

Morréronlle os avós e ela levou un susto. En realidade, é inxusto dicilo así porque daquela Sol aínda era un ser humano normal, até diría bondadoso. Obviamente, a morte dos avós afectoulle e ficou moi triste. Porén, tamén se decatou de que tería que traballar para acadar a inmortalidade. Púxose a estudar Filoloxía Clásica. Deus guiábaa, dixo. Case nin tomara unha decisión porque Deus lle mandara matricularse nesa carreira. Sol púxose a estudar e desapareceu.

Ao principio pensabamos que comezara a saír cun rapaz ou unha rapaza (sempre houbera algunha ambigüidade aí). Todos coñecemos persoas que desapareceron deste xeito tan desagradable. Ás veces tomo café e co derradeiro sorbo imaxino o repugnante que sería descubrir unha aligacha morta entre os pousos. Este pensamento basta para estragar toda a experiencia de tomar o café. Cando unha persoa como Sol desaparece de súpeto ao cabo dunha amizade de moitos anos, convértese na aligacha entre os pousos do café. Retroactivamente, estraga toda esa amizade.

 

Resultou que Sol non tiña parella. Namorárase dunha abadesa alemá.

—É fabulosa, Philip. Unha xenia. Cando eu sexa Deusa, os nenos terán que estudar Hildegarda de Bingen en lugar do Lazarillo de Tormes ou as outras merdas que teñen que aturar agora mesmo. Levamos demasiado tempo sen vernos.

Atoparámonos por casualidade nunha cafetaría en segundo de carreira. Sol estaba moi fraca, os ollos vermellos, sobresaíntes como os gálagos dos bosques africanos. E como os gálagos parecía diferente, rara, nocturna.

—Hildegarda era unha muller do século XXI nacida no século XI.

Quería preguntarlle se estaba metida na droga, pero dábame conta de que xa non había a mesma confianza entre nós. Os seus dentes parecían moi amarelos. Podía ser a luz… os meus, vistos na luz do espello do baño, tamén se vían bastante amarelos…

—Eh! Estouche falando!

—Perdoa. Estaba pensando naquela época en que te obsesionaches con Beyoncé. Que me dicías?

—Beyoncé é unha raíña, sempre cho dixen. Pero Hildegarda de Bingen é unha santa. En fin, dicíache que Hildegarda chegou a coñecer Deus, vale? Sabía cruzar.

—Cruzar que?

—Cruzar dende aquí até aló. Até o ceo, aos Champs Élysées. Nirvana. Ese gran couto de caza a onde van os lakota.

—Pero… á parte disto. Como estás? Que tal na facultade? Nacho faloume de ti o outro d…

—Deixa de cambiar o tema. Mira, Hildegarda inventou unha lingua nova para escribir todo o que Deus lle revelara. Chámase Lingua Ignota, vale? Durante séculos ningún filólogo foi quen de descifrar a Lingua Ignota, pero eu estou a punto de facelo.

—E logo que?— preguntei sen interese.

—Logo leo os textos que Hildegarda redactou en Lingua Ignota, os cales vanme dar as indicacións que necesito para entrar no ceo. Alí Deus conferirame todo o seu poder, tal como levo anos dicíndome, porque El xa se fartou de ser Deus, fartouse nos tempos de Hildegarda, así que me confire os seus poderes, e chao! Serei Deusa.

—Eu xa me fartei desta conversa. Síntoo, Sol, pero despois de todo este tempo, non sei, pensaba que poderiamos falar como adultos. Marcho. Invítote eu.

Erguinme e ela tamén se levantou, colléndome do brazo. Ollos vermellos, ollada de louca.

—Quero que me entendas. Cando eu sexa Deusa, poderei facer todo o que sempre quixen facer. Poderei corrixir inxustizas e eliminar a pobreza. Voulles dar un cancro de próstata a todos os homes que lles pegan ás súas mulleres. Os humildes herdarán a Terra e os ricos explotadores irán pa’ Lúa.

Suspirei, deprimido, sen enerxías para loitar contra tanta demencia. O que fora un risco menor da personalidade de Sol, fácil de ignorar e case un obxecto de cariño, terminara por consumila. Creo que isto se chama ‘flanderización’ porque o fanatismo relixioso terminou por consumir toda a personalidade de Ned Flanders nas derradeiras temporadas de Os Simpson. Sol Flanders, era.

Non se me ocorría nada que dicir, como cando alguén que pensas que coñeces solta unha barbaridade racista e non sabes como reaccionar. Marchei sen unha palabra. Sol dixo, ben alto para os ouvidos de toda a cafetaría:

—Vou ser Deusa. Vou facer do mundo un lugar mellor para vivir! — (Eu non mirei para atrás)—. Pois nada, que saibas que valoro a túa amizade, eh! Xa aprenderás a aceptarme tal como son.

Deuses deben estar aburrido. Hildegarda autorretrato falando con Deus
Autorretratos de Hildegarda de Bingen

Uns anos despois de todo iso, eu materialiceime (póñovolo así como o experimentei; así, de repente) nunha plataforma branca, rodeada dun mar de nubes cor-de-rosa, xusto a tempo para ver un xigante saltar ao abismo. O xigante fixo unha pirueta no aire e pasou un balón debaixo dunha das súas longas pernas de xirafa, e, rematando o seu imposible voo, fixo mate nunha canastra que alguén cravara nunha parede branca de infinita altura. Caeu cun berro de medo. A min isto non me asustou porque aínda non sabía onde estaba, quen era o xigante, que estaba pasando, que había ao outro lado da manta de nubes cor-de-rosa nin —pensándoo ben— quen era eu. Vin como caía o xigante. Era como un soño. Vin unha expresión de pánico naquel rostro, pintada con nitidez na morna luz do sol rosado.

—Chao, señor xirafa!— chamei para o xigante que caía. Chameino feliz, confundido, aterrado… un pouco de todo á vez.

O xigante desapareceu entre as nubes. Ao meu lado, outro xigante esborrallouse no chan e o pranto sacudiulle o corpo.

—Ola Philip— Sol materializouse na plataforma. Estaba moi guapa. Ou sexa, non parecía drogada e todo desfeita como a última vez que a vira—. Descifrei a Lingua Ignota e agora son divinísima. Sabes? A ver, para dicirche a verdade, tróuxente aquí para poder presumir un pouco. Ademais, teño un choio para ti.

 

CONTINUARÁ SE DEUSA QUIXER

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí