Emigretorno (III): “Sidra con Rosie” de Laurie Lee

Tradución dun fragmento de "Cider with Rosie", as memorias infantís e adolescentes do escritor inglés Laurie Lee.

Cider with Rosie (1959) é unha selección cronolóxica de relatos, lembranzas e escenas da infancia de Laurie Lee, na aldea de Slad (Gloucestershire). O fragmento que escollín para Emigretorno -unha serie de traducións sobre emigración e retorno- trata a figura dun indiano, ou, mellor dito, o seu equivalente inglés.

O nome de Laurie Lee xa apareceu nun par de ocasións entre as páxinas de A Que Cheira, Papá?. Eu recomendei un dos seus libros nunha listaxe que fixemos e tamén o mencionou Craig Patterson na nosa entrevista. Por certo, agradézolle a Craig a súa axuda cunhas dúbidas que me xurdiron na tradución deste texto.

© The Telegraph

 

Morte pública, asasinato privado

Pouco despois da Primeira Guerra Mundial produciuse na aldea un acontecemento que nos uniu nunha rede de silencio e durante un tempo nos illou case totalmente do mundo de fóra. Daquela eu era demasiado pequeno para que me sorprendese, mais coñecía os implicados e aprendín cedo a historia enteira. Malia que se falaba pouco do tema -e xamais con forasteiros-, os feitos desa noite a todos nos eran coñecidos, e o consenso común soterrou a cousa e borrou as pegadas derredor. Tan sanguínea, escura e repentina fora que semellaba un brote de loucura familiar que nos esforzabamos por ocultar, por vergoña e orgullo, e polo ben dos infectados.

O crime ocorreu uns días antes de Nadal, unha noite de neve e de regreso ao lar; a época na que as familias convocaban os fillos descarreirados para compartiren unha gran enchente anual de ganso. Esa noite ía un frío tal que igualaba as noites máis frías que pode haber nos montes Cotswold, cun vento que baixaba desde o Ártico. Nós, os cativos, estabamos na cama soprando forte nos xeonllos; as esposas torraban os pés á beira do lume; mentres que os homes maiores e os mozos ían ao pub, onde bebían sidra quentada co escalladoiro, cortaban barallas para xogar e ollaban o vapor que saía das súas botas molladas.

Laurie Lee Sidra con Rosie

Pero poucos naipes se repartiron aquela noite. Interveu unha aparición. A porta abriuse con forza, deixando paso a unha racha de neve, e entrou un home alto dando grandes chancadas. Aos bebedores este home parecíalles estraño e coñecido; tiña a cara afiada e bronceada, un acento nasal e, convencido da súa benvida, chamaba a todos polo seu nome, mentres que eles baixaban a vista e asentían coa cabeza. O home golpeou na barra, pediu unha rolda, e logo comezou a falar.

Todos agás os máis novos lembraban este home: agora estudaban os cambios que houbera nel. Anos antes, enviaran ese mozo pálido e osudo a unha das Colonias – enviado por subscrición e polos rezos da Igrexa, como moitos rapaces necesitados. Usualmente marchaban, e nunca volvían, e a súa existencia esquecíase rápido. Agora volvera un deles como unha pantasma, dourado, triunfal e luxosamente vestido, volvera para mofarse dos que quedaran atrás coas súas fanfurriñadas e os seus cartos.

Chegara esa mañá a Bristol, dixo, nun barco que transportaba carne de carneiro de Auckland. A carruaxe que alugara estragárase na neve, polo que tivera que seguir a pé. Ía á casiña dos seus pais para darlles unha sorpresa de Nadal; outra milla polo val, outra milla de neve – como ía pasar por diante do vello pub sen parar e tomar algo?

Estaba de pé coas pernas abertas, a barra ás súas costas, exhibíndose. Á parte do ouleo da súa voz todo era silencio no pub, e os bebedores observábano atentamente. Fóralle bastante ben alá, dixo, criaba gando, gañaba moita pasta. Non era tan difícil se lle botabas un pouco de valentía e non te quedabas atrás nas lamorqueiras, como algúns… Os maiores escoitaban, e os novos ollaban, e a luz vermella das lámpadas de aceite brillaba nos seus ollos…

Pediu máis copas e os homes bebéronas. El falaba do mundo e da súa extensión e riqueza. Sentou cátedra: os anciáns desperdiciaran as súas vidas e aos novos había que condenarlles a súa estúpida satisfacción. Traballaban como burros para o fidalgo e os arrendatarios por unhas miserables doce libras á semana. Vivían das patacas e de tocaren os seus chapeus, nin un can tiñan, e non vían máis que porcalladas e veciños, sempre os mesmos – e tal vez as rúas de Stroud os sábados á noite. Non sabían as cousas que fixera el? As cousas que vira? Que creara? A aura do whisky relucía no seu rostro moreno. Esparexeu na barra unha manchea de billetes dunha libra e pescou un gordo reloxo de ouro do seu peto. Iso non era nada, dixo, apenas unha parte. Tiñan que ver o seus predios en Nova Zelandia – cabalos, carruaxes, carne todos os días, e non trataba a ninguén de «señor».

Os maiores calaban, pero bebían as copas de balde e ríanse de cando en cando. Os novos só o fitaban desde as sombras, e ollaban o seu reloxo xiratorio, e mentres o home se emborrachaba, un por un ían saíndo furtivamente do pub…

O tempo fóra endurecera, transformado nunha brea de neve cortante, a noite reducida a un frío cegador e a aldea arrecunchada entre mantas. Ao pecharen o pub e apagaren as luces, foi o neozelandés o derradeiro en marchar. Rexeitou a lanterna que lle ofreceron, dixo que nacera nesa mesma aldea, ou non era así?, e pagou a conta en ouro. Logo abotoou o seu abrigo, berrou “boas noites” e púxose a andar a chancadas polo val que bramaba. Coa calor do whisky e preto de casa, ía cantando costa arriba.

Cando chegou ao cruceiro estaban os mozos á súa espera, un grupo apiñado, as súas cabezas inclinadas contra o vento.

—E logo, Vincent? —dixéronlle; e el parou, e deixou de cantar.

Pegáronlle un despois doutro, e el tivo que axeonllarse baixo o frenesí de golpes, caeu á neve sangrada baixo os golpes. Golpeárono con pés e puños para salvarse a si mesmos, el que xacía boca abaixo e xemendo na neve. Logo quitáronlle o abrigo, baleiráronlle os petos, botárono ao outro lado dun muro, e abandonárono. El xa estaba inconsciente polas lesións e a bebida; a tormenta zorregoulle toda a noite. Non se moveu máis dese lugar; e pola mañá só quedaba o seu cadáver conxelado.

Veu a policía, por suposto, pero non descubriron nada. A xente respondíalles as preguntas con olladas en branco. Pero a historia axiña se estendeu de boca en boca, estendeuse adrede entre nós, foille impartida a cada persoa, home e cativo, para que aprendésemos, e ocultásemos, cada detalle. Marchou a policía por fin, o caso sen resolver; pero nin eles nin nosoutros o esquecemos…

Laurie Lee Sidra con Rosie

Uns dez anos despois estaba unha anciá deitada no que sería o seu leito de morte, e cara ao final fóiselle a cabeza. Nas súas andanzas aferrouse a un asunto que dalgún xeito se filtrou: parecía que lle preocupaba un reloxo. “O reloxo”, non deixou de murmurar, “van descubrir o reloxo. Dille ao neno que o esconda”. Un descoñecido vestido de traxe escuro, cunha libreta na man, apareceu de súpeto no cuarto. Mentres que ela daba voltas na cama e murmuraba, el sentaba e esperaba, coa cabeza inclinada sobre a súa boca rumoreante. Era paciente, anónimo, e non causaba ningunha molestia; limitábase a sentar á beira da cama todo o día, coa libreta aberta, co lapis no aire, e as follas en branco eran como orellas atentas.

Finalmente, a anciá tivo un intre de lucidez e viu o descoñecido sentando ao seu lado. “Quen é este?” esixiulle á súa filla que roldaba por aí. A rapaza inclinouse sobre a cama. “Non pasa nada, Mai” dixo a filla con claridade. “Só é un señor da comisaría. Non veu para causar problemas. O único que quere é que lle contes algo do reloxo”.

A anciá dirixiulle ao descoñecido unha ollada clara e severa e non volveu abrir a boca; recostouse na almofada, apertou os beizos, cruzou as mans, e morreu. Foi a fin da debilidade que ameazara os seus fillos, e o descoñecido de traxe escuro sabíao. Púxose de pé, meteu a libreta no peto, e saíu do cuarto nas puntas dos pés. Ese cerebro vello e distraído fora a súa última oportunidade. Ningunha outra pista saíu á luz, e o caso nunca se resolveu.

Pero os mozos que se xuntaron naquela emboscada invernal seguían vivindo entre nós. Eu víaos a miúdo pola aldea: simples bromistas, traballadores, mansos – sólidas cabezas de familia. Ninguén os trataba como parias, nin tampouco semellaba que aqueles feitos os macularan. Eran da aldea e a aldea era deles. Todos xa están mortos en calquera caso.

 

Pola foto de portada ©mazzle278, con edición. Sae na foto o cemiterio da Igrexa da Santa Trindade de Slad, onde está enterrado o propio Laurie Lee.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí