Temos que falar do Elden Ring

Non quero seguir vivindo nun mundo onde non hai un só texto en galego falando sobre o Elden Ring. Razóns para un texto medio de lado.

Non quero seguir vivindo nun mundo onde non hai un só texto en galego falando sobre o Elden Ring. Como pode ser que un fenómeno que secuestrou a centos de galegas, que levan metidas nas súas casas xogando de maneira semi obsesiva durante dúas semanas o xogo xaponés, deixe completamente indiferente a toda a nosa industria cultural? Unha ignominia que me obriga a escribir estes parágrafos case como quen enche un baleiro ontolóxico, só por sentir que algo así ten que, polo menos, existir.

Temos que falar do Elden Ring

Proba de que vivimos na peor liña temporal é que non debería ser eu quen firmase esta peza hoxe. Porque non son unha desas secuestradas metendo centos de horas ao xogo, senón que só podo degustar o Elden Ring así medio de lado, nunha escapada furtiva a casa da moza ou dalgún colega para roubar unhas horas nas Terras Intermedias, ou en incursións nos directos de xente en Twitch onde sentir que eu tamén participo un pouco dese mundo. Nin tan sequera son un fan acérrimo de Miyazaki. Xoguei tamén medio de lado os Souls e Sekiro, e tiven un amor co Bloodborne intensísimo pero aínda por rematar. E con todo, penso que paga a pena dedicar algúns parágrafos ao Elden Ring, porque mesmo desde un outeiro e mirando con prismático, é evidente que estamos a vivir un momento con feitura de fito histórico.

Non falamos só de aclamación crítica, cando todas son 10 pois basta mirar unha nota para saber todas. O que outorga a Elden Ring esa sensación de cumio é que nel parecen reunirse varias tendencias do mundo dos videoxogos nunha soa obra mestra. De novo, un outro mundo aberto, pero refinadísimo, co abraio do descubrimento propio do Breath of the Wild xunguido a un deseño de niveis pechados puro Souls, que conversan de xeito moi orgánico co mapa enorme. A variedade na xogabilidade supera todo o feito por Miyazaki e ata parece superado o debate da dificultade, porque hai liñas de habilidades e armas que poden facer o xogo, se queres, “fácil” (anatema). Mesmo na narrativa Elden Ring quere unir oriente e occidente, e a colaboración con G.R.R Martin consegue facer a un tempo unha interpretación xaponesa tola da mitoloxía europea e unhas tramas e subtramas case de folletín, no estilo máis propio dun Xogo de tronos. Elden Ring é un xogo extremadamente ambicioso que consegue case todo o que se propón.

Pero xa leva 10 días fóra e non temos  ningún texto en galego falando del. Si, hai unha nota de prensa en codigocero facéndose eco do lanzamento e agardo algún texto de análise ou de detalle no futuro (Morcego, confiamos en ti), pero se hoxe entras en Google e pos “Elden Ring galego”, os resultados dan un pouco de mágoa. Trátase dun silencio atronador porque non é o caso de intentarmos promover unha obra que pensamos interesante a un público renuente, sei que todas quereriamos máis recensións da tradución de Carver ao galego mais quizais non se vendan tantos libros. Neste caso a xente si está xogando ao Elden Ring. Se entras nas stories do Instagram ves capturas de pantalla de Caelid e do Necrolimbo, se pasas por Twitter a xente partilla e comenta memes do xogo. As galegas están espremendo o xogo, a esfera pública galegofalante está vivindo a experiencia. Como pode ser que non falemos sobre isto?

Entendo, de verdade, que as cousas son complicadas. Que é un xogo moi longo, que é difícil conseguir unha key anticipada de From Software, que non hai que fomentar o traballo escravo do crítico de meterlle 200 horas seguidas para poder sacar a peza canto antes. E todo máis acusado nun entorno máis fráxil como o galego. Mais tamén me pregunto, se non era este o momento de intentalo, cando? Se non intentamos surfear a onda dun xogo épico, arredor do cal había un hype evidente e que resulta ser incrible, cando o imos facer?

Temos que falar de Elden Ring por todas esas razóns. Primeiro, porque hai un interese moi real no xogo e nestas primeiras semanas, cando todo o mundo está a mirar para el, un texto bo pode reclamar o noso dereito a termos unha verdadeira opinión pública galega do que está fervendo na cultura mundial. Debatermos na nosa lingua en público sobre as cousas que nos apaixonan e que os medios sirvan como puntos de encontro para iso. Tamén, por que non dicilo, porque aproveitar ese interese pode axudar a consolidar algún proxecto, traer clicks como maná do ceo, ou quizais asentar unha sección máis seria de videoxogos nun medio xeralista (ah, un soñador). Nun sentido máis clásico, tampouco vou agochar que termos textos falando sobre o Elden Ring ao final lexitima todo o noso sistema, porque unha cultura viva é aquela que intenta conversar coas cousas máis interesantes que se fan noutras partes do mundo. Igual que Otero quería traducir o Ulysses para lustrar a lingua, hoxe temos que facelo co Elden Ring, que é o produto máis interesante creado na industria cultural que abre as vedas máis adiantadas nos nosos días.

E por último isto pode parecer esaxeración, mais tamén temos que falar do Elden Ring agora, porque no futuro o Elden Ring falará de nós. Se dentro duns anos unha galega senta no seu escritorio e decide que quere escribir a gran novela de fantasía épica no noso idioma, ou aventurarse nos escuros carreiros do terror cósmico, a súa referencia mental van ser os dramas dos semideuses e dos cabaleiros desa Mesa Redonda do Elden Ring. As obras mestras son as que mudan as regras e revolucionan os xéneros, e sempre proxectan a súa sombra máis alá dos límites da forma concreta escollida. Os videoxogos de hoxe moldean a música, as novelas, as series de mañá. O Elden Ring xa está mudando a maneira en que creadores e consumidores de Galicia pensan nos videoxogos e na arte en xeral. Se queremos participar desa mudanza, se queremos comprender que significa este fenómeno e que portas abre, temos que falar do Elden Ring.

Temos que falar do Elden Ring

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí