Perder a virxinidade de Super Bowl: nocións básicas do fútbol americano (II)

Completamos a nosa guía sobre o fútbol americano, desta volta coa defensa e os equipos especiais. A túa lectura obrigada antes da Super Bowl de hoxe.

Hoxe é o gran día, hoxe é a Super Bowl e desde o mundo cheirer procuramos que poidas vela sen perderte demasiado (dentro do posible… non facemos milagres, de momento). Por iso volvemos coa segunda entrega do “Perder a virxinidade de Super Bowl: nocións básicas do fútbol americano”, desta volta desenvolvendo a defensa e os equipos especiais.

Se aínda non a liches, tes a primeira parte que dedicamos ao campo e o ataque aquí.

 

DEFENSA

Os primeiros xogadores que aparecen na defensa son os da liña defensiva (defensive end, defesive tackle). A súa estrutura é similar a da liña de ataque, pero a diferenza desta o seu cometido non é o de protexer, mais ben todo o contrario. O que buscan é esmagar o xogador que teña o balón en posición. Nin máis nin menos.

Pola contra, os últimos en aparecer son os safeties e cornerbacks que conforman a secundaria. O seu propósito é dificultar o máximo posible o xogo de pase do equipo contrario desviando o balón da súa traxectoria, imposibilitando aos receptores ter unha boa opción de atallalo ou mesmo collendo eles mesmo o balón e provocando un cambio de posesión.

Entre as dúas disposicións defensivas sitúanse os linebackers que teñen unha mestura de ambas funcións. O un tempo procuran deixar en 2D a quen leva o balón como tratan de dificultar o pase.

Perder a virxinidade de Super Bowl: nocións básicas do fútbol americano (II)

Deste xeito a defensa segue a seguinte dinámica.

O coordinador defensivo dille ao capitán da defensa (comunmente un dos linebackers) que sistema deben seguir na seguinte xogada. En canto se realiza o snap, os xogadores de liña tentan alcanzar ao quarterback rival para mandalo ao chan, ou polo menos para dificultarlle o pase. Mentres, os demais encárganse dos receptores imposibilitándolles o desmarque. Independentemente do que aconteza, a misión principal dos defensas é sempre a mesma, realizar un tackle o máis rápido posible ao xogador que teña o balón para que este avance cantas menos iardas mellor e deste modo conseguir que o ataque esgote os seus downs sen acadar un novo set deles.

En primeiro lugar, non só os xogadores de liña poden tentar alcanzar ao quarterback rival tras o snap. Hai xogadas nas que linebackers ou mesmo xogadores da secundaria realizan esta acción para aumentar a presión e forzar erros na xogada de ataque. A decisión de engadir eses xogadores a maiores denomináselle blitz.

En termos xerais, existen dous tipos de defensa cunha dinámica similar a de outros deportes. A defensa zonal divide o terreo en partes e adxudícalle a cada xogador unha delas. A outra é a individual, e dicir, unha defensa persoal que consiste en emparellar cada xogador rival cun propio e facer que este o siga a todas partes.

A forma máis común que ten a defensa de parar os xogadores rivais é o tackle (placaxe). Esta é a acción de golpear ou agarrar a alguén de tal modo que caia ao chan. Porén, non todo vale para acadar esa fin. A placaxe debe facerse co ombreiro e nunca golpear ao rival co casco; e non se pode agarrar da zona do pescozo ou da máscara que ten o casco. Ademais, o quarterback ten unha protección extra trala liña de scrimmage (é dicir, cando pode lanzar un pase) e non se lle pode placar por debaixo da cintura. O motivo é moi sinxelo, tentar evitar lesións. Debido a que o quarterback ten fixa a mirada no fondo do campo na procura de receptores, os golpes que se producen por debaixo dese rango de visión tenden a resultar moi aparatosos dando en lesión graves.

Quaterback intentando evitar placaxes.

Cando a defensa consigue facerse coa posesión do balón, falamos dun turn over e hai varios modos de conseguilo. Un xa o medio-describimos anteriormente, o que se produce cando un defensor atalla un pase do equipo rival. A isto coñecéselle como intercepción. Outro modo é a recuperación dun balón solto. Cando un xogador ten a posesión do balón e non logra mantela polo motivo que sexa, dá lugar a un fumble e mentres o ovoide se manteña dentro das lindes do campo pode recollelo calquera xogador. En ambos casos, se o defensor logra levar o balón até a zona de anotación rival isto contará como touchdown e por iso tamén se lle chama pick six.

Balón solto despois dun fumble.

Existe outro tipo de recuperación, o turn over on dows, é dicir, o cambio de posesión por intentos. Este prodúcese cando o ataque non acada as iardas necesarias tralo cuarto down. A posesión pasa ás mans do equipo rival desde o punto onde rematou a última xogada, e polo tanto cun balón morto, a diferenza dos outros modos de recuperación que vimos anteriormente.

Por último, imos falar aquí das penalizacións. Estas poden ir tanto en contra do ataque como da defensa e son moi variadas. Desde botar a cambadela ou agarrar a un contrario de forma irregular, até saír antes de tempo nun snap… enumeralas todas daría lugar a un artigo case infinito. Porén, todas teñen algo en común e ímonos centrar en iso.

En primeiro lugar todas comparten o modo no que se sinalizan que, a diferenza doutros deportes, non é a través do chifre que levan os árbitros senón con panos amarelos. Cando un dos árbitro ve unha infracción o que fai é lanzar o seu pano a zona onde esta se produciu. No caso de existir máis dunha acción penalizable recorren á gorra de uso obrigatorio. O chifre só se fai soar cando se dá por finalizada unha xogada, o tempo regulamentario ou cando é solicitado un tempo morto.

Perder a virxinidade de Super Bowl: nocións básicas do fútbol americano (II)

O outro elemento que comparten é o modo de castigo que é a base de iardas. Se a penalización é en contra do ataque retrásase a súa posición un número de iardas que depende da infracción. Se é contra a defensa faise avanzar o ataque do mesmo xeito.

Só dúas cousas a maiores: en caso de haber dúas penalizacións na mesma xogada, unha para cada equipo, cancélanse mutuamente e ten que se repetir o down. E se unha infracción é moi grave, o xogador que a realiza pode ser expulsado do partido e debe marchar aos vestiarios.

 

ANOTACIÓNS DA DEFENSA

Á parte do pick six que xa vimos, a defensa só ten un modo de anotar: o safety (si, chámase igual que á posición dentro da secundaria). Este consiste en derrubar ao xogador do ataque que ten a posesión do balón dentro da súa propia liña de anotación. Isto retribúe ao equipo con dous puntos e a recepción do balón mediante un punt (tranquilos, veremos isto de seguido).

 

EQUIPOS ESPECIAIS

Antes xa citamos os equipos especiais como unha mestura de xogadores tanto de ataque como da defensa. As súas funcións desenvólvense en xogadas puntuais, maiormente de transición entre posesións, e aínda que están compostos por un total de 11 xogadores como as outras dúas formacións, falaremos só de dous roles específicos que pertencen en exclusiva a esta categoría: o punter e o kicker.

Cando o ataque non consegue alcanzar as iardas necesarias tralo terceiro down, o normal é que non arrisquen co cuarto. Neste intento o máis común é que entren os equipos especiais ao campo, entre eles o punter. Este recolle o balón tralo snap e dende o lugar onde está dálle unha patada para mandalo o máis lonxe posible. Isto é o punt, ou patada en galego. O que pasa é que tras o cuarto intento terías que darlle o balón ao equipo contrario de todos modos, así que o que fan é adiantarse. Posto que estás obrigado a perder a posesión, falo da forma menos vantaxosa para o rival aloxándoo o máximo posible da túa zona de anotación e dándolle á túa defensa terreo para parar o ataque rival. A maiores, como vimos antes, tralo safety tamén se realiza un punt que segue a mesma dinámica, só que neste caso sempre desde a iarda vinte do campo propio.

Perder a virxinidade de Super Bowl: nocións básicas do fútbol americano (II)

O kicker, ao igual que o punter, é unha posición que só xoga nos equipos especiais e desenvolve unha actividade moi concreta en dous tipos de xogada. A primeira delas é o kick off ou saque inicial que se produce tanto para dar inicio ao partido como tras calquera anotación. Este consiste nunha patada o balón parado dende a iarda trinta e cinco do seu propio campo. A segunda é o field goal e o extra point que comparten dinámicas. Ambos son goles de campo, só que o extra point só se dá tras anotar un touchdown e outorga un punto a maiores (como vimos anteriormente) e o field goal non necesita de touchdouwn previo e dá tres puntos. Consisten ambos en facer que o balón pase entre os postes que se sitúan ao final da zona de anotación mediante unha patada.

CONCLUSIÓN

Máis ou menos estes serían os elementos básicos deste deporte. Obviamente quedaron moitas cousas no tinteiro que me gustaría compartir con todas as cheirer, mais iso será nunha próxima entrega… se vós queredes… máis ben se me dá o arrouto a min, para que nos imos enganar?

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí