Magic: The Gathering. Do patio do colexio a E-Sport

Wizards of the Coast trae nun novo formato o máis mítico xogo de cartas. Volver a Magic para lembrar a infancia ou como un e-sport? Ti decides.

Rapaces xogando as Magic

Cartas sobre a mesa, tensión crecente, partida igualada… cada elemento xoga o seu papel ata que, de súpeto, unha sucesión de eventos colle a ambos xogadores desprevidos e finaliza a partida nunha vitoria. Sen dúbida, de entre tódolos xogos de estratexia, existe algo máxico nos de cartas intercambiables. Coas ínfulas de poder desterrar aos teus pais do mesmo xeito que eles te botaban dunha partida de tute, os xogos de cartas afloraron na infancia de moitos cativos. Acompañados xeralmente dunha serie animada, as cartas de Pokémon ou Yu-Gi-Oh! arrasaban nos patios dos colexios. Agora ben, o de Pokémon era unha estratexia máis para aproveitar o tirón do videoxogo, e o amigo Yugi “cartas tolas” comezara nun serial sobre apostas que se perdeu antes de chegar a occidente. Entón, se non veu de Xapón… onde se xerou esta corrente? Temos que remontarnos aos principios dos 90, no outro punto cardinal do globo, para atopar o boom con Magic: The Gathering. Este xogo de cartas naceu do imaxinario duns estadounidenses fascinados co mundo do rol, Dungeon & Dragons e o xénero literario da fantasía máis clásica. Baixo a man de Wizards of the Coast, Magic segue a crecer e a día de hoxe se está a converter nun claro contendente a ser o rei dos xogos de cartas nos e-sports.

De profesor a estudante

MTG Arena, o último xogo de Wizards, é o máis novo dentro dos competitivos no e-sport. A beta actual aínda ten cousas que pulir e desenvolver antes de poder superar ao que un día fora o seu estudante. Algúns xa se decatarán con esta frase a quen me estou a referir; para os que non, falo do maior xogo de cartas dixital da actualidade, HearthStone. O xogo de cartas de Blizzard é a un tempo rival a vencer e modelo a imitar. Sen ter un contexto podería parecer que Blizzard inventou todo un xénero con HearthStone. O que moi pouca xente sabe é que este estudo xa intentou facer un xogo de cartas físico, ironicamente, copiando a Magic The Gathering.

Cartas antigas

Se este xogo pasou por alto na memoria de todo o mundo foi porque ao contrario que a súa contrapartida virtual, foi un desastre. Esta perda quedou gravada na compañía, que  como sabemos por proxectos como Titan, cando ten unha boa idea nas mans non a solta. Como no caso de Overwatch, traballaron arreo no concepto para desenvolver o que a día de hoxe é o maior expoñente nos e-sports de cartas. Tampouco son os primeiros en intentar pasar este estilo ao mundo dixital, os videoxogos de cartas coleccionables existen desde os tempos da Game Boy. O innovador de HearthStone foi a súa simpleza. O seu deseño simplifica as mecánicas, automatiza parte dos procesos e minimiza os movementos aos dun só punteiro. Obviamente isto foi pensado para poder xogar nun dispositivo móbil, mais non foi esa a primeira idea para o xogo. Como se comentou na charla da GDC de 2014, Blizzard tivo varias versións perfectamente xogables, que poderían ter sacado moito antes que a versión actual. Non obstante, ese non é o seu metaxogo. A compañía californiana céntranse en simplificar un xénero ata facelo o máis accesible posible. Proba disto son os seus títulos máis famosos como WoW ou Overwatch. No caso de Wizards, a pesares da súa mestría co xogo de mesa, os seus videoxogos nunca tiveron un éxito tan aplastante, ata agora.

O mellor momento para entrar

HearthStone abriu o camiño simplicando o deseño, o que fai que Magic sexa hoxe en día moito máis accesible. Sen dúbida unha razón de peso, pero son moitos máis os motivos polos que este é o mellor momento para entrar no mundo de Magic The Gathering. Wizards está investindo agresivamente en publicidade e o número de xogadores que  chega a cifras nunca antes vistas. Se ben un dos problemas deste xogo sempre foi a falta de xogadores (nas pequenas cidades), ou ter que xogar sempre coas mesmas persoas, co online non ter con quen xogar é algo impensable. Wizards está centrado en tombar a barreira existente entre xogo físico e dixital, con detalles como os códigos trocables para o videoxogo que se poden conseguir nos eventos de presentación.

Outro dos puntos que fai a esta época a mellor para meterse en Magic é a súa historia. O groso dos seus 25 anos de narrativa é demasiado longo para resumilo nun parágrafo, porén, co auxe do xogo están a proliferar numerosos medios escritos e canles de YouTube onde poñerse ao día con esta materia. Un dos arcos principais da súa prosa está por pechar este mes de abril. War of the Spark finaliza a saga da Gatewatch (un grupo de camiñantes de planos) e da súa loita contra o tirano Nicol Bolas, que intenta acabar con todos tendéndolles unha emboscada no plano de Ravnica. Isto pode axudar a empezar de 0 aos novos xogadores que entren ao rematar esta trama, mentres que os que queiran poñerse ao día teñen todos os medios na súa man. Resumindo mal e rápido, Magic está a pasar polo seu Avengers: Endgame particular e todo vai rematar nesta última expansión. Unha guerra con 36 personaxes importantes cos que Wizards parece non ter reparo en acabar, polo que puidemos ver na súa última cinemática:

(UPDATE)

Como este xogo segue en desenvolvemento, teño que facer este artigo da mesma maneira. As novas desvélanse cada poucos días, e neste gran exercicio de transmedia engadíronse dúas novas maneiras de xogar. Unha incluíndo un manual de D&D chamado Dungeons & Dragons Guildmasters, para sumarse ao apartado roleiro da compañía. Doutra banda, Wizards confirmou o desenvolvemento dunha versión “minificada” de Magic para tódalas idades, deseñada para smartphones co xogo Valor’s Reach.

Magic: The Gathering Guia de Ravnica

O torneo que puxo as cartas sobre os e-sports

Cerrando un primeiro ciclo no desenvolvemento de MTG: Arena, os creadores de Magic aproveitaron a conferencia do PAX East para facer o seu maior torneo. Este evento chamado Mythic Invitational reuniu a un compendio de figuras importantes no xogo, desde streamers, profesionais e os mellores xogadores do competitivo. O evento foi retransmitido a nivel mundial mediante a plataforma Twitch. Anunciando á súa vez a nova actualización con cosméticos, códigos trocables e a nova expansión.

Creston Games e o Mythic Invitational de Magic: The Gathering

No noso país, Wizards recomendou seguir ao longo da competición a canle de Crestongames, un galego moi metido no competitivo do xogo. Durante 4 días e con distintos casters invitados ao streaming, foise poñendo o nome de Magic no radar dos e-sports. Favoritos como os españois Thalai e AliaDeschain abandonaron a competición nas primeiras roldas debido a unha mala racha cos roubos. A actual campioa do xogo físico, AutumnLilyMTG, tampouco saíu ben parada no seu paso ao mundo dixital. Mentres tanto, algúns xogadores como Savjz, que anteriormente competía en HearthStone, ou MTGNerdGirl, deron sorpresas chegando a partes avanzadas da competición. Todo o torneo englobado nun formato ao mellor de tres partidas con dúas barallas e repescas no calquera xogador podía gañar a competición.

Magic Torneo Mengucci
Mengucci alzando a copa do Mythic Invitational.

O pasado domingo 31 de marzo, xusto despois do peche de tempada, resolveuse o último duelo entre Mengu09 e Kanister_MTG. O xogo decantouse en favor do italiano Mengucci por (2-0), cunha primeira partida de Esper Control vs Mono Blue con vitoria axustada e unha segunda de Mono Red contra White Weenie que acabou por minar as vidas do polaco Piotr (enlace as barallas). O stream do Mythic Invitational mesmo non só nos deixou grandes anécdotas no campo de batalla. Intres antes do último enfrontamento vivimos como o ourensán Creston tiña que marchar nunha das roldas do casteo para poder quedar entre os 1000 primeiros desta tempada. Poderemos ver un galego no seguinte gran evento de Magic?

Se tivese que facer un resumo de todo o que ten este xogo, quedaríame simplemente coa maxia. Teñen os medios e levan bo camiño para converter MTG: Arena na mellor versión de Magic xamais vista. O problema con este tipo de xogos é que non se pode prever por onde van acabar, mais iso non quita que recomende probalo. Retomade eses momentos da vosa infancia, empezade unha nova aventura, picádevos cos vosos amigos por ver quen queda mellor no competitivo. Pero sobre todo, desfrutade de xogar como cativos.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí