Apuntes dun crítico malandante (III): Resident Evil 4 en Galicia

Unha nova lectura do videoxogo mítico dende a perspectiva do nacionalismo radical. É a lectura que nunca pediches nin quixeches, pero tela igual.

Para os que non seguides as novas tendencias dixitais, aclararía que un videoxogo é como unha especie de película pero tes que traballar durante corenta horas para ver o final. Actualmente o videoxogo que hai é o Fortnite, pero existen xogos anteriores como Heroes of Might & Magic III (1999), Heroes of Might & Magic IV (2002) ou outros de bastante menor relevancia. No artigo de hoxe, propóñovos unha tese innovadora acerca dun videoxogo clásico, Resident Evil 4 (2005), a iteración da saga que renovou todo o formato ao substituír os zombis por campesiños barbudos e cacheiros. Daquela ás mulleres aínda non lles gustaban os videoxogos, polo cal a inclusión de tanta carne varonil ten que entenderse como unha intelixente estratexia de marketing por parte de Capcom.

A miña interpretación é innovadora porque dará a coñecer o verdadeiro significado de Resident Evil 4 e simultaneamente cambiará a nosa comprensión do canon artístico-literario galego. Sabido é que este videoxogo está ambientado nunha ficticia comarca do norte ibérico, pero o que sorprende é o feito de que ao profundarmos nos finos detalles deste pesadelo pixelado, nos decatemos de que en realidade se trata dunha visión aterradora dunha Galicia que sufriu un proceso de plena castelanización. Máis ou menos é o Bierzo, pero con ogros. En efecto, Resident Evil 4 é unha diatriba contra a precariedade lingüística e cultural que vive este país, máis as súas posibles consecuencias. E dada a súa calidade como experiencia interactiva, é -sen dúbida- a máxima expresión do galeguismo no século XXI.

A trama de Resident Evil 4 comeza coa noticia de que secuestraron a filla do presidente de EEUU, Princess Peach… perdón, Ashley Graham, e que o goberno ten motivos para pensar que o seu paradoiro se pode trazar ata certa zona rural de Europa. A misión de localizala e rescatala confíreselle a un dos protagonistas de Resident Evil 2, Leon S. Kennedy, un policía de elite encargado de protexer a familia do presidente. Dita zona rural xamais se nomea. A súa hispanidade é evidente pola arquitectura, polas comidas que o xogador atopará nas mesas de fogares abandonados, ou pola lingua falada en boca de Los Ganados, ou sexa os campesiños infectados por Las Plagas mortíferas que abatanan a rexión.

Enfocamos os prismáticos toponímicos e descubrimos que esta aldea de energúmenos é galega, en parte porque as nubes nunca despexan. Dá igual que o xogador sexa inútil ou que, coma min, teña demasiado medo para seguir adiante, día e noite podes estar perdido entre eses corgos e nin un raio de sol verás. Pura meteoroloxía galega. Eu ben sei que no resto de España fai sol, porque pertenzo a unha raza que todos os veráns emprende unha das maiores transhumancias no reino animal. Millóns de ingleses seguen o seu instinto natural e saen do niño familiar en procura de fiesta, sun e sangría cara o sur. Eu mesmo estou escribindo estas liñas deitado nunha praia en Canarias. De feito, estanme entrando ganas de tirarme dun balcón…

En calquera caso, á parte estar todo o tempo nubrado, sabemos que a aldea de Resident Evil 4 é parte de Galicia polos eucaliptos, polas siluetas de bosques que se estenden ameazantes, sempre no horizonte e listos para engulilo todo. O eucalipto por si só non ten que ver coa castelanización do país, pero si está relacionado coa dinámica centro-periferia que ata Galicia ao núcleo castelán e redunda na utilización colonialista destes contornos como fábrica de materias primas. Os estragos ambientais provocados por esta invasión son alarmantes e, a longo prazo, soamente uns baróns adictos ao imperium sacaron proveito da situación. A prostitución da terra prexudica a gran maioría dos seus fillos –a sociedade galega nunha Galicia que vai degradándose e desaparecendo.

Pero tamén hai que recoñecer que un monocultivo de eucaliptos, silencioso porque foxen os paxaros e limpo de arbustos porque as árbores chupan a auga e destrúen a biodiversidade (culpa non da árbore senón do uso que os seres humanos fan dela), resulta ser ideal como galería de tiro para quen pretenda matar os monstros creados pola Umbrella Corporation, a gran antagonista de Resident Evil. Nun futuro xogo, os traballadores de Ence tallarán eucaliptos con aqueles láseres da primeira película de Resident Evil que tan habilmente converteron uns soldados en taquiños de xamón? O Gayoso, que todos os venres faille publicidade a Ence preguntando se tes algún amigo que queira vender madeira, mutará nunha versión enxebre do temible Nemesis de Resident Evil 3? É moi probable que non, pero sempre podemos soñar.

Residen Evil galego
Noite de luar en Raccoon City

Volvendo ás peripecias de Leon S. Kennedy, o axente estadounidense chega á aldea por unha estrada que penetra o bosque invernal nunha liña perfectamente recta, o cal podería localizar esa primeira escena no seo da Terra Chá. Escóltano un par de policías locais que poñen Sés a tope mentres conducen. Haha, é broma. Estes policías non escoitan música en galego, nin tampouco son destes galegos que teñen suficiente autoodio como para escoitar música exclusivamente en inglés. Son policías rigorosamente españois e escoitan flamenco.

 

[Nota pequena: Que conste que eu non teño nada en contra do flamenco. Ás veces gústame. Pero non esquezamos que o territorio español atesoura toda unha riqueza musical autóctona á parte do flamenco. Só digo isto como escusa para recomendar o meu gran descubrimento aquí en Canarias (ao final non me lancei dun balcón e estou vivo). É un programa de televisión que se chama Haciendo amigos con Calero. É o Luar canario e Calero é o Gayoso canario. Ademais, alí pode escoitarse a música tradicional das parrandas. É unha aventura etnográfica para toda a familia!]

Non deixa de chamar a atención que o nome do protagonista sexa o mesmo que o antigo Reino de León, agora unha parte consubstancial da Comunidade Autónoma que compón, xunto a Castela, o centro ideolóxico da ‘Nación Española’. A incursión física dun Leon S. Kennedy armado e foráneo no rural lugués podería verse como unha alegoría da violencia inherente á castelanización por vía leonesa. Tamén chama moito a atención ese apelido que Leon comparte cun presidente estadounidense. E quen asasinou John F. Kennedy aquel 22 de novembro de 1963 en Dallas? Lee Harvey Oswald, un ex soldado converso ao marxismo. Fixádevos no seu nome… xa o pillastes? Claro, isto non deixa de chamar a atención porque ‘Harvey’ dividido en dous é ‘harv’, homónimo de ‘half’, o cal en inglés quere dicir ‘dividir en dous’. Se tomamos isto como ‘half Oswald’ e dividimos ‘Oswald’ en dous, quédannos ‘os’ e ‘wald’. Agora ben, se xuntamos este ‘os’ co ‘S’ de ‘Leon S. Kennedy’, produce ‘SOS’, ou sexa ‘axuda’ en código Morse. Como tal, Leon S. Kennedy significa: León (reino de España) S. (SOS) Kennedy (presidente americano). É dicir: ‘España axuda EEUU’. Isto doadamente pode interpretarse como unha alusión á axuda mutua prestada entre EEUU e diferentes ditaduras filofascistas durante a Guerra Fría, entre elas a de Francisco Franco, para blindar o mundo capitalista, e como tal libre, contra a ameaza internacional de marxistas como Lee Harvey Oswald (véxase o programa “Alliance for Progress” promulgado pola mesma administración Kennedy). Franco… o galego que máis fixo para moldear o destino do seu pobo nos últimos cen anos, desafortunadamente. Estes feitos non deixan de chamar a atención porque implicarían que o nome de Leon S. Kennedy representa a cooperación hispano-americana que axudaba a soster durante máis de tres décadas un dos réximes que contribuíu de maneira máis notable á castelanización de Galicia. Todo encaixa.

 

[Nota pequenísima: Creo que esa teoría podemos descartala porque acabo de lembrar que o flamenco non é de León.]

 

Aínda que todo o anterior fose casualidade, a asociación entre a disolución de Galicia e o militarismo de dereitas innegablemente está presente na persoa de Ramón Salazar. Este cacique viejoven é un dos viláns principais de Resident Evil 4. O seu nome lémbranos o ditador portugués António de Oliveira Salazar (parecido a Franco pero nun Estado onde a lingua galega está normalizada). O seu aspecto físico, non obstante, é máis ben napoleónico. O rancio Salazar proxecta a imaxe de Napoleón, ese titánico emblema do imperialismo, dende o seu castelo. O mesmo Napoleón cuxas tropas foron expulsadas de Galicia na Batalla de Elviña (1809) grazas ao singular esforzo de Sir John Moore, xeneral nado en Cobham, no Concello de Elmbridge, o mesmo que veu nacer a miña nai e os meus tíos. Unha verdadeira terra de heroes.

[Un matiz sen maior importancia: Os franceses non tiveron que abandonar Galicia por mor de Moore e a Batalla de Elviña produciuse mentres os ingleses se retiraban despois dunha campaña bastante desastrosa. Pero é o mesmo; un sacrificio é un sacrificio. Dulce et decorum est e tal.]

Por certo, o castelo de Salazar está cheo de monxes que nas primeiras etapas do xogo fan soar a campá da igrexa para que o aldeáns vaian rezar,  e deste xeito salvan -sen quereren- o protagonista que está a punto de morrer cunha fouce no cu. O férreo control da Igrexa sobre a vida cotiá das persoas, algo que tamén nos lembra as aldraxes de épocas pasadas, é outro elemento da anti-Galicia de Resident Evil 4. “Morir es vivir” é o cántico destes monxes cando veñen a por ti con mazos e cadeas. En certa medida teñen razón. Sendo realistas, podemos admitir que a desaparición total das idiosincrasias socioculturais dos galegos non provocaría ningún trauma nas xeracións posteriores, criadas nunha Galicia post-Galicia, vivas no cadáver dunha terra que morreu. Nesa Galicia renacida como rexión española sen máis, os nenos aínda vivirían experiencias ricas e edificadoras. A perda dunha lingua e unha cosmovisión non é unha perda cuantitativa; non podes representala nunha páxina de Excel nin sumala en euros. É por este motivo polo cal a xente que carece de imaxinación ou curiosidade polo mundo non se preocupan do asunto. Pero a maioría de nós si sentimos que algo faltaría, algo case espiritual. En resumo, quen é Rosalía? Dependendo da túa resposta, pode que xa esteas vivindo na Galicia de Resident Evil 4, malamente.

Se non xogaches a Resident Evil 4 non quero facerche spoilers, pero o que pasa basicamente é que Salazar se transforma nun percebe xigante e Leon mátao cunha escopeta. O verdadeiro spoiler sería dicirvos o porqué deste sorprendente acontecemento, e afortunadamente non o lembro porque levo dez anos sen xogar.

En fin, non fai falla spoilear demasiado para explicar o que veño dicindo. A visión de Capcom dunha Galicia castelanizada plásmase dende os primeiros intres. Los Ganados falan un torpe español que os fai soar como se os actores mexicanos que lles poñen voz quixesen imitar o acento peninsular pero non soubesen ou tivesen preguiza de facelo ben. E para que esforzarse? A meirande parte do público serían gringos e guiris que non serían quen de distinguir entre o castelán de Monterrey e o de Monterrei, así que aqueles actores mexicanos non fixeron mal. Ao mesmo tempo, a falta de exactitude dialectal contribúe de modo importante a descontextualizar esta Galicia ficticia onde o galego non se fala.

O autoodio, ese gran inimigo da cultura galega, represéntase na figura de Dr. Salvador. É un tío forte, áxil e tosco. Dr. Salvador manipula os voraces dentes da súa motoserra coa graza dunha bailarina, e os veciños marabíllanse de como el é capaz de cortarlle simultaneamente todas as principais arterias a Leon e triturar as súas carnes nun mesmo movemento de cisne. One-hit kill. Reload last save. É unha xenialidade. O problema é que Dr. Salvador sempre corre dun lado a outro cun saco na cabeza. O home non quere recoñecer o que é nin que os demais o recoñezan, a pesar da beleza da súa arte. Isto é triste e patético a partes iguais. Dr. Salvador, eu quérote, pero tes que aprender a quererte a ti mesmo.

Dr. Salvador pasea entre os eucaliptos

Podería seguir pero non o vou facer porque non quero que este artigo sexa un discurso acabado. Debería ser un achegamento inicial que abra as portas a unha nova corrente de esexese videoxoguista dende o punto de vista dos problemas e as inquietudes do pobo galego. Neste sentido, xa lle mandei un correo sobre o tema a Henrique Monteagudo. Henrique contestou enviándome unhas capturas de pantalla para ensinarme a casa de Rosalía que el construíu en Minecraft. Non estou seguro de que Rosalía estamos falando, pero a casa está moi ben feita.

Unha análise máis profunda deste xogo sinalaría e analizaría outras pistas, como as importantes semellanzas entre Albert Wesker e Alberto Feijóo.

Resident evil galego
Albert W. Feijóo fala durante o XVIII Congreso Galego de Farmacéutica

Unha análise máis profunda tamén reconstruiría a tráxica decadencia moral do Apalpador.

Resident evil galego
O Apalpador apalpa o pescozo de Leon

Porén, esas liñas de reflexión si que suporían unha caída libre ao fedorento pantano de spoilers, onde ninguén quere nadar. Coido que o que expuxen até agora é máis que suficiente para demostrar que Resident Evil 4 é un Sempre en Galiza para o século XXI. Deste xeito, expándense enormemente os horizontes do campo de filoloxía galega, xa que agora o videoxogo alí se insire como un medio cultural que deberá ser un enfoque clave para futuras promocións de galicianistas. Agora só toca esperar a que Craig Patterson suba o seu speedrun a Youtube.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí